31/03/2009

DOUS XOGADORES PARA A HISTORIA

Emotivo partido esta madrugada no American Airlines Arena de Miami entre os dous equipos de Florida. Homenaxeábase ao histórico Alonzo Mourning cunha das tradicións máis fermosas da NBA, a retirada da camisola dun xogador senlleiro na historia do club. Mourning, despois de superar unha grave enfermidade con transplante de ril incluído, volveu as canchas e foi parte fundamental dos Heat que conseguiron o anel en 2006. A franquía recoñeceullo coa retirada da camisola co número 33, a primeira que pendura do teito da cancha de Miami. Personalidades fundamentais na carreira de Alonzo, coma Pat Riley, técnico dos Heat que acadaron o título, e Patrick Ewing, grande amigo, acudiron á cerimonia, á que tamén se sumou o presidente Barack Obama cunha emotiva mensaxe. Alonzo Mourning, que ao longo da súa carreira xogou cos Heat, cos Hornets e cos Nets, non puido conter as bágoas. Tampouco puido gozar da vitoria do seu equipo por culpa, sobre todo, doutro pívot que está chamado a pasar á Historia da Liga: Dwight Howard, que hoxe anotou 22 puntos e 18 rebotes. Convértese deste xeito no xogador máis novo (23 anos) en chegar á cifra de 5.000 rebotes, superando nada menos que ao mítico Wilt Chamberlain. Coa súa achega os Magic gañaron o partido (101-95) malia os 42 puntos de Dwyane Wade, cuxa camisola co número 3 pendurará algún día tamén do teito do American Airlines. Os Magic son segundos da conferencia Leste e convértense na grande alternativa a Cavaliers e Celtics. Os de Van Gundy centran o seu xogo no poderío de Howard, rodeado por catro grandes tiradores que aproveitan os espazos que deixa a defensa do rival sobre o home alto: Turkoglu, Lewis, Alston e a agradable sorpresa da temporada Courtney Lee. No resto da xornada salienta a chosca dos Milwaukee Bucks a uns pobres Nets (107-78) cunha destacada actuación de Richard Jefferson (29 puntos, 10 rebotes e 4 de 5 en triples) e a vitoria dos Grizzlies (114-109) ante os Warriors con 24 puntos e 10 rebotes de O.J.Mayo e actuación destacable do iraniano Haddadi que xogou 10 minutos nos que anotou 10 puntos. En Salt Lake City, Utah Jazz acadou a súa décimo quinta vitoria (104-112) consecutiva na súa cancha mais Jerry Sloan acabou preocupado pola falla de concentración dos seus homes no terceiro cuarto. Os Jazz permitiron que os irregulares Knicks remontasen unha vantaxe de 24 puntos. Deron Williams (24 puntos e 13 asistencias) e Carlos Boozer (21 puntos e 11 rebotes) foron os máis destacados dos Jazz mentres que nos Knicks David Lee sumou un novo doble doble (21 puntos e 10 rebotes) e Harrington chegou aos 24 puntos.(Fotos da web da NBA). 

30/03/2009

TRAXEDIA EN ABIDJAN

A Xornada do domingo na Clasificación para o Mundial do 2010 está marcada pola traxedia de Abidjan. Unha avalancha humana nos prolegómenos do partido que enfrontaba a Costa de Marfil e Malawi orixinou a morte de 19 espectadores e feridas a outros 132. Seica o aforo do estadio Houphuet-Boigny é de 45.000 persoas e había máis de 50.000 e outras 50.000 fóra desexando entrar no estadio. Con todo, parece que o detonante da catástrofe foi a caída dun muro e o uso de gases lacrimóxenos por parte da policía para controlar a multidude. Icomprensiblemente o partido acabouse disputando e os marfileños gañaron 5-0 á feble selección dos Grandes Lagos con goles de Romaric, Drogba (2), Salomon Kalou e Bakari Koné. Noutros partidos africanos, Mozambique acadou un meritorio empate sen goles ante Nixeria, Exipto non pasou do empate a un no Cairo contra Zambia. Amer Zaky adiantou aos exipcios no primeiro tempo e no segundo empatou para Zambia Francis Kasonde. Mentres, en Kumaisi, a Ghana abondoulle cun gol no primeiro minuto do dianteiro do Al Itiffaq saudí Prince Tagoe para superar á modesta selección de Benín.
No Grupo Sudamericano, a selección de Brasil de Dunga volveu dar unha moi pobre imaxe. Empatou en Quiito 1-1 ante Ecuador. Con Gilberto Silva e Felipe Melo -un dúo sen demasiado glamour- no medio centro e tres mediapuntas cuestionados nos seus respectivos equipos -Ronaldinho, Robinho e Elano- os brasileiros estiveron a mercede da brillante actuación de Julio Cesar, o porteiro do Inter, que evitou máis dun gol dos ecuatorianos. Julio Baptista, que entrou por un penoso Ronaldinho, adiantou aos brasileiros no 71 e contra o final do partido o centrocampista do Rubin Kazan ruso Christian Noboa marcaba para Ecuador e puña, cando menos, un pouquiño de xustiza no marcador. No resto dos partidos, Colombia impúxose 2-0 a Bolivia con goles de Macnelly Torres e do dianteiro do Sporting Braga Wason Rentería, mentres que Chile con goles de Alexis Sánchez, Suazo e Matías Fernández gañaba 1-3 a unha pobre selección peruana na que marcou Fano e que foi apupada polo público limeño. Facía 24 anos que Chile non gañaba en Perú no chamado 'clásico do Pacífico' entre dous países cuxa rivalidade vai moito máis aló do futbolístico. Os chilenos, que dirixe o arxentino Marcelo Bielsa, son xa terceiros de grupo, cos mesmos puntos que Arxentina e a catro dos sólidos líderes paraguaios. Brasil, con apenas catro vitoria en 11 partidos, é cuarta cun punto menos.

29/03/2009

O TEMPLO DOS CAVS

O Quicken Loans Arena, ou The Q, a cancha dos Cleveland Cavaliers onde está a establecer un rexistro histórico de 35 vitorias en 36 partidos, converteuse nunha sorte de templo que quen ousa profanar acaba pagando caro. Pasoulle hoxe aos Dallas Mavericks, necesitados de gañar cada partido para asegurar a súa presenza nos play offs e que no primeiro cuarto foron moi superiores a uns Cavs atordoados. A hiperactividade de Jason kidd, o acerto de Nowitzki e o poderío de Dampier (6 puntos e 6 rebotes), estableceron un parcial de 30-20 que facía xustiza ao visto na cancha. Mais a partir do segundo cuarto os Cavaliers decidiron que aquilo como broma estaba ben. Lebron James púxose o mono de pasador (completou 10 asistencias antes do descanso) e deixou que Mo Williams e Ilgauskas puxeran os puntos. Os Mavs, con todo, resistíanse a botar pola borda o fermoso traballo do primeiro cuarto. Finalmente chegouse ao descanso con 49-47 a favor dos de Texas. Na reanudación foi cando deu a impresión de que a maldición se apoderara dos de Carlisle. Non houbo mías partido. Dende o primeiro momento, os Cavaliers metéronlle unha malleira incontestable aos Mavericks. O parcial de 11-30 dio todo. Con 60-77 o último cuarto era puro tempo do lixo, mais os Cavs perseveraron, meendo o dedo na chaga dos Cavs ata chegar ao 74-102 definitivo. O partido deixa moitos datos interesantes. A xeira de 12 vitorias consecutivas dos Cavaliers que constitúe o record histórico da franquía, os exiguos 25 puntos dos Mavericks no segundo tempo, ou o fantástico partido de Joe Smith que foi ovacionado polos seus adeptos cando se retirou ao banco con 12 puntos e 13 rebotes. No resto da xornada salienta a derrota dos Bulls na cancha de Toronto Raptors despois dunha prórroga. Os 37 puntos de Ben Gordon foron insuficientes para superar (129-134) aos Raptors nos que José Manuel Calderón bateu a súa marca persoal de asistencias nun partido, 19, ademais de anotar 22 puntos. O resultado beneficiou aos Pistons que gañaron no Auburn no retorno ao equipo de Allen Iverson. Gañáronlles aos Sixers (97-101), nos que Iguodala (27 puntos, 7 rebotes e 5 asistencias) volveu ser o máis destacado. Na Conferencia Oeste os Suns non aproveitaron a derrota dos Mavericks e practicamente dilapidaron todas as súas opcións de entrar nos playoffs ao perder na cancha do peor equipo da NBA, os Sacramento Kings (118-126). Nocioni, despois das súas encendidas declaracións, foi titular cos californianos e tivo unha boa actuación con 19 puntos e 9 rebotes.

TROPEZO O DÍA MÁIS INESPERADO

O Pontevedra de José Aurelio Gay foi truncar a súa espectacular xeira de seis vitorias seguidas cunha inesperada derrota no campo do pechacancelas da categoría: Valladolid B que se impuxo por 3-1. Os de Gay saíron relaxados e permitiron dous goles temperáns dos pucelanos: Pablo Gómez marcaba no 12 e Sergio García no 23- Reaxiu o equipo granate e á volta do descanso reduciu distancias por medio, precisamente, dun home formado na canteira vallisoletana: Xavi Moré, que poñía o 1-2 á volta do descanso. Mais non foron os pontevedreses capaces de culminar a remontada e acabaron encaixando un útlimo gol, o 1-3 definitivo que marcou De la Puente no 61. Curiosamente, os resultados da xornada non apean ao Pontevedra dos postos de promoción. O Racing de Ferrol, que podería terse metido aí pinchou taménao perder estrepitosamente na Malata por 2-4 ante o Real Sociedad B, un equipo que ocupa posto de promoción de descenso. O gran beneficiado entre os galegos é o Celta B que deu a gran sorpresa ao golear ao segundo clasificado no seu campo: 0-3 á Cultural Leonesa. O filial vigués está a completar unha temporada excelente e ponse a só dous puntos do Pontevedra. Marcaron Pichi Álvarez, iago Aspas e Pedro. O Ciudad empatou na casa co Guijuelo e o Lugo sufriu tamén unha dura derrota no Anxo Carro ante a Ponferradina (2-4). O Fabril non sae dos postos de descenso se ben hoxe debe estar feliz polo punto conseguido en Barakaldo. Os fabrilistas con gol de Iván Pérez, que leva catro nos dous últimos partidos, empataron un partido no que estaban cun menos por expulsión de Seoane, no que Manu parou un penalti e no que os aurinegros estrelaron ata dous balóns no pao. (Foto collida na web do Valladolid)

OS BULLS ASÉNTANSE EN PLAY OFFS

Os Chicago Bulls instálanse con certa comodidade nos postos de play off despois de gañar esta madrugada (106-112) un novo partido ante os Indiana Pacers. Non foi fácil pois Indiana saiu moi metido no partido con Danny Granger e especialmente Brandon Rush (18 puntos no primeiro cuarto) moi quentes. O parcial destes 10 primeiros minutos (35-21) é significativo do dominio dos homes de Jim O´Brien. No segundo cuarto Del Negro reaxustou as súas pezas e os Bulls fóronse metendo devagar no partido grazas en boa medida á participación dos dous homes que están a mellorar notablemente o rendemento dos Bulls dende a súa chegada no mercado invernal: John Salmons e Brad Miller. Salmons anotou 11 puntos no primeiro cuarto e Miller comezou a dominar o xogo interior. Outro home que hoxe ofreceu a súa mellor versión foi Tyrus Thomas, que acabou o partido con nada menos que 7 tapóns, a maioría deles ao rookie Hibbert, que demostrou moi pouco sangue. Pouco a pouco, e tamén coa achega anotadora de Ben Gordon (25 puntos), Chicago foi remontando e no terceiro cuarto asentouse como dominador do partido. Indiana non se resistiu á derrota. Granger e Rush seguían anotando. Uniáselles nesa faceta T.J. Ford, mentres que Foster era un coloso baixo os aros (18 rebotes). Mais contra o final John Salmons, que estaba a ser moi ben defendido por Rush no terceiro e cuarto cuartos, apareceu para meter dúas triples consecutivas que certificaron a vitoria dos Bulls. Chicago mantén unha vitoria de diferencia sobre Detroit Pistons, que hoxe a piques estiveron de meter a pata ata o fondo. Gañaron por apenas dous puntos(98-96) na cancha dos Washington Wizzards. Hamilton reapareceu e foi o mellor dos seus con 31 puntos. O máis positivo para os Pistons o seu 10 de 15 en tiros de tres. Os Pistons respiran pois os Bobcats non cesan na súa procura dese oitavo posto do Leste. Gañáronlles (85-96) aos Knicks con 24 puntos de Gerald Wallace e 14 rebotes de Emeka Okafor. No Oeste, os Suns teñen cada vez máis lonxe a esperanza dos play offs. Perderon (99-104) en Salt Lake City cos Utah Jazz. Deron Williams con 21 puntos e 13 rebotes e Okur con 26 puntos e 11 rebotes foron os mellores do equipo de Jerry Sloan. (A foto de Tyrus Thomas da web da NBA)

OMAR BRAVO MARCA PARA MÉXICO

Omar Bravo mantén intacta a súa sona de goleador en México malia a experiencia frustrada na Coruña. O aínda xogador do Dépor é titular indiscutible da selección mexicana que dirixe o sueco Sven Foran Eriksson. Onte xogaban partido clasificatorio do grupo da CONCACAF e vencéronlle con relativa facilidade a Costa Rica en partido disputado nun ateigado Estadio Azteca da capital federal. Bravo adiantou á súa selección cun disparo forte e seco no minuto 20 e Pavel Pardo, o centrocampista do América, sentenciou no 72. Tamén xogou como titular o outro deportivista Andrés Guardado. México recupérase así da derrota no primeiro partido do Hexagonal ante Estados Unidos en Ohio. Os estadounidenses seguen líderes inda que non pasaron do empate no Salvador. Os centroamericanos adiantáronse con gol de Quintanilla no min.15. Parecía que sentenciaban no min.72 co 2-0 que marcaba Cristian Castillo, pero os estadounidenses amargaron a festa no estadio Cuscatlán de San Salvador ao empatar con goles de Altidore, o dianteiro do Vilarreal cedido no Xerez, e de Hejduk xa no desconto. No outro partido, Trinidad e Tobago, que adestra Maturana, non puido pasar do empate (1-1) ante Honduras, que dirixe outro colombiano, Reinaldo Rueda. Os hondureños adiantáronse no min. 49 por medio de Carlos Pavón e os locais empataron no desconto con gol de Ataullah Guerra.
No Grupo Sudamericano debutou Maradona como adestrador de Arxentina en partido oficial. Facíao na casa, no Monumental de Buenos Aires, ante a feble Venezuela. Messi foi a estrela indiscutible da albiceleste e marcou o primeiro gol no minuto 25. Pouco despois do descanso deulle unha asistencia a Tévez para que marcase o segundo. Maxi Rodríguez e o 'Kun' Agüero completaron a conta. Arxentina é segunda de grupo a catro puntos dos paraguaios, que onte perderon no Centenario de Montevideo (2-0) ante unha Uruguai na que marcaron Diego Forlán e Diego Lugano. Brasil, que está a dous puntos dos arxentinos cun partido menos, xoga hoxe en Quito.
No grupo asiático dominan claramente Xapón e Australia. Os nipóns teñen un punto máis cos australianos e un partido máis, precisamente o que onte xogaron en Saitama contra Bahrein. Gañaron 1-0 con gol do xogador do Celtic Shunzuke Nakamura. No outro partido deste grupo Uzbequistán gañoulle a Qatar 4-0 con hat trick de Farhod Tadjiyev e outro gol de Anvarjon Soliev. No grupo 2, máis igualado, Corea do Norte conseguiu en Pyongyang unha moi importante vitoria contra Emiratos Árabes Unidos (2-0) con goles de Pak Nam Chol e Mun in Guk. Mentres, Irán deu un paso atrás ao perder no seu campo (1-2) ante Arabia Saudí. A derrota pode supór o cesamento de Ali Daei como técnico da última selección que se enfrontou á Selección Galega. Pola contra, os árabes celebran a vitoria no debú como técnico do portugués José Peseiro. Corea do Sur terá a oportunidade de recuperar o liderato do grupo o vindeiro mércores nun partido cargado de morbo, en Seúl, contra Corea do Norte.
En África, no grupo 1 vivíase o duelo entre Adebayor e Samuel Eto´o. Impúxose o primeiro pois marcou o gol da vitoria de Togo sobre Camerún. O propio Adebayor errou un penalti cometido sobre el mesmo. Neste mesmo grupo Gabón deu a sorpresa ao impoñerse a Marrocos en Casablanca (1-2). Aubumeyang e Meye adiantaron a Gabón no primeiro tempo e os marroquís só puideron marcar no 84 por medio do xogador do Nancy Youssouff Hadji, irmán do Mustaphá que xogara no Deportivo. No grupo B debutou Túnez con vitoria en Kénia. Non xogou por precaución o deportivista Lassad. Marcou cedo Túnez no min. 5 por medio de Jmal. Empatou o veterano dianteiro do Auxerre Oliech para Kenia no 70, pero apenas dous minutos despois Jomaa decidía para os norteafricanos. No grupo C Arxelia non puido pasar do empate ante Ruanda en partido disputado en Kigali. No grupo D empataron Sudán e Mali. Kanouté mantivo a súa xeira goleador e no 20 adiantou aos seus, mais só catro minutos despois empatou para os locais Mudathir El Tahir. Por último no Grupo E, Burkina Fasso impúxose a Guinea nun partido ameno (4-2). Kere e Traoré adiantaron os do Alto Volta no primeiro tempo. Dagano marcou o 3-0 (53'). Reduciu Pacal Feindouno (61'). Volveu marcar unha vez máis Dagano (66') e Zayattie deixou o marcador definitivo.
Nos grupos europeos que tiveron partidos onte, ademais dos de España e Portugal dos que xa informamos, no grupo II Israel e Grecia empataron en partido disputado en Ramat Gan. Gekas (42') adiantou a Grecia e Golan (55') empatou para Israel, que lle impide a Grecia erixirse líder en solitario despois da vitoria de Suiza na capital moldava Chisinau (0-2) con goles de Frei (32') e Gelson Fernandes (90'). Pola súa banda, Letonia gañou (0-4) a Luxemburgo con goles de Karslons (25'), Cauna (49'), Visnakovs (71) e Pereplotkins (85). Con cinco partidos disputados todos os equipos Grecia e Suíza teñen 10 puntos, Israel 9 e Letonia 7. No Grupo 3, Eslovenia e a República Checa empataron a ceros nun partido que non satisfai a ningún dos dous. Irlanda do Norte, pola súa banda, impúxose en Belfast (3-2) a Polonia. Marcaron para os irlandeses Feeney (9'), Evans (47') e Zewlakow en propia porta (61')-ollo á cantada do porteiro polaco do Celtic Boruc neste gol- e para os polacos Jelen (27´) e Saganowsky (90') a Polonia e ponse de líder do grupo con 10 puntos, un máis que Eslovaquia (9), que ten dous partidos menos, e dous máis que checos e eslovenos cun partido menos. Polonia, tamén cun partido menos cos norirlandeses, tamén ten aínda opcións con sete puntos. No Grupo 4, Alemaña que gañou un fácil partido ante Liechtenstein (4-0) con goles de Ballack (4'), Jansen (9'), Schweinsteiger (48') e Podolski (50') é líder con 13 puntos e un partido máis que Rusia que leva 9 puntos e onte gañoulle en Moscova 2-0 a Azerbaiyán con goles de Pavlyuchenko (32') e Ziryanov (71). Neste mesmo grupo, Finlandia deixou a Gales de JB Toshack sen opcións despois de gañar en Cardiff 0-2 con goles de Johansson (43') e Kuqi (91`). No Grupo 7, Serbia reivindicou a súa autoridade cunha importante vitoria en Rumania (2-3). Os serbios, dirixidos por Antic adiantáronse por 0-2 antes do descanso con goles de Jovanovic (18') e Stoica en propia portería (44'). Marica puxo emoción no minuto 50 pero no 59 Ivanovic rematou un balón de tesoura na área pequena e volveu ampliar a vantaxe no marcador. O gol de Stoica no 74 non foi abondo para que Rumania reducise distancias. Por outra banda, Francia gañou un partido crucial nas súas aspiracións. Fíxoo ante Lituania por 0-1 con gol de Franck Ribery (67`). Serbia é lider de grupo con 12 puntos en 5 partidos. Séguena cun partido menos Lituania (9 puntos) e Francia (7). No grupo 8 Italia reivindicouse como líder do seu grupo ao gañar en Montenegro 0-2 con goles de Pirlo (11`) de penalti e Pazzini (74'). Irlanda é a única que lle segue o ritmo inda que tropezou ao empatar en Dublín ante Bulgaria. Adiantouse no segundo 36 a selección que dirixe Trappatoni con gol de Richard Dunne. Kevin Kilbane (75`), porén, meteu en propia porta o empate búlgaro. Italia é líder con 13 puntos e Irlanda segunda con 11. No outro partido da xornada deste grupo Chipre impúxose en Larnaca 2-1 á selección de Xeorxia. Konstantinou (33`) e Christofi (56`) adiantaron aos insulares e empatou Kobiaschvili (71) para os xeorxianos. Por último, no grupo 9 Holanda non tivo rival nunha pobre Escocia que terá que loitar con Islandia e Noruega polo segundo posto do grupo. Huntelaar (30`), Van Persie (46') e Kuyt (77') de penalti marcaron para os de Van Maarwijk.

O BARÇA ABÓASE ÁS PRÓRROGAS

O Regal Barcelona está nun dos momentos decisivos da temporada, procurando o mellor posto posible na Liga Regular e disputando uns intensos cuartos de final ao mellor de 5 contra o TAU Baskonia. E parece que aos de Xavi pascual non se lles ocorreu nada mellor cargar as pernas de cantos máis minutos mellor. Despois do espectáculo irrepetible da pasada semana en Manresa, onte volveu ter que ir ao tempo de prolongamento, mais só unha vez, contra Unicaja. Desta volta foi para ben e os de Xavi Pascual impuxéronse (95-94) no partido máis destacado na xornada. Juan Carlos Navarro, discreto durante os primeiros 40 minutos erixiuse na figura do partido ao anotar os 11 puntos (dun total de 25) do seu equipo nos cinco de minutos de desempate. Marcus Haislip tamén emendou un partido discreto aparecendo acertadamente nos minutos decisivos. Foi o home que forzou a prórroga e que mantivo o seu equipo na loita nos minutos finais. Os de aíto, de feito, tiveron a última posesión para gañar o partido despois dun tiro libre errado de Navarro, mais atrapállaronse e non chegaron a tirar a canastra. O partido comezara con dominio de Unicaja, grazas ao seu acerto nos triples e o dominio do rebote ofensivo que lle deu numerosas segundas xogadas. No segundo tempo, o Barcelona igualou estas estatísticas grazas aos dous homes altos de máis importancia no equipo (Vázquez e Ilyasoa) e ao acerto e incisividade de Basile e Roger Grimau. No resto da xornada, O TAU mantense líder despois de gañar en Murcia (85-94) nun partido no que Rakocevic anotou 21 puntos. O Madrid en cambio, perdeu na inasequible cancha do Kalisse Gran Ganaria (72-68). Savané foi o máis destacado con 14 puntos e 7 rebotes.Os xogadoresmáis destacados da xornada foron o colexial Carlos Suárez, que con 20 puntos e 13 rebotes colaborou na cómoda vitoria do Estudiantes ante o Manresa (86-65), e Clay Tucker, o novo americano do Cajasol que está emperrenchado en sacar ao ssevillanos dos postos perigosos da táboa e hoxe rexistrou o máximo de anotación da temporada na ACB (37 puntos) na vitoria do Cajasol na cancha do Pamesa Valencia (89-98). (Foto da web do Barcelona)

28/03/2009

TURQUÍA CAE CON GRANDEZA

Turquía apareceu no santiago Bernabeu disposta a perseverar na boa imaxe que xa ofrecera na pasada Eurocopa, na que fora semifinalista. Daquela apelaba á epica en cada partido, con remontadas inverosímiles. Hoxe, dende o primeiro minuto, saíu ao campo disposta a cumprir coas ideas claras de Fatih Terim: presión defensiva moi arriba e busca dos espazos por detrás da defensa. con esta receita simple conseguiron que España non atopase a súa identidade ata ben entrado o primeiro tempo. As primeiras ocasións claras foron para os turcos antes do minuto dez. Nihat recibe un balón de Tuncay Sanli e o cruza de máis ante a saída de Casillas. España estaba desconcertada ante a proposta valiente do equipo contrario. Xavi e Xabi Alonso non entraban en contacto co balón así que España era incapaz de impoñer o seu dominio. Pouco a pouco Turquía foi cedendo na intensidade da súa presión e iso permitiu que Senna e Xabi Alonso recuperasen certa presenza. Foi así como o balón puido chegarlle por fin nalgunha ocasión aos dianteiros. O certo é que españa tampouco tivo grandes ocasións no primeiro tempo, apenas un disparo de Torres que Volkan Demirel enviou a córner. No segundo tempo o partido empezou coa mesma dinámica da primeira. Turquía seguía ben plantada no campo, buscando abertamente a vitoria mentres que España estaba moi lonxe da súa mellor versión. Tuncay, incansable, recuperaba seguido balóns e conectaba cos seus dianteiros para xerar ocasións de gol. Porén, España acabou atopando o gol grazas a unha xogada a balón parado. Piqué, no seu primeiro partido oficial coa selección española, recolle un rexeite e marca. Co gol o partido mudou notablemente. A Turquía xa lle costou manter o ritmo alto de antes e España atopou cada vez máis espazos. Mata e Silva que logo entraron no campo, déronlle máis dinamismo ao ataque español e mesmo puideron marcar algún máis. A ocasión máis clara foi un chutazo de Xabi Alonso que despexou cos puños Volkan, Ao contrario que Portugal, España, con 15 puntos, ten practicamente asegurado o seu pase para o Mundial 2010, mentres que Bosnia (9 puntos), Turquía (8) e Bélxica (7) terán que loitar nunha interesante batalla por acadar o segundo posto. (Foto da web da RFEF)

NOSTALXIA DE PAULETA

Portugal vaino ter francamente complicado para estar no Mundial de Sudáfrica no 2010. Hoxe estaba obrigada a gañar os tres puntos ante Suecia e non o conseguiu (0-0) por culpa, sobre todo, da falta de pegada. Antes do partido o presidente da Federaçao Portuguesa Gilberto Madail, entregáballe un trofeo conmemorativo a Pauleta como máximo goleador da Historia da Selección (47 goles en 88 partidos). Abofé que os adeptos que encheron hoxe o Estadio do Dragao do Porto botaron en falta o ciclón dos Azores.Malia que Carlos Queiroz dispuxo no once inicial tres avanzados de moita calidade como Danny, Cristiano Ronaldo e Simao, faltou o home de área que cheira o gol a cada momento. Foi unha mágoa porque Portugal xogou realmente ben. Con Meireles, o mediocentro do Porto, como director de orquestra tomando sempre decisións acaídas, xogando en longo ou en curto, cambiando seguido a orientación do xogo, ofrecéndose aos compañeiros..Portugal demostraba un xogo ben fluente. Os laterais, Duda pola esquerda e Bosingwa pola dereita, imcorporábanse seguido ao ataque xerando situacións de perigo, como un centro do xogador do Málaga que case sorprendee a Isaakson ao bater no pao. Os tres de arriba, coa súa constante mobilidade xeraron problemas na defensa sueca que, con todo, sempre estivo moi atenta á hora do despexe e do corte. O veterano Olof Mellberg e, sobre todo, Daniel Majstorovic, central de 31 anos que xoga no AEK de Atenas, foron sen dúbida os mellores do seu equipo, que apenas rondou a porta de Eduardo en todo o primeiro tempo, pese a presenza do peleón Elmander e do gran Henrik Larsson. Portugal antes do descanso tivo algunhas ocasións realmente claras pero en todas fallaba a definición no último remate. No segundo tempo o partido comezou co mesmo espírito. Os lusos dominaban o xogo e seguían xerando ocasións claras con relativa facilidade. O Tiago, xogador que prometía moito de novo e que nunca chegou a brillar como se esperaba, xogou de inicio hoxe e fixo un partido máis que aceptable, acompañando polo centro aos avanzados en máis dunha ocasión. Nunha delas deulle un pase maxistral por detrás da defensa a Danny que mandouna as nubes nun remate impropio da súa calidade. En Suecia entrou un vello coñecido Christian Wilhelmsson, e en Portugal Deco entraba por Tiago e o Hugo Almeida por Danny. Deco, que era dúbida por unhas molestias, demostrou que é un xogador fundamental para Portugal e asumiu o peso do xogo. Porén, os suecos de Lars Lagerback estaban cada vez máis cómodos atrás e aos de Queiroz entroulles a angustia polo resultado. Eduardo, o gardarredes, a piques estivo de complicalo máis aínda cunha saída en falso nun balón á area que case lle costa un disgusto e que lembrou demasiado á de fai dez días na UEFA que supuxo a eliminación do Sporting Braga. A ocasión máis clara tívoa Cristiano Ronaldo no 84 mais de xeito inacreditábel enviou ás nubes un remate franco coa cabeza a metro e medio da liña de gol. O de Madeira non é dende logo este ano o mesmo xogador da temporada pasada. A súa presenza nos partidos é moito máis testimonial e xa non arrepía tanto aos defensores contrarios. O partido rematou pois con empate ante a falla de gol dos portugueses que van ter realmente complicado selar o pasaporte para Sudáfrica. Portugal é terceira do grupo con 6 puntos. Dinamarca é líder con 10 puntos e un partido menos que Portugal. Cos mesmos partidos, Hungría ten tamén dez puntos. Albania ten os mesmos puntos que Portugal cun partido máis e Suecia os mesmos cun partido menos. Misión practicamente imposible, é de ver. (Foto de Miguel Vidal na web do Público)

ONCE XORNADAS SEN GAÑAR

Empate (0-0). Once semanas sen gañar. O técnico do Albacete Juan Ignacio Martínez gañoulle a batalla táctica a Eusebio na primeira parte do partido. O Albacete saíu coa defensa bastante adiantada e con superioridade numérica no medio campo, polo que o Celta hoxe nin sequera dominou a bola como acostumaba nos últimos partidos en Balaídos. Non hai mellor xeito de facerlle dano ao Celta que forzarlle perdas de balóns no centro do campo. Kitoko e Verza, os mediocentros manchegos afogaban seguido ao céltico que procurase sacar o balón. E así chegaron mesmo dúas contras de moito perigo que a piques estiveron de converterse en gol e adiantar os albaceteños, que non tiñan problema pra gañarlles as costas os centrais ou laterais do Celta nun dos males endémicos dos vigueses esta temporada. O Alba se de algo pecou foi de falta de ambición no primeiro tempo para marcar un goliño que fixese xustiza ao que se estaba a ver no campo. No segundo todo mudou radicalmente. Trashorras ofreceuse moito máis e comezou a facer correr o balón con moita velocidade e profundidade. David Rodríguez daba seguido sensación de perigo cando recibía perto da área e o Albacete puña a defensa moi atrás e renunciaba por completo ao ataque. O Celta procurou insistentemente o gol e púxoselle o partido de cara ao expulsar o árbitro a Kitoko por segunda amarela no min.58. Balaídos animouse e o gol rondou a porta de Cabrero en varias ocasións. Dinei , porén, demostrou que o seu enfado co gol é verdadeiramente preocupante. David Rodríguez, o mellor hoxe con Trashorras, tamén fallou algún gol claro. Á falta de acerto dos dianteiros xuntouse a mala sorte. A falta de cinco minutos Trashorras enviou un magnífico disparo de falta directa ao pao. O rexeite encanonouno Michu contra o traveseiro. Foi a mellor ocasión. Logo o albacete quedou con dous homes menos por expulsión primeiro de Trotta e logo de Alberto. Pero o Celta foi incapaz de marcar con tres homes máis pois o albacete procurou demorar o xogo o máis que puido. O Celta non acaba de atopar o camiño cara a tranquilidade. No segundo tempo de hoxe amosou boas trazas, no primeiro deu pena. Suma xa once partidos sen gañar, catro con Eusebio, e o descenso segue axexando. (Foto da web oficial do Celta)

CARMELO ARRASA EN DALLAS

Carmelo Anthony exhibiuse en Dallas no partido máis interesante da xornada desta madrugada (103-101). A derrota é preocupante para os Mavericks, pois prodúcese ante os Nuggets, un rival directo e á espera de visitar Cleveland, que só perdeu un partido na súa cancha no que vai de temporada. Carmelo meteu 43 puntos e apañou 11 rebotes, ademais de asumir a responsabilidade nos minutos decisivos do partido. Os Mavericks, sen Jason Kidd nin Josh Howard por lesión foron a rebufo todo o partido. Ao comezo do último cuarto ían 10 por abaixo e emerxeu a figura de Barea para meterlle emoción ao partido a base de triples. Insuficiente ante a actuación memorable de Carmelo, ben escoltado por J.R Smith. Entre os dous anotaron 65 dos 103 puntos do seu equipo. Mentres, os Hornets, sen Stojakovic nin Tyson Chandler, perderon (93-103) no Madison Square Garden ante uns Knicks que levaban seis partidos sen gañar. Os de Chris Paul están nunha dinámica moi irregular e ocupan agora mesmo o posto sétimo na Conferencia Oeste. Unha situación preocupante que deixa ver como Byron Scott, alén de Chris Paul e David West, ten un  plantel máis ben escaso para cumprir coas aspiracións do equipo. E en Nova Jersey os Lakers, que andan de xira polo Leste, gañaron (103-95) grazas a unha actuación descomunal de Pau Gasol (36 puntos, 11 rebotes e 7 asistencias). O catalán foi o líder indiscutible do seu equipo, pois Kobe tivo un día máis que discreto (leva uns últimos partidos algo baixo). O partido rompeuse no terceiro cuarto grazas a un parcial de 24-2 para os californianos. Porén, a segunda unidade de Jackson non estivo á altura e non soubo administrar intelixentemente a vantaxe no marcador. Os Nets tiveron opcións de remontar ata o último minuto, mais cando os Lakers se sentían realmente ameazados aparecía grandioso Pau Gasol en defensa e en ataque. Na xornada gañaron tamén os tres líderes do Leste: Cleveland Cavaliers a Minnesotta Timberwolves (85-107), Boston Celtics a Atlanta Hawks (99-93) e Orlando Magic a Milwaukee Bucks (94-110). Os Sixers perderon (100-95) na súa propia cancha ante os Bobcats que xa lle botan o bafo na caluga aos Pistons, oitavos da Conferencia. Dalembert tivo máis unha vez unha penosa actuación (4 puntos e 4 rebotes en 22 minutos). O mellor: Iguodala con 25 puntos.

XORNADA PARA ESQUECER

Durísima a xornada da LEB Ouro para as aspiracións dos equipos galegos. O Rosalía tíñao moi complicado na súa visita á difícil cancha do Tenerife, quinto clasificado. Os canarios non lles deron opción aos santiagueses (98-62). Dende o inicio foron marcando distancias no marcador grazas sobre todo á anotación do arxentino e ex Rosalía Héctor Boccia e do galego Antelo dende a liña de tres puntos. O norteamericano Kamrrom Taylor, protagonista durante a semana por faltar dous días aos adestramentos, fixo un partido patético e do que deberan tomar nota os directivos do equipo. Perdeu nada menos que 10 balóns! e apenas participou na anotación (7 puntos) As novas fichaxes Pavlidis e Alan Daniels foron un día máis os destacados. O grego anotou 11 puntos e o estadounidense 15. Nana Harding faxouse bravamente e colleu 12 rebotes. Porén, o partido non tivo demasiada historia. Dende o segundo cuarto ben se vía que a distancia entre un equipo e outro era insuperable (40-25 foi o contundente resultado co que se chegou ao descanso). Os de César Iglesias, que durante algunhas semanas demostraron que, fóra do que eran os resultados, tiñan o espírito competitivo abondo para saír da súa preocupante situación, onte ofreceron unha cara de derrotismo e entreguismo que fai difícil pensar noutra campaña na LEB Ouro. Máis grave, en cambio, parece a durísima derrota do Breogán na cancha do Ford Burgos (90-61). Duro correctivo para Valdeolmillos no seu segundo partido no banco lugués. Dende os días previos os de Burgos deixaran claro que a chave para derrotar ao Breogán pasaba por anular o potencial ofensivo de Brian Cusworth. E así foi. O de Missouri quedou nuns discretos 9 puntos e 7 rebotes. A todos os xogadores lugueses, en xeral, se lles nubraron as ideas ante a defensa do equipo que dirixe Andreu Casadevall. Apenas Nacho Ordín anotaba con certa regularidade (18 puntos). Na cancha contraria, en cambio, foi moi completo o partido dos burgaleses cun notable 53% de acerto en tiros de campo. O Breogán vese superado na táboa polo Tenerife que pasa aácuarta posición, e ve como o Burgos se lle pon a apenas unha vitoria. Duro correctivo para as aspiracións dun equipo que malia o seu tremendo potencial  demostra unha peocupante irregularidade. (A foto de El Correo Gallego)

27/03/2009

OS PEORES PISTONS EN MOITO TEMPO

Os Pistons están a completar a peor campaña dos últimos anos. Esta madrugada sufriron unha derrota (92-77) previsible na súa cancha ante os Lakers (non xogaron por lesión nin Rasheed Wallce, nin Richard Hamilton, nin Allen Iverson), pero que ten un valor simbólico inmenso pois é a primeira vez que os Lakers conquistan Auburn Palace en sete anos, dende xaneiro de 2002. Con esta derrota, os Pistons afúndense no oitavo posto da conferencia e os Charlotte Bobcats ameazan con tres vitorias menos. Unha vitoria máis teñen xa os Chicago Bulls que conseguiron esta madrugada ante Miami unha vitoria (87-106) das que lle suben a moral a calquera. O partido rompérono os de Illinois cun rotundo parcial de 14-32 no terceiro cuarto, no que John Salmons achegou 13 dos 27 que anotou no partido. Despois desta derrota os Heat cédenlle o quinto posto da Conferencia aos Sixers. No outro partido da xornada, uns espléndos Blazers, cun 60,2 de acerto en tiros de campo cortaron a xeira (109-129) dos Suns, que nas últimas semanas apelaran ao orgullo para evitar a debacle que suporía quedar fóra dos play offs. Lamarcus Aldridge, con 29 puntos e 12 rebotes, foi o mellor do partido. (A foto de Prince da web da NBA)

O BARÇA ACABA CO MEIGALLO

O Barcelona respira. Acabou co meigallo que lle fixera perder os seus últimos sete partidos ante o Tau. E fíxoo con autoridade. Perder onte sería renunciar practicamente a calquera opción de entrar na Final Four. Os baskonistas empezaron como sempre metidos no partido, e remataron o primeiro cuarto con vantaxe no marcador (23-34), mais a partir do segundo o Barcelona foi marcando as difrencias ata o 85-62 final. O brasileiro Tiago Splitter, que está dando un rendemento moi pobre nestes cuartos, meteuse axiña en problemas de faltas persoais e o Barcelona aproveitou para impoñerse no xogo interior, grazas sobre todo a Ersan Ilyasova (16 puntos e 10 rebotes) e Fran Vázquez (14-10) que foi o xogador con máis valoración do partido. Ademais, ao acerto exterior de Navarro uniuse onte o do base esloveno Jaka Lakovic, cuxa reaparición é unha peza fundamental nas aspiracións dos cataláns. O TAU apenas demostrou capacidade de reacción ante un Palau entregado. A eliminatoria viaxa agora, plena de emoción, ata Vitoria.
Outra eliminatoria que se iguala é a que enfronta o Panathinaikos e o Montepaschi Siena. Os italianos asaltaron a cancha dos gregos (79-84) e poñen de cara a eliminatoria. McIntyre (24 puntos) e o lituano Kaukenas foron os máis destacados dos italianos, mentres que no Panathinaikos Jasikevicius, Pekovic e Spanoulis volveron ter unha actuación demasiado discreta.
No Paz e Amizade, o Olympiacos puxo o 2-0 ante o Real Madrid (79-73). Os do Pireo dominaron o partido dende os primeiros minutos. Ao principio, Printezis e Vujcic amargaron os seus defensores no xogo interior. Massey, Hervelle e Van den Spiegel, víronse superados unha e outra vez. Só Reyes resistiu e fixo un gran partido (27 puntos e 9 rebotes). Greer asumiu a responsabilidade anotadora e Papaloukas dirixiu maxistralmente o xogo do seu equipo. Mais o Madrid reaxiu no último cuarto grazas a unha defensa zonal 2-3 e ao acerto anotador de Louis Bullock. Finalmente, o Madrid tivo opcións de remontar ata o último minuto pero agora terá que confiar en remontar a eliminatoria en Vista Alegre.
No outro partido de cuartos, o Partizan de Belgrado volveu dar unha moi pobre imaxe na cancha do CSKA de Moscova (77-50). Aos serbios cústalles un mundo anotar ante a seria defensa dos de Messina, que parece que pasarán á Final Four sen facer demasiados esforzos. (Foto da web da Euroliga)

HOWARD IMPONSE ANTE OS CELTICS

Orlando Magic venceulle aos Boston Celtics (82-84) nun partido no que estaba en xogo a segunda praza da Conferencia Leste despois dun novo partido espectacular de Dwight Howard con 24 puntos, 21 rebotes e 4 tapóns, o último deles a falta de 4 segundos a Paul Pierce, que evitou a prórroga. Howard impúxose aos homes altos de Boston, limitados polas doenzas no xeonllo dereito de Kevin Garnett, que só puido xogar 16 minutos. Os de Stan Van Gundy, á calada, e coa súa regularidade, estanse demostrando unha alternativa seria a Boston e Cleveland de cara ao título de conferencia. Nos Celtics, Paul Pierce recuperou protagonismo anotador con 26 puntos, mais está aínda lonxe da súa mellor versión. Os Cavaliers, entrementres, seguen ao seu e sumaron a súa décima vitoria consecutiva ante os Nets (87-98). Os Sixers volvían ao Wachovia Center de Philadelphia e fixérono cunha nova vitoria (88-96), desta volta ane os Timberwolves, nun partido no que destacou unha vez máis sobre o resto Thaddeus Young, que anotou 29 puntos. Os Sixers volveron correr como lles gusta e anotaron 19 puntos de contragolpe. Os que seguen en caída libre son os Knicks, que sumaron unha nova derrota (140-135), a sexta consecutiva. A desta madrugada foi especialmente dolorosa pois foi no Madison, despois dunha próroga, ante un dos equipos máis pobres da Liga, os Clippers, nos que o rookie Mike Taylor fixo o partido da súa vida con 35 puntos (14 de 20 en tiros de campo). Os Spurs volveron dar a súa mellor versión e impuxéronse (102-92) en Georgia aos Atlanta Hawks, grazas sobre todo a un soberbio Tony Parker (40 puntos e 10 asistencias). Os que se resisten a quedar fóra dos play offs son os Suns, que acadaron unha importante vitoria (114-118) ante os sempre complicados Utah Jazz. Os de Gentry anotaron 68 puntos na pintura por apenas 38 dos de Jerry Sloan. O problema para Phoenix é que os Mavericks non ceden. Gañaron (106-128) sen dificultades en Dallas a uns pobres Warriors. (A foto de Howard da web da NBA)

26/03/2009

A GRAN BRINCADEIRA

A polémica final da Taça da Liga en Portugal na que o Benfica gañou aos penaltis despois de que empatase no tempo regulamentar grazas a unha man inexistente asinalada polo árbitro Lucílio Baptista, que ademais expulsou ao xogador do Sporting, está facendo correr rios de tinta no país veciño. A prensa estivo a pescudar en todos os datos biográficos do árbitro para demostrar o seu benfiquismo, e o Sporting decidiu abandonar a dirección da Liga, no medio dun trebón de declaracións cruzadas dun lado e de outro. Pero, con todo, a gran brincadeira foi a de João José Eleutério, capelán da Igrexa da Nossa Senhora de Bonança, no Largo do Rato lisboeta, que na misa dominical anunciou que se negaba a batizar calquera meniño que pretendese chamarse Lucílio. “Aproveito para vos anunciar que, enquanto for responsável por esta paróquia, não faço inteções de baptizar nenhum menino chamado Lucílio. Queiram dispor para tais propósitos dos serviços de uma paróquia vizinha. (...) Ide em paz e que o Senhor vos acompanhe”, rematou ante o flipe dos seus fregueses. A anécdota correu como a pólvora por toda a rede e logo foi recollida por todos os medios de comunicación. Cando estes requeriron ao capelán este respondeulles que se trataba apenas “duma brincadeira”, ante os seus fregueses, que saben de sobra do seu sportinguimo. E confesou: “Vou ver até onde isto chegar para me ir rindo”. En todo caso, asegurou que ningún menino ficará sen ser batizado na Capela do Rato: “Se não for eu, será outro sacerdote”. (A foto do João José Eleutério na web do 24horas)

IMPORTANTÍSIMA VITORIA DO TEUCRO

O Teucro de Pontevedra, clube sumido nunha grave crise económica da que xa falamos nalgunha outra ocasión, co plantel que leva catro meses sen cobrar e despois da sentenza que lle obriga a pagar 56.000 euros de indemnización ao xogador Coque Fontela, apelou onte ao orgullo para acadar unha moi meritoria vitoria ante o CAI Aragón, un equipo da zona media, semifinalista da última Copa do Rei, por 28-27 no Pabilón dos Deportes de Pontevedra. O partido encarreirouse de inicio cun parcial de 4-0 a favor dos locais. Os aragoneses reaxiron e puxeron o 4-3 pero axiña os xogadores de 'Pillo' recuperaban a vantaxe de catro goles. Os pontevedreses traballaron arreo para conservar o marcador ante as acometidas do CAI, no que asumiron o protagonismo os veteranos Mariano Ortega e Dalibor Doder. Contra o final do partido, os maños a piques estiveron de consumar a remontada pero emerxeu a figura decisiva do gardarredes serbio do Teucro Radivoje Ristanovic que con dúas paradas no último minuto, xunto co gol do seu compatriota Curuvija (máximo anotador con 8 tantos), foi fundamental para asegurar a vitoria e dous puntos que saben a gloria pois sacan aos pontevedreses da zona de descenso na que se mete o Alcobendas. (Foto collida na web da ASOBAL)

25/03/2009

EN POSTOS DE PROMOCIÓN

Nunca pensaron os seareiros do Pontevedra que a solución aos seus males, coa chegada de José Aurelio Gay, había de ser tan rápida. Sete semanas despois o equipo xa está outravolta entre os catro primeiros. Houbo que sumar para iso seis vitorias seguidas. A da xornada de hoxe, contra o Barakaldo en Pasarón, foi se cadra das máis complicadas. Os bascos pecharon ben as bandas e impediron que o Pontevedra creara demasiadas ocasións. Porén, o gol chegou no minuto 30. Marcou, como non, o brasileiro Charles. No segundo tempo, o Pontevedra non sufriu pois o Barakaldo acabou o partido con 9 por expulsión de Arbilla (vermello directo) e Cerro. Tras a xornada de hoxe, o equipo pontevedrés é cuarto con 50 puntos, a 2 da Ponferradina, terceira con 52, e cos mesmos puntos co Lemona, quinto con 50. A vindeira xornada, o equipo viaxa a Valladolid para enfrontarse ao filial pucelano, pechacancelas da categoría con apenas 21 puntos e que hoxe perdeu 2-1 co Celta B en Vigo. Unha boa oportunidade para afianzarse nos postos de arriba. Complícaselle a vida, en cambio, ao Fabril, que perdeu en Abegondo por 3-4 ante o Bilbao Athletic. O dianteiro coruñés Iván Pérez fixo un hat trick e o equipo chegou a dominar o marcador por 3-2 pero os de Tito Ramallo sofren moito este ano para pechar os partidos e viron como os bilbainos acababan remontando. Os coruñesesestán en descenso a tres puntos da salvación. O Racing de Ferrol, que está na loita polos postos de promoción, empatou 1-1 en Las Llanas contra o Sestao River e queda a un punto do Pontevedra. Empataron tamén a domicilio o Lugo no campo do Guijuelo (0-0) e o Ciudad de Santiago ante a Real Sociedad B (1-1). (A foto de Charles da web do Pontevedra).

OS BULLS, TAN BEN COMA OS PISTONS

Os Bulls (91-99) impuxéronse na súa cancha aos Pistons e xa teñen tantas vitorias como o equipo de Detroit. Aos Bulls sentáronlle ben as compras do inverno. John Salmons está asumindo o protagonismo anotador e Brad Miller apuntala o ata agora fraco xogo interior do equipo. Os Pistons, porén, despois dunha boa xeira de resultados que coincidiu coa lesión de Iverson, volven amosar agora as carencias do seu xogo, a excesiva veteranía do seu cinco inicial e a pouca profundidade do seu banco. Os Pistons botan moitísimo de menos a Billups. Terán que ter coidado os de Curry de non levar un susto pois por detrás dos Bulls veñen con forza os Charlotte Bobcats. Resultaría moi estraño, en todo caso, que os de Detroit se relaxen ata o punto de quedar fóra dos play off. De feito, cada vez parece máis decidido que oito equipos do Leste estarán na postemporada. Chamativas as declaracións de Nocioni sobre a temporada que lle está tocando vivir: "Se Chicago era unha banda, Sacramento son dúas. É o pior equipo da Liga e estando aquí un entende por que. Hai moitos rapaces novos pero fáltalles moito. Non hai ningunha química nin xogo de equipo. Non vexo que nun futuro cercano este equipo poida ser competitivo".E en canto ao seu papel nos Bulls a declaración é desoladora. "No último ano xa perdín a esperanza de que me pasaran o balón.Quedaba vendo o partido nun recanto".
En Oklahoma, os Lakers venceron (107-89) con moita comodidade os Thunder. Non necesitaron os de Phil Jackson ningún esforzo descomunal para impoñerse a un equipo no que só destaca, a estas alturas da temporada, Kevin Durant, que para iso quedou nun pobre 0 de 6 en triples no día de hoxe. O mellor do partido, con diferencia, Pau Gasol, que anotou 14 puntos, apañou 14 rebotes e deu 7 asistencias.
En San antonio, os desconcertantes Spurs volveron gañar por diferencia exigua (106-107) a un modesto equipo como os Warriors. Tony Parker (30 puntos e 10 asistencias), Roger Mason (24 puntos) e Tim Duncan (21 puntos, 13 deles no último cuarto) foron, como é habitual os mellores do equipo de Popovich. Nos Warriors destacou Monta Ellis con 27 puntos.
No partido máis destacado da xornada, entre os dous equipos máis en forma dos dous últimos meses. os Jazz venceron (86-99) na súa cancha aos Houston Rockets, que acusaron a súa baixa porcentaxe de acertos en tiros de campo (34%) e a pouca achega dos homes do banco (11 puntos por 30 dos reservas dos Jazz). Gran partido de Brewer, que fixo un par de accións realmente espectaculares e completou moi bos números (17 puntos, 6 rebotes, 3 asistencias e 2 tapóns) e, por suposto, de Deron Williams (19 puntos e 12 rebotes). No equipo de Adelman o máximo anotador foi Aaron Brooks con 20 puntos. Os números de Artes (13 puntos, 11 rebotes e 7 asistencias) vense deslucidos polo seu 5 de 22 en tiros de campo, que denotan a tendenza deste xogador a facer a guerra pola súa conta.
(A foto de Salmons da web da NBA).

E XA VAN SETE

O TAU levaba 6 partidos gañándolle ao Barcelona, o último nas semifinais da Copa. Os de Xavi Pascual confiaban en rematar onte con esta xeira tan negativa, para non desperdiciar a vantaxe de cancha coa que contan nestes cuartos da Euroliga (ao mellor de 5 partidos). Pero o Tau, a imaxe e semellanza do seu técnico Dusko Ivanovic, é insaciable e deixou claro xa no primeiro cuarto, que está disposto a humillar máis unha vez ao único equipo que, por potencial, parece poder facerlle algo de sombra aos baskonistas. O TAU saiu arrollador e marcou un parcial de 11-24, con tres triples dun maxistral Prigioni (o mellor do partido con 17 puntos, 8 rebotes e 5 asistencias). Basile interviu para maquillar o resultado e chegouse ao final dos primeiros dez minutos con 18-24. Na continuación, os vitorianos seguiron coa súa dinámica, Rakocevic e Prigioni continuaban anotando e McDonald (12 puntos) e Pete Mickeal (8 rebotes) faxábanse cos homes altos do Barcelona para paliar a actuación máis ben discreta de Tiago Splitter. No Barcelona, apenas os refachos de calidade de Navarro (17 puntos) ou Vázquez (12 puntos e 7 rebotes) e un grandioso Ersan Ilyasova (14 puntos e 13 rebotes) mantiñan o seu equipo na loita. O TAU chegou a ter a súa máxima vantaxe en 17 puntos (40-57). Os cataláns loitaron bravamente pero así que se achegaban a unha marxe prudencial (8-10 puntos) aparecían Prigioni ou Rakocevic par volver marcar as diferencias e asegurar sen excesivo sufrimento a vitoria do seu equipo. O Barcelona rexistrou un triste 4 de 22 en triples. É a primeira derrota do Barça no Palau no que vai de Euroliga.
En Moscova, o actual campión, o CSKA impúxose ao Partizan de Belgrado nun partido de marcador exiguo (56-47). O primeiro cuarto rexistrou unha actuación ridícula dos serbios, capaces de anotar apenas 3 puntos en 10 minutos. Os rusos tampouco é que se luciran (13), mais fixeron o suficiente para marcar unhas distancias definitivas no marcador. O esloveno Erazem Lorbek anotou dez destes primeiros 13 puntos do CSKA, pero o gran protagonista do partido foi Viktor Krhyapa con 8 puntos, 10 rebotes e 4 asistencias. Os serbios, un equipo algo verde para estas alturas da competición, terá que buscar a vitoria no segundo partido en Rusia, se quere aproveitar o efecto da súa cancha, na que se agardan máis de 20.000 seareiros.
Ao Olympiakos abondoulle a espectcular actuación de Nikola Vujcic (19 puntos) e sobre todo o gran Papaloukas (13 puntos e 13 asistencias) para derrotar a un Madrid loitador mais falto de talento nos momentos decisivos.
No partido máis igualado, o Panathinaikos sen Diamantidis, baixa por lesión, impúxose ao Montepaschi Siena. O xogo colectivo dos gregos impúxose aos italianos, onde dous homes sobresaíron sobre o resto: o centroafricano Romain Sato (29 puntos, 9 asistencias e 40 de valoración) e o veterano Terrell McIntire (27 puntos, 6 rebotes, 6 asistencias e 36 de valoración). O banco dos gregos anotou por apenas 7 da segunda unidade italiana. (A foto da web da Euroliga)

24/03/2009

A IMPORTANCIA DE RONALD MURRAY

Os Atlanta Hawks levan un último mes excelente, con oito vitorias nos últimos dez partidos. Á hora de buscar responsables cómpre sinalar o base suplente Ronald Murray, que esta madrugada acadou o seu máximo anotador (30 puntos) na vitoria do seu equipo (97-109) ante Minnesotta. Anotador e bo defensor (está no top 25 de mellores recuperadores da Liga), a súa importancia radica, sobre todo, na súa capacidade para dirixir o xogo. Nunha das estatísticas máis reveladoras da influencia dun home sobre o xogo do resto dos compañeiros, a que mide o o diferencial de puntos a favor ou en contra mentres está o xogador na cancha, os seus datos son espectaculares. No partido de hoxe foi, do seu equipo, o que marcou o mellor rexistro (+22). Onte, na derrota contra os Cavs, os Hawks gañaron de 3 con el na cancha e perderon de 17 co base titular Mike Bibby. No partido anterior, que lles gañaron aos Mavericks, o dato é máis que revelador: +24. Só outros catro xogadores do equipo marcaron un diferencial positivo sendo o máis alto o de Al Horford (+9) e sendo o do base titular Mike Bibby negativo (-7). En 13 partidos que levan o Hawks dende que empezara o mes de marzo, só nunha ocasión, o 7 de marzo contra Detroit, o seu equipo foi peor co rival con el na cancha (-4). Ningún compañeiro presenta datos tan interesantes. Bibby rexistra seis diferenciais negativos. O caso é que Mike Woodson é cada vez máis consciente da importancia de Murray e concédelle máis minutos ultimamente. O 22 dos Hawks anota, defende e fai correr ao equipo. Moitas veces comparte minutos con Bibby, que aproveita os seus dotes de tirador para xogar de escolta. Unha peza, en definitiva, importantísima para os de Atlanta, que van embalados cara o playoff.
Noutro partido da xornada, os Sixers impuxéronse (114-108) na cancha dos Portland Trail Blazers. A estrela do partido foi, sen dúbida, Andre Miller (27 puntos, 10 rebotes e 3 asistencias), pretendido outrora por McMillan. Iguodala e Thaddeus Young estiveron tamén nos seus números mentres que Dalembert, despois de apañar 23 rebotes no último partido decidiu dar hoxe a cara pasota e quedou nuns ridículos catro. Os Knicks sumaron a súa quinta derrota (106-102) consecutiva, desta volta no Madison fronte a Orlando, e afúndense xa como terceiro peor equipo do Leste. Mentres, Phoenix Suns segue resistíndose a quedar fóra dos play offs e conseguiron unha meritoria vitoria (115-118)- a quinta seguida- no seu partido contra Denver Nuggets, cunha grande actuación de Grant Hill (23 puntos, 10 rebotes e 5 asistencias). (A foto de Murray da web da NBA).

23/03/2009

DJALMINHA: "XOGUEI AO MEU AIRE"

Impagable a entrevista de Juan Luis Cudeiro a Djalminha en El País de hoxe. Pregúntalle o xornalista: Pero vostede foi fundamental no bloque que armou (Irureta) para gañar a Liga. E respóndelle: Si, pero xoguei ao meu aire. Nunca seguín as súas instrucións. Púxome na banda, pero marcaba todos os goles polo medio e tivo que aturarme alí. E así foi. Djalminha nunca acatou as ordes de ninguén porque nunca concebiu o fútbol como o que é, un xogo marcado, en todas as súas dimensións, pola continxencia dun resultado. Por iso o fútbol nunca poderá ser considerado arte, mais de existir un museo do Louvre do fútbol, o partido de Djalminha contra o Madrid (5-2, 6 de febreiro de 2000), coas súas lambrettas e rabonas, bicicletas, pases co peito, coas costas ou co cú.... ocuparía a vitrina da Gioconda, porque ninguén poderá asegurarme, a non ser que minta, que viu algunha vez nun campo de fútbol algún xogador máis xenial e diferente que Djalminha. Como afeccionados poderemos presumir, dentro de moitos anos, de ter gañado unha Liga e dúas Copas, pero o verdadeiro orgullo será o de poder asegurarlle a un neto que viches xogar ao máis grande. Que viches, por exemplo, xogar por unha vez xuntos a Djalminha, Rivaldo e Fran, e que aínda que o partido acabase con empate a dous ante un modesto PSV, nunca tan cerca das bágoas estiveras vendo apenas un partido de fútbol. Seguramente me cabreei con el cando o do cabezazo a Irureta, ou cando algunha outra trangallada que, ao final, perxudicaba ao equipo. Mais co tempo, Djalminha fica como un deses personaxes que decidiron pasar pola vida xogando, porque non hai nada máis trascendente que vivir gozosamente, e eses, cando un bota a vista atrás, son os mellores. (Foto do AS, mais publicada na entrevista de El País)

OS MELLORES DE TEXAS

Houston Rockets xa é o mellor equipo do Estado de Texas despois de impoñerse na cancha dos Spurs (87-85) grazas unha canastra de Luis Scola a falta de cinco segundos para o final. O arxentino está a facer unha campaña memorable. Hoxe anotou 19 puntos (5 nos últimos 30 segundos do xogo) e apañou 17 rebotes. Os Rockets levan unha xeira espectacular de 16 vitorias e só catro derrotas dende a baixa por lesión de Tracy McGrady, o que confirma como a moitos equipos non lles vén mal perder por veces os seus xogadores franquía (vímolo con Brand e os Sixers ou Iverson e os Pistons). Os Spurs baixaron o ritmo notablemente nas últimas semanas, inda que podemos interpretalo na cultura de Poppovich de adminitrar os seus planteis de cara aos playoffs. Con todo, xa foron apeados do segundo posto polos Rockets e axexan a poucas vitorias Nuggets, Hornets, Blazers e Jazz. Mentres, os Sixers non erraron na súa visita á cancha do peor equipo da Liga, Sacramento Kings (112-100). Dwayne Wade fixo 39 puntos na vitoria dos Heat en Detroit (101-96) e os Cavaliers sumaron en Nova Jersey a súa novena vitoria consecutiva (96-88). (A foto de Scola, da web da NBA)

A LIGA NOS TEMPOS DA CRISE

Fai pouco destacábase da Liga española a súa grande igualdade, que a convertía, posiblemente, na mellor Liga do mundo. Real Madrid e Barcelona sempre eran os favoritos, pero outros grandes equipos se lles subían as barbas: Valencia, Sevilla, Dépor... e cada campo, mesmo o do equipo máis modesto, podía ser unha emboscada na que deixar os tres puntos. Este ano, en cambio, a superioridade de Barça, dende o inicio da temporada, e do Real Madrid, a partir dos axustes de Juande, con respecto ao resto dos equipos resulta evidente. Por exemplo, onte chegaba o equipo revelación, o brillante Málaga, ao Camp Nou, e tivo que saír co rabo entre as pernas, avergonzado por un Barça que deu outro recital de xogo memorable. O Real Madrid, mentres, recibía ao Almería, e co seu fútbol práctico e coa súa extrema pegada, acadou un contundente 3-0 que o mantén a unha distancia aceptable do Barça na táboa, vistas as circunstancias e que os culés inda teñen que pasar polo Bernabeu. Chama a atención a capacidade goleadora dos dianteiros de Guardiola: 59 goles entre Eto´o (25), Messi (19) e Henry (15). Por outro lado, o promedio goleador do Madrid é notable: case tres goles por partido dende a chegada de Juande. Huntelaar, que chegou a Madrid pola porta pequena, suma xa oito en dez partidos, números de goleador insaciable. A día de hoxe Barça e Madrid están moi por riba do resto. A igualdade que fixo grande a Liga española xa non é tal. E é que nos tempos de crise, canto máis pobre máis puteado. (A foto de Henry é de Shay)

LOUCURA EN MANRESA

O Manresa e o Barcelona protagonizaron este domingo un partido que xa está na Historia da Liga ACB, pois houbo de decidirse após catro prórrogas; isto é, sesenta minutos de xogo, e un resultado propio da NBA (122-117) a favor dos manresáns que bateron a súa marca histórica de anotación. En toda esta loucura volveuse erixir grandiosa a figura de Fran Vázquez, que fixo un partido espectacular con 28 puntos, 16 rebotes e 3 tapóns en 50 minutos, cunha valoración de 45 que o converten por segunda semana consecutiva no MVP da xornada. Partidos coma este teñen un sabor especial por canto entrando no terreo do posible son realmente inverosímiles. A súa lembranza permanece como as batallitas dos avós. Eu lembro unha vez... Pescudando un pouco máis sabemos que o o partido durou nada menos que 3 horas e seis minutos, que o Manresa anotou nada menos que 55 tiros libres de 68 intentos e que foi o terceiro da historia con máis puntos, despois dun Barcelona-Cajabilbao (147-10) de 1987 ou dun Caixa Ourense- CAI Zaragoza (109-131) do 1990. Inda por riba, o pequeno gañoulle ao grande, ao plantel confeccionado, casualidades da vida, por Chichi Creus, mito de Manresa. Unha loucura que eclipsou a humillación do Joventut de Sito Alonso na cancha do TAU Baskonia (99-65) o día anterior. (Foto collida na web da ACB)

O CANSAZO DO PAULO BENTO

Esta fin de semana non houbo liga en Portugal, pois disputábase a final da Taça da Liga, un torneo que cumpre a súa segunda edición. Torneo polo xeral secundario para os grandes de Portugal, tiña na final desta edición un interese grande por canto enfrontaba a dous equipos sumidos nunha chea de dúbidas: Benfica e Sporting. Alén do orgullo de gañarlle ao eterno rival, facerse co título sería un pequeno consolo para dous equipos que poderían ficar sen nada ao remate da temporada. Había, xa que logo, moito que perder. E o gran perdedor foi o Paulo Bento, adestrador dos leoes ao que lle costa cada vez máis xustificarse ante os seus esixentes adeptos, zangados despois do ridículo europeo contra o Bayern de Munich (12-1 de resultdo global nos oitavos da Champions). O Paulo Bento chegou a ese estado no que un sente que todo o mundo está contra el e, por moito que se esforce, non hai que facerlle. E talvez razóns non lle falten para pensar que o mundo está contra el despois da inxustiza arbitral que determinou a final do sábado no ateigado Estádio do Algarve. Adiantárase o Sporting no primeiro tempo con gol de Pereirinha, e o Benfica de Quique estaba a ofrecer unha imaxe ben pobre, acorde coa súa irregularidade ao longo do ano, cando apareceu a figura do árbitro Lucílio Baptista para sinalar, no 75, un inexistente penalti por man de Pedro Silva, quen ademais foi expulsado inda que, segundo os xogadores do Sporting, o asistente teimou en dicirlle ao árbitro pincipal que estaba errado. O caso é que Reyes marcou o penalti e o partido foi ao tempo de prolongamento. No debe dos benfiquistas hai que apuntar a incapacidade para resolver un partido en maioría numérica e ante un rival perplexo polo que consideraba un roubo. Nos penaltis o protagonista foi Quim, porteiro condenado ao ostracismo na Liga, que porén detivo tres penaltis e lle deu o título ao seu equipo. Ao día seguinte, Paulo Bento deixou ver o seu desexo de liscar de Alvalade para o fin da temporada pois “séntese canso”. O árbitro, pola súa banda, recoñeceu na televisión que se cadra tomara unha decisión errada ao apitar o penalti. Demasiada axitación en Lisboa. Demasiado acougo no Porto. (As fotos de Paulo Bennto e Lucílio Baptista da web do Sporting)

22/03/2009

O LIVERPOOL Á PROCURA DA GLORIA

O Liverpool está nun estado de euforia tal que non teme ningún reto que se lle poña por diante. Despois de machacar o Real Madrid e o Manchester United en apenas tres días, hoxe tiña un novo reto importantísimo: aproveitar os pinchazos de Manchester e Chelsea para se poñer a un só punto do líder (o United cun partido máis). Era no seu estadio pero ante un rival moi complicado: o Aston Villa, que aínda non perdera ningún partido fóra da súa casa. E vaites se o conseguiron os de Benítez! Foron unha apisonadora que recuperaba seguido calquera balón e logo armaba o ataque, hoxe a partir da mobilidade nas bandas de Riera e Kuyt. O Aston Villa, outras veces equipo especialmente ordenado e disciplinado no traballo defensivo, víase superado unha e outra vez. Ao Liverpool só lle faltaba marcar e conseguiuno axiña por medio de Kuyt (min.8). Mais os de Anfield non lle deron marxe ao Villa de recuperarse. Seguiron machaconamente asediando a área contraria ata que no 33 chegaba o segundo, unha volea de Riera despois dun saque longo de Pepe Reina. O gran capitán, Steven Gerrard marcaba o terceiro, de penalti, pouco antes do descanso. No segundo tempo os de O´Neill apelaron ao seu orgullo para procurar algún gol que salvagardara a honra, mais o Liverpool tamén anda á procura de grandes obxectivos: a gloria deportiva, asi que continuou sen tregua ata atopar dous goles máis: os dous tamén de Gerrard a balón parado, un de falta e outro de penalti. A Premier, que ata fai pouco parecía sentenciada, recobra a emoción, sobre todo porque o Liverpool transformouse nunha máquina imparable, mentres que o outrora desbordante United dá síntomas de fraqueza. O Chelsea, entrementres, axexa dende a regularidade que lle concede Hiddink. Noutra lea diferente, a crise do Aston Villa vólvelle conceder a condición de favorito ao Arsenal na loita pola cuarta praza. (A foto de Gerrard de Mr. Phillip Chambers)

O DEPORTIVO PECA DE DEPORTIVO

O empate desta tarde (1-1) deixounos unha sensación máis agre que doce. Sobre todo, porque demostra que o equipo adoece dunha certa irregularidade no xogo que á hora de aspirar a entrar en postos europeos non é moi aconsellable. Desaproveitouse unha moi boa oportunidade de sumar tres puntos antes de ir á casa do pechacancelas ante un equipo, o Betis, que malia contar con xogadores de moito caché presenta moitos desaxustes no aspecto colectivo. Defensivamente, o Betis é pouco rigoroso nas marcas e vai con timidez aos balóns cruzados, os homes de arriba non colaboran demasiado na presión e facilitan deste xeito, que o contrario xogue con certa fluidez. En ataque, os de Chaparro, con homes de moita calidade como Sergio García, Oliveira ou Mark González daban a impresión de ter moito perigo pero teimaban as máis das veces en querer entrar polo centro, o que facilitaba o traballo dos nosos centrais. Pero o verdadeiro problema-erro do Dépor, foi hoxe o mesmo co do Betis, o de permitir as saídas á contra do rival e non ter capacidade de parar o xogo a tempo. A figura de Emana erixiuse en líder dos seus, colocándose sempre intelixentemente para facer a transición ofensiva. O partido de hoxe foi ao revés da maioría. O partido comezou absolutamente roto e aberto e foise pechando e normalizando a medida que pasaban os minutos. No intercambio de golpes o Betis tivo unha clara ocasión de adiantarse nun disparo dende fóra da área de Oliveira, que tocou o xusto Aranzubia para desviar ao traveseiro. Ao minuto respondeu o Dépor. Riki colleu un balón preto da frontal e a base de recortes de calidade, mais tamén ante a pasividade dos defensores andaluces, meteulle o balón a Verdú que apareceu só no segundo pao para marcar. O partido púñase moi de cara para o Dépor, que si xa dispuxera de moitos espazos co partido igualado, máis podería dispór con vantaxe no marcador. Mais o partido seguiu polo mesmo camiño. Puido sentencialo o equipo de Lotina nunha xogada na que houbo un penalti a Riki que o árbitro non pitou. Caeulle o balón a Verdú que chegaba so e coa porta baleira mais mandouna as nubes. Un erro gordo e que logo costou dous puntos. O gol de Betis logo chegou e a partir dunha curiosa circunstancia que os xogadores do Dépor, segundo dixo Lotina, logo protestaron: a rapidez coa que o recollepelotas lle entregou o balón ao porteiro do Betis para sacar de fondo, estando o marcador ao noso favor. O balón chegoulle a Emana, que correu todo o campo sen que ninguén se interpuxera no seu camiño e ao chegar á frontal deulle un pase excelente a Sergio García que marcou con templanza. Lotina, comentando a xogada e o detalle do recollepelotas, dixo retranqueiro que "somos con diferencia o equipo máis  deportivo de Europa ou do mundo". Non lle falta razón, pero non só pola inocencia do pobre recollepelotas senón tamén pola dos propios xogadores que en ningún momento souberon parar cunha falta ao xogador camerunés, sen dúbida o mellor do seu equipo. Como comentabamos antes, co empate e a partir do segundo tempo, o partido, tan aberto ao principio, foise pechando e caendo nunha tónica premiosa cando non tediosa. O Dépor levou a iniciativa pero faltoulle un punto de frescura física e mental. Lassad e Valerón non foron desta volta revulsivos e Sergio, no seu papel de director de xogo, tiña hoxe unha empanada gorda. Aínda por riba, o Betis non ameazaba tanto como no primeiro tempo pero chegou dispór de oportunidades a partir dalgún erro dos defensores do Dépor, especialmente Lopo. Ao final, o empate non sei se foi xusto, pero cando menos non é estraño visto o visto no campo. O bo é que o puntiño serve para volver a cazar ao Málaga na clasificación. A semana que vén visitamos ao Espanyol, que dos últimos 20 partidos só gañou un: ao Barça no Camp Nou.