22/03/2009

HAT TRICK DE KANOUTÉ

O Sevilla gañou onte de xeito contundente ao Valladolid por 4-1. O dianteiro de Mali, Fredèric Kanouté marcou tres dos catro goles do seu equipo. O Valladolid chegaba ao Sánchez Pizjuán coa oportunidade de encaramarse á parte alta da clasificación, onde Dépor, Málaga, Vilarreal, Atlético, Valencia e mesmo Sevilla, loitan polo pastel europeo. O equipo de Mendilibar está a facer unha campaña ben meritoria malia a modestia do seu plantel. A chave un xogo colectivo de máxima solidariedade, con presión abafante sobre o rival, e a ansia tamén de trabar arriba mediante a rapidez e mobilidade dos seus avanzados. Mais nesta estratexia vai tamén un enorme risco, e é que o Valladolid expón en exceso as costas da súa defensa. O Sevilla explotouno e ben cedo atopou premio grazas a xenialidade de Kanouté, quen con apenas un toque desbordou o seu marcador e plantouse so ante Justo Villar para cruzarlle o balón. Era o minuto 7 e o partido púñase de cara para o Sevilla. O Valladolid non tiña necesidade de trocar o seu sistema. Seguiu insistindo na presión e na velocidade dos avanzados e no minuto 21 acabou empatando grazas a unha falta que Canobbio puxo maxistralmente na cabeza de Goitom, que só tivo que empuxala. O partido seguiu na mesmo tónica, inda que o Sevilla demostrou máis xogo que outras veces. Sorprendeu o bo rendemento de Romaric pegado na banda esquerda. Inda que o 2-1 chegou pola dereita, nunha xenial internada de Jesús Navas, chegada á liña de fondo e pase atrás para que Kanouté de magnífica volea puxera o balón no pao longo. Co 2-1 chegouse ao descanso. Na reanudación entrou o arxentino Pierotti e o xogo do Sevilla foi, se cadra, máis dinámico aínda e o Valladolid comezou a acusar o cansanzo. Luis Fabiano marcaba o 3-1 no minuto 58 e Kanouté o 4-1 no 70, ao cabecear espectacularmente un gran centro de Fernando Navarro. O Pizjuán gozou por fin esta temporada dun partidio con gran dominio dos seus e demostración da gran pegada dos sevillistas.
Tampouco fallou o Vilarreal ante un Athletic que non acaba de sumar en Liga, de tan ilusionado que está na Copa. Os de Caparrós xogaron ben e plantáronlles cara aos de Pellegrini. dispuxeron de ocasións claras mais tamén deixaron os espazos atrás necesarios para que aparecese Ariel Ibagaza, xenial durante o último mes, que se inchou a poñer pases inverosímiles nos pés dos seus compañeiros. Despois de varias ocasións claras marcou Santi Cazorla. No treito final do partido Ibagaza retirouse do campo baixo a ovación do Madrigal. Entrou no seu lugar Mati Fernández, quen tamén aproveitou os espazos para dar mostras da súa calidade, sobre todo no seu gol que puxo o 2-0 definitivo. (Foto de superleagueformula)

O PONTEVEDRA A UN PUNTO DA PROMOCIÓN

A remontada na Liga do Pontevedra de Gay leva un ritmo imparable. Está xa a un so punto dos postos que dan dereito a xogar a promoción de ascenso. Onte, os granates derrotaron brillantemente ao Bilbao Athletic por un contundente 0-3 e ante unhas bancadas nas que numerosos seareiros galegos animaron durante todo o partido. O primeiro tempo foi de total control do xogo por parte de Pontevedra, con Nené e Danilson impoñéndose aos mediocentros vascos e con Xavi Moré e Yuri desbordando unha e outra vez polas bandas. O gol tiña que chegar e fíxoo no minuto 17 despois dun soberbio trallazo de Vázquez no saque dunha falta. Co marcador a favor o Pontevedra xogou con máis comodidade aínda, se ben sufriu o contratempo da lesión dun dos seus mellores xogadores, o brasileiro Yuri, que tivo que retirarse mancado no primeiro tempo. No seu lugar entrou Jonay. Ao pouco do troco, o equipo de Gay atopaba o segundo gol despois dun barullo na área que aproveitou Pelegrina para poñer o 2-0. Con este resultado, os galegos afrontaron con calma o segundo tempo, deixándolle xogar un pouco máis aos cachorros, pero sen sufrir verdadeiramente en defensa. O 3-0, que marcou Jonay, chegou xa no desconto. O Pontevedra sumou deste xeito a súa quinta vitoria consecutiva e dende a chegada de Gay os números son os seguintes: 6 partidos con 5 vitorias e un empate, 14 goles a favor e tres en contra. Con 47 puntos, o equipo está a un do Racing de Ferrol, da Ponferradina, cuarta e cun partido menos, e do Zamora, terceiro. A próxima xornada recibe ao Barakaldo en Pasarón. (Foto da web do Pontevedra)

VALDEOLMILLOS DEBUTA CON VITORIA

Vitoria agónica (91-90) do Breogán no debú de Sergio Valdeolmillos como adestrador. O partido foi especialmente igualado, co Bégar León dominando o marcador no primeiro tempo, e o Breogán remontando devagar nos dous últimos cuartos. Dirimiuse o reultado despois dunha intensa prórroga. Na última xogada un rebote de Morentín impediu que o Begar León dispuxera dunha última posesión. No Breogán o xogador máis destacado volveu ser o noteamericano Brian Cusworth, poderoso no poste baixo, que sumou 16 puntos e 13 rebotes. Canda el salientaron tamén Nacho Ordín (18 puntos), Roberto Morentín con 15 e 5 rebotes, e o ferrolán Lucho Fernández con 15 puntos. Os leoneses, pola súa parte, cargaban unhaa e outra vez o xogo no á pivot da República Dominicana Eulis Báez, o mellor con 20 puntos e 7 rebotes e ao que os breoganistas lle fixeron ata 12 faltas persoais. Das claves do partido destacar o dominio reboteador do Breogán sobre os leoneses (40-27), se ben os de Valdeolmillos perderon 20 balóns, o dobre que o equipo contrario.O Breogán aséntase na cuarta praza e visita Burgos, sétimo, a vindeira semana. Pola súa parte, o Beirasar Rosalía, que recibía  o venres no Multiusos do Sar ao Melilla, terceiro, sumou unha nova derrota que  afasta cada vez máis os santiagueses do obxectivo da permanencia. A mellor nova para os de César Iglesias foi a boa actuación, un día máis, do grego Georgios Pavlidis (21 puntos e un 3 de 3 nos triples). Xunto a el, a outra última fichaxe, Alan Daniels, fixo o seu mellor partido dende que chegou a Santiago. Porén, outros homes decote importantes como Taylor, Harding ou Montañana estiveron discretos e non puideron co poderío de Cuthbert ou Waleskowski no  equipo contrario. O resultado foi claro abondo (78-92) e o partido sentenciouse despois do parcial de 10-25 no segundo cuarto. O Rosa, que segue a dous partidos do Gandía que marca a permanencia, visita para a semana a difícl cancha do Tenerife. Foto collida na web do Breogán)

O CELTA DE EUSEBIO SEGUE SEN GAÑAR

O Celta pode estar contento de saír de Alacante con, alomenos, un punto (2-2). O partido de onte evidenciou as mellores das virtudes e os peores dos defectos deste Celta de Eusebio que non acaba de arrincar. Onte desperidiciou un partido que se lle puxera especialmente de cara no primeiro tempo, cun marcador de 2-0, despois de xogar ben e anotar dous fermosos goles: Dani Abalo de precisa vaselina sen ángulo e o reaparecido Renan de falta directa. Con todo, o equipo vigués tiña que darlle as grazas máis unha vez a Notario, quen parou un penalti ao comezo do xogo que tería adiantado os alacantinos. Co marcador a favor segundo tempo volveu ser desesperante. O Celta desperdiciou clamorosas ocasións para dexar sentenciado o partido e logo comezou a entrar na dinámica de descontrol do xogo, produto dos nervios e da inconsistencia defensiva, que lle permitiron ao Alacante dispoñer das súas ocasións. Así chegou o 1-2 no 78 por medio de Azkoitia. Os de Eusebio sentían como perigaba outravolta un partido que pensaban gañado, e no canto de poñerlle o fecho ao xogo, as pernas treméronlles aínda máis e Notario volveuse erixir salvador con dúas magníficas intervencións que evitaron o empate. Non puido, porén, cun novo penalti que transformou Rafa Jordá no último minuto. Polo tanto, o balance do partido é enganoso para o Celta. Por unha banda acredita a mellora notable do xogo dende a chegada do novo adestrador, mais tamén a flagrante inconsistencia e falla de competitividade do equipo. A situación é aínda preocupante pero o punto de hoxe sabe a moitísimo pois deixa o descenso a un puntiño máis que a semana anterior: catro.

21/03/2009

O FULHAM PONLLE EMOCIÓN Á PREMIER

O Fulham que dirixe o suízo Roy Hodgson está a facer unha espléndida campaña e hoxe coroouna cunha vitoria (2-0) moi merecida ante o Manchester United, que por vez primeira en tres anos perde por dúas xornadas consecutivas. O partido marcouno a acción do minuto 13 na que Paul Scholes tivo que evitar coas mans un gol de Bobby Zamora. Foi expulsado, marcou o penalti Murphy e o partido púxoselle moi costa arriba aos de Ferguson, que durante o primeiro tempo demostraron un enorme desconcerto. O Fulham non renunciou nunca a ter o balón e xerou infinidade de ocasións grazas á loita constante dos seus dous puntas Zamora e Andy Johnson, e á constante mobilidade pola segunda liña dos interiores Dempsey e Davies. O United, en cambio, apenas conseguía dominar o xogo e Berbatov non cheirou un balón. Ronaldo, ao que lle apupan en todos os campos, tampouco destacou especialmente e evidenciou que esta temporada é un futbolista moito máis normal que a pasada. No segundo tempo mudou a película. Entrou Rooney e deulle moitísima agresividade e dinamismo ao seu equipo. Fletcher colleu o temón no medio do campo e os xogadores de ataque do United comezaron a atopar o seu fútbol. Por momentos parecía que a remontada non só era posible, senón que mesmo parecía inevitable. O australiano Schwarzer, nun par de actuacións memorables, evitou o empate dos encarnados. Ferguson puxo no campo todo canto de ataque tiña no banco e non tivo medo en despoboar a defensa. Finalmente pagouno nunha contra que rematou maxistralmente o húngaro Zoltan Gera. Ao final, salientar a expulsión de Rooney, ao que lle deu unha arroutada polo xenio e tiroulle un balón con moita forza ao árbitro Phil Dowd. O United perdeu e, sobre todo, deu unha mala imaxe por segundo partido consecutivo. Porén, mantén a vantaxe sobre o Chelsea, que tropezou por primeira vez dende que senta Hiddink no banco. Tiña un partido difícil ante o Tottenham e perdeuno por un gol de Luka Modric. Ao Liverpool de Benítez ábreselle unha porta inmensa para loitar polo título con moito máis fundamento que fai unha semana. Terao difícil ante o Aston Villa. (A foto de Carven Cottage, campo do Fulham, de treevis)

OS SPURS PERDEN POLOS TIROS LIBRES

Os Spurs perderon (80-77) en San Antonio un igualadísimo partido contra os Celtics por mor do inesperado desacerto de Finley e Parker dende os tiros libres. No último minuto e medio do partido non anotaron ningún dos seis que intentaron (dous Finley e catro Parker), o cal condeonunos á derrota, nun xogo marcado pola extrema igualdade entre os dous equipos. Como era de prever foi un encontro de baixas anotacións, grandes defensas. posesións longas e moita agresividade baixo os aros. Os Spurs contiveron ben a Paul Pierce, que tivo un partido discreto defendido por Roger Mason ou Bruce Bowen, mais non tan ben a Ray Allen (19 puntos) e Rajon Rondo (16) que levaron a iniciativa anotadora dos Celtics. Pola súa banda, Parker daba un auténtico recital de como se prenetra a canastra con xogadas de extrema beleza. Un dos problemas principais dos de Poppovich hoxe foi o tiro exterior. Nos últimos partidos a porcentaxe nos tiros de tres é moi baixa -apenas 4 de 17 esta madrugada. Finley, Mason e Bonner andan coa mirilla desaxustada. No terceiro cuarto Kevin Garnett demostrou que está recuperado da súa lesión, achegando moito no xogo ofensivo (10 puntos, e sobre todo en defensa. O partido, como xa dixemos, chegou moi igualado ao treito final e foi aí cando decidiu o desacerto de san Antonio dende os tiros libres, ante a perplexidade do AT&T Center.
Do resto da xornada salientar a agónica vitoria (94-92) dos Mavericks en Indiana grazas a unha canastra espetacular de Dirk Nowitzki no último segundo, a segunda malleira consecutiva que levan os Knicks no Madisdon. Hoxe ante os Kings . Hoxe ante os febles Kings (121-94), os 40 puntos de JR Smith na vitoria (105-116)dos Nuggets ante os Wizards e segunda derrota consecutiva dos Sixers na súa xira polo oeste . Perderon contra os Warriors (111-119) pese os 23 rebotes de Samuel Dalembert, que obtivo a mellor marca persoal da súa carreira despois de que Shaquille lle sacara as cores o día anterior.

20/03/2009

OS CAVS GAÑAN NA PRÓRROGA

Foi un partido (92-97) demasiado atrapallado, no que apenas se viron canastras de contrataque e no que os Cavaliers sufriron para sumar a súa vitoria 31 na súa cancha en 32 partidos. Houbo que chegar á prórroga e ao sétimo triple doble de Lebron James esta temporada (26 puntos, 11 rebotes e 10 asistenias). Desta volta, Mo Williams tivo un partido máis ben discreto e foi Zydrunas Ilgauskas quen máis achegou en ataque (21 puntos) coas súas canastras na pintura. Un detalle salientable do partido é que nos 53 minutos de xogo, o equipo de Mike Brown só perdeu dóus balóns, o que supón a mellor marca na historia da franquía. Nos Blazers, nos que Lamarcus Aldridge era baixa, destacaron Brandon Roy (24 puntos, 7 rebotes e 7 asistancias) e Pryzbilla (13 puntos e 11 rebotes).
Os Lakers, pola súa banda, gañaron (106-114) na súa cancha aos Warriors, nun partido discreto, no que Gasol e Bryant con 21 puntos ( o catalán apañou tamén 14 rebotes) foron os máximos anotadores do equipo. Nos Warrios destacaron Monta Ellis con 27 puntos e Kelenna Azubuike con 25 e un 5 de 6 en triples.
Por último, os Hawks gañáronlles (87-95) a uns discretos Mavericks, que se complican a vida pois axexan os Suns para lles birlar o último posto de playoffs. (Foto de Lebron da web da NBA)

19/03/2009

EDUARDO ACABA CO SOÑO DO BRAGA

Foi unha magoa. O Sporting Braga mereceu algo mellor nesta eliminatoria. Porque xogou ben, moi ben por momentos, como vén sendo habitual ao longo da temporada, co uruguaio Luis Aguiar de director de xogo nun equipo que non se aburre de tocar a bola, e na que todos os xogadores procuran o pase ao primeiro toque e o apoio constante ao compañeiro. Foi así como chegou a primeira ocasión clara do partido. Despois de pasar por medio equipo o balon cáelle a Paulo Cesar na frontal e manda un trallazo contra o traveseiro. Os dous avanzados do Sporting, Paulo Cesar e o colombiano Rentería fixeron un partido intelixente, asociándose moi ben entre eles e cos homes do medio campo, caendo a banda cando era preciso... Só faltou o gol. O Paris Saint Germain non tiña intención ningunha de ter o balón. Paul Le Guen, que está metido de cheo na loita pola Liga co Olympique Marsella e co Olympique de Lyon, reservou no banco os seus homes máis importantes: Rothen, Giuly, Hoarau e Makelele. Mais os franceses crearon algunha ocasión grazas a mobilidade do 10 Sessegnon e sobre todo de Luyindula que fixeron unha chea de kilómetros e evidenciaron os problemas da defensa portuguesa para coidar as súas costas. No minuto 28, Luyindula mandaba un balón por detrás de Leone que recollía Kezman para encarar só a porta de Eduardo. O defensor agarrouno, o árbitro pitou falta e o lanzamento de Chantôme sacudiu o pó do traveseiro. Foi a máis clara do PSG, mentres que o Sporting, que seguía ao seu, dispuxo doutras dúas moi claras: unha falta de Luis Aguiar que lambeu o poste, e unha volea do brasileiro Alan lixeiramente desviada. O balance do primeiro tempo di que o Braga foi moi superior e mereceu ir ao descanso con algún goliño no peto. Na reanudación o panorama mudou un anaco. Os franceses comezaban a sentirse cada vez máis cómodos, e ao Sporting costáballe cada vez máis crear espazos na mesta defensa contraria. O público que ateigaba as bancadas do Estádio Municipal, animando sempre e vivindo o partido como unha festa, tentaba empurrar aos seus mais cando se chegou ao último cuarto de hora, o nerviosismo do Jorge Jesus era ben evidente, talvez porque era o primeiro que sabía que cando un é modesto e non marca as ocasións que ten, acabao pagando. Así foi. Unha falta sen perigo ningún e o Eduardo, bo porteiro, vai por uvas ao Alentejo. Hoarau, que é un deses grandes goleadores que mesmo os marca sen pretendelos, sentenciaba a eliminatoria e sepultaba o soño dos bracarenses.
No resto dos partidos que se xogaban á mesma hora houbo emoción máxima. O Galatasaray  parecía que o tiña todo de cara co 2-0 ao comezo do segundo tempo (o resultado na ida en Hamburgo fora 1-1). Marcaran dous ex do Liverpool: Harry Kewell de penalti e Milan Baros. O Hamburgo nunca deixou e loitar pola vitoria e acabou achuchando aos turcos e dándolle a volta a eliminatoria novamente cara o seu lado grazas a dous goles do peruano Paolo Guerrero. Co resultado a favor, o croata Olic aproveitou para marcar o 2-3 definitivo. 
No outro partido, o  Aalborg a piques estivo de dar a gran sorpresa. Tiña que remontar o 2-0 de Manchester e parecía que desta volta non sería posible eliminar a un grande do fútbol europeo, mais o City é un equipo con tantos millóns como dúbidas e acabou complicándose a vida nos últimos cinco minutos. Shelton marcaba no 85 e Jakobssen no 91 de penalti. Os dinamarqueses foron superiores aos ingleses no tempo de prolongación mais na tanda de penaltis Shay Given erixiuse no protagonista ao parar dous lanzamentos e darlle o pase o seu equipo. (A foto de Luis Aguiar collida da web da UEFA).

OS 'MINEIROS' DE DONETSK A CUARTOS

O Shakhtar Donetsk clasificouse brillantemente para os cuartos de final da UEFA despois de superar a un rival moi complicado, o CSKA de Moscova, que se impuxera na ida 1-0 con gol de penalti marcado por Vágner Love. Os rusos, dirixidos por Zico, saíron moi ordenados ao Oliympiskiy de Donetsk, mais sen renunciar a achegarse de cando en vez ás inmediacións da área contraria. Nos dez primeiros minutos, de feito, o norosetio de 18 anos Dzagoev dispuxo dun par de boas ocasións a partir de disparos dende fóra da área. Un deles foi desviado con apuros a córner por Pyatov. O Shakhtar, despois de certo desconcerto no inicio do partido, asumiu a iniciativa do xogo, grazas sobre todo ao polaco Lewandowski, que reaparecía na medular tras sanción e estivo perfecto na cobertura e na distribución do xogo,  e a Jadson, o brasileiro que se move na mediapunta, e que foi o xenerador das principais ocasións do equipo de Mircea Lucescu na primeira metade cando conseguía combinar con Fernandinho nalgunha das bandas. Neste primeira metade, o dianteiro do Shakhtar, Luis Adriano estivo fallón edesperdiciou dúas ocasións claras de marcar. En todo caso, a sensación era que o partido había costarlle moito esforzo aos ucranianos e que a medida que pasaran os minutos os rusos habían sentirse cada vez máis a gusto. Por iso á volta do descanso o Shakhtar puxo un punto máis de agresividade no seu xogo, sobre todo á hora de presionar a defensa do rival. O público meteuse moito máis no partido e axiña tivo premio. Fernandinho recolle un rexeite morto na área e o central ruso Ignashevitch faille inocentemente penalti. O propio Fernandinho marca e empata a eliminatoria (min.54). Co empate, Zico foi ousado e meteu no campo dous homes de calidade: Aldonin e Daniel Carvalho, o que fora protagonista da final da UEFA que gañou o CSKA en 2005 (3-1) ao Sporting de Lisboa. Con estes dous xogadores o equipo ruso quixo ter o balón e por momentos conseguiuno, inda que deixando espazos preocupantes para a contra dos rivais, moi ben pechados atrás e con tres homes presionando sempre ao ruso  que tiña a pelota. Mais non creou grandes ocasións de gol o CSKA. O 2-0 (min.70) non chegou, como era de prever, á contra, senón grazas a un agasallo do porteiro da selección rusa: Akinfeev. Non atallou un balón manso e sen dificuldade que lle caeu a Luis Adriano que non tivo máis que empurrala. O estadio olímpico de Donetsk viuse abaixo. O máis difícil estaba conseguido. Só quedaba defender ben, inda que a medida que chegaba o desconto algún debeu lembrar o gol de Palop fai dous anos. Finalmente o Shakhtar, o equipo da rexión mineira do Donbass ucraniano -a palabra Shakhtar signfica exactamente iso: mineiro-, pasa a cuartos e non debe temerlle a ninguén pois é equipo con xente veterana e curtida en moitas batallas, como o lateral dereito e capitán Srna, un dos destacados ao meu entender desta eliminatoria. Un grande éxito para un clube que nunca pasara de dezaseisavos en competicións europeas.
Non serán os do Shakhtar os únicos ucranianos en cuartos. Outro máis estaba asegurado pois xogábase a eliminatoria entre o Metalist de Kharkiv e o Dinamo de Kiev. Na ida fai unha semana, en Kiev, gañara o Dinamo por 1-0. Na volta, o modesto Metalist a piques estivo de amargarlle a vida ao grande do seu país. Dominou o partido e buscou con insistencia o gol que atopou no min. 26 por medio de Sliusar. Seguiu envorcado o Metalist e ao pouco de comezar o segundo tempo (min.56), o brasileiro Jaja marcaba de sensacional libre directo o 2-0. A vida complicábaselle ao Dinamo, que apelou ao orgullo e acabou atopando premio no min.68 por medio de Sabljic. Xerro de auga fría para o seareiros de Kharkiv que, en cambio, virou en euforia co gol do arxentino Acevedo apenas dous minutos máis tarde. Mais ao Metalist entroulle a angustia dos pequenos e cebouse con eles a mala sorte. No min.78, Berezovchuk, xogador do Metalist que levaba apenas seis minutos no campo marcaba na súa propia portería e acababa co soño dos seus. Dende o 3-2 o Metalist non atopou folgos para unha nova remontada.
Tampouco puido consumar a remontada o actual campión, o Zénit, que perdera 2-0 na ida de Udine. E iso que o capitán Tymoschuk marcou aínda no minuto 34 do primeiro tempo. Mais foi insuficiente. Os rusos dispuxeron de incontables ocasións no primeiro tempo mais no segundo, a medida que pasaba o tempo, o Udinese de Pasquale Marino facíase dono da situación e cunha chea de contras deixaron tocado a un Zénit que pouco máis ameazou a porta de Handanovic. 
 

SHAQ FOI O PROTAGONISTA ANTE OS SIXERS

Os Sixers perderon (116-126) esta madrugada en Phoenix, no segundo partido da xira de cinco polo Oeste que comezara a noite anterior coa memorable vitoria no Staples Center. Os de DiLeo empezaron ben o partido, con Willie Green anotando e Dalembert defendendo correctamente a Shaquille O´Neal. Chegouse ao remate do primeiro cuarto con 31- 34 a favor dos Sixers mais no comezo do segundo os Suns fixeron unha defensa en zona que anulou por completo o ataque contrario e na outra cancha Shaq comezaba a comerse os homes altos de Philadelphia. Cun parcial de 11-0 parecía que o equipo de Gentry podería romper o partido, mais non. Os Sixers reaxiron máis unha vez grazas a dúas triples consecutivas de Donyell Marshall, decisivo para o equipo nas últimas semanas. O partido continuou igualado. Botábase de menos a Iguodala, canso despois do intenso partido, no físico e no emocional, de onte (hoxe quedou nun pobre rexistro de 11 puntos en 41 minutos). Porén, Miller e Thaddeus Young erixíronse en líderes. Lamentable o de Dalembert que obviando o primeiro cuarto estivo absolutamente desaparecido e renunciou á loita cun Shaquille O´Neal que se inchou a anotar (26 puntos) e rebotear (11 rebotes) ante a pasividade do haitián (4 puntos e 5 rebotes, e practicamente todos eles nos cinco primeiros minutos do partido). A inferioridade dos Sixers na pintura foi hoxe notable. Os de Arizona colleron 44 rebotes por 31 dos de Philadelphia. En puntos na pintura os datos son tamén reveladores (80-50). Talvez por iso, polo baixo rendemento dos homes altos dos Sixers, chama a atención como ben apuntan en sixers29, que DiLeo apenas lle dera catro minutos ao rookie Speights, quen xa está máis que curtido en xogar minutos importantes esta temporada. O caso é que a falta de cinco minutos para o remate do partido, os Suns, grazas a superioridade de Shaq (26 puntos, 11 rebotes) e a magnífica dirección de Nash (25 puntos e 10 asistencias), acabaron dando o arreón definitivo que supuxo a vitoria dos Suns, unha vitoria importantísima para non perder as aspiracións de entrar nos play offs do Oeste, algo que parece a estas alturas realmente complicado mais non imposible. 
Do resto dos partidos salientar que Baron Davis volve dar a súa mellor versión. Despois dunha xeira de bos partidos, hoxe ante os Wizards deu nada menos que 20 asistencias, o máximo na súa carreira. Anotou ademais 11 puntos e colleu 8 rebotes na vitoria dos Clippers (108-123). En Nova York os Knicks recibían os seus veciños da outra beira do Hudson, os Nets, e levaron un bo correctivo (115-89). O partido deparaba un interesante duelo de pivots. Brook López impúxose a David Lee (23 puntos, 5 rebotes e 8 asistencias do rookie dos Nets por 13 puntos 6 rebotes e 2 asistencias do center dos Knicks). Os Celtics, sen Garnett, venceron (108-112) aos Heat, sen Wade. Pierce fixo 36 puntos. Mentres, en Houston os Rockets acadaron unha nova vitoria, desta volta ante os Pistons (101-106) nun partido no que Yao, que descansara e Nova Orleans por unha lixeira gripe, estivo sensacional con 31 puntos e 15 rebotes. Antonio McDyess apañou 20 rebotes para Detroit. Os Rockets igualan o número de vitorias dos Spurs (45). (Foto collida na web da NBA)

18/03/2009

VALDEOLMILLOS, O ELIXIDO DO BREOGÁN

O Breogán xa elixiu o técnico que substituirá a Paco García no obxectivo de acadar o ascenso á ACB. Trátase de Sergio Valdeolmillos, un granadino que xa conseguiu este reto en tres ocasións. A primeira no 97 co CB Huelva, a segunda no 2000 co COB Ourense e a terceira en 2004 co Granada. O venres será presentado e o sábado xa sentará no Pazo dos Deportes para acadar a vitoria ante o complicado Begar León. ( A foto de Valdeolmillos  e Pecile, dous ex do Granada dende hoxe en Lugo, collina da web da Federación Española de Baloncesto).

IGUODALA FAI CALAR O STAPLES

O partido desta madrugada foi particularmente emocionante para os adeptos dos Sixers por dúas razóns. A primeira porque lle gañamos (94-93) a un grande, ao máis grande, na súa cancha. E a segunda porque o xogador que ten que ser o faro deste equipo comportouse como tal. Andre Iguodala é un superdotado para  o baloncesto mais sempre adoeceu dunha extrema irregularidade. Capaz do mellor e do peor, o seu rendemento é o termómetro do rendemento dos Sixers. Esta temporada, coa presenza de Elton Brand sentiuse marxinado como líder e a súa participación minguou. Cando Elton Brand desapareceu do equipo polos seus problemas físicos, erixiuse por fin como o home franquía do equipo. Mais faltaba isto. Despois dunha temporada na que o equipo de Pennsylvania perdera ata catro partidos por canastras sobre a buguina, cumpría darlle a volta a tortilla. O partido chegaba igualado á recta final e Kobe, coma sempre, anotaba para deixar o marcador a favor dos Lakers (91- 93). Faltaban seis segundos e Iguodala asumiu a responsabilidade no último ataque dos Sixers. O seu triple no último suspiro non só foi a alegría puntual de gañar un partido ante un grande, senón a alegria de confirmar a grandeza duns Sixers que suman a súa cuarta vitoria e demostran que son un proxecto moi consistente a medio e longo prazo. Iguodala non só destacou hoxe pola súa canastra decisiva senón tamén porque foi quen de facer un partido defensivamente perfecto. Deixou a Kobe Bryant en apenas 11 puntos. Á marxe de Iguodala hai que destacar máis unha vez a achega decisiva do veterano Donyell Marshall, quen entrou no último cuarto e mantivo o equipo na loita grazas a tres triples de tres intentos. A estas horas, os Sixers buscan a súa quinta vitoria consecutiva na cancha dos Suns. Informaremos. (Foto de Iguodala da web dos Sixers)

UN INGLÉS DALLE O PASE AO MARSELLA

A eliminatoria entre o Olympique de Marsella e o Ajax tiña un punto de emoción especial. Tratábase de dous clásicos necesitados dos loureiros europeus. O partido da ida, co 2-1 a prol dos franceses, deixaba a eliminatoria moi aberta de cara ao partido de hoxe no Amsterdam Arena. E o partido non decepcionou en canto a emoción.  O camerunés Eyong Enoh puña, á media hora, o 1-0 a prol dos de Van Basten que lle daba a volta a eliminatoria. Pouco lle durou a alegría aos holandeses pois apenas dous minutos despois outro africano, o senegalés Niang, empataba para os franceses. No segundo tempo o 'serbio' Sulejmani igualaba a eliminatoria. O partido había que decidilo na prórroga e acabouno decidindo, como tantas outras veces, un anónimo lateral dereito, o inglés Tyrone Mears, que despois dunha errática carreira no seu país atopou o seu lugar no mundo no peculiar Velodrome da rue des Cannebières. Un descoñecido en Inglaterra que é xa un ídolo para a torcida do Olympique grazas ao seu gol de cabeza que puña o 2-2 no marcador e  lle daba o pase a cuartos ao equipo do barbudo Erick Gerets. Non será, en todo caso, o primeiro ídolo inglés da torcida marsellesa, despois da pegada inesquecible que neste clube deixara o Chris Waddle a comezos dos 90. Na outra eliminatoria resolta no día de hoxe o Werder Bremen selou o seu pase despois dun confuso partido de volta no que malia dominar o seu partido ante o Saint Etienne francés acabou pedindo a hora. Coa vantaxe de 0-1 no partido de ida, o equipo de Thomas Schaaf parecía resolver a eliminatoria cos goles de Prödl no 6 do primeiro tempo e do peruano Pizarro no 27. Mais os verdes reaxiron e a piques estiveron de amargarlle a tarde aos hanseáticos. Os franceses dispuxeron dunha chea de ocasións para marcar e conseguírono por dúas veces, con goles de Benalouane e Gax que, con todo, resultaron insuficentes para superar os alemáns. (A celebración do gol de Mears collina na web da UEFA)

A MACARRADA DE JOKANOVIC

O serbio Slavisa Jokanovic será lembrado sempre na Coruña por ser un dos compoñentes, xunto con Mauro Silva e Flávio Conceição, do mítico trivote de Irureta no ano que gañamos a Liga. En 2007 debutou como adestrador nada menos que nun dos equipos clásicos do seu país, o Partizán de Belgrado, substituíndo a outro mito do deportivismo, Miroslav Djukic, na actualidade técnico da selección serbia. O traballo de Jokanovic á fronte do equipo foi espectacular, acadando o doblete (Liga e Copa), e dando a coñecer a dous xogadores novos Zoran Tosic e Adem Ljajic, que van dar moito que falar no futuro e que xa foron fichados polo Manchester United. Jokanovic é noticia esta semana no seu país por non acudir a recibir o premio a mellor técnico do ano en Serbia, alegando que non lle interesaa, o que xerou unha enorme polémica por ser considerado un desprezo. “Discúlpome ante os que se poidan sentir ofendidos polo meu xesto. Simplemente, a cerimonia coincidiu cun adestramento importane para o equipo”, explicou. “Prefiro recibir trofeos ao remate da temporada en maio”. Sen dúbida, o mellor partido de Jokanovic co Dépor foi o disputado o 2 de abril de 2000 no Sanchez Pizjuán de Sevilla. O Dépor impúñase por 1-3. O serbio marcou os dous primeiros goles, de cabeza, no primeiro cuarto de hora. Mais o partido será lembrado pola actuación arbitral de Mejuto González, que tivo que saír protexido do estadio despois de anularlle dous goles legais ao Sevilla que lle terían impedido sumar os tres puntos ao Dépor. Tres puntos que ao final da temporada foron fundamentais para conseguir o único título ligueiro da nosa historia. Ai! (A erótica foto de Jokanovic celebrando un dos seus goles no Pizjuán collina en canaldeportivo.com)

O SUSTO DE CARL LANDRY

Despois de que os Rockets chegaran de volta a Houston tras o partido en Nova Orleans que comentamos no post anterior, volvía Carl Landry, do que xa temos falado aquí nalgunha ocasión, en coche para a súa casa, cando tivo un impacto lixeiro con outro coche. Ao baixar para comprobar os desperfectos, os que ían no outro vehículo disparáronlle por dúas veces, dándolle coa segunda bala á altura do xemelgo. Por fortuna, o impacto de bala foi superficial e a ferida non impedirá que o 14 dos Rockets poida reincorporarse ao equipo en dúas ou tres semanas. Susto gordo para un xogador que está a facer unha espectacular campaña e cuxa progresión é realmente esperanzadora. (Foto collida na web da NBA)

17/03/2009

OS ROCKETS GAÑAN EN NOVA ORLEANS

Os Rockets, que viñan de perder (88-85) un emocionante partido contra os Spurs no que Artest mesmo tivo a oportunidade de forzar a prórroga, deron esta noite unha mostra de autoridade impoñéndose 95-84 en Nova Orleans. Adelman deixou fóra do partido a Yao Ming, con gripe, e deulle a titularidade ao veterano Dikembe Mutombo, que xogou o seu quinto partido e disputou case 25 minutos. O de Kinshasha, de 42 anos, apenas anotou un tiro libre, pero achegou seis rebotes e sobre todo tres tapóns a un pobre sophomore, Julian Wright, que tivo que saír escocido do partido. Luis Scola e Carl Landry apoiárono perfectamente no xogo interior. O arxentino, un dos xogadores máis regulares da Liga anotou 14 puntos e apañou 12 rebotes (leva 26 dobles-dobles esta temporada, os mesmos que Gasol ou Paul Millsap). Partido curioso o de Ron Artest, que rexistrou unha pésima porcentaxe de 0 de 11 en tiros de campo nos dous primeiros cuartos. Non se arredou e despois de cravar catro seguidas acabou sendo un dos artífices da vitoria do seu equipo con 18 puntos. Esta racha coincidiu cun parcial de 16-2 que serviu para darlle a volta a un partido que os Hornets gañaban por 11 (55-44). Chris Paul (29 puntos, 11 asistencias) e David West (16 puntos, 13 rebotes), foron como sempre os mellores do seu equipo.
Resultado curioso o de Oklahoma, onde os Thunder se impuxeron aos Spurs con exiguo marcador (76-78). Durant anotou 25 puntos pero a clave do partido estivo na superioridade dos homes do banco dos Thunder sobre a segunda unidade de Oklahoma. De feito, nos dez primeiros minutos San Antonio ía gañando de 17 puntos. A derrota empañou o partido 1.000 de Gregg Popovich como adestrador da NBA.
No resto de partidos malleira dos Nuggets aos Nets (96-121) e dos Bobcats a uns lastimeiros Raptors (86-112) e vitoria cómoda dos Blazers na cancha dos Grizzlies (103-92). (Foto de Mutombo da web da NBA)

O BREOGÁN DESTITÚE A PACO GARCÍA

No Breogán sentou fatal a derrota do pasado sábado en Valladolid (79-62), despois de encaixar un parcial de 30-10 no terceiro cuarto. O equipo lugués, cun plantel que opta ao ascenso, foi incapaz de gañar ultimamente ante os equipos fortes da competición: Lucentum Alacante, Valladolid e Melilla. É por iso que a directiva optou esta noite por destituír a Paco García do cargo de adestrador, segundo informa El Progreso. O presidente do Breogán, Raúl López, di que a decisión foi “moi dura para o Consello de Administración (...) pero polo ben de todos, incluído o técnico, pero sobre todo polo ben do Breogán decidimos que Paco García deixe de ser o adestrador do Breogán”. O equipo lugués é na actualidade cuarto clasificado na Liga Regular. Ten practicamente asegurada a súa presenza nos playoffs, que xogan os equipos entre o 2ª e o 9ª –o primeiro ascende directamente- mais cómpre acadar a mellor clasificación posible para asegurar bos cruces e o factor cancha. A aposta do Breogán polo ascenso é clara. A un equipo no que salienta especialmente Brian Cusworth, uniuse nas últimas semanas o base italiano Andrea Pecile, talentoso xogador procedente da ACB. Especúlase agora co substituto do vallisoletano e soan os nomes de Manel Comas, Gustavo Aranzana e Sergio Valdeolmillos. Sexa quen sexa, estará obrigado a gañar este sábado no Pazo dos Deportes a un irregular Grupo Begar León. (Foto recollida na web da FEB)