04/02/2009

QUE ACONTECE POLO SUR?

Que acontece polo Sur? A priori nada novo. O Porto, que adestra o Jesualdo Ferreira, é líder un ano máis por diante do Benfica do ex técnico valencianista Quique Sánchez Flores e do Sporting de Lisboa. Máis ou menos o de todos os anos. Pero se ollamos ao cuarto clasificado aparece unha equipa pouco habitual de escudo peculiar con raqueta, pá de cricquet e balón de baloncesto e ningunha referencia futbolística. Trátase do Leixões, unha equipa moi modesta da vila de Matosinhos, no extrarradio do Porto. Pouco habitual na primeira portuguesa, ascendeu a campaña pasada á máxima categoría coincidindo co centenario da fundación do club. A estas alturas aparece de cuarto na táboa, pero até fai ben pouco chegou mesmo a ocupar o liderato despois de sonadas vitorias en Alvalade (0-1) e no Estadio do Dragão (2-3). Non é, porén, a maior fazaña na historia deste club, pois en 2002, estando na Segunda B, xogaron a final da Taça de Portugal (perdérona co Sporting), converténdose, seica, deste xeito, na primeira equipa europea que disputa a UEFA sen estar na máxima categoría do seu país.

Nenhum comentário:

Postar um comentário