08/02/2009

O DECLIVE DO CHELSEA

O Chelsea empatou (0-0) na casa contra o modesto Hull City nun partido no que dominou lixeiramente pero no que mesmo puido saír derrotado se os tigers aproveitan algunha das ocasións claras das que dispuxeron, a maioría delas por mor dos erros defensivos do brasileiro Álex. Con este empate, o Chelsea perde o tren do campionato. O Manchester United e o Liverpool parecen inalcanzábeis e mesmo o sólido Aston Villa comeza a pór terra de por medio. Os blues deberán xa que logo aferrarse ao cuarto posto que dá acceso a champions, onde só parecen ser unha ameaza o Arsenal, outro equipo en horas baixas, e un emerxente Everton, que vén de reforzarse cun xogador importante para suplir as súas carencias ofensivas: o brasileiro Jo Alves. O caso é que dá a impresión de que o Chelsea é un equipo que comezou a experimentar o seu declive. Xa non é o Chelsea aquel equipo absolutamente temíbel dos tempos de José Mourinho que ofreceu eliminatorias vibrantes na Champions contra o Barça e que gañou dúas premiers seguidas. Aquel equipo era fascinante, dunha forza, empuxe e pegada poucas veces vistas no fútbol mundial, e cun Robben xenial, por certo, que parece que ao holandés algúns acaban de descubrilo aínda agora. Un primeiro momento de crise no xogo do Chelsea deuse coa chegada de Shevchenko e Ballack, dous xogadores especialmente caros e lonxe do seu mellor momento, que obrigaron a modificar o esquema de xogo do equipo. Mourinho conseguiu manter a competitividade do equipo, en detrimento da pegada, que se reducía en boa medida ao talento e loita de Drogba. Porén, Mourinho marchou no que parecía ser un primeiro síntoma de desartellamento dun equipo senlleiro. Avram Grant soubo manter a grandeza do club a partir dunha idea moi sinxela, non desfacer o que Mourinho construíra. Deste xeito o Chelsea loitou a pasada campaña pola Premier e xogou a final de Champions por vez primeira. Pero esta tempada preocupantes fendas comezan a abrirse paso na fortaleza. O equipo antes zoupón é agora máis ben un equipo pesado ao que lle costa máis que antes elaborar o xogo; a baixa de Drogba demostrou que non é bo ter excesiva dependencia dun só xogador, a chegada dun grandísimo xogador coma Deco máis que incrementar as posibilidades do plantel, iniciou unha batalla de egos de pésimas consecuencias. Por outro lado, parece que Abramovich xa non está tan disposto a destrozar o mercado como facía antes. Ten competidores voraces, e el ten xa a experiencia abonda como para saber que os títulos, e os bos equipos, non se conseguen só a golpe de billeteira.

Nenhum comentário:

Postar um comentário