08/02/2009
AS SETE SEGUIDAS DO MADRID
O Real Madrid gañoulle onte por 1-0 ao Racing de Santander e acadou deste xeito a súa sétima vitoria consecutiva no campionato ligueiro. É este un dato importante que fala bastante ben do traballo que está a facer Juande Ramos no equipo branco dende a súa chegada. A maioría destas sete vitorias foron pola mínima, e conseguidas con bastantes apuros, na maior parte dos casos cun fútbol que non alcanzou en absoluto a excelencia. Pero estas vitorias manteñen a frote o equipo nun momento de grave crise institucional. Ao meu entender, esta cifra de sete vitorias consecutivas fala do incríbel carácter e fortaleza psíquica dun equipo que leva tres anos seguidos demostrando unha máxima competitividade nas circunstancias máis adversas. Un equipo constantemente comparado cos demais, cando non co seu propio pasado, cuestionado sempre apesar dos resultados. O caso é que este Madrid non vende tanto fogos de artificio como un compromiso recio cimentado no vestiario que fai agromar o espírito gañador nos momentos máis difíciles. E aí é onde eu cheiro o traballo extraordinario de Fabio Capello, home deostado polos principais grupos mediáticos do madridismo, pero que soubo abstraer aos xogadores do abafante ambiente do exterior, e convencelos na intimidade do vestiario da súa calidade e das súas posibilidades como equipo. Así lle gañou o Madrid as dúas últimas ligas ao xenial Barça de Rijkaard, con vitorias agónicas pero vitorias ao fin e ao cabo. O Madrid, a día de hoxe, ten os alicerces para crear un grande equipo de cara o futuro. Porén, o madridismo vive instalado na insatisfacción permanente, así que non tardarán en chegar os mesías que mercan fume a golpe de talonario para satisfacción duns seareiros que viven máis pendentes do que din determinados personaxes na prensa ou na radio, que do que acontece realmente no campo de fútbol.
Marcadores:
Barcelona,
Fabio Capello,
Frank Rijkaard,
Fútbol,
Juande Ramos,
Racing de Santander,
Real Madrid
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário