13/02/2009
O DOMINIO DO TAU
Se falamos de baloncesto europeu é xusto dicir que esta temporada, con diferencia, o equipo máis forte é o Tau Baskonia. Líder destacado na Liga regular española con só unha derrota en 21 partidos e líder do seu grupo no Top 16 da Euroliga, gaña os seus partidos cunha facilidade e superioridade abraiantes. Tendo en conta o baixón experimentado esta campaña con respecto á anterior polos grandes do básket europeu como CSKA, Macabbi ou Panathinaikos, poderiamos aventurar que o Tau eríxese no gran favorito para o máximo trofeo europeu. Do mesmo xeito, na Liga, só o Barcelona parece ameazar o obxectivo dos baskonianos. Mirar o plantel do equipo vitoriano é decatarse do enorme potencial de cada xogador, comezando por Igor Rakocevic, ao que esta temporada se lle ve con máis ambición que nunca, máximo anotador da Liga, aparecendo sempre nos momentos decisivos; Splitter parece xa practicamente recuperado dos seus problemas físicos de principio de temporada, aparece nos primeiros postos de case todas as estatísticas indiviuais da Liga, pero salienta especialmente que apareza como segundo mellor recuperador de balóns. O mellor recuperador, porén, Pablo Prigioni, o base arxentino que le con total intelixencia o xogo do equipo e sabe exactamente que lle pide cada compañeiro. A súa achega anotadora decrece cos anos pero aparece só nos momentos difíciles, como lle acontece os xogadores grandes. E logo está Pete Mickeal, ao que xa coñeciamos abondo os breoganistas pero que sen facer moito ruído demostrou que é un xogador fundamental para o TAU. MVP das pasadas finais, esta temporada a súa aportación está a ser tamén espectacular. Pete aparece sempre que o resto dos compañeiros esmorecen nalgunha faceta do xogo. Que non rebotea quen ten que rebotear, rebotea Mickeal, que non anota quen anota sempre, anota Pete Mickeal, etcétera. A maiores, falar doutros xogadores como Sergi Vidal, Mirza Teletovic, Will McDonald, San Emeterio, etcétera, é comprobar como hai banco abondo para competir con garantías, se ben nese sentido, penso que o TAU non ten tanta profundidade como algúns dos seus competidores. Por exemplo, o Barça.
Marcadores:
Baloncesto,
Igor Rakocevic,
Pablo Prigioni,
Pete Mickeal,
TAU,
Thiago Splitter
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário