O Rosalía mellorou a imaxe da pasada xornada ante o La Palma, pero foi incapaz de gañar ante un Cáceres 2016 que colleu axiña vantaxe no marcador e non a abandonou en todo o partido (82-79), inda que Kamrrom Taylor chegou ter a oportunidade de forzar a prórroga na última posesión. Finalmente perdeu a bola e o equipo santiagués afúndese no posto de pechacancelas do campionato a un partido do Illescas, que sumou a súa novena derrota consecutiva, e a dous do Gandía, que marca a salvación e que vén de rexistrar unha espectacular xeira de tres vitorias consecutivas. Con todo, hai datos positivos que extraer do partido dos santiagueses. Por exemplo, que Taylor volveu brillar na posición de base ou que Miguel Montañana impuxo unha vez máis o seu poderío e a súa capacidade de loita baixo os aros. Foi o home de maior valoración no equipo (25) grazas aos seus 17 puntos, 8 rebotes e 4 asistencias. Por outra banda, onte volveu aparecer a mellor versión de Giorgios Dedas, despois do partido penoso da pasada semana. Desta vez anotou 18 puntos cun gran 4 de 7 en triples, e colaborou no xogo colectivo con 6 rebotes e 4 asistencias. Debutaron as dúas novas fichaxes: boa actuación do pívot grego Georgios Pavlidis que colaborou no xogo interior con 8 rebotes -o Rosalía foi notablemente superior ao seu rival nesta faceta do xogo (25-41)- e 9 puntos, demostrando que é un home alto con bo tiro exterior pois anotou o triple que intentou. O outro debutante, o escolta Alan Daniels, en cambio, estivo por debaixo das expectativas e terá que adaptarse antes á dinámica do equipo para ser unha peza relevante. Á modesta actuación de Daniels, hai que sumar no aspecto negativo, outra mala xornada do irregular Nana harding cun único punto, e de Sandi Cebular que despois e rematar o partido da semana pasada con cero puntos, onte rematou apenas con tres grazas a un triple. O equipo de César Iglesias emendou os problemas anotadores dos dous últimos partidos e volveu demostrar o nível comprtitivo desta segunda volta, mais fáltalle aínda a pegada suficiente para gañar os partidos. Ogallá que as novas fichaxes acaben sendo xogadores relevantes e que o resto dos compoñentes do plantel dean o 125% do seu rendemento de aquí ao final da temporada para acadar o difícil reto de saír do pozo no que está metido o equipo santiagués. Pola súa banda o Breogán venceu brillantemente (88-80) en Lugo a un duro rival, o Tenerife Rural, nunha nova exhibición do xenial Brian Cusworth, o mellor do partido con 16 puntos (88% en tiros de campo), 13 rebotes, 2 asistencias e 3 roubos de balón. Debutou cos lugueses o italiano Andrea Pecile cunha actuación discreta (5 puntos e 5 asistencias en 20 minutos). Se o talento de Pecile se adapta axiña ao equipo, xunto con Brian Cusworth os lugueses convértense en favoritos para o ascenso. (fotos da web do Rosalía)
07/03/2009
AFÚNDESE O ROSALÍA, VENCE O BREOGÁN
O Rosalía mellorou a imaxe da pasada xornada ante o La Palma, pero foi incapaz de gañar ante un Cáceres 2016 que colleu axiña vantaxe no marcador e non a abandonou en todo o partido (82-79), inda que Kamrrom Taylor chegou ter a oportunidade de forzar a prórroga na última posesión. Finalmente perdeu a bola e o equipo santiagués afúndese no posto de pechacancelas do campionato a un partido do Illescas, que sumou a súa novena derrota consecutiva, e a dous do Gandía, que marca a salvación e que vén de rexistrar unha espectacular xeira de tres vitorias consecutivas. Con todo, hai datos positivos que extraer do partido dos santiagueses. Por exemplo, que Taylor volveu brillar na posición de base ou que Miguel Montañana impuxo unha vez máis o seu poderío e a súa capacidade de loita baixo os aros. Foi o home de maior valoración no equipo (25) grazas aos seus 17 puntos, 8 rebotes e 4 asistencias. Por outra banda, onte volveu aparecer a mellor versión de Giorgios Dedas, despois do partido penoso da pasada semana. Desta vez anotou 18 puntos cun gran 4 de 7 en triples, e colaborou no xogo colectivo con 6 rebotes e 4 asistencias. Debutaron as dúas novas fichaxes: boa actuación do pívot grego Georgios Pavlidis que colaborou no xogo interior con 8 rebotes -o Rosalía foi notablemente superior ao seu rival nesta faceta do xogo (25-41)- e 9 puntos, demostrando que é un home alto con bo tiro exterior pois anotou o triple que intentou. O outro debutante, o escolta Alan Daniels, en cambio, estivo por debaixo das expectativas e terá que adaptarse antes á dinámica do equipo para ser unha peza relevante. Á modesta actuación de Daniels, hai que sumar no aspecto negativo, outra mala xornada do irregular Nana harding cun único punto, e de Sandi Cebular que despois e rematar o partido da semana pasada con cero puntos, onte rematou apenas con tres grazas a un triple. O equipo de César Iglesias emendou os problemas anotadores dos dous últimos partidos e volveu demostrar o nível comprtitivo desta segunda volta, mais fáltalle aínda a pegada suficiente para gañar os partidos. Ogallá que as novas fichaxes acaben sendo xogadores relevantes e que o resto dos compoñentes do plantel dean o 125% do seu rendemento de aquí ao final da temporada para acadar o difícil reto de saír do pozo no que está metido o equipo santiagués. Pola súa banda o Breogán venceu brillantemente (88-80) en Lugo a un duro rival, o Tenerife Rural, nunha nova exhibición do xenial Brian Cusworth, o mellor do partido con 16 puntos (88% en tiros de campo), 13 rebotes, 2 asistencias e 3 roubos de balón. Debutou cos lugueses o italiano Andrea Pecile cunha actuación discreta (5 puntos e 5 asistencias en 20 minutos). Se o talento de Pecile se adapta axiña ao equipo, xunto con Brian Cusworth os lugueses convértense en favoritos para o ascenso. (fotos da web do Rosalía)
06/03/2009
A CRISE DOUTRO HISTÓRICO: O AROUSA
Falabamos fai dous días da folga dos xogadores do Teucro, que se mantén inda que acudirán a xogar mañán a Eibar contra o Arrate. Pois ben, outro club clásico, neste caso do fútbol galego: o Arousa S.C., vive unha situación semellante. Sumido en postos de descenso da Terceira galega, os xogadores levan catro meses sen cobrar e esta noite decidirán se se presentan mañán a xogar contra o Coruxo. A súa reivinidcación é que se lles paguen cando menos dúas das mensualidades pendentes pero o presidente do equipo de Vilagarcía, José Manuel Gómez, alega que non pode facer fronte aos pagamentos entrementres non cobre as subvencións concedidas e lle paguen as cantidades correspondentes aos valos de publicidade no estadio da Lomba. O equipo da oitava cidade de Galicia toca fondo nunha crise que se vén prolongando nos últimos anos, de continuos fracasos deportivos e un constante afastamento da masa social. Porén, hai que lembrar que o Arousa, fundado en 1940 é un clásico do fútbol galego, sendo o seu maior fito disputar no ano 1951 a Liga de 2ª División. Vilagarcía foi o primeiro lugar do Estado español no que se disputou un partido de fútbol. Foi o 26 de xuño 1873 cando mariñeiros dun cargueiro inglés baixaron á vila para xogar un partido ante a perplexidade dos vilagarciáns.
05/03/2009
TEMPOS DE JAZZ
No partido máis atractivo da madrugada de onte na NBA, o que enfrontaba aos Rockets -que sumaban oito vitorias nos dez últimos partidos- contra os Jazz-nove vitorias nos últimos dez partidos-, impuxéronse os de Jerry Sloan por 94-101 despois dun xogo que chegou igualado ata o final e no que salientaron as actuacións individuais do gran Deron Williams con 26 puntos -10 deles no último cuarto- e 14 asistencias, e Carlos Boozer, o pívot de Alaska que asinou a súa mellor actuación dende o seu retorno tras lesión con 20 puntos e 17 rebotes. Nos Rockets foi Ron Artest, quen anda especialmente fino, o que deu a cara na faceta anotadora no seu equipo con 25 puntos -con cinco triples de oito intentos-. Con esta vitoria, os Jazz demostran que con todos os seus efectivos- ademais da lesión de longa duración de Boozer tamén perderan partidos ao comezo da temporada outros xogadores como Kirilenko ou Deron Williams- son un equipo temible. De estar fóra dos postos de play off durante boa parte da Liga Regular, aspiran agora ao terceiro posto, en loita cos Nuggets e cos Hornets, ou mesmo ao segundo visto o baixón nos últimos partidos dos desconcertantes Spurs. Deron Williams é un base único, capaz de dirixir o xogo mellor que ninguén e incisivo na anotación cando lle cómpre ao equipo, Paul Millsap, Okur e Boozer son un potencial anotador e reboteador no xogo interior, o polivalente Kirilenko segue sendo un dos mellores sextos homes da liga, e secundarios como Korver, Miles, Harpring ou Ronnie Brewer completan un plantel hipercompetitivo que da man do veterano Jerry Sloan poden aspirar a chegar ao máis lonxe, cando menos máis aló das semifinais de conferencia nas que caeron a pasada temporada cos Lakers a seis partidos.
Marcadores:
Baloncesto,
Carlos Boozer,
Deron Williams,
Jazz,
Jerry Sloan,
NBA,
Rockets
EMOCIONANTE ATHLETIC
Que grande o Athletic! Hai que ser moi duro para non compartir a emoción que se vivíu onte en San Mamés. Ledicia inmensa de toda unha cidade por algo que para outros non pasa de pequena satisfacción. Se nos últimos anos moita xente cuestionaba a pertinencia de continuar co peculiar modelo do Athletic de aposta decidida por xogadores da casa contra vento e maré, inda arriscando enormemente no deportivo pois o fútbol virou un inmenso negocio global e despiadado, onte houberon que calar e sumarse á emoción que transmitía o estadio de San Mamés cheo de seareiros enfardados de roxibranco, cantando os 90 minutos; ás colas á intemperie dende dúas noites antes para conseguir unha entrada; á celebración do segundo gol de Llorente que parecía o gol decisivo na Final do Mundial; á invasión do campo ao remate do partido que lembraba emocións xa case esquecidas como o ascenso do Dépor fai case 20 anos. O fútbol virou por fin emoción real, compartida e compartible polos que independentemente das nosas cores valoramos no fútbol algo máis que ten que ver coa emoción e co sentimento que fai que as vitorias haxa que valoralas non tanto pola súa cantidade como pola súa calidade. O Athletic, o segundo equip que máis Copas ten no seu palmarés, volve a unha final 24 anos despois! E a final será grande pois enfrente estará o Barcelona, o equipo con máis títulos e o mellor rival posible para unha xornada mítica. E falando de todo isto hai que reivindicar a figura de Joaquín Caparrós, ao que alén das filias e das fobias que poida despertar, demostrou unha vez máis que é capaz de extraer o máximo rendemento dun plantel modesto e inexperto, e de aproveitar todas as circunstancias extradeportivas ao seu favor. Onte a eliminatoria había que gañala no plano emocional e por esa vía apostou o Athletic dende o comezo do partido. E atopou o primeiro gol axiña, nunha xogada que transmite a esencia dun estilo de xogo xa centenario. Balón á área, dianteiro que a gaña por riba e centrocampista, Javi Martínez, que aparece dende atrás para rematar de cabeza, rexeite do porteiro e gol e un estadio cheo e entregado a ruxir canda os seus leóns. O Athletic non se arredou e perseverou no seu estilo, ante un Sevilla noqueado, pois se ben tamén lle concedera importancia á eliminatoria, tivo que recoñecer que nunca poderían competir en emoción e ambición cos que tiñan enfrente. Por iso chegaron o 2-0, Llorente de cabeza, e o 3-0 nunha fermosa contra con xenial pase de Llorente e definición do racial Toquero, para practicamente dar por rematado o traballo. O Sevilla procurou a reacción no segundo tempo pero nunca puido cun equipo ao que lle ía a vida en cada balón aéreo ou en cada balón cruzado. A final será ante o mellor dos rivais posibles, o Barcelona, que porén volveu demostrar que está nun preocupante estado de esgotamento físico e mental. Onte estiveron a piques de deixar ir unha eliminatoria que tiñan encarreirada ante un rival que no plano emotivo debemos situar nos antípodas do Athletic, o frío Mallorca que, en cambio, sen facer moito, conseguiu o 1-0 antes do descanso con golazo de Castro e a piques estivo de empatar a eliminatoria ao pitar o árbitro penalti e expulsión de Martín Cáceres (m.50). Nuns tempos nos que se cuestiona tanto a Víctor Valdés, erixiuse Pinto en heroe ao deter o lanzamento de Martí. Daquela Guardiola decidíu darlle entrada a Leo Messi e o partido rematou. O arxentino demostroulle ao Mallorca que el só era quen de mudar o sentido da eliminatoria e os baleares baixaron os brazos. O 1-1 de Messi no m.80 deixaba a eliminatoria sentenciada e confirmaba a final soñada por moitos: Athletic-Barça, 25 anos despois daquela outra final mítica no Bernabeu, no último partido de Maradona coa camiseta blaugrana, que gañou o Athletic con gol de Endika Guarrotxena e que acabou nunha lea inesquecible ao remate do partido impulsada por Maradona, quen aquela mesma temporada sufrira a grave lesión pola entrada de Goikoetxea, e lembrada especialmente pola criminal patada polas costas de Paco Clos a Miguel Ángel Sola. (Foto collida no blog Kirolez Blai dos blogs da Eitb)
Marcadores:
'Chori' Castro,
Athletic de Bilbao,
Barcelona,
Copa,
Fernando Llorente,
Fútbol,
Javi Martínez,
Joaquín Caparrós,
Leo Messi,
Mallorca,
Pinto,
Sevilla,
Toquero
04/03/2009
CO UNITED TODO PARECE FÁCIL
O Manchester suma nada menos que once vitorias consecutivas no campionato ligueiro e vendo calquera partido do United parece que poderían seguir gañando ducia tras ducia mentres lles pete porque fano cunha facilidade pasmosa. Tanto ten que o contrario se lles encerre atrás ou que lles plante cara e se lles adiante no marcador. O United como se nada, como os galáns das películas vellas, logo che parte a queixada sen engurrar o smoking. Onte co Newcastle, en Saint James´foi algo polo estilo. O Newcastle marcou cedo, por medio do dinamarqués Lovenkrands, quen aproveitou un erro impropio dun porteiro que estaba a establecer unha impresionante marca de imbatibilidade, Van der Sar, que non soubo atallar un disparo sen demasiado perigo de Jonás. Os urracas aínda dispuxeron dalgunha outra ocasión clara para marcar o segundo, sobre todo nos pés dun bulideiro Oba Martins. Pero o Manchester nunca ten présa, sabe que cando a necesite será cuestión apenas de cambiar de marcha. Fíxoo Rooney convertendo un inofensivo balón na área, nun espléndido zurdazo que deixou a Harper, o gardarredes do Newcastle, estantío. Co empate, ao Manchester abondoulle co seguir co seu xogo de presión defensiva arriba e completa mobilidade dos homes de diante. Sen necesidade de crear grandes ocasións, é tal a sensación de achuche que os defensas acaban errando, como Stephen Taylor, o lateral dereito, que quixo pasarlle co peito o balón ao seu porteiro dentro da área. Fíxoo tan mal que lle deu tempo a Park de tocar o balón para que Berbatov marcara. O Manchester non fixera tampouco gran cousa pero xa tiña o partido no peto, merecidamente e sen ter pasado grandes apuros. Coa vitoria de hoxe, o United mantén os sete puntos de vantaxe sobre Chelsea e Liverpool e inda cun partido menos-o aprazado por mor da final da Carling-. No resto da xornada cómpre salientar a contundente vitoria do Tottenham por 4-0 ante o Middlesborough que viña de gañarlle ao Liverpool. Marcaron para os Spurs Robbie Keane, Pavlyuchenko e por dúas veces Aaron Lennon, que está nun espléndido momento de forma. O Aston Villa confirmou que non está ben. Perdeu por 2-0 no campo do Manchester City, no que marcaron Elano de penalti e Shau Wright Phillips. Tampouco acaba de arincar o Everton, condenado pola súa falta de pegada malia a chegada de Jô Alves. Onte asinou o seu enésimo empate a ceros da temporada, desta volta no campo do Blackburn. (Foto de Rooney de Gordonflood)
Marcadores:
Alex Ferguson,
Berbatov,
Blackburn,
Fútbol,
Lovenkrands,
Manchester City,
Manchester United,
Middlesborough,
Newcastle,
Premier,
Rooney,
Tottenham,
Van der Sar
FOLGA NO TEUCRO
Un dos clubes míticos do deporte galego, a Sociedade Deportiva Teucro de Pontevedra, fundada en 1945 e referente histórico do balonmán galego, vive esta semana unha situación crítica, acuciado polas débedas e cos xogadores en folga, cabreados polo incumprimento por parte do club das promesas para o pagamento de varias nóminas atrasadas a plantel e corpo técnico. O sábado hai partido contra o Arrate e os xogadores que levan dende o luns sen adestrar, están dispostos a plantar o partido se para o daquela non hai unha solución satisfactoria ás súas reivindicacións. O presidente interino da entidade, Evaristo Estévez, amosa a súa "desilusión" pola medida acordada polos xogadores e inda que ve improbable a desaparición do club pois dispón "dun bo traballo de canteira", é pesimista ao respecto da permanencia do Teucro na Asobal. De feito, o equipo xa ocupa postos de descenso cun punto con respecto do equipo que marca a salvación, o Alcobendas. Non quero entrar a valorar os feitos duns e doutros pois non dispoño da información abonda, mais tamén considero lexítimo o dereito duns traballadores a cobrar o seu xornal- hai que ter en conta que os profesionais do balonmán tampouco teñen soldos escandalosos senón que están máis perto dos do común dos traballadores-. Mais si que quero mandar unha voz de alerta para que a sociedade se interese pola situación dun club histórico ao que non se debe deixar desaparecer. Clubes como o Teucro son pezas fundamentais no tecido deportivo e social dun país, mais só reparamos para eles cando conseguen algún suceso. Despois viven eclipsados polos clubes de elite, e non sempre sequera polos galegos. Responsabilidade especial debera ter a Televisión de Galicia que nos últimos tempos descoidou notablemente o interese polos equipos pequenos e por todos aqueles deportes que non fosen fútbol, cando o seu papel é fundamental para crear e conservar afición.
AOS SIXERS FÁLTALLES ALGO
Os Sixers volveron dar unha de area, desta volta na súa propia cancha ante os Hornets (91-98). A última vez que se enfrontaran estes dous equipos falabamos admirados da exhibición de Chris Paul. Desta volta non foi necesario que CP3 repetise tal actuación.Onte foi máis ben discreta inda que sen agocharse nos momentos importantes. O verdadeiro protagonista dos Hornets foi David West con 30 puntos, 23 xa no descanso, e 10 rebotes. Do mesmo xeito, os triples en momentos decisivos de James Posey e Rasual Butler, impedíronlles aos Sixers consumar a remontada malia non perder a persepctiva do partido en ningún momento. André Miller e André Iguodala (58 dos 91 puntos do equipo) acapararon todo o xogo ofensivo do equipo, ante a pouca achega anotadora de homes outras veces importantes, especialmente Thaddeus Young e Marreese Speights no xogo interior, ou Lou Williams e Willie Green por fóra. Do mesmo xeito, Evans e Dalembert foron inferiores no rebote aos homes altos dos Hornets (50-39). O equipo segue sen arrincar despois do parón do All Star. Só van catro vitorias nos dez últimos partidos e inda que nunca se lles perde a cara aos encontros, falta aínda un punto de madurez e competitividade. Por outra banda, esta madrugada dispútase en Salt Lake City un apaixonante partido entre os dous equipos máis en forma da competición: Utah Jazz contra Houston Rockets. Os Jazz, xa con Carlos Boozer, suman nove vitorias nos dez últimos partidos, os Rockets oito. Estaremos atentos. Por último, dicir que os Pistons gañaron o seu terceiro partido seguido sen Iverson precisamente ante o seu ex-equipo, os Nuggets, nos que Billups foi o mellor con 34 puntos.
Marcadores:
Allen Iverson,
Andre Iguodala,
Andre Miller,
Baloncesto,
Chris Paul,
David West,
Hornets,
James Posey,
Jazz,
NBA,
Nuggets,
Pistons,
Rasual Butler,
Rockets,
Sixers
CUARTA SEGUIDA DE HIDDINK
Guus Hiddink segue reparando aos poucos á engrenaxe do Chelsea. Dende a súa chegada para substituír a Scolari, os londinenses suman catro vitorias seguidas -tres en Liga e outra en Champions-, e recuperan de vagar os seus sinais de identidade. O principal, sen dúbida, o rol protagonista do marfileño Didier Drogba, quen onte marcou o gol da vitoria (0-1) en Fratton Park contra o Portsmouth despois dun partido de claro dominio dos blues. O Chelsea segue agardando un tropezo do United, ao igual que o Liverpool que se impuxo (2-0) en Anfield ao Sunderland, con Mascherano xogando de lateral dereito e goles no segundo tempo do enrrachado Benayoun e do francés N´Gog. Pola súa banda, o Arsenal acabou no campo do pechacancelas West Brom, coa súa seca goleadora dos últimos catro partidos ligueiros. Gañou por 1-3 con dous goles do dinamarqués Bendtner, que os necesitaba como o comer, e outro de Kolo Touré. Chelsea e Liverpool agardan agora polo partido de hoxe do United, de resaca tras a vitoria na Carling Cup ante o Tottenham. Por certo, o xogador croata dos spurs, Luka Modric, vén de dicir que non atura a teatralidade de Cristiano Ronaldo. Poucos días antes, o seu compañeiro ruso Roman Pavlyuchenko consideraba a Berbatov, ao que fora substituír despois da marcha deste ao United, un esnob arrogante. Pavlyuchenko xa chegaba ben advertido a White Hart Lane, pois o ucraíno Rebrov, actualmente nas ringleiras do campión da liga rusa Rubin Kazan, dixéralle que tivera coidado nos exteriores do estadio pois está "inzado de negros". Vaites co vestiario do Tottenham!
Marcadores:
Arsenal,
Benayoun,
Bendtner,
Chelsea,
Drogba,
Fútbol,
Guus Hiddink,
Kolo Touré,
Liverpool,
Manchester United,
Modric,
N´gog,
Pavlyuchenko,
Portsmouth,
Premier,
Sunderland,
Tottenham,
WBA
03/03/2009
A QUENDA DE EUSEBIO
O Celta de Vigo decidíu por fin destituír a Pepe Murcia despois da humillación no Heliodro Rodríguez López, colofón dunha penosa temporada que a día de hoxe ten aos vigueses cinco puntos apenas por riba do descenso. Para substituílo, a directiva viguesa teima en apostar por un técnico sen experiencia, mais que foi xogador do mítico dream team, do mesmo xeito que Stoichkov. O de La Seca coñece ademais Balaídos pois formou parte do Celta como xogador entre 1995 e 1997. Nos últimos anos témolo visto a carón de Frank Rijkaard, do que foi estreito colaborador, polo que imaxinamos que no ánimo de Eusebio estará o gusto polo bo fútbol que o caracterizou tamén nos seus tempos de futbolista. O Celta, porén, non parece precisar tanto o bo fútbol como recuperar o carácter e o compromiso dos futbolistas. Apostar por un debutante é meritorio, mais non creo que para coller un equipo en crise a metade de temporada. Un tería apostado para iso por alguén máis curtido en cuestións de supervivencia. Por dicilo dalgún xeito, un da escola do bigote: David Vidal, Kresic, Mané... Porén, a afección viguesa respira pois vaise o que consideran o culpable de case todos os seus males. Non sería aconsellable que agarden agora que Eusebio sexa o responsable de todos os seus remedios. (Foto de Mutari)
Marcadores:
Celta,
Eusebio Sacristán,
Fútbol,
Pepe Murcia,
Segunda
BRIAN CUSWORTH
O pívot norteamericano do Breogán Brian Cusworth vén de ser designado MVP da 22ª xornada da Liga LEB Ouro despois do seu partido contra o Melilla do venres pasado, no que malia a derrota dos lugueses (89-87), anotou 27 puntos, capturou 5 rebotes, recuperou 5 balóns e puxo tres tapóns. O xogador de Missouri, de 2,13, está a completar unha temporada espectacular e é a grande esperanza dos breoganistas para retornar á ACB. Anotador, reboteador, espectacular recuperador de balóns, e sobre todo moi intelixente á hora de interpretar o xogo, Cusworth, formado na Universidade de Harvard e procedente do Tartu Ullikool estonio co que se proclamou campión de Liga e MVP, parece sumarse á lista de grandes americanos que deixaron a súa pegada na cidade galega que máis ama o baloncesto, xunto con Charlie Bell ou Pete Mickeal. Esperemos que o seu paso por Lugo non sexa efémero e que poida liderar o equipo galego na máxima categoría, entrementres agardamos que o Obradoiro anuncie definitivamente que fai coa praza que lle corresponde para a vindeira temporada. Supostamente a directiva anunciara que darían noticias, seica boas, despois das eleccións. Estamos agardando. Sería, francamente, un puntazo térmonos dúas equipas galegas na ACB. (Foto da web oficial do Breogán)
Marcadores:
Baloncesto,
Breogán,
Brian Cusworth,
Liga LEB
O SPORTING IMPONSE NO DERBI MINHOTO
Onte disputouse en Braga o último partido da xornada da Liga portuguesa: o chamado derbi do Minho entre dous equipos veciños: o Sporting Braga e o Vitória de Guimaraes, dúas equipas con traxectorias moi diferentes esta temporada. O Braga que dirixe o Jorge Jesus caracterízase por ser a equipa que mellor fútbol practica do campionato, mentres que o Vitória de Guimaraes, que adestra o mítico Manuel Cajuda, está nunha crise de resultados e xogo que pon en perigo o seu posto. Pois ben, onte o Vitória cedeu máis unha derrota, e van catro consecutivas e sen marcar un gol, ante un Sporting que se adiantou ben cedo por medio do Paulo Cesar, despois da enésima xogada combinativa dos bracarenses no que vai de temporada. O avanzado colombiano Rentería, cedido polo Porto, e o talentoso Luis Aguiar puideron ampliar a vantaxe no marcador antes do descanso mais non estiveron acertados. No segundo tempo Cajuda quixo procurar un revulsivo renunciando a un dos seus cinco centrais para poñer un dianteiro, mais a inoperancia atacante dos vimaranenses é notoria e non ameazaron apenas a porta do gardarredes Eduardo. O Sporting limitouse a ter o balón para asegurar o triunfo que alén da importancia de mantelo na cuarta praza empatado a puntos con Leixoes e Nacional, ten o regusto especial da vitoria ante un veciño.
Marcadores:
Fútbol,
Liga Portuguesa,
Sporting Braga,
Vitória de Guimaraes
02/03/2009
DETROIT, MELLOR SEN IVERSON
Os Pistons estaban sumidos nunha grave crise que mesmo facía perigar o posto de Michael Curry. Sumaban oito derrotas consecutivas e o xogo do equipo deixaba moito que desexar. Era claro que o equipo de Michigan saíra perdendo no intercambio Billups-Iverson. O que non estaba tan claro era que the answer fora ser unha rémora para que os Pistons deran a mellor versión deles mesmos. O caso é que o escolta de Hampton, Virgina, tivo que saír do equipo por unhas molestias nas costas e os Pistons gañaron e convenceron a domicilio en dúas das canchas máis complicadas do Leste: Orlando (93-85) e Boston (105-95). Richard Hamilton recuperou o seu esplendor anotador e o equipo xogou como tal, destacando a achega dos secundarios, entre eles Walter Herrmann, que anotou 11 puntos no Garden despois dunha temporada no ostracismo. Mirando máis aló, comprobamos un dato estarrecedor: o balance dos Pistons sen Iverson é de seis vitorias e ningunha derrota, mentres que con el na cancha é de 23-29. Agora as dúbidas dos analistas de Detroit é se os Pistons serán capaces de aproveitar esta boa xeira para que a volta de Iverson sexa un estímulo mais que un incordio. (Foto de Iverson de thanasim25)
Marcadores:
Allen Iverson,
Baloncesto,
Celtics,
Magic,
NBA,
Pistons
O BENFICA FRUSTRA O SOÑO DO LEIXOES
Xa falamos noutras ocasións da equipa revelación da Liga Portuguesa, o Leixões de Matosinhos. Pois ben, esta fin de semana tiña a oportunidade de acadar un fito histórico, ser o primeiro na Historia en gañar nunha mesma temporada nos campos dos tres grandes do fútbol portugués. Xa o fixera no Dragão do Porto por 2-3 e en Alvalade ao Sporting por 0-1. Onte era a quenda do Estádio da Luz, pero o Benfica frustrou o soño do equipo que dirixe brillantemente José Mota. Non foi sen apuros. O Leixões é unha equipa que se caracteriza polo súa extraordinaria seriedade táctica e por xogar o balón ao pé, inda que con moi pouca xente por diante dela. Onte seguíu os mesmos parámetros, inda que o Benfica conseguíu superar a arañeira dos de Matosinhos con certa facilidade nos primeiros minutos do partidos grazas á calidade da súa parella de arxentinos: Aimar e Di María. O gol, porén chegou despois dun erro defensivo do lateral franxivermello Laranjeiro, que lle permitiu a José Antonio Reyes gañar a liña de fondo e mandar un pase da morte que o defensa Elvis meteu na súa propia porta. O Leixoes non se achicou e intentou timidamente buscar o empate, por medio sobre toda da loita en solitario dos seus dous avanzados Braga e o Zé Manuel. Foi de balde. No segundo tempo, o partido continuou coa mesma tónica e o Benfica atopou o segundo gol nunha xogada que tamén comezou pola banda. O paraguaio Cardozo superou ao seu defensor, gañou a liña de fondo, e mandou un centro á testa do veterano Nuno Gomes, quen transformou habilmente. O partido parecía sentenciado, inda que o Leixoes seguía fiel ao seu estilo, agora con dous avanzados de refresco: Rodrigo e Sony e cunha circunstancia ao seu favor: ficar en superioridade numérica pola lesión do ex do Recreativo Carlos Martins cando xa esgotara Quique os tres cambios. Deste xeito, Rodrigo Silva aproveitou para reducir distancias. Parecía posible cando menos o empate pero o Benfica foi capaz de achicar as fendas da súa defensa e amarrou os tres puntos que lle veñen de perolas na súa loita polo título, pois no outro partido destacado da xornada, o que enfrontaba no Dragao os dous equipos que viñan de disputar eliminatorias de Champions, o Sporting de Lisboa e o Porto empataron sen goles nun partido pouco vistoso, no que os de Paulo Bento preferiron agardar atrás e non conceder ningún tipo de facilidade defensiva despois do estrago da Champions contra o Bayern. O Porto mantén o liderado con 42 puntos, dous máis co Benfica (40) e catro sobre o Sporting (38). Ao cuarto posto accede o Nacional de Madeira (35), que gañou 3-1 ao Acadêmica de Coimbra con dous goles de Mateus e outro do pichichi Nenê, igualando deste xeito ao Leixoes. O Sporting Braga podería sumarse a este grupo de gañarlle mañá ao Vitória de Guimaraes nun interesante derbi minhoto do que daremos boa conta.
TÍTULO E MEDIO DUNHA TACADA
O Manchester United acadou esta fin de semana título e medio dunha tacada pois venceulle brillantemente ao Tottenham Hostpur na final da Carling Cup mentres que na Liga o seu principal perseguidor, o Liverpool, perdía lamentablemente contra o Middlesborough (2-0), quedando a sete puntos malia contar cun partido máis a falta de once para que remate a competición. Onte, na Carling, O United proclamouse campión despois dunha final divertida e vibrante na que os dous equipos foron de cabeza pola vitoria con alternativas constantes nas dúas áreas. Parece incríbel que o partido puidera permanecer 120 minutos co 0-0 pois as oportunidades foron incontábeis. O Manchester apostou na súa aliñación inicial por Cristiano Ronaldo e Nani nos estremos con Tévez na punta acompañado polo canteirán Guelbeck. Scholes encargábase de distribuír o xogo cunha sencillez alucinante. Pola súa banda o Tottenham de Harry Redknapp, un equipo que parece incríbel que leve dúas temporadas tan pobres visto o potencial, un por un, dos seus xogadores, ofreceu a súa mellor versión: cun excelete Luka Modric na organización o xogo, un potente Zokora na recuperación e sobre todo un Aaron Lennon que foi un constante perigo para a defensa contraria, desbordando seguido e contando coas mellores ocasións dos spurs, anuladas case todas por un brillante suplente de Van der Sar, BEn Foster. No Tottenham, en cambio non estiveron desta volta á altura Pavlychenko, dianteiro que chegou con moita expectación ao fútbol inglés despois da súa espléndida Eurocopa e que non se cabou de aclimatar aínda ás illas, e Jermaine Jenas, un home importantísimo no Tottenham que onte pasou desapercibido. Cando o tempo regulamentario do partido estaba a piques de cumprirse, Cristiano Ronaldo estivo a piques de evitar a prórroga cun espléndido zurdazo que bateu violentamente contra o poste. Mais o empate fixo xustiza ao visto no campo, se ben debería reflectir varios goles nos casilleiros dos dous equipos. Na quenda dos penaltis o Manchester non perdoou metendo os catro que intentou (Giggs, Tévez, Ronaldo e Anderson), mentres que o Hotspur errou o primeiro: Jamie Hara enviou contra o corpo de Ben Foster e logo non puido parar a choreira en toda a noite, mentres que Bentley wuixo axustar tanto ca mandou fóra. Título para o United que viu, ademais, como esta fin de semana, o Liverpool ofrecía a súa por versión ligueira ante o Middlesbrough (2-0), despois da exhibición táctica no Bernabeu o mércores pasado. O Chelsea, porén, sumaba a súa terceira vitoria consecutiva con Hiddink no banco. Impúñase en Stanford Bridge ao Wigan con gol de Lampard no desconto. Tamén no desconto chegou o empate (2-2) do modesto Stoke City en Villa Park. O Aston Villa desínflase no treito final do campionato, cando aspiraba a consolidarse entre os grandes. O Arsenal sumou o seu quinto empate consecutivo sen goles, desta volta na casa e contra o Fulham, e ve como xa se lle pon a un punto o Everton, que sen Arteta, venceu brillantemente ao West Brom con goles de Cahill e Saha. (Foto de Scholes de Austin Osuide)
Marcadores:
Aston Villa,
Carling Cup,
Chelsea,
Everton,
Fulham,
Fútbol,
Liverpool,
Manchester United,
Middlesborough,
Premier,
Tottenham,
WBA,
Wigan
01/03/2009
MERECIDA E TRABALLADA VITORIA
Era un partido complicado. Perder, ou mesmo empatar, ante un equipo que levaba sete derrotas consecutivas e despois da debacle contra o Aalborg, tería sumido ao equipo nun estado de ánimo preocupante, cando o que queda por diante non deixa de ser máis que esperanzador pois o equipo xa pode dar por asegurada a permanencia e os únicos obxectivos á vista teñen que ver coa gloria de repetir participación en Europa, na UEFA, ou mesmo na Champions. E o equipo saíu a Los Pajaritos coa súa versión máis seria a domicilio, pechándolle ao contrario todos os espazos posibles cun granítico medio do campo, e procurando saír á contra con perigo nas poucas oportunidades dispoñibles. O guión saíu á perfección, agás por unha cousa, o gol, que tanto se resiste e que lle xogou unha nova mala pasada ao canteirán Lassad, quen por méritos propios e lesións e outros contratempos do resto de dianteiros, parece que vai disputar moitos minutos no que queda de temporada. Hoxe volveu telo nas súas botas nunha ocasión calcada á que dispuxo no seu debú contra o Vila Real, e desta volta evitou ben o porteiro mais non o pau na ocasión máis clara do Deportivo. Inda dispuxo doutra boa o equipo de Lotina aos poucos minutos, nun fermoso pase de Juan Rodríguez por riba da defensa contraria que baixou con calidade Lafita dun toque que deixou sentado ao porteiro pero que o obrigou a rematar algo escorado dándolle tempo ao defensor Boris a sacar o balón a córner. Co caro que lle está ao Dépor o gol, parecía que se desperdiciaran ocasións demasiado claras para amarrar o partido. O Numancia deu un paso adiante e dispuxo tamén da súa nunha fermosa parede de Aranda con Barkero que o dianteiro malagueño, o mellor con diferencia do seu equipo, estrelou contra o corpo dun gran Aranzubia, quen sen dúbida foi a gran fichaxe do Dépor esta temporada. Ao comezo do segundo tempo, o garda redes rioxano tivo outras dúas boas intervencións a disparos de Del Pino e Nagore. O Dépor perdera a frecura arriba e o partido tomaba un cariz preocupante, pois o empate parecía o resultado máis probable, inda que se alguén parecía poñer ánimo na vitoria era o equipo soriano, acuciado pola súa situación de pechacancelas. Mais o Dépor tivo paciencia e acabou atopando o gol grazas a unha arrincada racial de Lafita que superou un defensa, cruzou medio campo e agardou ao momento preciso para cederlle o balón a Juan Rodríguez, quen se incorporaba pola dereita e que soubo marcar inda dispoñendo de pouco ángulo. Os tres puntos teñen unha importancia máxima pois sitúan ao Dépor no vagón dos equipos que loitan pola UEFA e polo cuarto posto que dá acceso a Champions, coa expectativa dun vindeiro partido na casa contra o Racing. Esperemos que desta volta o Dépor non tire na casa o que consegue fóra, inda que os cántabros son un equipo afeito a sacar tallada de Riazor. O peor do partido, sen dúbida, as lesións de Zé Castro e Antonio Tomás, que serán baixa durante varias semanas por problemas musculares e que se suman a unha enfermería cada vez máis chea pois o plantel do Dépor comeza a acusar a esta altura da temporada a carga de partidos das tres competicións.
Marcadores:
Antonio Tomás,
Aranzubia,
Dépor,
Fútbol,
Juan Rodríguez,
Lafita,
Numancia,
Primeira,
Zé Castro
EN CAÍDA LIBRE
Esta semana a directiva do Celta quixo dar unha mensaxe de tranquilidade, amosando a súa confianza no plantel e no traballo do técnico Pepe Murcia, e situando os principais obxectivos do club no deseño da vindeira temporada. Era unha boa ocasión para que o Celta reparase a súa danada imaxe no campo dun dos equipos fortes da categoría: o Tenerife, terceiro clasificado. Pero non foi así porque aos dez minutos os vigueses xa tiñan dous goles encaixados. O estado anímico do equipo no seu conxunto está baixo mínimos e calquera circunstancia adversa parece insuperable. Cos dous goles en contra, o Celta non amosou a máis mínima capacidade de reacción- inda que por segunda semana consecutiva fixo un troco antes do descanso- e puido encaixar moitos máis goles de non ser polas intervencións do seu mellor home nesta nefasta temporada: Notario. Se no vestiario, durante o descanso, Pepe Murcia quixo insuflarlle algo de ánimo aos seus para o que quedaba de partido, pouco persuasivo puido ser, pois o equipo continuou coa apatia acostumada e un dos grandes goleadores da Segunda, Nino, puxo o 3-0 no 57. O Celta, de alí o final, adicouse a conservar o marcador, pois a inercia do partido podería ter desembocado nunha tremenda debacle. Nestas difíciles circunstancias, e cun tercio da temporada aínda por diante, o celtismo non ve trazas de recuperación mais ve xa a só cinco puntos o temido descenso. Unha situación crítica na que parece ser necsaria algunha medida que, cando menos, desentumeza a apatía instalada en todos os estamentos do club.
CO MADRID NOS CALCAÑARES
O Madrid esqueceu axiña a derrota do mércores na Champions, e sumou con merecemento ante o Espanyol a súa décima vitoria consecutiva na Liga, que o sitúa a catro puntos dun Barcelona que teima en darlle emoción á Liga. Hoxe sucumbíu á épica do Atlético de Madrid que conseguíu unha remontada histórica no seu campo (4-3) nun dos partidos máis vibrantes do que vai de Liga. O Madrid saíu ao Olímpic de Montjuic cunha aliñación algo diferente á dos últimos partidos, con Robben pegado á banda e Snejder na mediapunta para lles dar balóns aos dianteiros. Mais o papel determinante foi o de Raúl, quen baixou ata o centro do campo para apoiar a Lassana Diarra na circulación do balón. Foi a partir dese momento que os de Juande se sacudiron da presión inicial do Espanyol e comezaron a sentirse a gusto no campo, inda que as ocasións non fosen claras de todo. Ao descanso semellaba que a vitoria resultaría cara para un Madrid ao que lle faltaba un pouco máis de chispa. Juande procurouna unha vez máis coa entrada no campo de Guti e Marcelo. O brasileiro, fixado á banda esquerda, axudou a artellar un debuxo máis clásico e eficaz no mediocampo, mentres que Guti non acababa de cumprir coa principal función que tiña asignada: liberar a Raúl do seu traballo e asumir el a fluidez no xogo da pelota. Tanto tivo. Nunha falta dende a frontal, marcou un tremendo golazo pola escadra co que se puido reivindicar ante a súa afición. Co gol a favor, as cousas foron máis fáciles para o Madrid, pois o Espanyol apenas foi capaz de volver incomodar a área de Casillas. O segundo gol, de Raúl, nun espléndido lanzamento de primeiras dende a frontal a pase de Marcelo pechou o partido e confirmou a solidez da versión ligueira do equipo madrileño, que contrasta cos síntomas de esgotamento do brillante modelo barcelonista, que comeza a parecerse preocupantemente ao Arsenal da pasada temporada. Hai que salientar o partidazo de Lassana Diarra, espectacular na recuperación e sempre intelixente e prudente na saída da bola. No terceiro posto da taboa afiánzase o Sevilla, despois da súa vitoria por 1-2 en San Mamés, nun partido que anticipa o vibrante duelo da volta da Copa do vindeiro mércores. O Sevilla gañou grazas á actuación dun xogador simplemente xenial: Frederic Kanouté, que marcou dous golazos froito da súa clase, demostrando que é posiblemnte un dos tres mellores xogadores do mundo baixando o balón. Mención aparte merecen o enésimo empate do Vila Real, que segue sen saír da súa crise de resultados e o Valencia, que se mete nunha lameira despois da súa eliminación na casa ante o Dinamo de Kiev na UEFA e da derrota de hoxe, tamén no seu campo contra o Valladolid (1-2). Nestas circunstancias, a vitoria do Dépor ten unha importancia maiúscula pois permítelle asentarse na loita por un posto Champions e polos dous da UEFA. (Foto de Guti de ytoyoda)
Marcadores:
Athletic de Bilbao,
Atlético de Madrid,
Barcelona,
Betis,
Espanyol,
Fútbol,
Liga LEB,
Real Madrid,
Valencia,
Valladolid,
Vila Real
Assinar:
Postagens (Atom)
