O Manchester United chega sobrado á final da Champions. Ten tanta calidade, ofensiva e defensiva, que o Arsenal non lle chegou a nada. Se na ida, como contabamos, apenas houbera novas dos londinenses agás Almunia, na volta, no Emirates, as noticias do Arsenal apenas duraron oito minutos, ata que o United armou unha contra tan sinxela como perfecta para se adiantar no marcador. Certo é que escorregou Gibbs e permitiu a chegada franca de Park Ji Sung, pero a maneira como Anderson atopa a Cristiano por detrás da defensa e como o coreano chega polo segundo pao é un exemplo perfecto de como facer o fútbol fácil e bonito. Despois do mazazo do gol para o Arsenal, Cristiano encargouse, apenas tres minutos máis tarde, de sentenciar a eliminatoria cun novo trallazo de falta directa no que talvez Almunia puido facer algo máis. O de Madeira, ao contrario que o ano pasado, está comezando a aparecer nos momentos decisivos da temporada, marcando goles extraordinarios como o de Porto ou este de onte. Co 0-2 rematou a historia. O Arsenal intentouno, pero deixando ver todas as súas limitacións ante un United ordenado en defensa, con Rooney e Park facendo un magnífico derroche físico para tapar as bandas do equipo de Wenger. Do mesmo xeito, Cesc Fábregas pasou inadvertido polo xogo ante o dispositivo dos centrocampistas de Manchester. Ora Carrick, ora Fletcher, ora Anderson, sempre había alguén enriba del impedíndolle encarar a porta contraria. A contra do Machester era letal. O enorme dinamismo do centro do campo e dos avanzados de Ferguson daban lugar a un fútbol aseado e fluente que non tardaba en atopar o camiño despexado cara Almunia. O terceiro gol foi unha fermosísima contra de manual. Cristiano recupera balón na súa propia área e e fai un impresionante sprint de de 100 metros para rematar con precisión a magnífica asistencia de Wayne Rooney. O 1-3 foi anecdótico, penalti posiblemente xusto que supuxo a expulsión de Darren Fletcher, que non poderá xogar, xa que logo, a final de Roma. Esta é sempre unha das cousas máis tristes que lle pode pasar a un futbolista: perderse unha final nunha xogada irrelevante, cando o marcador xa está sentenciado. O United é merecedor da súa condición de finalista. A final, porén, ante Barça ou Chelsea, ha de ser máis complicada que estas semis ante un Arsenal, que malia mellorar o seu rendemento no treito final da temporada co retorno de Cesc Fábregas, semella estar aínda un chanzo por debaixo dos grandes de Europa. (Foto da web da UEFA)
07/05/2009
SOBRADOS
O Manchester United chega sobrado á final da Champions. Ten tanta calidade, ofensiva e defensiva, que o Arsenal non lle chegou a nada. Se na ida, como contabamos, apenas houbera novas dos londinenses agás Almunia, na volta, no Emirates, as noticias do Arsenal apenas duraron oito minutos, ata que o United armou unha contra tan sinxela como perfecta para se adiantar no marcador. Certo é que escorregou Gibbs e permitiu a chegada franca de Park Ji Sung, pero a maneira como Anderson atopa a Cristiano por detrás da defensa e como o coreano chega polo segundo pao é un exemplo perfecto de como facer o fútbol fácil e bonito. Despois do mazazo do gol para o Arsenal, Cristiano encargouse, apenas tres minutos máis tarde, de sentenciar a eliminatoria cun novo trallazo de falta directa no que talvez Almunia puido facer algo máis. O de Madeira, ao contrario que o ano pasado, está comezando a aparecer nos momentos decisivos da temporada, marcando goles extraordinarios como o de Porto ou este de onte. Co 0-2 rematou a historia. O Arsenal intentouno, pero deixando ver todas as súas limitacións ante un United ordenado en defensa, con Rooney e Park facendo un magnífico derroche físico para tapar as bandas do equipo de Wenger. Do mesmo xeito, Cesc Fábregas pasou inadvertido polo xogo ante o dispositivo dos centrocampistas de Manchester. Ora Carrick, ora Fletcher, ora Anderson, sempre había alguén enriba del impedíndolle encarar a porta contraria. A contra do Machester era letal. O enorme dinamismo do centro do campo e dos avanzados de Ferguson daban lugar a un fútbol aseado e fluente que non tardaba en atopar o camiño despexado cara Almunia. O terceiro gol foi unha fermosísima contra de manual. Cristiano recupera balón na súa propia área e e fai un impresionante sprint de de 100 metros para rematar con precisión a magnífica asistencia de Wayne Rooney. O 1-3 foi anecdótico, penalti posiblemente xusto que supuxo a expulsión de Darren Fletcher, que non poderá xogar, xa que logo, a final de Roma. Esta é sempre unha das cousas máis tristes que lle pode pasar a un futbolista: perderse unha final nunha xogada irrelevante, cando o marcador xa está sentenciado. O United é merecedor da súa condición de finalista. A final, porén, ante Barça ou Chelsea, ha de ser máis complicada que estas semis ante un Arsenal, que malia mellorar o seu rendemento no treito final da temporada co retorno de Cesc Fábregas, semella estar aínda un chanzo por debaixo dos grandes de Europa. (Foto da web da UEFA)
Marcadores:
Arsenal,
Champions,
Cristiano Ronaldo,
Fútbol,
Manchester United,
Park Ji Sung,
Rooney
04/05/2009
OS ROCKETS SORPRENDEN NO STAPLES
Os Houston Rockets deron a sorpresa no primeiro partido das semifinais da Conferencia Oeste ao derrotar (100-92) aos Lakers no Staples Center. Yao Ming foi o gran protagonista do partido. Anotou 28 puntos e colleu 10 rebotes. Nunha xogada con Kobe Bryant mancouse nun xeonllo e tivo que retirarse aos vestiarios para ser atendido. Logo voltou e o fixo con máis forza e enerxía que antes, sendo o xogador decisivo na vitoria do seu equipo. Artest, con 21 puntos, e Aaron Brooks con 19, foron outros xogadores claves no equipo de Nick Adelman. Pola contra, nos Lakers todos os xogadores estiveron por debaixo do seu rendemento habitual. Kobe Bryant fixo 32 puntos pero cun modesto 14 de 31 en tiros de campo e Gasol sumou 14 puntos e 13 rebotes se ben perdeu a batalla cos homes altos de Houston. Bynum pasou desapercibido, como é habitual dende que voltou da súa lesión e os homes do banco tiveron un partido discreto en exceso, mesmo Lamar Odom, que só achegou nove puntos. Os Rockets teñen agora do seu lado o factor cancha e ameazan seriamente aos Lakers, que parecían claros favoritos no Oeste. Phil Jackson terá que apretar aos seus homes para non permitir un novo tropezo na súa cancha que podería ser letal. (Xogador do partido: Yao Ming) Denver segue impoñente. O equipo de George Karl mantén a inercia gañadora das últimas semanas. É un equipo que desborda calidade, ilusión e agresividade. Había que ver como respondía no primeiro partido da serie ante Dallas Mavericks, moi serios na súa eliminatoria de primeira ronda ante San Antonio. Pero os de Colorado volveron ser despiadados (95-109). Xa no primeiro tempo apareceu o brasileiro Nenê Hilário para facer estragos na zona dos texanos. O pívot dos Nuggets, coa súa potencia e mobilidade, puxo en evidencia a Eric Dampier. Só na primeira metade anotou 18 puntos, para un total de 24 que é o máximo da súa carreira. Os 2 puntos de Carmelo, o bo traballo defensivo de Carter e a intensidade constante no xogo, abondaron para derrotar uns Mavericks nos que Nowitzki foi o máximo anotador do partido con 28 puntos. (Xogador do partido: Nenê Hilário)
Lebron, demasiado para os Hawks. É o ano de Lebron James. Está claro. Alén do merecido recoñecemento como MVP da Liga, o de Akron está a demostrar que é un xogador fóra do nromal. A súa soa presenza intimida a calquera. No primeiro partido ante os Hawks fixo 22 puntos no primeiro tempo e deixou tan atordoados aos de Mike Woodson, que o segundo foi coser e cantar para os Cavaliers. O marcador final (72-99) evidencia a superioridade de Cleveland na serie. A diferencia do resto dos equipos, Cleveland Cavaliers apenas están a sufrir desgaste na súa traxectoria polos playoffs. (xogador do partido: Lebron James)
Orlando ponse por diante. Sufriron os Celtics na primeira ronda ante os Bulls e claro está que tamén lle tocará sufrir nas semifinais ante Orlando Magic. Alén da baixa fundamental de Kevin Garnett os Celtics acumulan máis minutos que ninguén nas pernas. Pero algo non se lles pode negar aos actual campións: o espírito loitador. Cando parecía que o primeiro partido estaba perdido, cos Magic dominando de 28 no terceiro cuarto, os Celtics tiraron de orgullo e iniciaron unha remontada a falta de 16 minutos para o final que a piques estiveron de consumar. Finalmente acabaron morrendo na beira (95-90). Dwight Howard demostrou máis unha vez o seu poderío con 16 puntos e 22 rebotes mentres que Rajon Rondo volveu rozar o triple doble con 14 puntos, 10 rebotes e 8 asistencias. (Xogador do partido: Dwight Howard)
(Foto do espectacular peiteado de Ron Artest da web da NBA)
Marcadores:
Baloncesto,
Cavaliers,
Celtics,
Dwight Howard,
Hawks,
Lakers,
Lebron James,
Magic,
Mavericks,
NBA,
Nenê Hilário,
Nuggets,
Playoffs 08/09,
Rockets,
Yao Ming
PANATHINAIKOS CAMPIÓN
O Panathinaikos proclamouse campión da Euroliga despois de impoñerse nunha emocionante final ao CSKA de Moscova por 73-71. É o quinto título para o equipo grego e o sétimo para o seu técnico Zeljko Obradovic, que é deste xeito o máis laureado na historia da competición. O partido tivo dúas partes moi diferenciadas. Na primeira o equipo de Atenas deu a sorpresa ao amarrar perfectamente o potencial ofensivo dos rusos e con dous arreóns por cuarto (parciais de 0-10) chegar cunha vantaxe de 20 puntos ao descanso (48-28). Mais no segundo tempo todo mudou radicalmente. O CSKA axustou moito máis en defensa e Messina foi procurando solucións ofensivas. Pouco a pouco, os moscovitas foron reducindo a desvantaxe ata chegar a ter mesmo no último segundo a posibilidade de gañar de entrar un triple de Siskauskas. Foi un partido para os xogadores importantes. Jasikevicius, Spanoulis, Diamantidis e Fotsis lideraron o xogo dos seus, mentres que no equipo contrario era a quenda de Holden, Langdon, Smodis e Khryapa. Messina, ademais, procurou o revulsivo en Zoran Planinic, moi pouco utilizado ao longo da temporada, mais que na final dirixiu a remontada do seu equipo no segundo tempo. Con todo, a diferencia do partido contra o Barça, houbo tiros decisivos que non quixeron entrar, mentres que a Jasikevicius e Spanoulis non lles tremeu o pulso nos momentos importantes. Vassillis Spanoulis foi declarado MVP da Final. Lembramos o plantel campión desta edición 2008-2009: Drew Nicholas, Nikola Pekovic, Antonis Fotsis, Dusan Sakota, Dimitris Diamantidis, Vassilis Spanoulis, Nikos Hatzivrettas, Stratos Perperoglou, Mike Batiste, Fragiskos Alvertis, Sarunas Jasikevicius, Dusan Kecman, Kostas Tsartsaris, Dimitris Verginis. Técnico: Zeljko Obradovic. Como prestan os nomes gregos! Na Final de consolación o Barcelona superou con claridade ao Olympiacos do Pireo (79-95). (Foto da web da Euroliga)
Marcadores:
Baloncesto,
Barcelona,
CSKA de Moscova,
Euroliga,
Olympiacos,
Panathinaikos,
Vassilis Spanoulis,
Zeljko Obradovic
LASSAD, ARANZUBIA E OS TRES PUNTOS
O Dépor gañou un partido que o pon a dous puntos de UEFA e tamén da Champions. Foi, con todo, un partido moi diferente ao da pasada semana en Málaga. Se na Rosaleda o Dépor foi claramente superior e mereceu a vitoria, onte podemos darnos cun canto nos dentes de conseguir os tres puntos, pois os pucelanos dispuxeron, sobre todo no treito final do partido, dunha chea de ocasións para o empate que só frustraron a fortuna e un espléndido Dani Aranzubia. O partido comezou ben, marcando cedo. Unha vez máis funcionou a conexión entre os dous dianteiros. Nun centro a área Bodipo asistiu maxistralmente a Lassad, que controlou con frialdade no punto de penalti, dispuxo o balón para o remate e mandou un trallazo coa zurda imparable para Asenjo. Tendo en conta a importancia dos tres puntos as cousas non podían ir mellor, co marcador a favor ante un rival que non se xoga nada a estas alturas do campionato. Pero iso, precisamente, a falta de tensión, foi o principal argumento do equipo de Mendilibar que, con inusitada calma, decidiu ter o balón e non escatimar as oportunidades de chegar á area contraria. Na primeira media hora do xogo fóronse facendo devagar co control do balón e ante a falta de agresividade do Dépor, que apenas era capaz de facer unha falta e permitiu ata catro disparos claros dende a frontal da área. A mobilidade de Pedro León, Ogbeche ou Canobbio e o bo criterio na saída do balón dos mediocentros Borja e Álvaro Rubio, orixinaron moitas dúbidas nun Dépor que preferiu agardar por opcións para armar boas contras. Nunha puido sentenciar Bodipo despois dunha gran xogada en banda de Lassad. O marsellés mandou o centro que o sevillano perfilou de medo, pero Asenjo fixo unha excelente intervención e evitou o segundo. Coas mesmas dúbidas comezou o segundo tempo. O Valladolid puido marcar nun cabezazo de Ogbeche que Aranzubia enviou a córner na súa parada, talvez, máis espectacular da temporada. Ao cuarto de hora da reanudación o Dépor conseguiu conter durante un tempiño aos pucelanos. Inda que sen frescura nos homes de arriba, Lassad, coa súa calidade para xogar de costas e combinar cos compañeiros mellor desmarcados, abondou para xerar perigo na porta contraria. Faltou pegada e Mendilibar restruturou as súas pezas. Decatouse de que a banda dereita era un coladeiro ante a falta de axudas a Manuel Pablo e meteu a un atacante, Óscar Sánchez, por ese carril. Do mesmo xeito, puxo no campo o gra verdugo do Dépor nos últimos anos, Víctor. Só escoitar o seu nome por megafonía produciu arrepío en Riazor. Na punta de ataque sitouse un tipo de case dous metros: Pedro Oldoni, que gañou todo o xogo aéreo. Os últimos quince minutos foron un recital do Valladolid ante un Dépor canso e tácticamente roto. Ata cinco ocasións moi claras tiveron para empatar os branquivioletas. Aranzubia unhas veces e a fotuna outras permitiron que o Dépor amarrase finalmente os tres puntos que, vistos os resultados da xornada, poñen ao equipo nunha situación inmellorable para loitar pola UEFA e mesmo pola Champions League. Os dous obxectivos a día de hoxe están a apenas dous puntos.
O NACIONAL AMEAZA AO BENFICA
Nunha xornada na que o Porto deu un paso máis cara o título despois de gañarlle brillantemente ao Maritimo de Funchal con goles de Meireles- quen se lesionou nun xeonllo-, Rolando -outro máis deste central que se está inchando a marcar nas xogadas a balón parado-, e Tomás Costa, e despois de que o Sporting non conseguise pasar do empate sen goles en Coimbra ante a Acadêmica, prestaba ver o partido que enfrontaba na Choupana ao Nacional de Madeira e ao Benfica. O equipo de Quique Sánchez Flores, que xa está descartado para o título, sente agora na súa caluga o bafo dos madeirenses, que despois de vencer por 3-1, están a apenas dous puntos dos lisboetas. O equipo que dirixe o técnico de Gimarães Manuel Machado está a ser, con diferencia, o mellor, se obviamos os tres grandes. A diferencia doutros clubes como o Sporting de Braga ou o Vitória de Guimaraes, con planteis moi compensados e adestradores que gostan do fútbol vistoso, o Nacional distínguese por unha cousa: a pegada. Mentres que bracarenses e vimaranenses están a pagar a súa falta de gol, Nacional anda sobrado. Ten no seu plantel o máximo goleador do campionato, o brasileiro Nené, e dispón doutros xogadores coa pegada abonda para anotar. Conformado na súa maioría por xogadores brasileiros novos, Manuel Machado dispón un equipo con tres centrais e dous carrileiros que se incorporan seguido ao ataque. Pola dereita, o veterano Bruno Patacas, capitán e imprescindible xogador do equipo, é perfectamente coñecedor das súas limitacións, polo que sen destacar, fai sempre o máis acaído. Sube menos, en todo caso, que Alonso, o brasileiro que ocupa o carril esquerdo, rápido e técnicamente moi dotado, e que é un dos principais argumentos ofensivos do equipo. No centro do campo, dous mediocentros brasilieiros: Leandro Salino e Luis Alberto, danlle moita consistencia ao colectivo. Moi resistentes fisicamente, teñen criterio suficiente para sacar xogado o balón. Adiante deles atopamos a Rúben Micael, pretendido polo Dépor e outros grandes do fútbol europeo coma Arsenal, Porto ou Benfica. Está a ser unha das grandes sensacións do campionato. De apenas 22 anos e internacional con Portugal nas categorías inferiores chegou ao Nacional procedente doutro clásico do fútbol de Madeira, a União. É un mediapunta de calidade, cunha gran visión de xogo e moita chegada, que inda por riba fai un traballo incansable de apoio e recuperación no centro do campo. Contra o Benfica estivo inmenso e marcou o segundo nun espléndido disparo dende fóra da área axustado ao pao. Micael é a gran perla do Nacional xunto con Nenê, alcumado o Tigre da Choupana, que está liderando en solitario a clasificación de máximos goleadores do fútbol portugués con 17 goles en 23 partidos. Alto e forte, ten moito instinto para o desmarque e domina todo tipo de remates posibles, ademais de lucir a súa pólvora tamén nas xogadas a balón parado. O sábado marcou un espléndido gol, que abría o marcador, ao rematar de cabeza en prancha un bo centro do lateral Alonso. O angolano Mateus e João Aurélio complementan ben ao avanzado brasileiro. O Nacional é cuarto, distánciase do Sporting de Braga que está a pagar moi cara a súa falta de gol- volveu empatar, desta volta co Rio Ave-, e achégase en cambio ao Benfica, que está a completa unha triste temporada. A Quique fáltalle un dianteiro de referencia, o seu trío de mediapuntas: Aimar, Di Maria e Reyes están a confirmar a súa irregularidade, ao equipo no seu conxunto fáltalle espírito competitivo. O sábado, sen dúbida, o seu mellor xogador foi o lateral esquerdo David Luis, con certas semellanzas no seu xogo ao deportivista Filipe. Moi dotado tecnicamente incorpórase ao ataque como un centrocampista máis e dispuxo de tres ocasións claras de disparos dende fóra da área. Canto á parte baixa da táboa ocúpana actualmente o Trofense e os Belenenses. Rio Ave e Vitória de Setubal ocupan os postos de perigo xusto por diante. Mentres, na chamada Liga Vitalis, o Olhanense, equipo da vila de Olhão no Algarve que adestra un clásico: Jorge Costa, ex-defensa central do Porto e da selección portuguesa, o Santa Clara e o Leiria loitan polos dous postos de ascenso. (Foto da web do Nacional)
Marcadores:
Benfica,
Fútbol,
Liga Portuguesa,
Manuel Machado,
Nacional de Madeira,
Nenê,
Rúben Micael
XORNADA NEFASTA

Non puido ser peor para os intereses galegos a penúltima xornada da 2ªB. O principal candidato para o ascenso, o Racing de Ferrol, caeu con claridade en Abegondo, ante un Fabril que demostrou unha contundencia inexistente no resto da temporada. Sobre todo na segunda metade, o equipo de Tito Ramallo machacou á contra a un Racing de Ferrol demasiado timorato nun día no que estaba obrigado a ir con todo polos tres puntos. Iván Pérez, Chirri e Guille marcaron os tres goles coruñeses. O Fabril, con todo, malia esta vitoria, non puido evitar o seu descenso á Terceira División. Necesitaba que o Ciudad de Santiago sacase algún punto da súa visita ao filial do Racing de Santander, mais o equipo de Luisito caeu por 1-0 no Sardinero. O Fabril pode, con todo, axudar ao Racing na última xornada. Todas as opcións de que o Racing acabe entre os catro primeiros pasan por gañar o seu partido na casa ante, precisamente, o Racing B, e que os coruñeses saquen alomenos un empate na súa visita ao Zamora, actualmente cuarto clasificado. Entre os catro primeiros, porén, tamén podería estar o Celta B, quinto cun punto máis co Racing e que pecha a temporada xogando nas Llanas ante o Sestao River. Onte acadou no Barreiro unha meritoria vitoria ante o Lemona (2-1). Triste foi o adeus do Pontevedra á temporada en Pasarón ante o Zamora. Yuri marcou e mandou calar aos seareiros cun feo xesto. Porén, os granates baixaron o pistón tras o descanso e sumaron unha nova e vergonzante derrota. Por último, o Lugo perdeu en Xixón ante o Sporting B por 1-2. (Foto da web do Racing de Ferrol)
Marcadores:
2ªB,
Celta B,
Ciudad de Santiago,
Fabril,
Fútbol,
Lugo,
Pontevedra,
Racing de Ferrol
DESASTROSO NEWCASTLE
O Newcastle ten tres xornadas para intentar eludir o descenso. Obxectivo realmente complicado visto o nivel de desconcerto ao que chegou o equipo tras a chegada ao banco de Alan Shearer. O mítico goleador non tiña experiencia algunha como técnico e a súa xeira de resultados está sendo desoladora. Suma apenas dous puntos en cinco partidos e un único gol. Alén dos marcadores, o verdadeiramente triste é comprobar ata que punto o fútbol do Newcastle, con grandes xogadores, é un auténtico desastre. Non hai sistema. Apenas unha chea de dianteiros agardando inmóbiles por un balón que nunca chega pois non existe centro do campo, malia o encomiable esforzo de Nicky Butt por poñer algo de criterio nun polo agónico e descabezado. Non é de estrañar, pois, que a defensa, con Bassong e Coloccini, e Duff de lateral esquerdo! sexa un auténtico flan. Faltan tres xornadas e a salvación márcaa o Hull City, que está a facer un último treito do campionato penoso, a tres puntos. O Newcastle está obrigado a gañar cando menos un partido –o próximo ante o Middlesborough, outro clásico en apuros, antóllase crucial- e agardar porque tropece o conxunto de Phil Brown. Non poderá queixarse o equipo de Shearer da falta de apoio, co terceiro estadio da premier en aforo cheo cada domingo, e cun público sorprendentemente fiel malia a desastrosa temporada. Pero os xogadores andan coas pernas encollidas e a cabeza quente, como Joey Barton, que foi expulsado o domingo ante o Liverpool despois dunha arrepiante entrada a Xabi Alonso, e Alan Shearer demostra cada domingo que o cargo de adestrador venlle grande aínda. Sería inxusto acusar a Shearer do descenso, se se produce, do equipo, despois dunha temporada que se iniciou xa co pé cambiado, cunha gravísima crise institucional que pouco a pouco foi minando o rendemento deportivo. Mike Ashley, o dono do club, un dos poucos do fútbol europeo que achegou ultimamente algo de líquido ás arcas deportivistas despois de levar a Coloccini e Xisco, semella un capitán chiflado á fronte dun trastlántico que logo afunde. Desbordado, deixouse levar polo instinto populista, culminando coa fichaxe sorprendente de Shearer. Mais as miragres no fútbol, polo xeral, non existen. Canto a loita polo título as cousas seguen igual. Por segunda xornada consecutiva os catro de arriba gañaron os seus partidos. E iso que Chelsea, Arsenal e United reservaron as súas pezas máis prezadas de cara á xornada de Champions. (Foto collida en The Independent)
Marcadores:
Alan Shearer,
Fútbol,
Mike Ashley,
Newcastle,
Premier
CELTICS E HAWKS COMPLETAN O CADRO
Finalmente pasaron os Celtics. Rematou unha serie histórica que acumulou ata sete prórrogas. O campión accede a semifinais despois dun sétimo partido máis plácido (99-109)que os precedentes no que o escaso acerto no tiro dos Bulls foi decisivo. Ben Gordon foi o máximo anotador do seu equipo con 33 puntos, inda que apenas un 7 de 23 en tiros de campo que compensou cun espectacular 15 de 15 en tiros libres. Nos Celtics, pola contra, todos os xogadores imprtantes estiveron no seu nivel, inda que sen destacar especialmente e funcionou, sobre todo, a segunda unidade, que foi fundamental no 11-29 de parcial no segundo cuarto. Eddie House fixo un pleno (4 de 4) en tiros de tres. En Chicago botouse en falta a anotación dos homes altos. Miller e Noah apenas sumaron entre os dous 16 puntos e a diferencia de anotación na pintura foi determinante (18 para Chicago, 44 para Boston). Os actuais campións chegan finalmente as semifinais de conferencia, onde se cruzarán con Orlando nunha serie de prognóstico incerto. Haberá que ver, ante todo, como resisten físicamente os veteranos Celtics a acumulación de minutos nesta serie, que coas súas sete prórrogas é a de máis minutos xogados na Historia. Chicago, pola súa banda, volve a casa coa satisfacción do traballo ben feito e o soño de volver á carga o próximo ano quen sabe se con Dwyane Wade no plantel. (Xogador do partido: Ray Allen)Os Hawks acceden ás semis. Finalmente Atlanta será o rival de Cleveland nas semifinais de Conferencia. Venceron (78-91) no sétimo partido aos Miami Heat. O escolta Joe Johnson, moi discreto durante toda a serie, erixiuse por fin líder do seu equipo e con 27 puntos (6 triples de 8 intentos incluídos) foi a peza fundamental para derrotar aos de Florida, cuxa resposta limitábase apenas a Dwyane Wade, insuficiente para opoñerse a uns Hawks superiores fisicamente e nos que alén de Johnson, tiveron unha actuación destacada Josh Smith ou Flip Murray, sempre importante na súa achega dende o banco. Dende 1999 que a franquía de Atlanta non superaba a primeira rolada dos playoffs. Non parece que poida ir moito máis aló pois agarda Cleveland Cavalies, insaciables durante toda a temporada e descansados despois de botar aos Pistons en catro partidos. (Xogador do partido: Joe Johnson)
(Foto da web da NBA)
Marcadores:
Baloncesto,
Bulls,
Celtics,
Hawks,
Heat,
Joe Johnson,
NBA,
Playoffs 08/09,
Ray Allen
UNHA EXHIBICIÓN PARA A HISTORIA
Debo recoñecer que até pensei que o Real Madrid, que viña dunha xeira tan espectacular de resultados, demostrando un espírito gañador tan encomiable, podía gañar o partido. O Barça chegaba coas dúbidas do partido da Champions ante o Chelsea, a primeira vez que un rival soubera anular o seu espectacular xogo ofensivo. E o partido do Bernabeu chegaba no peor momento. Perder significaría ter comprometido en apenas catro días o éxito en dúas competicións e iso é algo, que por outros lares, axuda a encoller as pernas mesmo dos máis grandes. Pero non foi tal! O Barça fixo a maior exhibición futbolística que se recorda no fútbol europeo, posiblemente, nos últimos vintecinco anos. Foi un espectáculo inesquecible, que xa está gardado na retina dos afeccionados de por vida. Un partido que engrandece a futbolistas como Messi, Iniesta e Xavi á altura dos máis grandes da historia deste deporte e ao Barça, como colectivo, como o equipo máis brillante que un atopa pescudado nunha memoria futbolística que xa comeza a ser extensa por mor da idade. Entre o Barça e o Madrid houbo un abismo inmenso. Parecían profesionais xogando contra un equipo de instituto. E non porque o Madrid resultase cativo de máis, senón porque a excelencia culé non é deste mundo. Xavi, Iniesta e Messi decidiron que xuntos polo medio podían facer estragos cantas veces quixesen, e así foi. E iso que o Madrid marcou primeiro e se encheu de ilusión. Podemos obviar a crónica estrita do xogo. Sería un relatorio inabarcable de ocasións de gol de toda caste, rematadas en gol ou en intervencións miragreiras de Casillas, que si., foi con moitísima diferencia o mellor do seu equipo. Pero o realmente importante é que o xogo foi de tal nivel que merece estar nun museo sobre o fútbol na vitrina da obra máis prezada. Alén do excelentísimo estado de forma de Henry, do espléndido partido de Piqué na defensa e, en xeral, do impecable engrenaxe colectivo dos cataláns, tres xogadores relocen especialmente. Leo Messi está chamado a ser un dos cinco grandes do fútbol, como Maradona, Cruyff, Pelé ou Di Stéfano e Xavi e Iniesta, brillantes no individual e no colectivo, merecen moito máis recoñecemento aínda do que devagar foron adquirindo no fútbol mundial. Cando se xuntan os tres, o fútbol alcanza un grao tal de beleza e plasticidade que é imposible non converterse. Un agradece todos os Hércules Casttellón que viu na súa vida só por un día poder presenzar un espectáculo das características do do sábado. Pouco máis se pode dicir. Énchéseme a boca de palabras demasiado rimbombantes e nunca foi cousa da que gustase. Apenas dicir que o Real Madrid saiu evidentemente retratado. Logo baixou os brazos ante unha superioridade tan grande. Alén de Casillas, o seu mellor xogador foi o árbitro que cortou, supoñemos que de xeito involuntario, até tres contras claras do Barcelona. Pero inxusto sería que alguén saque conclusións precipitadas despois do partido. Hai días nas que certos debates resultan impertinentes. O Barça vai gañar a Liga. Será o campión máis merecido da Historia. Será lemrado sempre. Queda por ver, porén se esta brillantez será cousa dun ano ou se os cataláns conseguirán iniciar unha hexemonía de cando menos un lustro. Oxalá, en todo caso, que este equipo dure por moito tempo. (Foto da web da UEFA)
DESTA VEZ FOI O ÁRBITRO
Poderiamos excusar escribir sobre o Celta pois talvez o que pasa arredor deste equipo non sexa tanto cousa de futboleiros como de expertos no paranormal tipo Íker Jiménez. Xa no anterior artigo falamos do incomprensible que é ver como unha semana si e outra tamén os de Eusebio botan a perder partidos que aparentemente tiñan dominados, con amplas vantaxes no marcador. Falabamos de tendenzas autodestrutivas, dun problema de cariz psicolóxico, depresivo, patolóxico... Pois ben, o que lle faltaba ao Celta agora é que o día en que as cousas parecen endereitarse un bocado, no que o equipo dá mostras de bo xogo e seriedade táctica, no que parece andar sobrado de actitude e de confianza, sexa o árbitro o que se encarga de botalo todo abaixo. A visita a Anoeta era un partido complicado, ante un auténtico clásico que decidiu renunciar a toda opción de retornar a primeira dende que confiou en Lillo, ese personaxe verdadeiramente esperpéntico que logo de sorprender cunha magnífica temporada no Salamanca creuse tanto o personaxe que arredor del crearon os medios de comunicación que nunca máis deu pé con bola, obsesionado coas súas teorías que querían converter este xogo centenario nunha sorte de pseudociencia, ou de recital poético. Repetindo co esquema dos cinco defensas, con Jonathan Vila no mediocentro -un xogador que parece imprescindible neste Celta con tan pouco criterio-, con Trashorras no banco e con Dinei, Ghilas e Dani Abalo na punta, o equipo deu unha grande imaxe. Foi moi superior á Real e no descanso xa levaba un 0-2 de vantaxe que se antollaba curto vistos os méritos duns e doutros. Quedaba por ver se no segundo tempo o Celta era capaz de manter o tipo ou se como era habitual, agromarían os medos e as dúbidas habituais. Mais non. O Celta seguiu xogando igual, mesmo o controvertido Rubén fixo un partido moi serio, e non cometeu ningún dos seus habituais erros defensivos. Mais apareceu un personaxe inesperado: o árbitro. O colexiado Ceballos Silva foi o elemento que estragou desta vez todo o esforzo colectivo dos celestes. No minuto 58 pitou penalti por man de Peña na área. O boliviano tíñaas pegadas ao corpo. o problema é que non só pitou o árbitro a pena fatídica senón que deixou ao Celta con dez. Abreu marcou o penalti. O Celta non se viu abaixo ata que no minuto 70 o árbitro expulsa a Dani Ábalo por un cobadazo nun salto sobre Aranburu. Demasiado castigo para unha acción das que se ven unha chea nun partido. Con dous menos o Celta aínda resistiu dignamente, mais a Real achuchou e o turco Necati acabou marcando o empate e confirmando que tanto ten o que aconteza no partido que o Celta, por unhas razóns ou por outras, acabará sempre perdendo os tres puntos. (Foto da web do Celta)
Marcadores:
Ceballos Silva,
Celta,
Fútbol,
Lillo,
Real Sociedad
A IRRUPCIÓN DE ANDREA PECILE
Pola súa banda, o Rosa segue a súa particular loita por non rematar no último posto. Volveu dar a cara (88-84) nunha cancha complicada, en Málaga, ante o Clínicas Rincón, nun partido no que Taylor monopolizou o xogo ofensivo dos santiagueses. Insuficiente, en todo caso, para superar un rival no que estivo inmenso o pívot brasileiro Paulo Prestes, con 28 puntos e 11 rebotes. (Foto de Pecile da web do Breogán)
Marcadores:
Andrea Pecile,
Baloncesto,
Beirasar Rosalía,
Breogán,
Ciudad de la Laguna,
Clínicas Rincón,
Liga LEB
VANTAXE PARA SHAKHTAR E HAMBURGO
O Shakhtar Donetsk toma vantaxe na semifinal ucraniana da UEFA despois do empate a uns no estadio olímpico de Kiev. Tanto o Dinamo de Yuri Semin como o Shakhtar de Mircea Lucescu, demostraron que se chegaron tan lonxe na competición non foi tanto por unha cuestión de sorte, como de auténtico merecemento. Trátase de dous equipos moi ben traballados no colectivo e con grandes individualidades. No Dinamo destaca especialmente Milevskiy, un mediapunta de inmensa calidade e carácter gañador. Por el pasan practicamente todos os balóns de ataque do seu equipo. Ten unha capacidade innata de conservar o balón de costas e agardar polo pase máis intelixente a un compañeiro, ademais de instinto de cara a porta. Nunha ocasión inventou un pase xenial en apenas unha baldosa da área que non aproveitou o seu compañeiro Aliev de miragre. Da man pois de Milevski, o Dinamo dominou o primeiro tempo. Dispuxo de varias ocasións, grazas tamén a loita incansable de Bangura arriba e ao excenlete disparo dende fóra da área de Aliev. Precisamente, un destes disparos desviouno o xusto o central Chiginsky para confundir o seu gardarredes Pyatov. Pero o Shakhtar é un equipo con xogadores coa veteranía suficiente como para non se achicaren por mor dun gol do contrario. Unha vez foron capaces de conter o agresivo xogo inicial dos da capital, logo se activaron os brasileiros para ter o balón e comezar a chegar mediante o fútbol combinativo á porta de Bogush. Lucescu atopou no banco o gran revulsivo: o brasileiro William que así que entrou no campo destrozou coa súa velocidade a banda esquerda do Dinamo. Nun pase en profundidade de Srna, William aproveitou para gañar a liña de fondo e darlle un pase da morte a Fernandinho para que marcase o empate. O Shakhtar seguiu sendo mellor ata o remate do partido, se ben o equipo de Semin seguía ameazando de cando en vez, grazas sobre todo á calidade do xa citado Milevsky. Finalmente o Shakhtar afrontará a volta cun resultado positivo e coa posibilidade de aproveitar a súa velocidade á contra. No Dinamo, en cambio, confían en demostrar a súa hexemonía no seu país e Milevsky mediante, darlle a volta a eliminatoria para volver xogar unha final europea.Na outra semifinal entre equipos alemáns, o Hamburgo puxo de cara a eliminatoria ao gañar 0-1 no campo do Werder Bremen. Os hanseáticos están a completar unha magnífica temporada. Da man de Martin Jol converteuse nun equipo rochoso con pólvora no contraataque. Foi así que nos primeiros minutos, malia o aparente dominio do Werder, o Hamburgo xa dispuxo de varias ocasións, grazas a velocidade de Guerrero, Trochowski, Pitroipa ou o infatigable Ivica Olic. Nunha destas Trochowski (min.27) marcou o gol da vitoria. O polaco xa fora protagonista na ida dos cuartos ante o Manchester City. O Werder intentouno a partir de aí, pero o Hamburgo estivo moi serio atrás e demostroulle ao rival que non debía descoidar a retagarda pois inda houbo moitas outras ocasións ao contragolpe. E máis que poderá ter na volta, na que haberá que ver a capacidade do Werder para demostrar a súa calidade e veteranía. (Foto da web da UEFA)
Marcadores:
Dinamo de Kiev,
Fútbol,
Hamburgo,
Milevskiy,
Shakhtar Donetsk,
UEFA,
Werder Bremen,
William
ADEUS AOS SIXERS
Triste adeus dos Sixers. Os Sixers tiñan unha oportunidade única para forzar o sétimo partido e desperdiciárona (114-89) facendo un dos peores partidos da temporada. Orlando chegaba ao Wachovia Center sen Dwight Howard, sancionado, e Courtney Lee, mancado. Eran dúas baixas demasiado sensibles para Stan Van Gundy, pero os dous substitutos cumpriron á perfección. O polaco Marcin Gortat aproveitou a ocasión para facer un dos seus mellores partidos na NBA (11 puntos e 15 rebotes), mentres que Redick foi letal dende o triple con cinco acertos de sete intentos. Canda eles, Rashard Lewis asumiu o liderato do equipo. Anotou 29 puntos. Rafer Alston tamén fixo un grande partido e sumou 21. Nos Sixers apenas Miller, Iguodala e Lou Williams superaron os dez puntos, mais ningún deles estivo á altura du partido tan importante. Remata a temporada para Philadelphia e son enormes as dúbidas de cara o vindeiro ano, no que so Iguodala, Speights e Williams parecen ter garantida a súa continuidade. (Xogador do partido: Rashard Lewis)Tres prórrogas máis e os Bulls forzan o sétimo. Bulls e Celtics continúan aboados á loucura. O sexto partido decidiuse a prol dos de Chicago (127-128) despois de tres prórrogas de máxima intensidade. Dúas xogadas foron fundamentais para a vitoria dos de Del Negro. Joachim Noah, que está a facer unha serie excepcional, roubou un balón e correu toda a cancha para machacar ante a perplexidade e ledicia do United Center. Na última bola, Derrick Rose taponou un lanzamento de Rondo e deulle a vitoria ao seu equipo. Cómpre salientar o grandísimo partido de Ray Allen, que anotou nada menos que 51 puntos, con 9 triples. Nos Bulls, partidazo de Brad Miller, Derick Rose e John Salmons, máximo anotador con 35 puntos. O sétimo partido, no Garden, antóllase espectacular. (Xogador do partido: John Salmons)
Un extraordinario Dwyane Wade abondou para que os Heat superasen (72-98)comodamente aos Hawks e forzasen o sétimo partido desta igualada serie. Wade botou o equipo ás súas costas e fixo 41 puntos. Xunto cun gran partido do rookie Michael Beasley (22 puntos e 15 rebotes), foi suficiente para lle gañar a uns pobres Hawks nos que só Mike Bibby estivo á altura. (Xogador do partido: Dwyane Wade)
Os Rockets a semifinais: Os Blazers dixéronlle adeus á temporada. Despois dunha esperanzadora Liga Regular, esta serie de playoffs demostrou a inexperiencia dos de Oregon. No sexto partido (76-92) deron unha imaxe moi pobre, dependendo en exceso de Brandon Roy e Lamarcus Aldridge. Aos Rockets abondoulles cun bo partido de Yao Ming (17 puntos e 10 rebotes) e de Ron Artest (27 puntos). Os de Adelman chegan a semifinais por primeira vez dende 1997. Honestamente, consideron que serán un óso duro de roer para os Lakers. (Xogador do partido: Yao Ming)
(Foto da web da NBA)
SISKAUSKAS ACABA CO BARÇA
A espectacular exhibición do lituano Ramunas Siskauskas frustrou os soños europeos do Barcelona. Anotou 29 puntos, deles 18 no último cuarto no que lle entrou todo canto practicamente intentou. Foi, abofé, unha desas actuacións individuais que deciden un partido (78-82). No Barça, en cambio, fallou Juan Carlos Navarro, quen no segundo cuarto sumara xa tres faltas que condicionaron a súa presenza no resto do xogo. Con todo, David Andersen, despois dunha temporada algo irregular, reivindicouse por fin o día necesario e ante o seu ex-equipo. Especialmente no primeiro tempo liderou o xogo dos seus que gozaron dunha cómoda vantaxe no marcador. Fixo 24 puntos cunhas excelentes porcentaxes de acerto. Os cataláns foron mellores durante os tres primeiros cuartos, contendo en defensa o talento moscovita e con notable acerto no tiro. Mais o CSKA é un equipo especialmente competitivo. Ettore Messina gañou as nove últimas semifinais que disputou de Euroliga. O seu aliado desta volta foi Siskauskas, grandísimo xogador, deses que sen atraer en exceso os focos cara el, fanno todo ben. Ante a inoperancia ofensiva dos seus compañeiros decidiu tirar do carro e foi determinante. Os cataláns non souberon frealo e acabaron vendo como un ano máis van morrer na beira sen consumar o soño europeo que este ano vían moi cerca.O rival do CSKA na Final será o Panathinaikos, que gañou (82-84) o seu derbi ante Olympyacos. Foi un partido brillante que non se decidiu ata a última xogada. O Panathinaikos apostou de inicio por un xenial Pekovic para facer dano na pintura. Inchouse a anotar e, do mesmo xeito, forzou varias persoais dos homes altos do Olympiacos, no que foi unha clave do partido, pois no segundo tempo foi Batiste que aproveitou os apuros defensivos dos homes altos do rival. Pekovic anotou 20 puntos e Batiste 19. Canda eles destacaron Spanoulis e Jasikevicius, se ben é certo que todo o xogo dos verdes limitouse a estes catro homes, mentres que Olympiakos acertaba máis nas rotaciós. Baixo o ruxibao de dúas afeccións enfervorizadas, os dous equipos competiron apaixanodamente ata o final. Bourousis puido empatar o partido mais errou na última xogada. Reedítase a final de 2007. Zeljko Obradovic aspira ao seu sétimo título. Messina ao seu quinto. (Foto da web da Euroliga)
Marcadores:
Baloncesto,
Barcelona,
CSKA de Moscova,
Euroliga,
Olympiacos,
Panathinaikos,
Ramunas Siskauskas
30/04/2009
SEN NOTICIAS DO ARSENAL
O Arsenal pódese dar cun canto nos dentes de non ter saído goleado de Old Trafford. O Manchester United foi moi superior a un Arsenal pobre, pequeno e incapaz. Almunia foi, con diferencia, o mellor do seu equipo e grazas a algunhas intervencións realmente destacadas, evitou unha goleada que tería sentenciado a eliminatoria. O United, que tampouco é que estivera moi brillante nas últimas semanas, despistado atrás e afortunado diante, onte recuperou a súa mellor imaxe, dominando de inicio o partido cun xogo rápido, dinámico, vistoso e vibrante. O bo xogo dos de Ferguson non depende tanto do talento de Ronaldo, como da calidade combinada cunha constante loita e sacrificio de Wayne Rooney e Carlos Tévez. Estes dous móvense sen cesar por todo o campo, procurándolles apoio aos seus compañeiros, ou desmarques por detrás da defensa, ou espectaculares cambios de orientación, ou aparicións no lugar preciso para o remate... un auténtico espectáculo, en definitiva. Rooney apareceu xa de inicio, cando apenas se cumprira un minuto, para rematar un centro de Ronaldo. Almunia fixo un auténtico paradón. Logo Tévez buscou unha parede con John O´Shea e o remate evitouno outravolta o gardarredes navarro. O gol, non obstante, marcouno o xogador menos glamuroso do United, O´Shea, aparecendo intelixentemente no segundo pao para rematar unha bola solta na área. O Arsenal apenas saía do seu campo, e o seu sistema defensivo logo se desfacía por culpa da mobilidade dos dianteiros do contrario. Cesc Fábregas, con Carrick seguido na caluga, non entraba en xogo como nel é costume, e se Cesc non participa o xogo do Arsenal baixa moitísimos enteiros. A presenza de Walcott e Samir Nasri no partido foi máis ben testimonial. Adebayor era un náufrago, só e abandonado entre a defensa contraria. O guión do partido apenas mudou no segundo tempo. O Manchester seguía chegando con inusitada facilidade á porta de Almunia, que inda tivo tempo de facer máis intervencións meritorias. Ferguson deulle merecido descanso a Tévez e meteu no campo ao galés Ryan Giggs, que cumpriu nada menos que 800 partidos coa camisola do United. Ronaldo, cuxo talento aparecía por contagotas, a piques estivo de superar o seu gol no Porto cun espléndido trallazo que sacou o pó do traveseiro da porta londinense. Do Arsenal seguía sen haber demasiadas noticas, apenas que a medida que se achegaba o final do partido, o resultado, curto de máis vistos os méritos duns e doutros, dáballe azos para procurar un golpe de sorte que puxera a eliminatoria do seu lado. Non foi tal porque desta volta a defensa do United, nas poucas ocasións que tivo que intervir estivo perfecta e non concedeu a máis mínima oportunidade de gol. O 1-0 ao remate do partido é a mellor nova que pode extraer Wenger do visto en Old Trafford. O United foi moi superior e o plantel actual dos londinenses pareceu insuficiente para lle poder plantar algo de cara. Con todo, xa sabemos da paixón do fútbol inglés, polo que no Emirates, e cunha final en xogo, o partido pode deixarse ir polo lado da emoción e coller o camiño máis inesperado. O Manchester, non obstante, é a estas alturas o maior favorito para estar na Final. (Foto collida na web da UEFA)
Marcadores:
Alex Ferguson,
Almunia,
Arsenal,
Carlos Tévez,
Champions,
Fútbol,
Manchester United,
Rooney
29/04/2009
DALLAS CONSUMA O ADEUS DOS SPURS
Dallas elimina a San Antonio. Dende o ano 2000 que os Spurs non eran eliminados na primeira rolda dos playoffs. Dallas, pola contra, non gañaba unha serie dende facía tres anos. Para o equipo de Rick Carlisle foi máis fácil do agardado. Aflorou por fin (106-93) a calidade do conxunto, que apenas aparecera na Liga Regular e foi suficiente para superar uns Spurs que acabaron depedendo en exceso de Parker e Duncan, e botando moitísimo de menos o carácter gañador do Manu Ginóbili. Por vez primeira na serie, o alemán Dirk Nowitzki asumiu o liderado en anotación dos Mavs (31 puntos). Nas semifinais de Conferencia agardan, posiblemente, os Nuggets, no que promete ser unha serie apaixonante para dirimir ao máis que probable rival dos Lakers na Final de Conferencia. Os Spurs levan un duro golpe que esixirá unha renovación do equipo de cara ao futuro. (Xogador do partido: (Dirk Nowitzki)Os Lakers xa están nas semifinais da Conferencia despois de lle gañar (96-107) aos Jazz no cuarto partido, na volta ao Staples Center. Unha vez máis foi manifesta a superioridade do equipo de Phil Jackson sobre os Jazz, nos que nin Boozer nin Williams estiveron nos seus números. O equipo de Jerry Sloan dá por concluída unha das súas temporadas máis discretas dos últimos anos. No debe dos Lakers, outra vez, a súa relaxación no treito final do partido que permitiu unha recuperación do rival que, con todo, nunca chegou ameazar verdadeiramente o resultado. Gasol (17 puntos e 11 rebotes), Odom (26 puntos e 15 rebotes) e Kobe (31 puntos), foron novamente os mellores do seu equipo. (Xogador do partido: Lamar Odom)
Os Sixers perden en Orlando despois dunha pésima arbitraxe: Orlando gañou (91-78) o partido pero afrontará o sexto sen a súa grande estrela. Dwight Howard foi suspendido cun partido de sanción despois do cobadazo que lle arreou a Samuel Dalembert na loita por un rebote. Os árbitros do partido vírono pero no canto de expulsalo pitáronlle apenas unha técnica. No mellor blog sobre os sixers contan perfectamente como Howard, que fixo 24 puntos e 24 rebotes, cometeu unha chea de infraccións: pasos, dobles, faltas... ante a connivencia arbitral. Iso non quita que os Sixers, independentemente do seu incontestable espírito de loita, volveran caer nos mesmos erros que lle están a impedir gañar partidos ante un equipo que non é moi superior. Érranse demasiados tiros fáciles e cométense unha chea de imprecisións en contras aparentemente sinxelas. Andre Miller non tivo o seu mellor partido e Lou Williams segue sen ser o revulsivo anotador da Liga Regular. Tampouco Young está a gusto e Speights, o prometedor rookie de DiLeo volveu ver todo o partido dende o banco. Iguodala, porén, está a cumprir co seu papel de líder (26 puntos), malia que segue errando demasiados tiros libres, e Willie Green e Dalembert está facendo partidos máis que aceptables. Os Magic, desta volta, afinaron a puntería dende a liña de 3, especialmente un gran Rashad Lewis, e Alston anotou canastras decisivas. Vexamos que acontece esta madrugada sen Howard na cancha, e sen Courtney Lee, que abandonou a cancha lesionado e é baixa. (Xogador do partido: Dwight Howard)
Os Celtics gañan tras unha nova prórroga (104-106): Esta serie vai pasar á Historia. Será lembrada por moito tempo pase o que teña que pasar ao final. Pero Bulls e Celtics están a ofrecer un espectáculo extraordinario. Hoxe, nun partido de máxima emoción e igualdade, o equipo de 'Doc Rivers' impúxose despois dunha prórroga e de que Brad Miller errase dous tiros libres a falta de dous segundos que poderían ter forzado outros cinco minutos máis de xogo. Nos Bulls, Salmons e Ben Gordon anotaron sempre nos momentos decisivos e Derrick Rose tampouco se agochou, se ben cometeu algún erro froito da precipitación. Noah estivo espectacular no rebote apañando 17. Nos Celtics Ray Allen acabou desquiciado e eliminado por faltas pouco antes do remate do tempo regulamentrio, pero eríxironse tres grandes protagonistas: Rajon Rondo, que está a completar unha serie incrible e quedou a só dous rebotes do seu terceiro triple doble en cinco partidos (28-8-11), Paul Pierce, irregular durante o partido pero que procurou sempre a responsabilidade nos momentos decisivos sen que se lle encollese o pulso, e Kendrick Perkins, o center, que fixo 16 puntos e 19 rebotes. Ao final do partido, sobran os comentarios sobre o mal gañar de Kevin Garnett. (Xogador do partido: Kendrick Perkins)
Os Blazers salvan o primeiro match-ball. Estaban obrigados a gañar no Rose Garden para evitar unha eliminación que tería sido un auténtico xerro de auga fría despois das boas sensacións da Liga Regular. E facíano con Brandon Roy con molestias gripais e Lamarcus Aldridge con problemas nun ombreiro. Mais os dous foron, ao final, os principais artífices (con cadanseus 25 puntos) da vitoria dos de Oregon sobre os Rockets, que completaron o seu peor partido na serie, con 3-2 a favor dos texanos. (Xogador do partido: Brandon Roy)
Nuggets- Mavericks, primeiras semifinais confirmadas. Os Denver Nuggets certificaron (86-107) na súa cancha a súa brillante clasificación para as semifinais da Conferncia Oeste. É a primeira vez que o conseguen dende 1997. Agora crúzanse nunha serie que se promete apaixonante cos Dallas Mavericks, que veñen de eliminar aos Spurs. Onte volveron impoñerlle un avultado marcador aos Hornets que, con todo, inda mantivern o tipo máis da metade do partido. Finalmente, nunha enxurrada de acertos, os de George Karl marcaron un parcial de 24-4 e romperon definitivamente o partido. Carmelo Anthony, nado en Denver, foi o mellor do seu equipo con 34 puntos. (Xogador do partido: Carmelo Anthony)
Os Hawks sentenciaron no primeiro tempo. Está a ser esta unha eliminatoria ben igualada marcada, en boa medida, pola irregularidade dos dous equipos. O que pase poucas opcións parece ter para lle complicar as semifinais aos Cavaliers. Desta volta os Hawks fulminaron (91-106) aos Heat despois dun primeiro tempo no que o equipo de Spoelstra non soubo manter a calma nun segundo cuarto marcado pola extrema dureza e os piques entre varios xogadores. O caso é que ao descanso o parcial era de 40-63 e os de Miami decidiron deixar as cousas para o sexto partido na súa cancha. Josh Smith intentou un mate de concurso, pasando a bola por debaixo das pernas, que suscitou a indignación da prensa de Miami e aventura máis piques de cara ao seguinte partido. (Xogador do partido: Ronald Murray)
(Foto da web da NBA)
O CHELSEA SAE ILESO DO CAMP NOU
O Chelsea de Guus Hiddink foi un dos mellores equipos que pasou esta temporada polo Camp Nou. Non pecou de temerario e estudou polo miúdo todo o potencial ofensivo do rival para armar unha arañeira defensiva que apenas deixou resquicio ningún. O ex xogador do Porto, Bosingwa, ocupou o lateral esquerdo co único fin de utilizar a súa velocidade para frear a Leo Messi, mentres que no mediocampo, Xavi tiña sempre un can de présa, Mikel, que lle impedía darse a volta e impór o seu criterio no xogo. O Chelsea xogou con dúas liñas moi xuntas, que mantiñan sempre unha distancia prudencial coa súa propia portería e nas que as axudas eran constantes para evitar o xogo combinativo dos cataláns. Así que o Barça, malia intentalo, foi vendo devagar como se lle pechaba calquera acceso á porta de Cech. Só Henry, pola banda esquerda, era capaz de gañar a liña de fondo no desborde de Ivanovic. Iniesta, moi activo, procuraba seguido socios nas inmediacións da área pero sen sorte. Así, na primeira metade, o equipo de Guardiola apenas orixinou verdadeiro perigo. Aventurábase unha eliminatoria realmente complicada. En fronte había un equipo fisica e tácticamente perfecto. Ademais, como avanzado, tiñan a Drogba, un completísimo dianteiro capaz el so de amargarlle o día a calquera defensa, dada a súa potencia e calidade. O marfileño, de feito, dispuxo da ocasión máis clara de todo o primeiro tempo. Aproveitou unha pésima cesión de Márquez a Valdés para encarar so ao porteiro catalán. Por fortuna para a torcida culé, o de Hospitalet estivo xenial evitando o gol por dúas veces. Foi unha xogada decisiva que podía ter determinado a eliminatoria. Tras o descanso, O Barça confiaba en que a fatiga fose mermando o orde dos londinenses, que apenas dispuxeron da pelota en todo o partido. Pero o equipo de Hiddink está conformado por auténticos portentos físicos. Non decaeu o seu esforzo defensivo para desesperación dos blaugranas. Apenas Eto´o nunha arrancada de orgullo, foi quen de traspasar o muro e encarar a Cech nun un contra un, mais sen fortuna. A medida que o partido avanzaba cara o seu final, o Barça foi renunciando cada vez máis o seu estilo polo que un gol parecía máis difícil. O partido rematou, efectivamente sen goles, polo que o equipo de Hiddink cumpriu á perfección co seu cometido. A eliminatoria non está, en absoluto decidida. O Chelsea terá que mudar en parte o seu estilo en Stanford Bridge para procurar cunha pouca máis de ansia a porta contraria. Con todo, é un equipo que alén da súa disciplina defensiva e táctica, está sobrado de xogadores de ataque de inmenso talento e pegada. O Barça, pola súa parte, verase máis apurado atrás inda que disporá de máis espazos na parte de arriba. As grandes estrelas ás que tanto se lles chufou esta temporada: Messi, Xavi, Iniesta, Eto´o, Henry e compañía, están obrigadas a dar a súa mellor versión nese partido se pretende, efectivamente, consagrarse como tales. En definitiva, será unha volta apaixonante na que comprobaremos se o gran Guus Hiddink será capaz de gañarlle a partida ao debutante Guardiola que en apenas catro días, Bernabeu e Stanford Bridge, xogarase o éxito ou fracaso dunha temporada que se prometía gloriosa. (Foto da web da UEFA)
Marcadores:
Barcelona,
Champions,
Chelsea,
Fútbol,
Guus Hiddink,
Pep Guardiola
Assinar:
Postagens (Atom)
