O Porto afiánzase no liderato e mételle presión a Sporting e Benfica de cara aos seus partidos de hoxe, despois de gañar en Guimaraes superando unha situación complicada pois os vimaranenses chegaron con vantaxe ao descanso. Jesualdo Ferreira sacou un once inicial no que reservou os seus internacionais sudamericanos Lucho González e Cristian Rodríguez. Hulk, Mariano Gonzalez e Farías ocupaban a fronte de ataque. No centro do campo, coma sempre, a batuta era para o Raul Meireles escoltado por Fernando e Tomas Costa. E Raul Meireles dende o principio manexou o partido ao seu antollo, sendo xenerador dun par de ocasións claras dos portistas que salvou o gardarredes do Vitória Nilson con excelentes intervencións. Os de Manuel Cajuda tardaron alomenos un cuarto de hora en entrar no partido, o que tardou o media punta Nuno Assis en atopar o balón. O 10 do Vitória foi o xogador máis destacado do seu equipo, movéndose libremente entre liñas xerou moitas dúbidas na defensa do Porto. Nunha destas atopou a Milhazes, o lateral esquerdo, que se incoporaba por banda e deulle o balón para que este centrase e Roberto marcase o 1-0. O gol deixou un pouco atordoado ao Porto. Co Vitória máis repregado non había os mesmos espazos e Hulk e Mariano González facían a guerra pola súa conta. O Vitória ata o descanso deu sensación de dominio e mesmo dispuxo dalgunha ocasión máis para ampliar a vantaxe no marcador. O Jesualdo Ferreira agardou ao descanso para repensar o partido. No segundo tempo o Porto fíxose co balón outravolta, Raul Meireles ofrecíase seguido e facía sempre o máis sencillo. Mariano e Hulk desbordaban agora si con máis facilidade e o Vitória xa non amosaba os dentes. Nunha destas o Meireles puxo un centro xenial na cabeza de Farías e este rematou cun bo xiro de pescozo axustando ao pao. Era o empate, que chegara sen facer demasiado ruído. Con todo, parecía un resultado xusto. Demasiado cruel foi en cambio o segundo, pouco despois, nunha xogada na que se aliaron a fortuna e a pillería do Mariano González. Con 2-1 Manuel Cajuda queimou as súas naves e encheu o ataque de dianteiros. O Vitória botoulle casta inda que o Porto dominou a situación con certo acougo. Contra o final, dun corner chegou o 1-3 despois dun excelente remate de cabeza de Rolando. O Sporting xa está a sete puntos e o Benfica a oito e teñen hoxe complicados partidos a domicilio.
05/04/2009
O PORTO REMONTA EN GUIMARAES
O Porto afiánzase no liderato e mételle presión a Sporting e Benfica de cara aos seus partidos de hoxe, despois de gañar en Guimaraes superando unha situación complicada pois os vimaranenses chegaron con vantaxe ao descanso. Jesualdo Ferreira sacou un once inicial no que reservou os seus internacionais sudamericanos Lucho González e Cristian Rodríguez. Hulk, Mariano Gonzalez e Farías ocupaban a fronte de ataque. No centro do campo, coma sempre, a batuta era para o Raul Meireles escoltado por Fernando e Tomas Costa. E Raul Meireles dende o principio manexou o partido ao seu antollo, sendo xenerador dun par de ocasións claras dos portistas que salvou o gardarredes do Vitória Nilson con excelentes intervencións. Os de Manuel Cajuda tardaron alomenos un cuarto de hora en entrar no partido, o que tardou o media punta Nuno Assis en atopar o balón. O 10 do Vitória foi o xogador máis destacado do seu equipo, movéndose libremente entre liñas xerou moitas dúbidas na defensa do Porto. Nunha destas atopou a Milhazes, o lateral esquerdo, que se incoporaba por banda e deulle o balón para que este centrase e Roberto marcase o 1-0. O gol deixou un pouco atordoado ao Porto. Co Vitória máis repregado non había os mesmos espazos e Hulk e Mariano González facían a guerra pola súa conta. O Vitória ata o descanso deu sensación de dominio e mesmo dispuxo dalgunha ocasión máis para ampliar a vantaxe no marcador. O Jesualdo Ferreira agardou ao descanso para repensar o partido. No segundo tempo o Porto fíxose co balón outravolta, Raul Meireles ofrecíase seguido e facía sempre o máis sencillo. Mariano e Hulk desbordaban agora si con máis facilidade e o Vitória xa non amosaba os dentes. Nunha destas o Meireles puxo un centro xenial na cabeza de Farías e este rematou cun bo xiro de pescozo axustando ao pao. Era o empate, que chegara sen facer demasiado ruído. Con todo, parecía un resultado xusto. Demasiado cruel foi en cambio o segundo, pouco despois, nunha xogada na que se aliaron a fortuna e a pillería do Mariano González. Con 2-1 Manuel Cajuda queimou as súas naves e encheu o ataque de dianteiros. O Vitória botoulle casta inda que o Porto dominou a situación con certo acougo. Contra o final, dun corner chegou o 1-3 despois dun excelente remate de cabeza de Rolando. O Sporting xa está a sete puntos e o Benfica a oito e teñen hoxe complicados partidos a domicilio.
Marcadores:
Fútbol,
Hulk,
Liga Portuguesa,
Manuel Cajuda,
Mariano González,
Nuno Assis,
Porto,
Raul Meireles,
Vitória de Guimaraes
HIGUAÍN MANTÉN O MADRID NA LOITA
Barcelona e Real Madrid seguen imparables na súa particular loita polo título. Facía moitísimas temporadas que os dous primeiros da clasificación non sumaban tantos puntos. E esta fin de semana tiñan os dous partidos complicados. Visitaban campos de rivais que están a facer excelentes campañas (o Valladolid e o Málaga), con moitos xogadores afectados polas viaxes internacionais e, no caso do Barça, con importante eliminatoria europea o vindeiro mércores. Por iso Guardiola reservou algúns xogadores do once titular. Messi, Dani Alves e Henry sentaron no banco de inicio. Non foi o caso de Xavi, acompañado por Busquets e Keita no centro do campo, e Iniesta, en ataque con Eto´o e Pedro. Xavi e Iniesta son os referentes inexcusables deste equipo e Guardiola non está disposto a concederlles o máis mínimo repouso. O Valladolid insistiu no seu sistema de xogo, de presión incansable o máis arriba posible, a mesma que no Camp Nou acabou sendo un suicidio (6-0). Onte, porén, propiciou un partido disputado nos primeiros minutos. O Valladolid intentábao con Canobbio, Goitom ou Jonathan Sesma procurándolle as cóxegas á defensa catalana, mentres que o Barça pretendía aproveitar as contras que de cando en vez lle ofrecía o atrevido sistema de Mendilíbar. Pero á media hora Xavi decidiu que non lle gustaba o aspecto do partido e que todo canto acontecera no xogo tiña que pasar por el. Dese xeito foi como o duelo intenso que propuñan os dous contendientes repousou como por hipnose. O balón pegouse aos pés de Xavi para contemplación dos que o rodeaban. Nunha destas, pouco antes do descanso, combinou con Eto´o e o camerunés marcou o 0-1. Xa estaba feito o máis complicado. Na reanudación o Barcelona comezou con máis intensidade cun Valladolid algo atordoado, ata que o arxentino Damián Escudero, zurdo cedido polo Vilarreal, comezou a desbordar pola súa banda e a asociarse con perigo a Canobbio. Daquela o Barcelona sufriu algo, non demasiado. Messi e Alves entraron mais a súa participación no partido foi irrelevante. As ocasións nunha e outra área foron escasas e o Barça asegurou os tres puntos nunha incómoda cita do calendario. O Real Madrid, pola súa banda, xogaba en Málaga coa angustia de saber que o Barça non errara no seu partido. O Málaga é un equipo moi pinturero e que está a facer unha moi boa campaña. A Rosaleda encheuse por vez primeira coa esperanza de dar a gran sorpresa ante o Madrid, e no primeiro tempo os de Tapia foron superiores. O Real Madrid non tiña demasiada ansia polo balón, malia dispór de Gago, Snejder e Van der Vaart no centro do campo. O Málaga, a partir do bo traballo de Lolo e Apoño na medular, procuraba seguido o perigo polas bandas dos portugueses Duda e Eliseu, se ben tampouco foron capaces de crear ocasións verdadeiramente claras. O partido era francamente aburrido ata que pouco despois do descanso apareceu un dos mellores e menos recoñecidos xogadores do campeonato, Gonzalo Higuaín, dianteiro de inmensa calidade e cuxo rendemento no tempo que leva no Madrid é impagable. Colleu un balón no medio campo, superou o primeiro defensa cun sutil caneo, encarou a porta, superou por velocidade na área a un inocente Wellington e cruzou perfectamente anta a saída de Goitia. Un auténtico golazo que como tantas outras veces nos tres últimos anos, dáballe un inmenso premio a un Madrid máis ben mediocre. O gol fíxolle moito dano ao Malaga, que pouca capacidade tivo de reacción inda que Tapia puxese a Luque e Salva no campo para acompañar a un solitario Adrián. O Madrid, pola súa banda, comezou a acumular ocasións claras por medio novamente de Higuaín, con diferencia o mellor do partido, ou Van der Vaart. Finalmente, o Real Madrid suma unha nova vitoria para sumar ao excelente rexistro que leva Juande Ramos á fronte dos brancos. Alén do seu debú con derrota no Camp Nou, Juande leva trece vitorias e un empate en catorce partidos. No resto da xornada adiantaa ao sábado salienta a derrota do Vilarreal (3-0) ante o Almería, que xunto coa derrota do Málaga é unha excelente nova para o Deportivo. O Sevilla segue firme no terceiro posto despois de superar ao Recre (1-0) con novo gol de Kanouté, desta volta de penalti. Mentres, os equipos de abaixo están a vivir partidos de auténtica loucura. O do Ruiz de Lopera entre Betis e Numancia (3-3) foi de traca con constantes alternativas no marcador e empate do Numancia no desconto. Preto do final chegou tamén o gol de Javi Martínez que lle deu a vitoria ao Athletic ante o Mallorca (2-1). (A foto de Higuaín da web do Real Madrid)
Marcadores:
Almería,
Athletic de Bilbao,
Barcelona,
Betis,
CB Valladolid,
Fútbol,
Málaga,
Mallorca,
Numancia,
Primeira,
Real Madrid,
Recreativo de Huelva,
Sevilla,
Vila Real
04/04/2009
CESC VOLVE CON DOUS PASES DE GOL
Cesc Fábregas volveu xogar co Arsenal catro meses e medio despois da súa lesión contra o Liverpool nun lance con Xabi Alonso. E non puido facelo mellor. Deu os dous pases de gol que aproveitou Emmanuel Adebayor para asinar a vitoria (2-0) dos londinenses ante o Manchester City, nun partido crucial por asegurar a cuarta praza que dá acceso a Champions. Os de Wenger teñen agora seis puntos máis que o Aston Villa, que mañá visita nada menos que Old Trafford. Con Cesc, o Arsenal recuperou a súa mellor versión. Foi dona do mediocampo e Walcott, Arshavin, Fábregas e Adebayor asociábanse nas inmediacións da área para xerar unha chea de ocasións de gol. Pola súa banda, o Manchester City propuxo un partido de contención, con tres mediocentros eminentemente defensivos como Kompany, De Jong e Zabaleta, confiando toda a súa sorte á velocidade de Robinho, Wright-Phillips ou Bellamy nalgunha contra. Mais os planos torcéronselle axiña a Mark Hughes co primeiro gol. Cesc Fábregas sacou unha falta a carón da liña de fondo e Adebayor cabeceou placidamente na área. Inda non pasara un cuarto de hora e o Arsenal xa estaba por diante, algo insólito nos últimos partidos. Hughes decidiu non agardar para pasar ao plan B e fixo un troco no 17. Retirou do campo a un perplexo Wayne Bridge e puxo no seu lugar ao internacional suízo Gelson Fernandes. Mais o guión do partido apenas mudou. Cesc Fábregas seguía manexando o xogo ao seu antollo e todo o perigo dos celestes reduciuse a tres pases en profundidade de Wright Phillips que desaproveitaron os seus compañeiros, a máis flagrante a de Gelson que mandou o balón o pao. Antes do descanso Hughes aproveitou aínda a lesión de Kompany para poñer no campo un mediapunta: Elano. Parecía que no segundo tempo o City daríalle algo de guerra ao Arsenal pero nada máis lonxe da realidade. A reanudación foi unha enxurrada de fútbol e ocasións do Arsenal. Aos tres minutos Cesc mandaba un balón xenial por riba dos centrais e Adebayor non tivo máis que canear a Shay Given para marcar o segundo. Nos dez primeiros minutos do segundo tempo o Arsenal dispuxo aínda de media ducia máis de ocasións claras. O City, atordoado, nunca máis reaxiu e o Arsenal baixou unha marcha para gozar placidamente da vantaxe e da vitoria. No outro partido destacado da xornada, o debú de Alan Shearer, o Chelsea, que inda loita polo título, chafou a ilusión do público de Newcastle co seu novo técnico (2-0). Lampard e Malouda marcaron no segundo tempo e deixan o Newcastle a tres puntos da salvación. (A foto de Cesc Fábregas de wonker)
Marcadores:
Adebayor,
Alan Shearer,
Arsenal,
Cesc Fábregas,
Chelsea,
Fútbol,
Manchester City,
Newcastle,
Premier
HUMILLADOS EN ORLANDO
Os Cleveland Cavaliers levaron hoxe a maior malleira (87-116) que lembran en moito tempo e ante un rival directo na loita polo título de Conferencia, os Orlando Magic. Os dous equipos chegaban ao partido con propósito de enmenda despois das súas respectivas derrotas ante equipos frouxos (os Cavs en Washington e Orlando ante Toronto) e o partido comezou con igualdade. Ilgauskas e Lebron anotaban nun lado mentres que na cancha contraria os Magic repartíanse as canastras procurando sempre o mellor tiro. Foi no segundo cuarto cando a segunda unidade de Orlando comezou a romper o partido. Cunha magnífica defensa, os de Florida chegaban axiña a canastra contraria e anotaban con facilidade por medio de Anthony Johnson, Battie e Haedo Turkoglu. Aos Cavs, en cambio, costáballes un mundo atopar canastras fáciles. Lebron emperrábase en asumir o liderado do equipo en ataque pero as súas porcentaxe de tiro eran arrepiantes. Chegouse ao descanso con 55-38 e despois do traballo de minado da seguna unidade de Van Gundy, na reanudación a primeira fixo un estrago. Rashard Lewis anotou catro triples en cinco minutos e os Magic marcaron un parcial de 24-4. O marcador (81-42) era xa humillante e os de Mike Brown non tiñan resposta. Ata de 41 chegaron a ir perdendo, algo insólito en toda a carreira de Lebron James. O partido xa non tivo historia e o último cuarto disputárono os xogadores de fondo de armario. A derrota é moi dolorosa para os Cavs que fai tres días andaban co orgullo moi subido. Haberá que ver que efecto teñen as derrotas ante Wizards e Orlando de aquí en diante, se xeneran dúbidas sobre as posibilidades do equipo ou se, pola contra, resultan un revulsivo para que o equipo non volva decaer. Para Orlando, pola contra, é unha grande inxección de moral, mentres perseveran na súa loita polo segundo posto da Conferencia cos Boston Celtics, que non perdoaron no Garden ante os Atlanta Hawks (92-104) nun novo partido sen Kevin Garnett. Kendrick Perkins, sen embargo, estivo xenial achegando 12 puntos, 10 rebotes e sete tapóns. No Leste, Carlotte Bobcats perdeu unha nova opción para asaltar os play offs. Perdeu (97-92), non sen loita, na súa cancha ante Miami Heat, que se recupera na súa loita cos Sixers polo quinto posto. Dwyane wade anotou 27 puntos e deu asistencias. No Oeste, os Spurs e os Blazers foron os grandes beneficiados da xornada. San Antonio impúxose (126-121) no Conseco Fieldhouse de Indiana cun gan partido, coma sempre, de Tony Parker (31 puntos e 10 asistencias) e Duncan (22 puntos e 11 rebotes). Manu Ginóbili vaise tamén reincorporando pouco a pouco a dinámica do equipo e hoxe ofreceu moi bos números (16 puntos, 7 rebotes e 7 asistencias). Portland, pola súa banda, arrasou sen contemplacións Oklahoma (107-72), nun partidazo de Lamarcus Aldridge (35 puntos e 18 rebotes). Portland ponse cuarta superando aos Rockets, que perderon no Staples Center ante os Lakers (81-93). Tamén perderon os Jaz e os Hornets, que están a facer un patético treito final da Liga Regular. Os Jazz mesmo perdena fiabilidade na súa cancha. Perderon (103-102) ante os Timberwolves desaproveitando máis unha vez a vantaxe de dez puntos no descanso e os 34 puntos e 11 asistencias de Deron Williams. Os Hornets, pola súa banda demostraron unha vez máis que non poden aspirar a gran cousa mentres o equipo empece e acabe en Chris Paul e David West, que hoxe anotaron 74 dos 103 puntos do seu equipo. (43 Paul e 31 West). Foi insuficiente para superar os Warriors (103-111), nos que Jamal Crawford anotou 39 puntos. Tampouco os Dallas Mavericks conseguiron a vitoria hoxe anto so Memphis Grizzlies (102-107). Fóra da loita polos postos de play off, os Suns arrasaron ás "dúas bandas" dos Kings (111-139), con oito xogadores en dobles díxitos de anotación. (A foto de Rashard Lewis da web da NBA).
A VITORIA DO BREO, CONSOLO DO ROSA
Marcadores:
Baloncesto,
Beirasar Rosalía,
Brian Cusworth,
Dani López,
Georgios Pavlidis,
Kamrrom Taylor,
Liga LEB
03/04/2009
MORREU MIKE SCHLEGEL
O pasado mércores morreu en Long Island, á idade de 45 anos, vítima dun cancro, Mike Schlegel, todo un mito do baloncesto español despois do seu paso por varios equipos da ACB. entre eles o OAR Ferrol (daquela Clesa Ferrol), no que no que militou dúas temporadas: 1987/88 e 1988/89. Á pivot de 2,04 foi seleccionado no número 96 da quinta ronda do draft polo equipo da súa cidade, os New York Knicks, así que decidiu buscarse a vida lonxe do seu país. Despois de pasar polo Lugano suízo e o Ferrocarril Oeste arxentino, acabou en Oviedo na Primeira B. Alí foi que o recrutou Juan Fernández para o equipo galego co que conseguiu o ascenso á Liga ACB. Compañeiro de andanzas de Anicet Lavodrama ou Manolito Aller, deixou pegada indeleble na sabedora afección ferrolá. Na súa temporada co Clesa na máxima categoría conseguíu un promedio de 26,1 puntos e 11,9 rebotes. Despois foi pergrinando ano tras ano por distintos equipos: Collado Villalba, Elosúa León, Fórum Valladolid, Pau Orthez e Estudiantes Caja Postal, e en todos eles mantivo o gran rendemento de Ferrol e deixou unha formidable pegada pola súa calidade deportiva e humana. Físicamente parecía sacado dunha peli dos 70 de Michael Cimino, como Kurt Rambis. Fai uns meses Anicet Lavodrama escribiu esta fermosa semblanza do seu compañeiro, emotiva e xenial de principio a fin, en solobasket. Rescato un fragmento inda que aconsello lela na súa totalidade: "Para min, Mike era unha mestura de Larry Bird, Oscar Schmidt e Dennis Rodman! Anotador, reboteador, intelixente ao tempo que pillabán, bo pasador, un primeiro paso prodixioso, fero competidor xogando ao mus nas viaxes. Así é Mike Schlegel, un dos meus compañeiros cos que tiven máis e mellor complicidade ao longo da miña carreira de xogador de baloncesto".
Marcadores:
Baloncesto,
Mike Schlegel,
OAR Ferrol,
Pasamentos
SAUDADE DO JORGE ANDRADE
Jorge Andrade foi, sen dúbida, un dos mellores centrais que tivo o Deportivo na súa Historia. Xogou na Coruña cinco anos, de 2002 a 2007. Disputou en total 123 partidos coa camisola deportivista nos que marcou 2 goles. Andrade, de 31 anos, deuse a coñecer na Liga Portuguesa no Estrela de Amadora, onde se converteu no líder da zaga dun equipo que no ano 2000 acadaba a súa mellor clasificación histórica: sétimo. De contado chamou a atención dos grandes e acabou recalando no Porto, onde formou unha dupla incrible con Ricardo Carvalho. Non chegou a gañar cos dragões a Liga portuguesa mais coincidiu con José Mourinho na primeira temporada do técnico de Setúbal no Porto, na que foi argallando o equipo co que nos anos seguintes acadou unha UEFA e unha Champions. Esa temporada Andrade foi o xogador que disputou máis minutos e debutou coa selección portuguesa, coa que disputou 50 partidos ao longo da súa carreira. Andrade fichou polo Dépor en 2002 e axiña se converteu en referente inescusable da defensa xunto con Nourredine Naybet. A casualidade quixo que no ano 2004 fose protagonista dunha das accións determinantes das semifinais da Champions que o Dépor xogou precisamente contra o Porto. No partido de ida, que acabou con empate (0-0), despois dunha falta sobre Deco, Andrade deulle un toque cariñoso ao brasileiro que durante dous anos fora o seu compañeiro de cuarto nas saídas dos portuenses. Un árbitro de nome Marcus Merk (si, que pasa!) decidiu que aquel xesto cariñoso era unha agresión e expulsou ao portugués que foi baixa, xa que logo, no partido de volta. O Dépor acusouno e foi precisamente César, quen substituía ao sancionado Andrade, quen cometeu o penalti sobre Derlei que o propio brasileiro transformou dándolle o pase á final aos de Mourinho. Andrade completou outras tres magníficas temporadas na Coruña e no verán de 2007 era o principal reclamo do Dépor no mercado para meter un pouquiño de liquidez nas baleiras arcas de Lendoiro. Foi a Juventus de Ranieri, que acababa de voltar á Serie A despois do seu aniño no inferno, a que puxo 10 millóns de euros para convertelo no líder da súa zaga. Apenas puido disputar catro partidos coa ‘vecchia signora’. Nun encontro contra a Roma ao pouco de comezar a temporada rompeu a rótula dereita, no mesmo xeonllo no que xa se lesionara dous anos antes co Dépor no Camp Nou e que lle impedira estar no Mundial de Alemaña. Despois de dúas operacións nunca máis conseguiu recuperarse e os medios italianos anuncian hoxe que a Juve e o xogador chegaron a un acordo para a rescisión do contrato a cambio de 3,5 millóns de euros. Jorge Andrade, porén, non deixa de crer na súa volta ao fútbol. Traballa arreo cada día, en Porto, co seu fisioterapeuta António Gaspar, co fin de superar dunha vez a maldita lesión. Oxalá que o consiga porque alén de ter sido un dos grandes xogadores da historia recente do Dépor nunca se lle puido reprochar nada. Ademais de gran futbolista foi unha excelete persoa e profesional. Toda esta información coincide co anuncio de que Zé Castro xa é xogador deportivista despois de que o Dépor fixese efectiva a opción de compra sobre o xogador. O de Coimbra é aínda un xogador en formación, con condicións de sobra para se converter nun bo central, pero que ata agora demostrou estar máis verde que maduro. (A foto de Andrade de Darz Mol)
OS 76ERS ASÉNTANSE NO QUINTO POSTO
Philadelphia 76ers acomódase no quinto posto da Conferencia Leste que o cruzaría en playoffs ante Atlanta Hawks, un equipo difícil, pero a priori máis asequible que Cleveland, Boston ou Orlando. Faino despois de dúas vitorias seguidas e dúas derrotas consecutivas dos Miami Heat. Onte vistaban o Wachovia os Milwaukee Bucks, un equipo fácil a priori pois apenas sumara dúas vitorias nos últimos dez partidos e as súas posibilidades de playoff son practicamente inexistentes. Pero aos de Tony Di Leo custoulle entrar no partido. O primeiro tempo rematou 59-50 para Milawaukee debido sobre todo ao acerto dos Bucks nos tiros de campo (56%) e á elevada cifra de balóns perdidos dos Sixers (13, 5 deles de Andre Miller). No segundo tempo a actitude de Philadelphia mudou radicalmente, axustouse moito máis en defensa e encarouse o aro contrario con moita máis determinación. Pouco a pouco foise reducindo a vantaxe en contra ata que chegando ao final do terceiro cuarto xa estaban os Sixers por diante. Lou Williams, dende o banco, foi o máximo anotador do seu equipo con 21 puntos nun notable 7 de 10 en tiros de campo. Iguodala anotou 20 e Andre Miller fixo 18 puntos e 11 asistencias se ben no debe hai que anotarlle 8 balóns perdidos. No xogo interior entrou Reggie Evans por Thaddeus Young, quen non volverá ao equipo ata dentro de dúas ou tres semanas pola lesión de nocello que se fixo no último partido, e anotou 13 puntos e 7 rebotes. Dalembert fixo só catro puntos pero colleu 10 rebotes, se ben o rookie Marreesse Speights xogou máis minutos ca el e tivo tamén unha destacada actuación con 14 puntos e 6 rebotes. No equipo contrario o máis destacado foi o base Ramon Sessions, que viña de facer o primeiro triple doble da súa carreira no partido de onte contra os Lakers e que hoxe asinou uns destacado 18 puntos, 11 rebotes e 5 asistencias. O 95-105 final supuxo unha vitoria parcial no segundo tempo de 19 puntos para os Sixers. Os cronistas de Philadelphia aseguran que o segundo tempo de hoxe foi un dos mellores que se lembran dos Sixers esta temporada e que terá que ser o nivel de referencia de cara aos playoffs. A gran sorpresa da xornada deuse en Washington D.C. Chegaban á capital os Cavaliers despois de 13 vitorias seguidas, record da franquía, para enfrontarse a uns Wizards que gañaron 18 partidos... en toda a Liga. E fo¡ que gañaron os Wizards! (101-109). No equipo de Washington xogaba o seu segundo partido da temporada o home de referencia, Gilbert Arenas, e tamén era o segundo partido para outro home importante que só tivera unha aparición nesta Liga Regular: o pivot Brendan Haywood. A súa volta, xunto coas aportacións sempre positivas de Caron Butler (25 puntos) e Antawn Jamison (19), colaboraron na inesperada vitoria sobre uns Cavaliers que tardaron demasiado en entrar no partido e foron superados polos Wizards no xogo interior (58-32 en puntos na pintura). Mediado o terceiro cuarto Washington acadou a súa máxima vantaxe no marcador 68-54, e foi daquela cando os Cavs quixeron reaccionar, liderados por Lebron que anotou 22 dos seus 31 puntos no segundo tempo. Finalmente os Wizards resistiron e deron a gran sorpresa da semana. Para Ed Tapscott, técnico interino dos Wizards, o visto no día de hoxe, e con Arenas e Haywood reincorporados, é unha mensaxe de esperanza para a torcida de cara a vindeira temporada. Por último, na conferencia Oeste xogouse un novo duelo directo entre equipos que se xogan os postos de play off. Os Utah Jazz visitaban a cancha dos intratables Denver Nuggets, que están facer a mellor camapaña da historia da franquía. Non pensaban tal os seareiros despois da marcha de Iverson e Marcus Camby, pero o certo é que os homes de George Karl están a ofrecer un rendemento espectacular e a aproveitar a intelixencia na dirección do xogo de Chauncey Billups. Hoxe gañaron (104-114) un partido máis ante uns Utah Jazz que nas últimas semanas están a dar unha imaxe moi pobre, con pouca intensidade defensiva e lagoas de concentración durante os partidos impropias dun equipo de xente veterana e baixo o mando dun home tan esixente como Jerry Sloan. Especialmente preocupante de cara os playoffs e o pobre rendemento dos Jazz fóra da sú cancha (6 derrotas nos últimos sete partidos). Polo xeral, os Jazz acaban tendo un baixón nalgún cuarto. No último contra os Knicks foi no terceiro, hoxe contra os Nuggets foi no segundo, no que encaixaron un parcial de 19-33. O protagonista de Denver no día de hoxe foi un sorprendente J.R. Smith, que anotou 28 puntos, grazas sobre todo a 8 triples de 13 intentos. 6 dos triples meteunos no primeiro tempo contribuíndo a marcar o parcial que co tempo resultou definitivo. Outro home que tivo hoxe unha actuación estelar e que, como Smith, saíu tamén dende o banco foi Chris Andersen, quen puxo nada menos que oito tapóns ao longo do partido. A única noticia negativa para os Nuggets foi a lesión, aparentemente non moi grave, de Kenyon Martin, que o obrigou a retirarse do xogo. Nos Jazz, hai que salientar que nese primeiro tempo no que se lles foi o partido, entre Boozer, Okur e Deron Williams rexistraron un arrepiante 3 de 23 en tiros de campo. O desacerto foi unha das claves do pésimo partido do equipo de Jerry Sloan (34 de 93 no partido). No caso de rematar así a conferencia, Nuggets e Jazz volverían cruzarse na primeira rolda dos playoffs. (A foto de Miller e Iguodala da web da NBA)
02/04/2009
O BARÇA FORZA O QUINTO PARTIDO
Olympiakos e Panathinaikos acompañarán ao CSKA de Moscova na Final Four de Berlin, despois de gañar o cuarto partido, os dous en cancha contraria, das súas respectivas eliminatorias. Mentres, o Barcelona deu a sorpresa impoñéndose (63-84) cunha superioridade inimaxinable ao Tau Baskonia e forzou o quinto partido que se disputará a vindeira semana no Palau. O Barcelona foi moi superior no día de hoxe a un TAU apoucado e que perseverou nun dos grandes defectos do terceiro partido: as perdas de balón (15). Despois de dominar o primeiro cuarto e o comezo do segundo cun Rakocevic enchufado, o TAU viu como devagar o Barcelona axustaba a súa defensa. A Prigioni costáballe un mundo dirixir o xogo dos baskonistas e pouco a pouco os cataláns dominaban o partido, deixando reducida a achega anotadora do TAU a accións individuais de Rakocevic, Mickeal ou Splitter. Foi no terceiro cuarto, o que polo xeral acaba decidindo os partidos, cando o xogo do TAU acabou curtocircuitando definitivamente. O Barça empezou a anotar todo canto intentaba. Navarro, Basile, Ilyasova ou Lakovic incháronse a meter triples e tanta intensidade acomplexou aos xogadores do TAU que encaixaron ao final do cuarto un parcial de 13-30, que emprazaba a resolución da eliminatoria para a vindeira semana en Barcelona. Outra das claves do partido foi o dominio do rebote por parte dos xogadores de Xavi Pascual, que apañaron 38 rebotes (17 ofensivos) por apenas 26 dos vitorianos. A esectacular posta en escena do TAU no Palau a pasada semana, sumando a oitava vitoria consecutiva sobre os blaugranas facía presaxiar que os vascos eran favoritos para levar a eliminatoria pero o certo é que o Barça reaxiu con grandeza e parte coa vantaxe da cancha para o quinto partido, que se promete apaixonante. Pola súa banda, o Olympiacos eliminou o Madrid ao gañar hoxe en Vista Alegre nun partido igualado e emocionante ata o último suspiro. Unha tarde máis Papaloukas tivou unha tarde moi desafortunada, impropia da súa veteranía e calidade, mais o pivot Bourousis (25 puntos e 6 rebotes) asumiu o liderato dos gregos cun partido colosal. O Real Madrid apelou unha noite máis á casta pero desta volta o equipo de Giannakis non se deixou intimidar e dominou as acometidas dos brancos cunha defensa moi seria e demostrando superioridade de kilos e centímetros na pintura. Reyes e Bullock, heroes madridistas no terceiro partido, cometeron erros puntuais no último minuto que axudaron na vitoria do equipo do Pireo. Papaloukas fixo lembrar o Petrovic da Cibona ao despedirse irónico do público madrileño cun sorriso de orella a orella e a man extendida . Por último, o Panathinaikos certificou tamén o seu pase á final four ao gañar en Siena (84-91). Outro partido máis o xogo colectivo dos gregos impúxose a un Montepaschi dependente das individualidades, sobre todo a de Terrell McIntyre que anotou 35 puntos.O Olympiakos enfrontarase ao CSKA nas semifinais mentres que o Panathinaikos terá que agardar polo resultado da vindeira semana entre Barcelona e TAU. (A foto de Lakovic entre Splitter e Teletovic da web do Barcelona)
Marcadores:
Baloncesto,
Barcelona,
Euroliga,
Montepaschi Siena,
Olympiacos,
Panathinaikos,
Real Madrid,
TAU
PROCURANDO O MELLOR CRUCE
A estas alturas da temporada, cos 16 equipos que participarán nos play offs practicamente decididos, queda a intriga por coñecer que posto ocuparan finalmente e polo tanto cales poderán ser os cruces. No Leste, Boston Celtics e Orlando Magic disputan o segundo posto. Os Celtics recuperárono hoxe despois de gañar nun intensísimo partido aos Bobcats que precisou de dúas prórrogas. Como tantas outras veces decidiu un triple de Ray Allen dende un recanto a dous segundos do final para poñer o 109-111 definitivo. Allen estaba so por un despiste defensivo de Gerald Wallace, un despiste que pode costarlle caro a Charlotte nas súas aspiracións por entrar nos play offs. Paul Pierce foi o máximo anotador do partido con 32 puntos. Kevin Garnett non xogou para darlle repouso ao seu xeonllo dereito. Nos Bobcats, malia o erro do final, o máis destacado foi, como contra os Lakers, Gerald Wallace, que anotou 20 puntos e apañou 10 rebotes. Destacable foi tamén a achega do rookie D.J. Augustine cun 4 de 4 en triples. Os Celtics recuperan o segundo posto porque Orlando Magic perdeu (99-95) por fin despois dunha xeira longa de vitorias. Fixérono ante os Toronto Raptors, que xa sen opción algunha de salvar a temporada están a facer estes días o mellor xogo do ano. Levan unha xeira de cinco vitorias seguidas e unha notable recuperación da súa imaxe, que estaba francamente polo chan. Chris Bosh (24 puntos e 12 rebotes), e Shaun Marion (17 puntos e 13 rebotes) foron os líderes do equipo canadense, mentres que polos de Florida Dwight Howard achegou 20 puntos e 11 rebotes. O principal pecado de orlando foi o desacerto nos tiros de tres (7 de 26). Outra loita fermosa é a que manteñen Miami e Philadelphia polo quinto posto de Conferencia, que se cruzaría nos cuartos cos Atlanta Hawks. Os Sixers teñen a oportunidade gañándolle hoxe aos Bucks de roubarlle esa posición a Miami que perdeu na cancha dos Dallas Mavericks (96-98). O base rookie dos Heat Mario Chalmers tivo a oportunidade de darlle a vitoria ao seu equipo pero pecou de novato e cometeu falta en ataque sobre Josh Howard, que levaba media hora agardando por el. Nowitzki con 30 puntos gañou o duelo entre a anotadores a Dwyane Wade que quedou en 23. Os Pistons, pola súa banda, desaproveitaron a oportunidade de afastar as pantasmas despois da derrota dos Bobcats e caeron claramente na cancha dos Nets (98-111). No Oeste todas as opcións son posibles agás o primeiro posto dos Lakers, que gañaron non sen problemas na visita a Milwaukee (104-98). Kobe Bryant anotou 30 puntos e o xogador dos Bucks Ramon Sessions asinou un espectacular triple doble (16 puntos, 16 asistencias e 10 rebotes). O resto das prazas, do segundo ao oitavo son unha incógnita e calquera cousa pode pasar polo que se agardan grandes partidos de aquí ao remate da Liga regular. Os Hornets, de traxectoria errática nas últimas semanas, gañaron na cancha dos Clippers 104-98 con 30 puntos, 14 asistecias e 6 roubos de balón de Chris Paul. Os Rockets perderon en Phoenix (109-114), debido en boa medida ao partidazo de Nash (25 puntos e 17 asistencias). No resto da xornada os Grizzlies gañáronlles aos Wizards (107-112) mentres que, en Oakland, no duelo californiano entre Sacramento e os Golden State Warriors viviuse unha auténtica loucura, 141-143 despois dunha prórroga. O base dos Warriors, Monta Ellis, anotou 42 puntos, colleu 9 rebotes e deu 9 asistencias mentres que para os Kings, Kevin Martin anotou nada menos que 50 puntazos (23 dende a liña dos tiros libres). (A foto de Kevin Martin, que hoxe anotou 50 puntos, da web da NBA)
O DERBI CRUCIAL DAS DÚAS COREAS
En Asia, todo o interese estaba posto no partido que enfrontaba en Seúl as dúas Coreas. Alén do morbo do partido, que ía moito máis aló do futbolístico, o resultado era crucial nas aspiracións dos dous equipos pois xogábanse o liderato do seu grupo. Corea do Norte, de gañar, tería dado un paso de xigante para estar no Mundial de 2010. Corea do Sur non podía permitirse outro resultado ca vitoria para non perder as súas opcións de representar a Asia nun campionato no que é un habitual dende fai moitas edicións. E o partido estivo marcado por unha extrema igualdade. O gardarredes Lee Won Jae erixiuse en heroe dos surcoreanos pois xa no primeiro minuto evitou o gol, cunha espectacular estirada, após un remate de Hong Jong Yo que apuntaba directamente á escadra. A segunda grande oportunidade foi tamén dos norcorenos, á volta do descanso. Jong Tae Se, estrela do equipo do norte, xogador do Kawasaki Frontale, da J-League, nado en Xapón mais norcoreano de terceira xeración , rematou de cabeza en boca de gol e bateu máis unha vez cunha nova actuación milagreira do gardarredes surcoreano. A partir dese momento, a selección de Huh Jung Moo reaxiu e comezou a asediar a área norcoreana. Lee Keun Ho dispuxo de claras oportunidades para Corea do Sur pero desta volta tocoulle intervir maxistralmente ao porteiro de Corea do Norte Ri. Myung Guk. O empate deixaba frío os seareiros que ateigaban o Estadio de Seúl. Solucionouno Kim Chi Woo, quen entrara pouco antes no partido, cun gol no 87 que lle daba a vitoria e o liderato do grupo á selección de Corea do Sur, cun partido menos e un punto de vantaxe con respecto aos seus veciños do norte e Arabia Saudí, que non fallou no seu partido crucial ante os Emiratos Árabes Unidos. Autef adiantou aos saudís de penalti no minuto 4, pero os Emiratos remontaron con goles de Al Shehi (38`) e Matar (45’). No segundo tempo Juma (70’) en propia porta e Hazazi (83’) recobraron a vantaxe para os locais, que adestra o portugués José Peseiro. No outro grupo, Australia venceulle sen problemas a Uzbekistán, 2-0, con goles de Kennedy e Kewell de penalti, e está a un paso de converterse na primeira selección que certifica o seu pase á Fase final do Mundial. Puido conseguilo mesmo onte se Bahrein e Qatar empataban o seu partido, mais gañou Bahrein (1-0) con gol de Aaish (52`) polo que Australia terá que agardar á vindeira xornada. (A foto do norcoreano Jong Tae Se abatido ante a bandeira surcoreana da web da FIFA).
01/04/2009
UNHA GOLEADA DE ALTURA
6-1. 'Cada gol de Bolivia era como un puñal no corazón'. Así contou Maradona as súas sensacións no Estadio de La Paz, no seu segundo partido ofical como seleccionador, un partido que pasará á historia do fútbol arxentino como a maior humillación en moito tempo. De feito, é a maior goleada que encaixa a selección arxentina na súa Historia. Só en 1958 encaixou un resultado semellante no Mundial de Suecia ante Checoslovaquia. Maradona tivo a decencia de non buscar a excusa da altura, deses 3.650 metros nos que se encontra o Estadio Hernando Siles de La Paz e que algúns contan que, en efecto, converten cada esforzo físico nunha tortura. Porque é un inconveniente, si, mais non unha disculpa. Arxentina, unha das seleccións máis potentes do mundo, con Messi, Tévez, Mascherano e compañía viuse desbordada dende o inicio do partido por unha selección boliviana que, dirixida polo gran Erwin 'Platini' Sánchez, camiñaba ata agora con máis pena que gloria na liguilla do grupo suramericano, penúltima clasificada. Juan Pablo Carrizo, gardarredes da Lazio, tentaba parar a maré de ocasións dos bolivianos mais non puido evitar o primeiro, no minuto 11, de Marcelo Martins. Arxentina procurou reaxir e empatou no 25 cun gol afortunado de Lucho González, mais a partir de aí chegou a debacle. Os arxentinos nunca máis combinaron nin foron quen de frear as acometidas bolivianas. Inda por riba, a medida que pasaba o tempo, a fatiga, unida á altura, afogaba máis aos xogadores da albiceleste. Botero de penalti volvía adiantar os seus no 33. No 45 marcaba da Rosa. E no segundo tempo consumouse a goleada. Joaquín Botero, xogador do modesto Correcaminos de Tamaulipas, equipo da Primeira mexicana (equivalente a segunda División) marcou dous máis. Didi Torrico, a falta dez minutos, poñía o sexto que lle daba a goleada dimensións históricas. Pouco antes o benfiquista Di María autoexpulsárase cunha falta produto da impotencia. A derrota vai facer correr ríos de tinta en Arxentina que, con todo, vivíu onte máis pendente do pasamento do ex-presidente Raul Alfonsín. Os críticos a Maradona teñen pólvora para recargar os seus argumentos. Mais a maioría dos afeccionados de seguro estarán dispostos a concederlle unha nova oportunidade. Os xornalistas bolivianos ovacionaron a Maradona á saída da rolda de prensa. En Arxentina, ao respecto do tema da altitude, os xornais de hoxe lembran a frase de Evo Morales contra as intencións da FIFA de prohibir partidos internacionais a máis de 2.500 metros: "Onde se fai o amor pódese xogar ao fútbol".No resto dos partidos do grupo salienta a vitoria de Brasil por 3-0 a Perú en Porto Alegre. Os de Dunga, despois da pobre imaxe ofrecida contra Ecuador, e con Kaká de titular no lugar de Ronaldinho, non tiveron problema ningún para superar a unha lastimeira Perú que se afunde como peor equipo da liguilla e divorciada da súa torcida. Luis Fabiano marcou por dous veces no primeiro tempo (18' de penalti e 27`) e Felipe Melo completou a conta no 63 do segundo. No estadio Atahualpa de Quito, o xogador do Pachuca mexicano Edgar Milciades Benítez anotaba no minuto 93 o gol que lle daba o empate a Paraguai ante unha selección ecuatoriana que mereceu máis premio. Ecuador anotara no 64 cun novo gol do xogador do Rubin Kazan Christian Noboa. A vitoria era fundamental para os amarelos no seu desexo de meterse na loita pola clasificación polo que o gol de Benítez foi un xerro de auga moi fría. Por úlitmo, na noite anterior disputárase o Venezuela-Colombia. Dous goles serodios de Fedor e Arango déronlle a vitoria aos 'viño tinto' e supoñen un paso atrás nas aspiracións do combinado que dirixe Eduardo Lara. Tamén se xogaron partidos do grupo da Concacaf e salienta a dolorosa derrota de México, na que Guardado e Omar Bravo saíron de inicio, ante Honduras (3-1). Marcaron para os hondureños Carlos Costly (17' e 78') e Carlos Pavón (43'). Reduciu a vantaxe no 80 de penalti Nery Castillo. En Nashville, Estados Unidos impúxose sen problemas a Trinidad y Tobago cun hat-trick de Joe Altidore. Por último Costa Rica gañoulle pola mínima (1-0) a El Salvador. Este grupo esta así: Estados Unidos (7 pts.), Costa Rica (6), Honduras (4), México (3), El Salvador (2), Trinidad y Tobago (2)
DEMASIADO CASTIGO PARA TURQUÍA
Despois do partido (1-2) de hoxe no Ali Sami Yen de Estambul España ten practicamente asegurado o seu pase directo á Fase Final do vindeiro Mundial de Sudáfrica. Aseguraría a clasificación gañándolle a Bosnia en Saraxevo no vindeiro partido. Porén, Turquía, despois de perder por dúas veces contra os de Del Bosque, teno realmente complicado. É unha pena porque os turcos son unha selección con calidade e personalidade, que producen enorme simpatía no espectador neutral. No Bernabeu, o pasado sábado, foron valientes e por momentos xogaron ao fútbol con máis brillantez cos locais, pero perderon por un afortunado gol de España a balón parado. Hoxe a historia foi diferente. Turquía quixo aproveitar nos dez primeiros minutos de partido o ruxibao do seu estadio para poñer a España contra as cordas, pero a campiona de Europa tirou de oficio e axiña apareceron Xavi, Senna e Xabi Alonso para gañar a batalla no centro do campo. España defendeu moi arriba e Xavi e Silva impedían en todo o momento que o xogo dos turcos puidera pasar por Mehmet Aurelio ou, sobre todo, Emre Belezoglu. así que os turcos que saíron moi dispostos víronse incapaces de xogar no mediocampo e facerlle chegar o balón aos seus avanzados. España, de tan arriba que presionaba mesmo dispuxo dalgunha ocasión clara. Riera mandou unha volea espectacular que Demirel enviou a córner nun escorzo esaxerado. Pero do mesmo xeito que o sábado España marcou cando Turquía era claramente superior, o gol de Turquía chegou hoxe cando mellor xogaban os de Del Bosque. O balón chegoulle a Arda Turan, xogador do Galatasaray de inmensa calidade, caído na banda esquerda, lonxe da área aínda. Levantou a cabeza e enviou un centro á área que mesmo pareceu un lanzamento a balón parado. A defensa española saíu mal a facer o fóra de xogo e Tuncay, que aparecía dende a banda contraria, controlu o balón e deixoullo franco a Semih Senturk para que adiantase a súa selección. Agromaron as bengalas nas bancadas porque os de Fatih Terim atopaban um premio inesperado visto o que estaba a acontecer sobre o céspede. Despois do gol o partido mudou. Turquía non tiña tanta anseidade e controlaba moito mellor o xogo dos españois. Pouco a pouco Tuncay e Arda Turan participaban máis no xogo e Semih e Nihat procuraban as combinacións para romper a defensa española. España, en cambio, apenas xeraba ocasións e cando o facía, as máis das veces grazas ao talento de Xavi para poñer o balón no lado máis inesperado, Fernando Torres erraba no último control. Pero España non necesita facer demasiado para marcar gol, só así se explica que leve 31 partidos sen perder. Nun balón á area que non blocou con seguridade Demirel, o lateral esquerdo de Turquía acabou metendo a man para evitar un gol . Penalti claro e Xabi Alonso empataba para España. A partir dese momento, Turquía foi incrementando devagar a intensidade do seu ataque. Procurou achuchar a España e dispuxo de boas ocasións pero non a acompañou a sorte. A medida que se achegaba o final do partido, o equipo de Fatih Terim descoidaba cada vez máis a defensa e nun rexeite longo de España Güiza fixo unha magnífica xogada e cun control orientado superou en carreira a Hakan Balta e deulle en bandexa o gol da vitoria a Riera. Ao final Turquía que non mereceu perder ningún dos dous partidos, suma cero puntos e ve como se lle complica moito a clasificación, pois Bosnia, que está moi forte, non errou ante Bélxica (2-1). Ao cuarto de hora o dianteiro Edin Dzeko, que xoga na Bundesliga no Wolfsburgo, xa metera dous goles. Bélxica só ameazou no último minuto co gol de Swerts. No outro partido do grupo 5, irrelevante a efectos de clasificación, Estonia gañoulle en Tallin 1-0 a Armenia con gol de Puri no minuto 83. Con 6 partidos xogados todos os equipos a clasificación esta como segue: España (18), Bosnia (12), Turquía (8), Bélxica (7), Estonia (5), Armenia (1).Repasamoso resto dos grupos europeos. No grupo 1, o de Portugal, Dinamaca e Hungria gañaron os seus respectivos partidos e xa lle sacan sete partidos de vantaxe aos de Queiroz. Dinamarca non tivo problemas para superar a Albania 3-0 con goles de Andreasen, Larsen e Poulsen. Menos problemas tivo Hungría para impoñerse á feble Malta tamén por 3-0 con goles de Hajnal, Gera e Juhasz.
No grupo 2, Grecia é líder con 13 puntos tras a vitoria sobe Israel (2-1). Salpingidis (32`) adiantou a selección de Rehhagel. Empatou Israel por medio de Golan e Samaras (67´) puxo de penalti o resultado definitivo. Empatada a puntos con Grecia está a Suíza de Omar Hitzfeld, que gañou 2-0 o seu partido ante Moldavia con goles de N´Kufo (20´) e Alexander Frei (54`). A tres puntos de Grecia e Suíza está Letonia despois de impoñerse por 2-0 á débil Luxemburgo. Marcaron Zigajevs (44`) e o dianteiro do Celta Maris Verpakovskis (76`).
No grupo 3, Eslovaquia deu a gran sorpresa ao gañarlle á República Checa en Praga. Adiantou Sestak (23`) aos eslovacos. Empatou Skrtel (30`) de penalti e Jendriksen no 83 marcou o 1-2 definitivo despois dun mal rexeite na área de Petr Cech. Irlanda do Norte asegurou o liderato unha xornada máis tras vencer 1-0 a Eslovenia con gol de Feeney (73`). Por último, na cidade de Kielce Polonia acadou a goleada do ano (10-0) ante San Marino. Smolarek marcou 4 goles. Neste grupo Irlanda do Norte é líder (13 puntos en 7 partidos, seguido por Eslovaquia (12 en 5 partidos), Polonia (10 en 6) e a República Checa e Eslovenia (8 en 6). Sen dúbida un dos grupos máis igualados.
No grupo 4, Alemaña segue impoñendo paso firme. Gañoulle 0-2 a Gales, en Cardiff con goles de Ballack (11') e Ashley Williams (48`) en propia portería. Apenas Rusia lle mantén o pulso aos alemáns. A selección de Hiddink gañou cun exiguo 0-1 (gol de Zyrianov no 38`) á modesta Liechtenstein no Rheinpark de Vaduz.
No grupo 6 a Inglaterra costoulle gañarlle en Wembley a Ucrania. Crouch puxo por diante aos de Cappello no 29, pero o incombustible Shevchenho empatou no 74. Inglaterra tivo que agardar a a que John Terry (85`) aparecese nun barullo en xogada a balón parado para manter a súa xeira vitoriosa. En Andorra, Klasnic e Eduardo da Silva certificaron a fácil vitoria de Croacia (0-2), metres que en Almaty, Bielorrusia goleou (1-5) a Kazahstán. Adiantouse o equipo local no 10 por medio de Abdulin, pero Bielorrusia resolveu tras o descanso con goles de Hleb, dous de Kalachev, Stasevich e Kovel. Inglaterra lidera o grupo con 15 puntos, seguida de Croacia con 10 e Ucrania con 7.
No grupo 7, Francia volveu dar unha pobre imaxe ante os seus adeptos. Tivo que agardar a que no minuto 75 Ribery marcase a vitoria ante a modesta Lituania. No outro partido do grupo Austria venceu 2-1 a Rumania. Hoffer con dous goles (25' e 44') remontou o gol inicial de Tanase. Serbia lidera este grupo con 12 puntos, por 10 de Francia, 9 de Lituania e 7 de Austria.
No grupo 8, a Irlanda de Trappatoni acadou un moi meritorio empate ante a Italia de Lippi. Adiantara aos azzurri Iaquinta no minuto 10, mais Irlanda non perdeu a fe e Robbie Keane empatou no 89. Italia é lídercon 14 puntos mais Irlanda non cede e é segunda con 12. Bulgaria mantén as súas opcións. É terceira con 7 puntos e un partido menos. Onte impúxose a Chipre (2-0) con goles de Popov e Makriev. No outro partido do grupo Xeorxia e Montenegro empataron a ceros.
No grupo 9, Holanda acadou a súa quinta vitoria en cinco partidos. Superou claramente (4-0) a Macedonia con dous goles de Kuyt, outro de Huntelaar e outro de Van der Vaart. Moi lonxe dos holandes, é segunda Escocia que gañou onte en Hampden Park a Islandia (2-1). McCormack no 39' adiantou os escoceses. Empatou Sigurdsson no 54 e Steven Fletcher, no 65, marcou o gol da vitoria definitiva.
(A foto de Sentürk na web da FIFA)
Marcadores:
Arda Turan,
Fútbol,
Fútbol internacional,
Güiza,
Mundial 2010,
Nihat,
Riera,
Selección de España,
Selección de Turquía,
Semih Sentürk,
Tuncay,
Xabi Alonso,
Xavi
ALAN SHEARER VOLVE A NEWCASTLE
Alan Shearer é, posiblemente, a maior icona da Premier League dos anos 90 xunto con Eric Cantona. E iso que a súa carreira transcorreu en equipos que non son dos considerados grandes nas illas: Blackburn e Newcastle. Certo é que o equipo das pegas é un histórico do fútbol inglés. Tivo sempre grandes orzamentos, permitiuse grandes fichaxes e o seu estadio, o terceiro da Premier en aforo, está cheo cada fin de semana. A pesar diso, os resultados non acompañan polo xeral ás aspiracións e soños da inquebrantable torcida. Este ano a frustración virou pesadelo pois o clube encóntrase nunha situación caótica no institucional e no deportivo. A estas alturas da temporada o Newcastle ocupa postos de descenso, malia contar cun plantel envexable. O dono do club, Mike Ashley, cuestionado por practicamente a totalidade da masa social, non sabe que facer para saír do pozo. Por iso, nunha sorte de fuxida cara adiante que sexa aceitada pola maioría dos seareiros vén de anunciar que Alan Shearer será o técnico do equipo ata que remate esta temporada. Alan Shearer é o grande ídolo da Historia do clube, talvez só discutido por Kevin Keegan, primeiro adestrador de Shearer na era dourada dos 90 e que tamén estivo ao cargo do clube esta temporada, abandonándoa en setembro ante a súa disconformidade cos xeitos da directiva. Para sermos capaces de medir a verdadeira dimensión como ídolo de Shearer hai que empezar por dicir que naceu no propio Newcastle. Foi rexeitado cando era un rapaz polo equipo da súa cidade, así que a pimeira vez que se escoitou falar del foi co Southampton na First Division. Logo chegou a fichaxe polo Blackburn e un dos grandes fitos na Liga inglesa, a consecución do título con equipo tan modesto en 1994. En 1996 fichou polo Newcastle, que viña de ser segundo a temporada anterior grazas ao traballo de Keegan no banco e xogadores como David Ginola ou Les Ferdinand. Con Shearer o primeiro ano repetiron subcampionato. Os anos seguintes nunca chegaron máis aló, pero Shearer ficou por sempre como mellor xogador da Historia do Newcastle United, co que marcou 206 goles en 404 partidos (co Blackburn 130 en 171). Os seareiros de Newcastle están felices pola volta de Alan Shearer mais seguramente se pregunten se, aínda hoxe, non sería máis útil vestido de curto na área, que no banco, onde non conta con experiencia ningunha. Un risco demasiado grande pero que, como sempre, merece o beneficio da dúbida. As primeiras pistas sobre as cualidades do Shearer adestrador: o sábado, cando o Chelsea visite St. James´ Park. (A foto de Matthew Lewis en The Guardian)
OS BOBCATS PÓÑENSE FARRUCOS
Os Charlotte Bobcats están a merecer a recompensa dos play offs. O equipo do gran Larry Brown gañoulle (84-94) onte aos Lakers e está xa a só un partido dos Bulls, oitavos de conferencia, e a dous dos Pistons, sétimos. Os Bobcats apelaron á intensidade defensiva para superar aos de Phil Jackson. Raja Bell encargouse de Kobe Bryant, que anotou 25 puntos mais cun pobre 11 de 28 en tiros de campo. Baixo os aros deuse un fermoso duelo entre Gasol e Emeka Okafor. O catalán foi con todo o mellor do seu equipo rozando o triple doble (16 puntos, 11 rebotes e 7 asistencias). En cancha contraria destacou a participación de Gerald Wallace, que fixo un dos grandes partidos da súa carreira con 21 puntos e 13 rebotes. A vitoria dos Bobcats mételle presión aos irregulares Chicago Bulls, que perderon na cancha de Indiana Pacers (105-107) cunha canastra de T.J.Ford a falta de tres segundos para o final. Vinnie del Negro apenas utilizou sete xogadores en todo o partido, destacando o rookie Derrick Rose con 24 puntos, 6 asistencias e 11 rebotes, o máximo da temporada. Polos de Indiana, como sempre destacou Danny Granger no apartado anotador con 31 puntos e Troy Murphy no xogo interior (15 puntos e 12 rebotes). Os Pistons tampouco poden respirar tranquilos, inda que a súa derrota de hoxe era comprnsible pois visitaban Quicken Loans Arena de Cleveland. Os Cavaliers sumaron a súa decimoterceira vitoria consecutiva (73-79) e seguen a agrandar o record histórico da franquía.Os de Mike Brown superaron mesmo unha pésima porcentaxe en tiros de campo (38,6, mellor con todo ca dos Pistons, 35,4%) e grazas máis unha vez a Lebron James (25 puntos e 12 rebotes), sumaron a vitoria 36 en 37 partidos disputados este ano na súa cancha. Noutro partido entre equipos do Leste, os Sixers conseguiron unha meritoria vitoria (85-98) ante os Atlanta Hawks. Os de Philadelphia, porén, teñen que lamentar a lesión de Thaddeus Young que escordou un nocello, inda que parece que poderá retornar axiña á dinámica do equipo. O xogo colectivo dos Sixers, nos que destacou o rookie Speights con 16 puntos compensou a boa achega indiviual de Josh Smith (33 puntos) e Ronald Murray (19) por parte dos Hawks. No Oeste, continúa a xeira triunfal de Denver Nuggets, que venceron na súa cancha aos New York Knicks (104-111). Os de George Karl son actualmente segundos de Conferencia. Carmelo Anthony con 29 puntos e Nené Hilário con 18 puntos e 12 rebotes foron os mellores do seu equipo. Decepcionan, porén, os Utah Jazz, que esta madrugadada saíron escaldados do Rose Garden de Portland (104-125). Lamarcus Aldridge e Brandon Roy (25 e 11 asistencias), foron os mellores dos Blazers ante uns Jazz moi pobres. Tampouco pode presumir demasiado New Orleans Hornets, que gañaron apenas por un punto (111-110) a Sacramento, grazas sobre todo aos 40 puntos de David West. Neste partido, os Kings retiraron a camisola de Vlado Divac. Tamén resulta desconcertante a actaulidade dos Spurs, que perderon en San Antonio (96-95) ante Oklahoma, con 31 puntos de Kevin Durant. Por último, Dallas gañou con autoridade na cancha de Minnesota (108-88). (A foto de Gerald Wallace da web da NBA)
AS PROBAS DE QUEIROZ
Portugal xogaba onte en Lausanne un amigable contra a anfitrioa do vindeiro Mundial, Sudáfrica, que adestra Joel Santana. O partido serviulle a Queiroz, quen xa fora seleccionador de Sudáfrica, para facer as probaturas necesarias e procurar alternativas a un equipo que ten certamente complicada a súa clasificación. Bruno Alves e Ricardo Carvalho repetiron como centrais mais houbo cambios nos laterais. Pola dereita entrou o xogador do Betis Nelson, que estivo ben inda que a titularidade de Bosingwa parece indiscutible, ademais de haber moita competencia nese posto con Miguel e o Paulo Ferreira. Pola esquerda, probou Queiroz co defensor do Siena Gonçalo Brandão o experimento resultou máis insatisfactorio. O malaguista Duda, centrocampista reonvertido lateral, parece indiscutible para prensa e torcida portuguesa. No centro do campo repetiu Pepe, acompañado desta volta por Deco e Maniche. Seica o xogo resultou máis fluente que no pasado sábado ante Suecia e o do Chelsea, máis o do Atlético, deron mostras da súa pegada dende lonxe e da súa chegada para o remate. A proba máis interesante era a de dianteiro, onde Portugal adoece dun goleador que releve a figura xa histórica de Pauleta. Con Nani e Danny caídos á banda, Queiroz puxo de avanzado a Edinho, do AEK de Atenas que debutaba co equipo nacional, e o rapaz cando menos marcou e gañouse a confianza para vindeiros xogos. Portugal gañou 2-0 con dous goles de saque dende o recanto. Ademais do gol de Edinho marcou tamén o Bruno Alves. Por certo, outro dos dianteiros que procura un sitio na selección, Orlando Sá, do Sporting Braga, será xogador do Porto a partir da vindeira temporada segundo informa hoxe O Jogo. (A foto collina no Publico)O CSKA XA ESTÁ NA FINAL FOUR
O CSKA de Moscova, actual campión da competición, é o primeiro equipo que certifica o seu pase á Final Four da Euroliga, despois de gañar (56-67) o terceiro partido da súa eliminatoria ante o Partizan de Belgrado. E iso que tivo que enfrontarse ao ambiente do espectacular Belgrado Arena, ateigado por máis de 21.000 ruidosos seareiros serbios. O Partizán, sorpresa agradable nas fases previas, acabou pagando a súa inexperiencia e deu unha moi pobre imaxe ante o curtido equipo ruso que alcanza a súa sétima Final Four consecutiva. O partido mantívose igualado durante os dous primeiros cuartos, cunha vantaxe máxima para o CSKA de cinco puntos, mais no terceiro, o que adoita decidir os partidos, os de Messina acadaron un parcial de 1-9 que estableceu unha diferencia no marcador insalvable para uns serbios aos que lles costa un mundo anotar (fixeron unha media de 50 puntos en 3 partidos). No CSKA, que tivo un notable 14 de 24 en tiros de dous, destacaron especialmente o lituano Ramunas Siskauskas con 20 puntos e o esloveno Matjaz Smodis con 18 e 7 rebotes. No Partizan apenas Velickovic mantivo o tipo con 26 puntos, case a metade da produción anotadora do seu equipo. O TAU e o Panathinaikos cobran vantaxe nas súas eliminatorias. Os de Gasteiz gañáronlle (69-62) no Buesa Arena a un Barcelona que chegaba coa baixa por lesión de Juan Carlos Navarro. O acerto nos tiros de dous dos baskonistas (57,5 por un 39,4 do Barça) compensou unha estatítica arrepiante para os de Ivanovic: o TAU perdeu 22 balóns (7 deles Rakocevic) por só tres dos cataláns. Rakocevic, con todo, foi o máximo anotador do equipo con 15 puntos. Splitter, con 13, fixo tamén un gran partido se ben, como xa é habitual, púxose demasiado cedo con problemas de faltas. No Barcelona só Lakovic, con 20 puntos, chegou aos dobles díxitos en anotación.En Siena, o Panathinaikos deu un golpe de autoridade na mesa vencendo (53-72) comodamente ao Montepaschi. Os gregos romperon o partido no segundo cuarto cun parcial de 10-24 que agrandaron cun 11-21 no terceiro. Os italianos pagaron moi caro ao seu escaso acerto en tiros de campo (15 de 53). Por último, o Real Madrid que xogaba en Vista Alegre a cara ou cruz ante Olympiacos, deciciu apelar á casta e resolver a situación de inicio. Inda non se levaba un minuto cando os de Joan Plaza xa estableceran un espectacular parcial de 8-0 con dúas triples seguidas de Louis Bullock. O Madrid aplicouse cunha extraordinaria intensidade defensiva que curtcircuitou o xogo de Olympiacos, que perdía balóns seguido. Nin Papaloukas, defendido perfectamente por Marko Tomas, foi quen de poñer criterio no xogo dos gregos. Chegouse ao descanso con 37-20, marcador que parecía definitivo, pero os de Giannakis carburaron moito mellor no segundo tempo, liderados por un gran Bourousis (17 puntos e 10 rebotes). Olympiakos chegou a poñer en perigo a vantaxe madridista inda que finalmente os de Plaza respiran dous días máis (71-63). Partidazo de Felipe Reyes con 19 puntos, 9 rebotes, 4 asistencias e 5 recuperacións. (A foto de Matjaz Smodis da web da Euroliga)
Assinar:
Postagens (Atom)
