20/04/2009

O AZ ALKMAAR GAÑA A LIGA

O AZ Alkmaar proclamouse campión da Liga holandesa a falta de tres xornadas para o remate da competición. Malia perder no seu estadio ante o Vitesse Arnhem, aproveitou as derrotas dos seus seguidores: Twente e Ajax (que caeu 6-2 ante o PSV) para certificar matemáticamente o segundo título da súa historia (o primeiro remóntase á temporada 1980-81, na que tamén foron subcampións de UEFA despois de perder a final ante o Ipswich Town). O AZ Alkmaar é o único equipo holandés, a excepción dos tres grandes: Ajax, PSV e Feyenoord, que acada o título ligueiro no seu país. Louis Van Gaal pasa á historia deste modesto clube e resárcese do título perdido lastimeiramente fai dúas temporadas, cando o AZ perdeu a Liga no último partido co colista Excelsior. É o sexto título de Liga para Van Gaal, que xa conseguira tres co Ajax e dous co Barcelona. O gardarredes Sergio Romero, o defensa Gilles Swerts, o veterano centrocampista de Zeeuw ou o dianteiro Mounir el Hamdaoui conformaron o esquelete dun equipo que destacou máis que nada polo seu excelente xogo colectivo. (Foto da web da UEFA).

O GANDÍA PONLLE A LÁPIDA AO ROSA

O Rosalía perdeu a final en Gandía e abandona toda opción matemática de conseguir unha salvación que xa fai moito tempo era unha auténtica quimera. Abondaron os dez primeiros minutos, cun vergoñento parcial de 40-20 para certificar que neste partido os valencianos ían poñerlle a lápida os santiagueses, aos que só lles resta agardar por ser penúltimos e confiar en manter a categoría pola crise económica dalgún outro que deixe a súa praza, se ben a situación das arcas colexiais non é tampouco, precisamente, boiante. Zach Morley fixo estragos no tiro exterior ante a pasividade do equipo santiagués. Só queda destacar o orgullo que permitiu no treito final do partido enxergar a remontada. O Rosa chegou a poñerse a catro puntos e un mancado Dedas apareceu nun momento crítico para meter tres triples que mantiveron vivo ao seu equipo ata o remate do partido. A cara púxoa o Breogán, que gañou en Mallorca o seu primeiro partido a domicilio da era Valdeolmillos. Nacho Ordín (22 puntos), López Alcañiz (20) e Cusworth (17) foron os estiletes dos lugueses, que certificaron a vitoria cun magnífico parcial de 17-27 no último cuarto.O Breo aséntase no cuarto posto á espera dos playoffs polo ascenso. (Foto da web da FEB)

VERGONZA EN PASARÓN

A xornada da Segunda B presentaba tres derbis galegos e a gran sorpresa estivo en Pasarón onde o Ciudad de Santiago afundiu na miseria a un Pontevedra que profundou aínda máis nos seus problemas de xogo e actitude e despídese practicamente das posibilidades de ascenso. Só na primeira media hora os granates demostraron vontade de gañar o partido. Dispuxeron de varias ocasións de gol pero bateron cun gran porteiro Ian Mackay, o do Ventorrillo, que salvou o seu equipo en varias ocasións. Á media hora, despois de desperdiciar o seu dominio inicial, o Pontevedra recuou un anaco e a desconfianza instalouse en Pasarón. O Ciudad adiantábase grazas a un gol de Jesús Sánchez. Sen tempo para reaxir, o propio Jesús Sánchez marcaba o segundo tras parede con Maikel. Chegábase ao descanso cun resultado absolutamente inesperado. O cabreo de Gay, que a pasada semana botaran pestes pola actitude dos seus xogadores en Lugo, tivo que ser monumental. O pontevedra apelou á heroica sen fortuna e no 56 os santiagueses sentenciaban. Pasarón asumiu que o ascenso escapa un ano máis. O 0-4 non foi máis que a guinda a unha tarde para esquecer. Tamén o Fabril viviu unha xornada horrorosa. Perdeu na casa ante o Lugo e practicamente perde calquera opción de eludir o descenso. Os de Fonsi Valverde foron superiores no xogo e acabaron vencendo 2-3 despois de encaixar dous empates por parte dos coruñeses. Só o Celta B e Racing de Ferrol parecen opcións consistentes para entrar na promoción de ascenso. En Barreiro empataron sen goles. (Foto de Rafa Fariña en elcorreogallego)

LIEDSON DALLE VIDA AO SPORTING

O brasileiro Liedson marcou no último minuto en Guimarães e deulle a vitoria ao Sporting de Lisboa. O equipo de Paulo Bento sobrevive deste xeito na súa loita polo título que, con todo, parece difícil que escape do Porto. O Sporting sufriu abondo no Afonso Henriques. O Vitória de Guimarães é un equipo moi feito, serio en defensa e con talento arriba, se ben adoece da pegada necesaria para estar a estas alturas loitando polos postos europeos. Paulo Bento tiña as baixas de Vukcevic e Izmailov e optou por inzar o centro do campo de xogadores de características parecidas: Moutinho, Adrien Silva e Miguel Veloso. Só Pereirinha achegaba capacidade de desborde pola dereita, mentres que a banda esquerda deixábaselle ás subidas ocasionais de Caneira. Con todo, o principal argumento ofensivo dos branquiverdes era a mobilidade dos seus dous avanzados: Derlei e Liedson. Este último puido marcar ben cedo cun cabezazo que bateu no traveseiro, mais o resto do primeiro tempo foi un querer e non poder ante a boa disposición táctica do Vitória que de cando en vez ameazaba á contra por medio dos seus dous mellores homes: Nuno Assis e o avanzado Roberto. Dispuxeron dunha oportunidade especialmente clara á media hora, cunha asistencia xenial do mediapunta de Lousã, que rematou o brasileiro e evitou Rui Patrício cunha magnífica parada. Paulo Bento, dende o inicio, amosou o seu descontento coa actuación do árbitro internacional Bruno Paixão. O seu enfado foi monumental na última xogada do primeiro tempo cando o colexiado anulou incomprensiblemente un gol do central lisboeta Daniel Carriço. Na reanudación, o Vitória asumiu o mando do xogo e atopou o gol despois dunha nova asistencia maxistral do Nuno Assis, que rematou de cabeza de xeito tamén maxistral Roberto, que xa lle marcou esta temporada aos tres grandes. Co marcador en contra, os sportinguistas cheiraban que se lles escapaba o título polo que apelaron á heroica. Paulo Bento retirou a Caneira e puxo no seu lugar a Ronnie, un home que a pon moi ben nas xogadas a balón parado. Pola súa banda, o técnico olhanense do Vitória, Manuel Cajuda, fixo uns cambios que procuraban conter a enxurrada ofensiva dos lisboetas. O campo inclinouse daquela cara a porta do Nilson, excepcional gardarredes brasileiro dos vimaranenses que apareceu puntualmente con moi boas intervencións, mais a falta de dez minutos, nunha falta afastada da área que enviou precisamente Ronnie, Derlei cabeceaba para empatar. Era de ver que o treito final sería un monólogo dos lisboetas, nunha situación agónica. O Vitória renunciara definitivamente a facer dano e agardaba simplemente manter o resultado. No último minuto, porén, apareceu Derlei para lle dar unha asistencia maxistral a Liedson, que so ante Nilson, definiu con gran frialdade. Finalmente o Sporting salvou os tres puntos nun partido que define á perfección o xogo do equipo ao longo da temporada: un fútbol con moitas dúbidas, moi iregular, pero que acaba aparentando grazas aos resultados. Quedaba por ver a resposta do Porto en Coimbra ante a Acadêmica que viña de gañar a semana pasada no Estádio da Luz. Os homes que adestra un clásico do clube portista, Domingos Paciência, quixeron intimidar nos primeiros minutos a un Porto noqueado aínda despois da súa eliminación europea. Pero ao cuarto de hora Fernando e Raul Meireles xa eran donos do medio campo e pouco a pouco atopaban con facilidade inusitada as fendas na defensa académica. Os de Coimbra aguantaron o resultado ata o descanso mais ao pouco da reanudación o Porto facía o máis complicado, marcar, grazas a un recurso que lle está a dar moitos puntos esta temporada. Raul Meireles sacou unha falta dende lonxe e cabeceou Rolando para metela a rentes do pao. O Acadêmica non tivo tempo para reaxir pois dous minutos despois Lisandro marcaba un penalti cometido sobre el mesmo. Con 2-0 o Porto xogou a pracer e no desconto sentenciou con gol de Mariano despois dunha boa combinación na área con Hulk. O Porto mantén os catro puntos de vantaxe sobre o Sporting. O Benfica, pola súa banda, descartado para o título, gañou claramente en Setúbal ao Vitória: 0-4 con dous goles de Nuno Gomes e outros dous do paraguaio Cardozo. Na loita polo cuarto posto había un duelo directo na Choupana entre Nacional e Sporting Braga. Os de Funchal séguenlle sacando un punto aos bracarenses despois do empate a un. O uruguaio Luis Aguiar marcou para o Sporting mentres que Nenê sumou un máis para o Nacional e é pichichi indiscutible. (A foto da web do Sporting)

18/04/2009

O DÉPOR PESCA NA CRISE DO ATHLETIC

O Athletic, eufórico despois da clasificación para a Final da Copa, deixou tan de lado a Liga que agora comeza a verlle as orellas ao lobo. O descenso axexa a catro puntos e xa van once xornadas nas que apenas suman unha vitoria. O Dépor non levaba tampouco unha xeira demasiado boa (1punto de 15), pero tampouco ten as mesmas urxencias na clasificación. Co obxectivo da permanencia conseguido xa fai tempo, os de Lotina aínda manteñen chance para entrar en competicións europeas. E o Dépor xestionou ben onte as necesidades e medos do contrario. O Athletic foi un equipo temeroso, máis pendente de non cometer erros que de forzarllos ao contrario. Baseou todo o seu xogo, en enviarlle balóns a Llorente para que os rifase cos defensas do Dépor, pero tanto Colotto como Zé Castro fixeron un partido máis que correcto en canto á velocidade, anticipación e colocación. Máis problemas que Llorente causou a mobilidade constante de Gaizka Toquero, incansable no esforzo. Era no centro do campo onde máis problemas tiña o Deportivo. Antonio Tomás, que se reincorporaba a unha convocatoria, logo recaeu nunha xogada sen balón nas súas molestias. Tivo que abandonar o campo chorando porque preve que non poderá reaparecer no que queda de temporada. Entrou no seu lugar Sergio, que xa non é en absoluto o gran xogador de fai uns anos. Agora está lento e inseguro na distribución do balón. Juan Rodríguez, moito mellor fisicamente, tampouco tivo onte un día excesivamente afortunado e cometeu un par de erros antea a presión dos biscaíños que a piques estiveron de causar un disgusto. O Dépor con todo, logo contivo ben defensivamente ao Athletic e procurou de vagar ir levando a presión cara a área contraria. Lassad baixaba a controlar moitos balóns, as máis das veces con éxito pero o problema era que tan loxe ía controlar que logo non había ninguén na área para rematar as xogadas. Pablo Álvarez, o xogador máis destacado o pasado domingo ante o Atlético, entraba por Lafita e fíxoo ben, mellor se cadra que Guardado, que dispuxo de poucas ocasións para amosar as gadoupas. O que si fixo un auténtico partidazo foi Laure, inmenso en defensa e, sobre todo, en ataque, incorporándose con moitísima forza e intención ao xogo ofensivo dos coruñeses, tan escasos en efectivos arriba. Laure, dende a lesión de Manuel Pablo, está cada vez con máis confianza e apunta a ser o relevo do grancanario por moitos anos. O seu despregue físico é brutal cada partido e é moi intelixente tacticamente e correcto técnicamente. Contra o segundo treito do primeiro tempo o Dépor dominou o partido e mesmo dispuxo de ocasións de gol. A máis clara tívoa Lassad despois dunha grande asistencia, precisamente, de Laure, mais o francotunecino disparou desviado ante a saída de Iraizoz. Ao Dépor fíxolle mal non marcar cando máis dominou na primeira parte, pois na Segunda, o Athletic púxolle moitas máis ganas e foi pola vitoria. A mobilidade de Toquero seguía orixinando espazos e o Dépor paraba o xogo con faltas que orixinaban oportunidades a balón parado. Aranzubia, no seu retorno a San Mamés, estivo espectacular no xogo aéreo e afastou todas as bolas que se achegaban á súa porta. O Dépor parecía máis tímido, con menos forza para saír ao contragolpe, mais a medida que pasaban os minutos aumentaba o nerviosismo en San Mamés e os espazos na defensa do Athletic. Foi unha mágoa que Verdú pasara máis unha vez desapercibido polo partido pois podía ter aproveitado os espazos coa súa calidade. Foi en cambio nunha arrincada de Guardado que ao Athletic custoulle repregarse e o balón caeulle a Pablo Álvarez que cun disparo dende a frontal e con fortuna, pois o balón petou nun defensa, marcou o gol da vitoria. Os tres puntos son moi importantes no aspecto moral para un equipo ao que lle pesan algo as pernas. Manténse o Dépor na loita europea, acada a primeira vitoria co novo patrocinador e sume ao Athletic de Caparrós nunha situación realmente complicada. Con todo, ao Dépor sobroulle sorte e faltoulle se cadra un puqiño maís de ambición nun segundo tempo no que talvez o 0-1 fose un premio excesivo. (A foto en laopiniondeacoruña)

A DEFENSA DO CELTA É UN ESPERPENTO

Non andabamos errados os que pensabamos que a vitoria do Celta ante o Córdoba a pasada semana era un espellismo que non demostraba en absoluto unha mellora notable no xogo dos vigueses. Non tardou o Rayo Vallecano en demostralo. En trece minutos xa gañaba por 3-0 e retrataba a penosa defensa do Celta. Un non entende como Rubén, un auéntico desastre durante todo o ano, alén de ser un xogador que nunca demostrou esas condicións tan boas que se lle supuñan, é o home que máis minutos disputa no equipo vigués. Cada partido comete media ducia de erros gravísimos que abondaría para retirarlle a confianza e apostar por algún outro home. Porén, os acompañantes do santiagué van rotando na zaga céltica e Rubén permanece. Tampouco sería xusto dicir que todos os erros defensivos do Celta son culpa de Rubén, e moito menos, pero si que é o principal expoñente da desastrosa intensidade e orde defensiva dos celestes.Co 3-0 pouco máis podía facero Celta que asentarse cando menos no partido para non levar unha malleira escandalosa, e procurar devagar a bola ante a lóxica relaxación dos vallecanos, para intentar reparar un pouquiño a súa imaxe. Pero poucas novas positivas se poden rescatar do Celta de onte, agás, se cadra, o bo partido unha semana máis de Ghilas que foi o principal argumento en ataque do Celta, se ben desaproveitou no primeiro tempo unha boa asietncia de David Rodríguez. Trashorras, capaz coma sempre do mellor e do peor, dispuxo tamén dunha clara oportunidade cun duro trallazo dende fóra da área que petou no pao. Mais o dominio seguía sendo do Rayo, eufórico pois está en postos de ascenso. Tocaban na frontal con facilidade inusitada e practicamente cada vez que se achegaban á area cheirábase o gol. O cuarto chegou aos dez minutos do segundo tempo, despois duno novo erro defensivo esperpéntico, neste caso de George Lucas, que mediu mal o bote do balón. Con 4-0 o Celta reaxiu e marcou o seu pouco despois,: un auténtico golazo de Ghilas en xogada individual. Pero pouca máis chicha tivo o partido. O Celta agora terá que pensar na importancia de acadar a súa segunda vitoria consecutiva en Balaídos para afastar dunha vez por todas as pantasmas do descenso. Por certo, Falcón onte non estivo moi afortunado, cantou sobre todo no primeiro gol. A decisión de Eusebio de darlle a titularidade en detrimento de Notario, que estaba a ser o mellor xogador do Celta na temporada, é cando menos curiosa. Repetirá para a semana?. (Foto da web do Rayo)

A VOLTA DUN CLÁSICO

O Wolverhampton Wanderers certificou hoxe o seu ascenso á Premier League despois de gañarlle 1-0 ao Queen´s Park Rangers. É o primeiro equipo que o consegue. Trátase dun clásico do fútbol inglés que xa levaba cinco anos sen disputar a máxima categoría. Da cidade mineira do mesmo nome, no centro de Inglaterra, o Wolverhampton, creado en 1877, é un dos clubes fundadores da Liga en 1888. Un dato curioso é que é o cuarto mellor equipo na clasificación histórica do fútbol inglés, só por detrás de Manchester United, Liverpool e Arsenal. O seu estadio, o Molineux, é tamén un dos máis vetustos das illas, do ano 1888. No palmarés dos wolves hai tres títulos de Liga, conseguidos na década dos 50 (1953-54, 1957-58, 1958-59) sendo adestrador Stan Cullis, sen dúbida o personaxe máis iimportante da historia do club. Ten tamén catro copas (1899, 1908, 19949, 1960). En 1972 perderon a final da UEFA ante o Tottenham Hotspur. Esta temporada, dirixido por Mick McCarthy, destacou o dianteiro Ebanks-Blake, que marcou 25 goles, entre eles o da vitoria de hoxe e, xa que logo, o prezado ascenso. (A foto da celebración do gol de The Guardian).
O Chelsea á final da FA Cup tras gañarlle ao Arsenal nas semifinais. Esta fin de semana dispútanse as semifinais da FA Cup, con tres semifinalistas que tamén o son da Copa de Europa. Arsenal e Chelsea enfrontábanse nun partido ben interesante, visto o excelente momento dos dous equipos londinenses. O xogo foi disputado e vistoso e o Arsenal adiantábase ao cuarto de hora ao rematar Walcott unha boa xogada colectiva pola banda esquerda. Pero o Chelsea non se arredou e empatou antes do descanso por medio de Malouda. ao final, no 84, como tantas outras veces emerxeu a figura do gran Dider Drogba para certificar a vitoria dos blues e o seu pase á final, onde agardará polo gañador da outra semifinal, entre Manchester United e Everton.
Diego Tristán marcou o seu segundo gol na Premier. Na Premier disputáronse os partidos nos que non estaban implicados os semifinalistas da FA Cup e destacaba o partido entre o Aston Villa e o West Ham en Villa Park. Axiña se adiantou o equipo de Martin O Neil grazas a un gol de Emile Heskey. Os de Birmingham foron mellores no primeiro tempo, grazas á mobilidade arriba de Ashley Young, Heskey e John Carew. O West Ham intentouno cun fútbol de bo gusto pero escasa pegada, con Diego Tristán de titular, lento e torpón coma nos seus últimos anos no Dépor, pero coa total confianza do seu técnico Gianfranco Zola. No segundo tempo, o West Ham foi máis incisivo e o Villa comezou a pagar o pésimo estado físico co que chegou ao treito final da temporada. Os londinenses rondaron o empate ata que nunha xogada á saída dun córner, Tristán desviou intelixentemente coa cabeza un disparo de Mark Noble para acadar o empate. É o segundo gol de Diego na Premier despois daquel primeiro de rebote e en fóra de xogo. 

17/04/2009

A UEFA, PARA UCRANIA OU ALEMAÑA

Ucranianos e alemáns aproveitaron os bos resultados da ida e clasificáronse para as semifinais, polo que se agarda unha final cun representante de cada un destes países. O Shakhtar Donetsk segue imparable o seu camiño para facer historia. Adestrados por Mircea Lucescu, o romanés que xa gañou unha UEFA co Galatasaray, deixaron desta volta na gabia ao Olympique de Marsella, líder da súa Liga e que pretendía remontar o 2-0 da ida confiante no efecto intimidador do Velodrome e cunha posta en escena moi ofensiva á procura dun gol temperán. Non escatimou recursos Erick Gerets. Dous xogadores de moito talento: Valbuena e Ben Arfa asociábanse con calidade entre liñas e, polas bandas, os laterais Taiwo e Kaboré actuaban practicamente como extremos. O Shakhtar termaba atrás pero por momentos o ímpeto dos franceses era capaz de romper o equilibrio. Intentárono de todas as maneiras pero realmente en poucas ocasións conseguiron crearlle verdadeiros problemas ao serio gardarredes ucraniano Pyatov. Foi nestas que o Shakhtar atopou unha oportunidade de facer dano e non a desaproveitou. O balón chegoulle nunha contra en profundidade ao brasileiro Fernandinho e chegado á area aliouse coa sorte para superar cun remate afortunado -rebotou no defensor- a un atónito Mandanda. O gol foi un tremendo xerro de auga fría, pero o Olympique, equipo paixonal, non se viu abaixo. Seguiu envorcado no ataque e acabou acadando o seu premio despois dunha boa combinación por banda dereita que culminou Ben Arfa despois dun rexeite do porteiro. Na reanudación os marselleses intentaron marcar novamente, mais sen éxito, un gol temperán. A medida que transcurría o tempo os ucranianos sentíanse máis cómodos na defensa e fraqueou a confianza dos atacantes franceses. Contra o final e co Olympique roto, o dianteiro centro do Shakhtar, o brasileiro Luiz Adriano, puña o 1-2 definitivo. O Shakhtar medirase nas semifinais ao Dinamo de Kiev nun apaixonante derbi. O equipo de Yuri Semin, que xa eliminara ao Valencia en dezaseisavos e a outro ucraniano, o Metalist, en oitavos, chegaba ao seu estadio cun enganoso empate sen goles no Parque dos Príncipes. Non tivo problemas. Aos catro minutos xa estaba por diante no marcador grazas a un gol de Bangoura. Doce minutos máis tarde, Landreau, o porteiro do PSG, armábase un lío monumental e de tanto atrapallarse metía o gol na súa propia porta. Con 2-0, o Dinamo xogou a pracer o resto do partido e Vukojevic, no segundo tempo, deixaba pechada a eliminatoria. A outra semifinal enfrontará ao Hamburgo e o Werder Bremen. O Werder sufriu abondo no estadio Friuli ante Udinese despois do 3-1 da ida. Os italianos saíron decididos a remontar dende o inicio e marcaron ao cuarto de hora cun espléndido disparo do internacional suízo Gokhan Inler. Dispuxo de máis ocasións claras o equipo de Pasquale Marino pero o Werder tivo fortuna e empataba o partido por medio de Diego no minuto 28. Non se arredou o Udinese e antes do descanso xa empatara a eliminatoria grazas a dous goles do napolitano Quagliarella. Na reanudación, os italianos buscaron pechar axiña a eliminatoria e asediaron a porta de Wiese, pero apareceu outra vez o mellor xogador da eliminatoria, Diego, para volver poñer de cara a cousa para o Werder. Co Udinese atacando á desesperada, Pizarro puxo o 3-3 definitivo. Tamén sufriu o Hamburgo en Manchester ante o City. O partido foi vibrante e o equipo de Martin Jol, fiel ao seu estilo, non especulou en absoluto co resultado. Dominou nos primeiros minutos e adiantouse no 12 grazas ao peruano Guerrero. Pero axiña reaxiu o City, que empatou cinco despois cun gol de penalti do brasileiro Elano. O partido seguiu desbocado e no 50 o ecuatoriano Caicedo puña os seus a un paso de empatar a eliminatoria. Sucedéronse as ocasións polas dúas partes ata o remate do partido mais o Hamburgo conseguiu manter o resultado e certificar o seu brillante pase ás semifinais. (A foto collida na web da UEFA)

CHEGAN OS PLAYOFFS

A madrugada do venres rematou a Liga Regular polo que xa están configurados os play offs. Son os seguintes:
Na Conferencia Leste: Cleveland Cavaliers-Detroit Pistons. Os Cavs perderon sorprendentemente o último partido ante os Sixers (111-110). Deste xeito chafóuselles o a mellor marca histórica na propia cancha. Todo sexa dito, Mike Brown deulle descanso a Lebron, Mo Williams e Zydrunas Ilgauskas. Os reservas deron guerra e forzaron unha prórroga despois de ir perdendo de 12 puntos no descanso. Na última xogada Gibson escorregou e non puido xogarse a canastra decisiva. Os Sixers, que viñan de perder sete partidos seguidos, conseguiron deste xeito o sexto posto, que parecía perdido. Pola súa banda, os Pistons perderon en Miami (96-102) nun partido no que descansaron Hamilton e McDyess. Polos Heat tampouco xogou Dwyane Wade. Os Pistons, un clásico en franca decadencia e que esta temporada perdeu o auténtico levedo do seu xogo colectivo: Chauncey Billups, que marchou por Iverson, que non xogará nos playoffs, parecen rival pequeno para uns Cavaliers que son favoritos para o anel e moi fortes na súa cancha. Un 4-0 ou 4-1 parece o resultado máis probable.
Boston Celtics-Chicago Bulls: Os de Chicago fixeron un último treito de Liga regular espectacular se ben perderon o mércores cos Raptors (109-98) no United Center perdendo o sexto posto que foi para os Sixers. Neste partido, o base dos canadenses José Manuel Calderón bateu a mellor marca histórica de tiros libres: 151 de 154. Os Celtics, que lle deron descanso a Paul Pierce e Ray Allen, non tiveron problemas para superar (107-115) os Wizards nun bo partido de Leon Powe (18 puntos e 13 rebotes). A eliminatoria é das máis interesantes por canto os campións andan co seu potencial mermado, sobre todo polos problemas físicos de Kevin Garnett, cuxo estado para os playoffs é unha incógnita. Os Bulls, pola contra, son un conxunto en progresión, moi novos aínda pero con capacidade para complicarlles as cousas aos de Boston. Derrick Rose, probablemete mellor rookie da temporada, pode atopar ante os Celtics a oportunidade de reivindicarse como líder do seu equipo. Con todo, os favoritos seguen sendo os Celtics e aventuramos un 4-2.
Orlando Magic-Philadelphia 76ers: Orlando gañou facilmente o seu último compromiso ante os Bobcats (73-98). Porén, nas últimas semanas baixou o seu rendemento. Os Sixers, despois dunha negativa xeira de resultados, profanaron sorprendentemente The Q e eludiron o sétimo posto. Os Magic son, evidentemente favoritos. Contan con Dwigh Howard, o pívot máis determinante da Liga, e un conxunto arredor del de grandes tiradores que aproveitan as defensas sobre a súa estrela. Os Sixers, pola contra, son un equipo de características radicalmente diferentes. Pouco fortes baixo os aros e sen grandes tiradores, dependen da velocidade no seu xogo e do talento de Iguodala, Miller e Thaddeus Young. Terán que afinar moito en defensa, que brillen as estrelas do equipo, aproveitar a profundidade do banco e que Thaddeus non terá en frente pívots superiores fisicamente a el. Ademais, en Orlando, Turkoglu e Rashad Lewis andan algo tocados. Haberá que ver se Alston e Courtney Lee son capaces de ofrecer un rendemento semellante, cando menos, ao da Liga Regular. Outra clave será a defensa do irregular Dalembert sobre Howard. Inda que a lóxica di que pasará Orlando, apstaremos co corazón pola clasificación dos Sixers a sete partidos.
Atlanta Hawks-Miami Heat: Dous equipos aínda en progresión. Os Hawks perderon o seu último partido en Memphis (90-98) reservando o seu quinteto titular (apenas Smith xogou nove minutos). Os Heat, como dixemos, gañáronlles aos Pistons. Miami, malia a notable progresión de xente nova como Beasley, Chalmers ou Cook, seguen a depender basicamente do inconmesurable talento de Dwyane Wade. Adoecen ademais de xogo interior, malia a recente chegada de Jermaine O´Neal, por debaixo en todo caso das expectativas. Atlanta parece un equipo máis completo e equilibrado, non sobrado de banco, mais moito máis descansado pois asegurou a cuarta praza fai xa moito tempo. Aventuramos un 4-2 para Atlanta.
No Oeste os cruces son, Los Angeles Lakers-Utah Jazz: Dous equipos que descansaron na última xornada, o día despois de que os anxelinos superaran precisamente aos Jazz nun aperitivo dos sete partidos que agardan. Os Lakers, claro está, son os grandes favoritos. Dominaron con facilidade a súa competitiva conferencia. Pau Gasol chega mellor que nunca, mentres que Kobe, relaxado nas últimas semanas, afronta os playoffs famento de acadar o seu primeiro anel sen Shaquille ao seu carón. Andy Bynum, despois da súa lesión de xeonllo parece estar en boas condicións para a postemporada, na que ten que ser unha peza fundamental, do mesmo xeito que Lamar Odom como sexto home. Con todo, terán en frente un dos peores rivais posibles: os Utah Jazz, un dos mellores planteis da Liga, cargado de estrelas e cun técnico que non admite relaxacións. Por iso chama a atención o pésimo final de Liga dos de Salt Lake City, no que desprezaron algúns dos seus principais sinais de identidade, como a intensidade no xogo e a fortaleza na súa cancha. Non parece que Sloan estea disposto a admitir tal actitude a partid do sábado. Ademais os xogadores non poden ter maior estímulo que enfrontarse aos Lakers. con todo, o noso prognóstico é de 4-2 para os Lakers.
Denver Nuggets-New Orleans Hornets. Os Nuggets de George Karl veñen de culminar unha das mellores Ligas Regulares da súa Historia. A sabedoría do adestrador e a intelixencia na cancha dun base como Billups, serviron para sacar o mellor dun grupo de xogadores tan díscolos como talentosos. Onte, porén, perderon e ben no Rose Garden (76-104) ante Portland. Os Hornets, que perderon o último partido (98-105) ante San Antonio despois dunha prórroga, acaban o ano por debaixo das expectativas e plantexan serias dúbidas sobre as súas verdadeiras aspiracións, pois á hora da verdade dependen en exceso do talento de Chris Paul e David West. Poderanse ver grandes partidos e apostamos por un 4-3 para os Nuggets.
San Antonio Spurs- Dallas Mavericks: Interesantísimo cruce entre equipos de auténticos veteranos. Os Spurs, como xa referimos acabaron cunha traballada vitoria ante os Hornets e Dallas gañou na súa cancha aos Rockets (95-84). Os Spurs son aínda hoxe un dos grandes favoritos para o título, un equipo hipercompetitivo e talentoso ao que este ano hai que sumar o bo rendemento de Finley e Mason e a aparición de Hill como recambio apañado para Parker. Con todo, conta co inconveniente da baixa de Ginóbili, o seu xogador máis decisivo. Os Mavericks tiveron unha campaña moi irregular. Apenas Nowitzki mantivo o seu nivel e Carlisle nunca soubo atopar o punto exacto. Os Spurs pasarán despois dun 4-1.
Portland Trail Blazers-Houston Rockets: Eliminatoria igualada e apaixoante. Os Blazers, que culminaron unha magnífica vitoria unha espectacular Liga Regular, están exultantes. Son un equipo novo e entusiasta, moi talentoso e cun adestrador esixente. A principal dúbida é o rendemento de Greg Oden como 5, se ben Joel Pryzbilla pode ser unha boa alternativa. Os Rockets, pola súa banda, teñen tamén moi boa pinta e non parece que vaia afectarlles en exceso a baixa de McGrady, máis ben o contrario. Para os de Adelman será especialmente importante que Kyle Lowry e Ron Artest ofrezan un bo rendemento a partir de agora. O prognóstico é difícil mais mollarémonos con un 4-3 para os Rockets. (A foto da web da NBA)

ERA DE VER

O Vilarreal volveu bater co Arsenal na súa aventura europea. A verdade é que desta vez mal pintaban as cousas para os castellonencos. Alén da mala xeira de xogo e resultados das últimas semanas e do mal resultado colleitado no Madrigal, chegaban a Londres con baixas demasiado importantes para unha cita de tal calibre. O Vilarreal depende demasiado do bo criterio de Senna no centro do campo e da calidade de Cazorla e Ibagaza entre liñas. Inda por riba, os dianteiros andan coa pólvora mollada. Para substituír as baixas, Pellegrini tirou de xogadores de calidade, abofé, pero de rendemento moi irregular como Mati Fernández, Bruno e Cani. Ao final, foi todo máis fácil do previsto para o Arsenal. Song, o camerunés, foi un auténtico imán á hora de recuperar balóns e os londinenses movían a bola con moitísima rapidez grazas a xogadores coma Cesc, Nasri, Walcott ou Van Persie. Só necesitaban un gol para afundir definitivamente o rival e non tardaron en marcalo nunha xogada na que Cesc lle meteu un pase, algo afortunado todo sexa dito, a Walcott entre o central e o lateral esquerdo, que o canteirán aproveitou para definir con xenialidade, picando a bola maxistralmente por riba de Diego López. Os intentos do Vilarreal foron estériles ante un Arsenal que defendeu como nunca, tapando todos os ocos e xogando coas dúas liñas moi xuntas, nunha esplénidida mostra de traballo colectivo. No segundo tempo, o equipo de Wenger resolveu sen demasiados problemas. Despois de rondar a área do Vilarreal durante moitos minutos, Van Persie acabou atopando unha fenda na defensa, moi frouxa no día de onte, e Adebayor resolveu con frialdade. O terceiro foi un calco do segundo, só que desta vez Walcott foi derrubado na área e Mejuto indicou penalti. Transformouno Van Persie e pechou definitivamente unha eliminatoria desigual e que confirma a puxanza dos equipos ingleses. Por segundo ano consecutivo serán tres de catro nas semifinais, só que desta volta terán que superar un rival de peso: O Barça, que visto o visto, é a estas alturas o gran favorito para o título. (A foto collida da web da UEFA)

CRISTIANO BUSCOU O DÍA

E mira que levabamos dicindo neste blog que Cristiano Ronaldo estaba a facer unha temporada mediocre, mesmo irrelevante, que non aparecía nos momentos decisivos... Despois de gañar o último Balón de Ouro, a ninguén se lle escapaba que a día de hoxe Leo Messi está moi por riba do portugués. O propio Alex Ferguson quixo poñelo en evidencia despois da ida en Old Trafford, aireando publicamente a bronca que lle meteu no vestiario. Pois ben, debe ter Cristiano o seu orgullo porque foi tomar terra en Porto, cidade sumida nunha euforia desmedida ao longo da semana, e practicamente no primeiro balón que apañou acabou metendo un golazo incrible, inverosímil, un soberbio trallazo dende 40 metros que entrou polo único sitio posible malia a boa estirada de Helton. O propio Ronaldo describiuno como o mellor gol que marcara nunca. Aos seis minutos, o Manchester volvía pór a eliminatoria do seu lado, malia que o Porto foi mellor practicamente nos 180 minutos. Tocáballes aos portugueses amosar unha vez máis o espírito e grandeza competitivas do equipo. E non se pode negar que o intentaron. Loitaron bravamente, procurando recuperar o balón canto antes e sorprender por velocidade á defensa do United. Pero os ingleses estiveron perfectos no traballo defensivo. Ferguson, que é can vello, reparou os defectos dunha semana antes e impediulle ao Porto atoparse cómodo en ningún momento. Rodríguez e Hulk apenas conseguiron desbordar polas bandas, cos laterais do United ben axudados por Giggs e Rooney, cuxo espírito de sacrificio cada partido é realmente encomiable. Polo centro, malia a mobilidade de Meireles, tampouco se atoparn fendas, con Carrick e Anderson, ex do Porto, traballando igualmente arreo. No segundo tempo, o equipo de Jesualdo Ferreira, que tivo que ver o partido dende o palco por unha incomprensible sanción da UEFA arriscou un pouco máis. Alargou totalmente o campo deixando a defensa con tres homes e con Mariano pegado á banda dereita. O pibe foi quen máis desbordou no segundo tempo, mais os portistas non tiveron fortuna de cara ao remate. Unha magoa porque este Porto deu unha imaxe grande na Copa de Europa e talvz mereceu máis. Acabou pecando de inexperiencia ante un equipo coma o United que se manexa polas últimas rondas europeas como pola súa casa. Ao final, malia a superioridade aos puntos dos portugueses, a eliminatoria decidírona un erro defensivo de Bruno Alves, a quen na súa defensa hai que dicir que é un espléndido central e que está a facer unha temporada encomiable, e un auténtico golazo dun crack picado no seu orgullo que buscou o día para se reivindicar ante o mundo. Ogallá que o Porto sexa capaz de manter o esquelete deste equipo para volver intentalo o próximo ano. (A foto collida na web da UEFA)

UN PASO ADIANTE E OUTRO ATRÁS

Un paso adiante e outro atrás e as aspiracións de permanencia non se moven. Como no poema de Díaz Castro, O Rosalía segue sumido na néboa, incapaz de aproveitar as contadas vitorias contra equipos superiores para achegarse un pouco máis ao obxectivo da salvación. Despois de gañar en León a pasada semana, este mércores volveu caer na casa (78-84), ante o Ford Burgos. Taylor, con 26 puntos, e Georgios Pavlidis, con 13 puntos e 15 rebotes, volvero ser os principais argumentos dos santiagueses, inda que desta volta foron insuficientes para superar a un Burgos con moita máis profunidade no banco. Despois de ir gañando por tres no descanso, o Rosa acusou o cansanzo no segundo tempo e a acabou caendo de 6 ante un rival no que destacou especialmente Diego Damián García, con 30 puntos. Inda por riba, esta semana o Gandía gañou en La Palma e o obxectivo da salvación está máis lonxe aínda: a tres partidos cando só faltan seis por disputarse. O Breogán, pola súa banda, repetiu tamén unha película coñecida. Funcionou Brian Cusworth (18 puntos e 12 rebotes, unha semana máis MVP da xornada) e os lugueses venceron o partido sen demasiados problemas: 74-63 ante o Clínicas Rincón, filial de Unicaja. Alberto Corbacho con 21 puntos e 6 rebotes foi o outro home destacado do equipo de Valdeolmillos. O Breogán é cuarto e aínda ten marxe para procurar un mellor posto para os cruces de play off. Porén, deberá mellorar motísimo o seu rendemento para acadar o prezado obxectivo do ascenso. (A foto da web de elcorreogallego)

15/04/2009

TRISTE FINAL PARA OS SIXERS

Philadelphia 76ers perdeu esta madrugada por sexta vez consecutiva. Fíxoo no Wachovia ante uns Celtics que non contaron nin con Ray Allen nin con Kevin Garnett. Andre Iguodala tivo a oportunidade de darlle a vitoria ao seu equipo pero errou a canastra decisiva. En xeral, aos de Philadelphia encoulléselles a man nos últimos dous minutos, despois de ir por diante case todo o partido, grazas sobre todo a un magnífico segundo cuarto no que estableceu un parcial de 23-32. Só a calidade de Paul Pierce, que anotou 31 puntos despois dunha excelente serie de 7 de 9 triples, impediu que os Sixers escaparan definitivamente no marcador nalgunhas fases do xogo. Andre Iguodala foi o máximo anotador do seu equipo con 25 puntos, inda que os que máis destacaron foron Lou Williams e Thaddeus Young, que volvía da súa lesión de nocello e parecía perfectamente recuperado. O partido desta madrugada foi unha proba entre dous equipos que se verán sete veces máis a partir desta fin de semana, pois cruzaranse nos cuartos da Conferencia Leste. DiLeo non debera ser moi optimista pois hoxe foron incapaces de impoñerse a uns Celtics que xogaron coa segunda unidade a maior parte do partido. Os outros dous partidos da madrugada tamén foron adiantos doutros cruces. Miami Heat visitaba Atlanta e perdeu por 79-81 malia un novo gran partido de Michael Beasley (23 puntos e 13 rebotes). Pola súa banda, os Lakers derrotaron con facilidade aos Utah Jazz (112-125). Andy Bynum foi o máximo anotador dos anxelinos con 22 puntos, o seu mellor rexistro dende que se recuperou da súa lesión de xeonllo. Esta madrugada, con catorce partidos, resolveranse todas as dúbidas que inda quedan na composición definitiva dos playoffs. (Foto da web da NBA)

DAVID GARCÍA LÍDER EN TURQUÍA

O ciclista de Marín David García Dapena está colleitando os primeiros froitos da temporada para o Xacobeo Galicia. Despois de gañar a Volta a Turquía o ano pasado, este parece disposto a revalidar o título. O martes gañou a segunda etapa, entre Izmir e Kusadasi, despois dunha magnífica exhibición, e esta tarde alcanzou o liderato despois dunha dura xeira entre Bodrum e Marmaris que gañou o surafricano Daryl Impey. Faltan catro xornadas para o remate da Volta e o ademais do liderado de Dapena, o equipo galego loce tamén o maillot da montaña grazas ao ruso Vladimir Isaychev. (Foto da web do xacobeogalicia)

O CHELSEA SOBREVIVE Á TOLEMIA

O Liverpool é un equipo formidable. Non hai reto que non acepte con grandeza. Onte tiña un realmente complicado, superar o 1-3 en contra da ida e coa baixa do seu xogador máis determinante, o capitán Steve Gerrard que non se puido recuperar das súas molestias físicas. Pero non importaba. Rafa Benítez puxo a Leiva no seu lugar. O Liverpool atacaba sen présa pero sen pausa. Mascherano e Xabi Alonso axiña gañaron a partida no medio campo mentres que Arbeloa e Fabio Aurélio nos laterais, xogaban máis como centrocampistas que como defensores para acadar a superioridade na zona ancha. O Chelsea especulou un bocado no inicio e acabouno pagando. Inda que estaba a conter acertadamente ao seu rival, encaixou o gol do xeito máis inesperado. Unha falta lateral e moi afastada da área, mandouna Fábio Aurélio directamente a gol cando todo o mundo agardaba un centro. O despiste de Petr Cech foi grave, e abonda no mal momento do gardarredes checo que de ano e medio a esta parte perdeu moita da súa fiabilidade nos seus primeiros anos no Chelsea. Ninguén dubidaba de que os reds seguiríano intentando con insistencia –aínda lle faltaban dous goles- pero poucos pensaban que o segundo chegaría tan cedo e tamén dun xeito inesperado. Noutra falta lonxana enviada por Fábio Aurelio, o colexiado Medina Cantalejo apreciou penalti por claro agarrón de Ivanovic sobre Xabi Alonso. O propio centrocampista guipuscoano asumiu a responsabilidade e puxo o 0-2 que deixaba lívidos aos seareiros que ateigaban Stanford Bridge. Hiddink notablemente preocupado, non agardou ao descanso para facer o seu primeiro troco. Puxo a Anelka no campo por Salomon Kalou. O Chelsea, cando menos, conseguiu anular o dominio do Liverpool ata o descanso. Na reanudación, os londinenses decatáronse de que o peor que podían facer era agardar atrás e decidiron tomar unha maior iniciativa en ataque. Drogba, un xogador que volve ser grande despois do seu errático comezo de temporada, comezou a gañar todos os balóns aéreos, e o Chelsea foi gañando terreo. O 1-2 chegou tamén nunha estraña xogada. Anelka gañou a liña de fondo cunha galopada por banda dereita. Mandou un centro aparentemente inofensivo que, porén, Drogba tocou o xusto para atrapallar a Reina que acabou introducindo o balón el so na súa propia portería. O gol sentoulle mal aos de Benítez. O Chelsea pouco a pouco engrandeceu e Lampard e Essien recuperaban o mando no centro do campo. O Liverpool paraba seguido o xogo mediante faltas e nunha destas, Alex mandou un trallazo directo dende 35 metros que confundiu a Reina. O gardarredes español non tivo tampouco o seu mellor día. A eliminatoria volvía estar encarreirada para o Chelsea, e máis cando no minuto 76, Drogba asistía xenialmente a Lampard para que este marcara o 2-3. Pero o Liverpool nunca se rende. Malia que Benítez mandou ao banco a Torres, seguírono intentando e Lucas Leiva marcou despois dun disparo cuxa traxectoria desviou Essien involuntariamente. Aos dos minutos, Kuyt afinaba o seu olfato de dianteiro e gañaba a toda a defensa do Chelsea para rematar de cabeza un bo centro de Riera, que acababa de incorporarse ao partido. O Liverpool estaba novamente a un gol e faltaban dez minutos aínda. Por fortuna para o Chelsea, é un equipo veterano abondo para non virse abaixo nunha situación semellante. Aguantou ben as embestidas á desesperada do Liverpool e no 88 sentenciaba novamente nunha contra protagonizada máis unha vez por Drogba e Lampard, que puña o 4-4 definitivo. O Chelsea será finalmente o rival do Barça nas semifinais. O Liverpool di adeus con grandeza á competición. O partido, que será lembrado pola súa emoción, inda que non tanto polo bo xogo, demostra a hipercompetitividade e valentía dos equipos ingleses. (A foto collida na web da UEFA)

TRÁMITE NO ALLIANZ ARENA

O Bayern de Múnich apenas aparentou de inicio ter vontade de procurar unha remontada épica ante un Barcelona que nos primeiros 45 minutos da eliminatoria deixara resolto o seu pase a semifinais despois dunha exhibición única que retratou ademais a cativez do equipo bávaro. Jurgen Klinsmann encirraba teatralmente dende o banco ao público que en bo número se achegara ao Allianz Arena, e Ribery, coa súa pasmosa facilidade para desbordar, daba a impresión de poder crear algunha oportunidade para un gol temperán. Pero todo o esforzo do Bayern viuse abaixo despois de que Luca Toni errase un fácil remate de cabeza na boca de gol despois dun gran centro do arxentino Sosa, un dos mellores do seu equipo grazas ao seu fino toque de balón. Que o gran goleador errase unha oportunidade tan clara botou por terra as esperanzas do Bayern que axiña entendeu que non tiña que facer ante un Barcelona que non escatimou recursos e saíu co seu once de gala. Ao cuarto de hora era dono absoluto da bola e inda que sen crear o perigo doutras veces –non había intención de meter o dedo na chaga- anulou por completo o empuxe do equipo contrario. Con empate sen goles no descanso non había demasiada chicha para o segundo tempo, inda que Ribéry, moi por riba dos seus compañeiros en canto calidade e intención, adiantase ao Bayern ao definir de maneira xenial ante Valdés un 1 contra 1 despois dun pase ao oco de Zé Roberto no minuto 47. Non significou nada. O Barça seguiu ao seu e pouco tardou en empatar despois dunha boa combinación que rematou Keita (min.73) cun duro disparo dende a frontal da área. O Barcelona chega as semifinais cunha facilidade inusitada mentres que o Bayern dille adeus a Europa no medio dunha temporada nefasta, na que o equipo non acaba de carburar tampouco na Bundesliga, malia a súa superioridade orzamentaria con respecto ao resto dos equipos. A experiencia de Klinsmann no banco muniqués está a resultar verdadeiramente decepcionante mentres medran os rumores que apuntan a que Ribèry podería marchar precisamente ao Camp Nou a vindeira temporada. Haberá que ver agora se o Barça é capaz de continuar a súa marcha triunfal ante o hipercompetitivo Chelsea de Guus Hiddink. Os cataláns son favoritos pero os londinenses, é seguro, non lles porán as cousas tan fáciles como o triste Bayern de Múnich. (A celebración do gol de Keita collida na web da UEFA).

OS MELLORES DA LIGA REGULAR

Os Cleveland Cavaliers venceron (117-109) aos Indiana Pacers no Conseco Fieldhouse e certificaron que son o mellor equipo da Liga Regular. Na loita polo título contarán coa vantaxe do factor cancha en todas as eliminatorias, unha gran vantaxe tendo en conta cos de Mike Brown apenas perderon un partido (contra os Lakers) de 40 na súa cancha, o Quicken Loans Arena. Os Cavaliers, armados arredor de Lebron James, son un equipo moi consistente, de grande intensidade defensiva e variados recursos ofensivos, alén do talento incomparable da súa estrela. Onte, en Indianápolis, o cinco inical dos Cavs, con Varejao no lugar de Ben Wallace, deu un excelente rendemento no colectivo e no individual. Lebron James anotou 38 puntos, Zydrunas Ilgauskas 16 e 10 rebotes, Mo Williams, sen facer o seu mellor partido, fixo uns excelentes números (18 puntos, 8 asistencias e 6 rebotes), mentres que Delonte West, exclente defensor, é un home fundamental para levedar o xogo colectivo. Onte fixo un partido extraordinario con 20 puntos, 6 rebotes e 4 asistencias, procurando sempre a xogada máis intelixente e encarando con valentía o aro contrario. Anderson Varejão estivo inmenso baixo os aros e apañou 11 rebotes, 7 deles ofensivos. Xera máis dúbidas a segunda unidade, con Sczerbiak baixo de forma e Gibson aboado á irregularidade, mentres que nos homes altos, Smith, Jackson e Hickson cumpren pero non destacan especialmente. Onte os Cavaliers gañaron con relativa facilidade inda que os Pacers deron guerra e mantiveron opcións ata o final. Danny Granger (38 puntos) e Brandon Rush (27) acapararon a anotación, ben escoltados polo incombustible Troy Murphy (17 puntos e 13 rebotes). O rival dos Cavs nos cuartos de final da Conferencia, serán os veteranos Detroit Pistons, que onte podían ter evitado este cruce de gañárenlle aos Bulls no duelo directo que disputaban no Auburn Palace. Mais os de Michigan desaproveitaron (91-88) a vantaxe no marcador coa que contaron ao longo do partido e acabaron perdendo cos de Chicago, que están asinar un excelente treito final de Liga Regular e están a piques de relegar aos Sixers ao sétimo posto da Conferencia. É a duodécima vez que os Pistons perden un partido que lideraban ao remate do terceiro cuarto. Nos últimos doce minutos de onte encaixaron un parcial de 22-13 (con 11 puntos de Derrick Rose). O posible rival dos Bulls nos cuartos, de confirmarse o seu sexto posto, serán os Orlando Magic, que están a acabar tamén moi mal a Liga Regular. Onte perderon en Milwaukee por 80-98, inda que débese dicir que Van Gundy reservou por diversas molestias a Howard, Turkoglu e Rashad Lewis. Outros partidos entre equipos do Leste: Raptors-Wizards (97-96) e Bobcats-Nets (87-91) cun excelente Brook López que anotou 18 puntos e apañou 20 rebotes. No ‘salvaxe’ Oeste os Nuggets aférranse ao seu segundo posto despois de gañarlle 98-118 aos Kings nunha nova exhibición de J.R. Smith (45 puntos e 11 de 18 en triples). Os Rockets superaron a uns tristes Hornets que quedaron nun marcador lamentable (66-86) nun dos peores partidos que se lle lembra a Chris Paul. Os Spurs, con Popovich administrando ao máximo o seu plantel, gañaron en Oakland 101-72 aos Warriors. Os Jazz, que se preparan para recibir aos Lakers no play off gañaron sen dificultades aos Clippers (85-106) e os Blazers arrasaron ante Oklahoma (83-113). Os Dallas Mavericks tampouco erraron no seu partido, inda que suaron para derrotar aos Timberwolves. Foi necesaria unha inverosímil canasta de Jason Terry a falta de dúas décimas para poñer o 94-96 definitivo. Nun partido intrascendente os Suns gañáronlles (110-119) aos Memphis Grizzlies. (Foto da web dos Cavaliers)