Durísima a xornada da LEB Ouro para as aspiracións dos equipos galegos. O Rosalía tíñao moi complicado na súa visita á difícil cancha do Tenerife, quinto clasificado. Os canarios non lles deron opción aos santiagueses (98-62). Dende o inicio foron marcando distancias no marcador grazas sobre todo á anotación do arxentino e ex Rosalía Héctor Boccia e do galego Antelo dende a liña de tres puntos. O norteamericano Kamrrom Taylor, protagonista durante a semana por faltar dous días aos adestramentos, fixo un partido patético e do que deberan tomar nota os directivos do equipo. Perdeu nada menos que 10 balóns! e apenas participou na anotación (7 puntos) As novas fichaxes Pavlidis e Alan Daniels foron un día máis os destacados. O grego anotou 11 puntos e o estadounidense 15. Nana Harding faxouse bravamente e colleu 12 rebotes. Porén, o partido non tivo demasiada historia. Dende o segundo cuarto ben se vía que a distancia entre un equipo e outro era insuperable (40-25 foi o contundente resultado co que se chegou ao descanso). Os de César Iglesias, que durante algunhas semanas demostraron que, fóra do que eran os resultados, tiñan o espírito competitivo abondo para saír da súa preocupante situación, onte ofreceron unha cara de derrotismo e entreguismo que fai difícil pensar noutra campaña na LEB Ouro. Máis grave, en cambio, parece a durísima derrota do Breogán na cancha do Ford Burgos (90-61). Duro correctivo para Valdeolmillos no seu segundo partido no banco lugués. Dende os días previos os de Burgos deixaran claro que a chave para derrotar ao Breogán pasaba por anular o potencial ofensivo de Brian Cusworth. E así foi. O de Missouri quedou nuns discretos 9 puntos e 7 rebotes. A todos os xogadores lugueses, en xeral, se lles nubraron as ideas ante a defensa do equipo que dirixe Andreu Casadevall. Apenas Nacho Ordín anotaba con certa regularidade (18 puntos). Na cancha contraria, en cambio, foi moi completo o partido dos burgaleses cun notable 53% de acerto en tiros de campo. O Breogán vese superado na táboa polo Tenerife que pasa aácuarta posición, e ve como o Burgos se lle pon a apenas unha vitoria. Duro correctivo para as aspiracións dun equipo que malia o seu tremendo potencial demostra unha peocupante irregularidade. (A foto de El Correo Gallego)
28/03/2009
XORNADA PARA ESQUECER
Durísima a xornada da LEB Ouro para as aspiracións dos equipos galegos. O Rosalía tíñao moi complicado na súa visita á difícil cancha do Tenerife, quinto clasificado. Os canarios non lles deron opción aos santiagueses (98-62). Dende o inicio foron marcando distancias no marcador grazas sobre todo á anotación do arxentino e ex Rosalía Héctor Boccia e do galego Antelo dende a liña de tres puntos. O norteamericano Kamrrom Taylor, protagonista durante a semana por faltar dous días aos adestramentos, fixo un partido patético e do que deberan tomar nota os directivos do equipo. Perdeu nada menos que 10 balóns! e apenas participou na anotación (7 puntos) As novas fichaxes Pavlidis e Alan Daniels foron un día máis os destacados. O grego anotou 11 puntos e o estadounidense 15. Nana Harding faxouse bravamente e colleu 12 rebotes. Porén, o partido non tivo demasiada historia. Dende o segundo cuarto ben se vía que a distancia entre un equipo e outro era insuperable (40-25 foi o contundente resultado co que se chegou ao descanso). Os de César Iglesias, que durante algunhas semanas demostraron que, fóra do que eran os resultados, tiñan o espírito competitivo abondo para saír da súa preocupante situación, onte ofreceron unha cara de derrotismo e entreguismo que fai difícil pensar noutra campaña na LEB Ouro. Máis grave, en cambio, parece a durísima derrota do Breogán na cancha do Ford Burgos (90-61). Duro correctivo para Valdeolmillos no seu segundo partido no banco lugués. Dende os días previos os de Burgos deixaran claro que a chave para derrotar ao Breogán pasaba por anular o potencial ofensivo de Brian Cusworth. E así foi. O de Missouri quedou nuns discretos 9 puntos e 7 rebotes. A todos os xogadores lugueses, en xeral, se lles nubraron as ideas ante a defensa do equipo que dirixe Andreu Casadevall. Apenas Nacho Ordín anotaba con certa regularidade (18 puntos). Na cancha contraria, en cambio, foi moi completo o partido dos burgaleses cun notable 53% de acerto en tiros de campo. O Breogán vese superado na táboa polo Tenerife que pasa aácuarta posición, e ve como o Burgos se lle pon a apenas unha vitoria. Duro correctivo para as aspiracións dun equipo que malia o seu tremendo potencial demostra unha peocupante irregularidade. (A foto de El Correo Gallego)
Marcadores:
Alan Daniels,
Baloncesto,
Beirasar Rosalía,
Breogán,
Ford Burgos,
Georgios Pavlidis,
Kamrrom Taylor,
Liga LEB,
Nacho Ordín,
Tenerife Rural
27/03/2009
OS PEORES PISTONS EN MOITO TEMPO
Os Pistons están a completar a peor campaña dos últimos anos. Esta madrugada sufriron unha derrota (92-77) previsible na súa cancha ante os Lakers (non xogaron por lesión nin Rasheed Wallce, nin Richard Hamilton, nin Allen Iverson), pero que ten un valor simbólico inmenso pois é a primeira vez que os Lakers conquistan Auburn Palace en sete anos, dende xaneiro de 2002. Con esta derrota, os Pistons afúndense no oitavo posto da conferencia e os Charlotte Bobcats ameazan con tres vitorias menos. Unha vitoria máis teñen xa os Chicago Bulls que conseguiron esta madrugada ante Miami unha vitoria (87-106) das que lle suben a moral a calquera. O partido rompérono os de Illinois cun rotundo parcial de 14-32 no terceiro cuarto, no que John Salmons achegou 13 dos 27 que anotou no partido. Despois desta derrota os Heat cédenlle o quinto posto da Conferencia aos Sixers. No outro partido da xornada, uns espléndos Blazers, cun 60,2 de acerto en tiros de campo cortaron a xeira (109-129) dos Suns, que nas últimas semanas apelaran ao orgullo para evitar a debacle que suporía quedar fóra dos play offs. Lamarcus Aldridge, con 29 puntos e 12 rebotes, foi o mellor do partido. (A foto de Prince da web da NBA)
O BARÇA ACABA CO MEIGALLO
O Barcelona respira. Acabou co meigallo que lle fixera perder os seus últimos sete partidos ante o Tau. E fíxoo con autoridade. Perder onte sería renunciar practicamente a calquera opción de entrar na Final Four. Os baskonistas empezaron como sempre metidos no partido, e remataron o primeiro cuarto con vantaxe no marcador (23-34), mais a partir do segundo o Barcelona foi marcando as difrencias ata o 85-62 final. O brasileiro Tiago Splitter, que está dando un rendemento moi pobre nestes cuartos, meteuse axiña en problemas de faltas persoais e o Barcelona aproveitou para impoñerse no xogo interior, grazas sobre todo a Ersan Ilyasova (16 puntos e 10 rebotes) e Fran Vázquez (14-10) que foi o xogador con máis valoración do partido. Ademais, ao acerto exterior de Navarro uniuse onte o do base esloveno Jaka Lakovic, cuxa reaparición é unha peza fundamental nas aspiracións dos cataláns. O TAU apenas demostrou capacidade de reacción ante un Palau entregado. A eliminatoria viaxa agora, plena de emoción, ata Vitoria.Outra eliminatoria que se iguala é a que enfronta o Panathinaikos e o Montepaschi Siena. Os italianos asaltaron a cancha dos gregos (79-84) e poñen de cara a eliminatoria. McIntyre (24 puntos) e o lituano Kaukenas foron os máis destacados dos italianos, mentres que no Panathinaikos Jasikevicius, Pekovic e Spanoulis volveron ter unha actuación demasiado discreta.
No Paz e Amizade, o Olympiacos puxo o 2-0 ante o Real Madrid (79-73). Os do Pireo dominaron o partido dende os primeiros minutos. Ao principio, Printezis e Vujcic amargaron os seus defensores no xogo interior. Massey, Hervelle e Van den Spiegel, víronse superados unha e outra vez. Só Reyes resistiu e fixo un gran partido (27 puntos e 9 rebotes). Greer asumiu a responsabilidade anotadora e Papaloukas dirixiu maxistralmente o xogo do seu equipo. Mais o Madrid reaxiu no último cuarto grazas a unha defensa zonal 2-3 e ao acerto anotador de Louis Bullock. Finalmente, o Madrid tivo opcións de remontar ata o último minuto pero agora terá que confiar en remontar a eliminatoria en Vista Alegre.
No outro partido de cuartos, o Partizan de Belgrado volveu dar unha moi pobre imaxe na cancha do CSKA de Moscova (77-50). Aos serbios cústalles un mundo anotar ante a seria defensa dos de Messina, que parece que pasarán á Final Four sen facer demasiados esforzos. (Foto da web da Euroliga)
Marcadores:
Baloncesto,
Barcelona,
CSKA de Moscova,
Euroliga,
Montepaschi Siena,
Olympiacos,
Panathinaikos,
Partizan de Belgrado,
Real Madrid,
TAU
HOWARD IMPONSE ANTE OS CELTICS
Orlando Magic venceulle aos Boston Celtics (82-84) nun partido no que estaba en xogo a segunda praza da Conferencia Leste despois dun novo partido espectacular de Dwight Howard con 24 puntos, 21 rebotes e 4 tapóns, o último deles a falta de 4 segundos a Paul Pierce, que evitou a prórroga. Howard impúxose aos homes altos de Boston, limitados polas doenzas no xeonllo dereito de Kevin Garnett, que só puido xogar 16 minutos. Os de Stan Van Gundy, á calada, e coa súa regularidade, estanse demostrando unha alternativa seria a Boston e Cleveland de cara ao título de conferencia. Nos Celtics, Paul Pierce recuperou protagonismo anotador con 26 puntos, mais está aínda lonxe da súa mellor versión. Os Cavaliers, entrementres, seguen ao seu e sumaron a súa décima vitoria consecutiva ante os Nets (87-98). Os Sixers volvían ao Wachovia Center de Philadelphia e fixérono cunha nova vitoria (88-96), desta volta ane os Timberwolves, nun partido no que destacou unha vez máis sobre o resto Thaddeus Young, que anotou 29 puntos. Os Sixers volveron correr como lles gusta e anotaron 19 puntos de contragolpe. Os que seguen en caída libre son os Knicks, que sumaron unha nova derrota (140-135), a sexta consecutiva. A desta madrugada foi especialmente dolorosa pois foi no Madison, despois dunha próroga, ante un dos equipos máis pobres da Liga, os Clippers, nos que o rookie Mike Taylor fixo o partido da súa vida con 35 puntos (14 de 20 en tiros de campo). Os Spurs volveron dar a súa mellor versión e impuxéronse (102-92) en Georgia aos Atlanta Hawks, grazas sobre todo a un soberbio Tony Parker (40 puntos e 10 asistencias). Os que se resisten a quedar fóra dos play offs son os Suns, que acadaron unha importante vitoria (114-118) ante os sempre complicados Utah Jazz. Os de Gentry anotaron 68 puntos na pintura por apenas 38 dos de Jerry Sloan. O problema para Phoenix é que os Mavericks non ceden. Gañaron (106-128) sen dificultades en Dallas a uns pobres Warriors. (A foto de Howard da web da NBA)
Marcadores:
Baloncesto,
Cavaliers,
Celtics,
Clippers,
Dwight Howard,
Hawks,
Jazz,
Knicks,
Magic,
Mavericks,
Mike Taylor,
NBA,
Nets,
Sixers,
Spurs,
Suns,
Thaddeus Young,
Timberwolves,
Tony Parker,
Warriors
26/03/2009
A GRAN BRINCADEIRA
A polémica final da Taça da Liga en Portugal na que o Benfica gañou aos penaltis despois de que empatase no tempo regulamentar grazas a unha man inexistente asinalada polo árbitro Lucílio Baptista, que ademais expulsou ao xogador do Sporting, está facendo correr rios de tinta no país veciño. A prensa estivo a pescudar en todos os datos biográficos do árbitro para demostrar o seu benfiquismo, e o Sporting decidiu abandonar a dirección da Liga, no medio dun trebón de declaracións cruzadas dun lado e de outro. Pero, con todo, a gran brincadeira foi a de João José Eleutério, capelán da Igrexa da Nossa Senhora de Bonança, no Largo do Rato lisboeta, que na misa dominical anunciou que se negaba a batizar calquera meniño que pretendese chamarse Lucílio. “Aproveito para vos anunciar que, enquanto for responsável por esta paróquia, não faço inteções de baptizar nenhum menino chamado Lucílio. Queiram dispor para tais propósitos dos serviços de uma paróquia vizinha. (...) Ide em paz e que o Senhor vos acompanhe”, rematou ante o flipe dos seus fregueses. A anécdota correu como a pólvora por toda a rede e logo foi recollida por todos os medios de comunicación. Cando estes requeriron ao capelán este respondeulles que se trataba apenas “duma brincadeira”, ante os seus fregueses, que saben de sobra do seu sportinguimo. E confesou: “Vou ver até onde isto chegar para me ir rindo”. En todo caso, asegurou que ningún menino ficará sen ser batizado na Capela do Rato: “Se não for eu, será outro sacerdote”. (A foto do João José Eleutério na web do 24horas)
Marcadores:
Benfica,
Curiosidades,
Fútbol,
Lucílio Baptista,
Sporting de Lisboa,
Taça da Liga
IMPORTANTÍSIMA VITORIA DO TEUCRO
O Teucro de Pontevedra, clube sumido nunha grave crise económica da que xa falamos nalgunha outra ocasión, co plantel que leva catro meses sen cobrar e despois da sentenza que lle obriga a pagar 56.000 euros de indemnización ao xogador Coque Fontela, apelou onte ao orgullo para acadar unha moi meritoria vitoria ante o CAI Aragón, un equipo da zona media, semifinalista da última Copa do Rei, por 28-27 no Pabilón dos Deportes de Pontevedra. O partido encarreirouse de inicio cun parcial de 4-0 a favor dos locais. Os aragoneses reaxiron e puxeron o 4-3 pero axiña os xogadores de 'Pillo' recuperaban a vantaxe de catro goles. Os pontevedreses traballaron arreo para conservar o marcador ante as acometidas do CAI, no que asumiron o protagonismo os veteranos Mariano Ortega e Dalibor Doder. Contra o final do partido, os maños a piques estiveron de consumar a remontada pero emerxeu a figura decisiva do gardarredes serbio do Teucro Radivoje Ristanovic que con dúas paradas no último minuto, xunto co gol do seu compatriota Curuvija (máximo anotador con 8 tantos), foi fundamental para asegurar a vitoria e dous puntos que saben a gloria pois sacan aos pontevedreses da zona de descenso na que se mete o Alcobendas. (Foto collida na web da ASOBAL)
Marcadores:
Balonmán,
Cai Aragón,
Marko Curuvija,
Radivoje Ristanovic,
Teucro
25/03/2009
EN POSTOS DE PROMOCIÓN
Nunca pensaron os seareiros do Pontevedra que a solución aos seus males, coa chegada de José Aurelio Gay, había de ser tan rápida. Sete semanas despois o equipo xa está outravolta entre os catro primeiros. Houbo que sumar para iso seis vitorias seguidas. A da xornada de hoxe, contra o Barakaldo en Pasarón, foi se cadra das máis complicadas. Os bascos pecharon ben as bandas e impediron que o Pontevedra creara demasiadas ocasións. Porén, o gol chegou no minuto 30. Marcou, como non, o brasileiro Charles. No segundo tempo, o Pontevedra non sufriu pois o Barakaldo acabou o partido con 9 por expulsión de Arbilla (vermello directo) e Cerro. Tras a xornada de hoxe, o equipo pontevedrés é cuarto con 50 puntos, a 2 da Ponferradina, terceira con 52, e cos mesmos puntos co Lemona, quinto con 50. A vindeira xornada, o equipo viaxa a Valladolid para enfrontarse ao filial pucelano, pechacancelas da categoría con apenas 21 puntos e que hoxe perdeu 2-1 co Celta B en Vigo. Unha boa oportunidade para afianzarse nos postos de arriba. Complícaselle a vida, en cambio, ao Fabril, que perdeu en Abegondo por 3-4 ante o Bilbao Athletic. O dianteiro coruñés Iván Pérez fixo un hat trick e o equipo chegou a dominar o marcador por 3-2 pero os de Tito Ramallo sofren moito este ano para pechar os partidos e viron como os bilbainos acababan remontando. Os coruñesesestán en descenso a tres puntos da salvación. O Racing de Ferrol, que está na loita polos postos de promoción, empatou 1-1 en Las Llanas contra o Sestao River e queda a un punto do Pontevedra. Empataron tamén a domicilio o Lugo no campo do Guijuelo (0-0) e o Ciudad de Santiago ante a Real Sociedad B (1-1). (A foto de Charles da web do Pontevedra).
Marcadores:
2ªB,
Celta B,
Charles,
Ciudad de Santiago,
Fabril,
Fútbol,
Iván Pérez,
José Aurelio Gay,
Lugo,
Pontevedra,
Racing de Ferrol
OS BULLS, TAN BEN COMA OS PISTONS
Os Bulls (91-99) impuxéronse na súa cancha aos Pistons e xa teñen tantas vitorias como o equipo de Detroit. Aos Bulls sentáronlle ben as compras do inverno. John Salmons está asumindo o protagonismo anotador e Brad Miller apuntala o ata agora fraco xogo interior do equipo. Os Pistons, porén, despois dunha boa xeira de resultados que coincidiu coa lesión de Iverson, volven amosar agora as carencias do seu xogo, a excesiva veteranía do seu cinco inicial e a pouca profundidade do seu banco. Os Pistons botan moitísimo de menos a Billups. Terán que ter coidado os de Curry de non levar un susto pois por detrás dos Bulls veñen con forza os Charlotte Bobcats. Resultaría moi estraño, en todo caso, que os de Detroit se relaxen ata o punto de quedar fóra dos play off. De feito, cada vez parece máis decidido que oito equipos do Leste estarán na postemporada. Chamativas as declaracións de Nocioni sobre a temporada que lle está tocando vivir: "Se Chicago era unha banda, Sacramento son dúas. É o pior equipo da Liga e estando aquí un entende por que. Hai moitos rapaces novos pero fáltalles moito. Non hai ningunha química nin xogo de equipo. Non vexo que nun futuro cercano este equipo poida ser competitivo".E en canto ao seu papel nos Bulls a declaración é desoladora. "No último ano xa perdín a esperanza de que me pasaran o balón.Quedaba vendo o partido nun recanto". En Oklahoma, os Lakers venceron (107-89) con moita comodidade os Thunder. Non necesitaron os de Phil Jackson ningún esforzo descomunal para impoñerse a un equipo no que só destaca, a estas alturas da temporada, Kevin Durant, que para iso quedou nun pobre 0 de 6 en triples no día de hoxe. O mellor do partido, con diferencia, Pau Gasol, que anotou 14 puntos, apañou 14 rebotes e deu 7 asistencias.
En San antonio, os desconcertantes Spurs volveron gañar por diferencia exigua (106-107) a un modesto equipo como os Warriors. Tony Parker (30 puntos e 10 asistencias), Roger Mason (24 puntos) e Tim Duncan (21 puntos, 13 deles no último cuarto) foron, como é habitual os mellores do equipo de Popovich. Nos Warriors destacou Monta Ellis con 27 puntos.
No partido máis destacado da xornada, entre os dous equipos máis en forma dos dous últimos meses. os Jazz venceron (86-99) na súa cancha aos Houston Rockets, que acusaron a súa baixa porcentaxe de acertos en tiros de campo (34%) e a pouca achega dos homes do banco (11 puntos por 30 dos reservas dos Jazz). Gran partido de Brewer, que fixo un par de accións realmente espectaculares e completou moi bos números (17 puntos, 6 rebotes, 3 asistencias e 2 tapóns) e, por suposto, de Deron Williams (19 puntos e 12 rebotes). No equipo de Adelman o máximo anotador foi Aaron Brooks con 20 puntos. Os números de Artes (13 puntos, 11 rebotes e 7 asistencias) vense deslucidos polo seu 5 de 22 en tiros de campo, que denotan a tendenza deste xogador a facer a guerra pola súa conta.
(A foto de Salmons da web da NBA).
Marcadores:
Andrés Nocioni,
Baloncesto,
Brad Miller,
Bulls,
John Salmons,
Lakers,
Monta Ellis,
NBA,
Pau Gasol,
Pistons,
Roger Mason,
Spurs,
Thunder,
Tim Duncan,
Tony Parker,
Warriors
E XA VAN SETE
O TAU levaba 6 partidos gañándolle ao Barcelona, o último nas semifinais da Copa. Os de Xavi Pascual confiaban en rematar onte con esta xeira tan negativa, para non desperdiciar a vantaxe de cancha coa que contan nestes cuartos da Euroliga (ao mellor de 5 partidos). Pero o Tau, a imaxe e semellanza do seu técnico Dusko Ivanovic, é insaciable e deixou claro xa no primeiro cuarto, que está disposto a humillar máis unha vez ao único equipo que, por potencial, parece poder facerlle algo de sombra aos baskonistas. O TAU saiu arrollador e marcou un parcial de 11-24, con tres triples dun maxistral Prigioni (o mellor do partido con 17 puntos, 8 rebotes e 5 asistencias). Basile interviu para maquillar o resultado e chegouse ao final dos primeiros dez minutos con 18-24. Na continuación, os vitorianos seguiron coa súa dinámica, Rakocevic e Prigioni continuaban anotando e McDonald (12 puntos) e Pete Mickeal (8 rebotes) faxábanse cos homes altos do Barcelona para paliar a actuación máis ben discreta de Tiago Splitter. No Barcelona, apenas os refachos de calidade de Navarro (17 puntos) ou Vázquez (12 puntos e 7 rebotes) e un grandioso Ersan Ilyasova (14 puntos e 13 rebotes) mantiñan o seu equipo na loita. O TAU chegou a ter a súa máxima vantaxe en 17 puntos (40-57). Os cataláns loitaron bravamente pero así que se achegaban a unha marxe prudencial (8-10 puntos) aparecían Prigioni ou Rakocevic par volver marcar as diferencias e asegurar sen excesivo sufrimento a vitoria do seu equipo. O Barcelona rexistrou un triste 4 de 22 en triples. É a primeira derrota do Barça no Palau no que vai de Euroliga.En Moscova, o actual campión, o CSKA impúxose ao Partizan de Belgrado nun partido de marcador exiguo (56-47). O primeiro cuarto rexistrou unha actuación ridícula dos serbios, capaces de anotar apenas 3 puntos en 10 minutos. Os rusos tampouco é que se luciran (13), mais fixeron o suficiente para marcar unhas distancias definitivas no marcador. O esloveno Erazem Lorbek anotou dez destes primeiros 13 puntos do CSKA, pero o gran protagonista do partido foi Viktor Krhyapa con 8 puntos, 10 rebotes e 4 asistencias. Os serbios, un equipo algo verde para estas alturas da competición, terá que buscar a vitoria no segundo partido en Rusia, se quere aproveitar o efecto da súa cancha, na que se agardan máis de 20.000 seareiros.
Ao Olympiakos abondoulle a espectcular actuación de Nikola Vujcic (19 puntos) e sobre todo o gran Papaloukas (13 puntos e 13 asistencias) para derrotar a un Madrid loitador mais falto de talento nos momentos decisivos.
No partido máis igualado, o Panathinaikos sen Diamantidis, baixa por lesión, impúxose ao Montepaschi Siena. O xogo colectivo dos gregos impúxose aos italianos, onde dous homes sobresaíron sobre o resto: o centroafricano Romain Sato (29 puntos, 9 asistencias e 40 de valoración) e o veterano Terrell McIntire (27 puntos, 6 rebotes, 6 asistencias e 36 de valoración). O banco dos gregos anotou por apenas 7 da segunda unidade italiana. (A foto da web da Euroliga)
24/03/2009
A IMPORTANCIA DE RONALD MURRAY
Os Atlanta Hawks levan un último mes excelente, con oito vitorias nos últimos dez partidos. Á hora de buscar responsables cómpre sinalar o base suplente Ronald Murray, que esta madrugada acadou o seu máximo anotador (30 puntos) na vitoria do seu equipo (97-109) ante Minnesotta. Anotador e bo defensor (está no top 25 de mellores recuperadores da Liga), a súa importancia radica, sobre todo, na súa capacidade para dirixir o xogo. Nunha das estatísticas máis reveladoras da influencia dun home sobre o xogo do resto dos compañeiros, a que mide o o diferencial de puntos a favor ou en contra mentres está o xogador na cancha, os seus datos son espectaculares. No partido de hoxe foi, do seu equipo, o que marcou o mellor rexistro (+22). Onte, na derrota contra os Cavs, os Hawks gañaron de 3 con el na cancha e perderon de 17 co base titular Mike Bibby. No partido anterior, que lles gañaron aos Mavericks, o dato é máis que revelador: +24. Só outros catro xogadores do equipo marcaron un diferencial positivo sendo o máis alto o de Al Horford (+9) e sendo o do base titular Mike Bibby negativo (-7). En 13 partidos que levan o Hawks dende que empezara o mes de marzo, só nunha ocasión, o 7 de marzo contra Detroit, o seu equipo foi peor co rival con el na cancha (-4). Ningún compañeiro presenta datos tan interesantes. Bibby rexistra seis diferenciais negativos. O caso é que Mike Woodson é cada vez máis consciente da importancia de Murray e concédelle máis minutos ultimamente. O 22 dos Hawks anota, defende e fai correr ao equipo. Moitas veces comparte minutos con Bibby, que aproveita os seus dotes de tirador para xogar de escolta. Unha peza, en definitiva, importantísima para os de Atlanta, que van embalados cara o playoff.Noutro partido da xornada, os Sixers impuxéronse (114-108) na cancha dos Portland Trail Blazers. A estrela do partido foi, sen dúbida, Andre Miller (27 puntos, 10 rebotes e 3 asistencias), pretendido outrora por McMillan. Iguodala e Thaddeus Young estiveron tamén nos seus números mentres que Dalembert, despois de apañar 23 rebotes no último partido decidiu dar hoxe a cara pasota e quedou nuns ridículos catro. Os Knicks sumaron a súa quinta derrota (106-102) consecutiva, desta volta no Madison fronte a Orlando, e afúndense xa como terceiro peor equipo do Leste. Mentres, Phoenix Suns segue resistíndose a quedar fóra dos play offs e conseguiron unha meritoria vitoria (115-118)- a quinta seguida- no seu partido contra Denver Nuggets, cunha grande actuación de Grant Hill (23 puntos, 10 rebotes e 5 asistencias). (A foto de Murray da web da NBA).
Marcadores:
Baloncesto,
Blazers,
Hawks,
Knicks,
Magic,
Mike Bibby,
Mike Woodson,
NBA,
Nuggets,
Ronald Murray,
Sixers,
Suns,
Timberwolves
23/03/2009
DJALMINHA: "XOGUEI AO MEU AIRE"
Impagable a entrevista de Juan Luis Cudeiro a Djalminha en El País de hoxe. Pregúntalle o xornalista: Pero vostede foi fundamental no bloque que armou (Irureta) para gañar a Liga. E respóndelle: Si, pero xoguei ao meu aire. Nunca seguín as súas instrucións. Púxome na banda, pero marcaba todos os goles polo medio e tivo que aturarme alí. E así foi. Djalminha nunca acatou as ordes de ninguén porque nunca concebiu o fútbol como o que é, un xogo marcado, en todas as súas dimensións, pola continxencia dun resultado. Por iso o fútbol nunca poderá ser considerado arte, mais de existir un museo do Louvre do fútbol, o partido de Djalminha contra o Madrid (5-2, 6 de febreiro de 2000), coas súas lambrettas e rabonas, bicicletas, pases co peito, coas costas ou co cú.... ocuparía a vitrina da Gioconda, porque ninguén poderá asegurarme, a non ser que minta, que viu algunha vez nun campo de fútbol algún xogador máis xenial e diferente que Djalminha. Como afeccionados poderemos presumir, dentro de moitos anos, de ter gañado unha Liga e dúas Copas, pero o verdadeiro orgullo será o de poder asegurarlle a un neto que viches xogar ao máis grande. Que viches, por exemplo, xogar por unha vez xuntos a Djalminha, Rivaldo e Fran, e que aínda que o partido acabase con empate a dous ante un modesto PSV, nunca tan cerca das bágoas estiveras vendo apenas un partido de fútbol. Seguramente me cabreei con el cando o do cabezazo a Irureta, ou cando algunha outra trangallada que, ao final, perxudicaba ao equipo. Mais co tempo, Djalminha fica como un deses personaxes que decidiron pasar pola vida xogando, porque non hai nada máis trascendente que vivir gozosamente, e eses, cando un bota a vista atrás, son os mellores. (Foto do AS, mais publicada na entrevista de El País)
OS MELLORES DE TEXAS
Houston Rockets xa é o mellor equipo do Estado de Texas despois de impoñerse na cancha dos Spurs (87-85) grazas unha canastra de Luis Scola a falta de cinco segundos para o final. O arxentino está a facer unha campaña memorable. Hoxe anotou 19 puntos (5 nos últimos 30 segundos do xogo) e apañou 17 rebotes. Os Rockets levan unha xeira espectacular de 16 vitorias e só catro derrotas dende a baixa por lesión de Tracy McGrady, o que confirma como a moitos equipos non lles vén mal perder por veces os seus xogadores franquía (vímolo con Brand e os Sixers ou Iverson e os Pistons). Os Spurs baixaron o ritmo notablemente nas últimas semanas, inda que podemos interpretalo na cultura de Poppovich de adminitrar os seus planteis de cara aos playoffs. Con todo, xa foron apeados do segundo posto polos Rockets e axexan a poucas vitorias Nuggets, Hornets, Blazers e Jazz. Mentres, os Sixers non erraron na súa visita á cancha do peor equipo da Liga, Sacramento Kings (112-100). Dwayne Wade fixo 39 puntos na vitoria dos Heat en Detroit (101-96) e os Cavaliers sumaron en Nova Jersey a súa novena vitoria consecutiva (96-88). (A foto de Scola, da web da NBA)
Marcadores:
Baloncesto,
Cavaliers,
Heat,
Kings,
Luis Scola,
NBA,
Nets,
Pistons,
Rockets,
Sixers,
Spurs,
Tracy McGrady
A LIGA NOS TEMPOS DA CRISE
Fai pouco destacábase da Liga española a súa grande igualdade, que a convertía, posiblemente, na mellor Liga do mundo. Real Madrid e Barcelona sempre eran os favoritos, pero outros grandes equipos se lles subían as barbas: Valencia, Sevilla, Dépor... e cada campo, mesmo o do equipo máis modesto, podía ser unha emboscada na que deixar os tres puntos. Este ano, en cambio, a superioridade de Barça, dende o inicio da temporada, e do Real Madrid, a partir dos axustes de Juande, con respecto ao resto dos equipos resulta evidente. Por exemplo, onte chegaba o equipo revelación, o brillante Málaga, ao Camp Nou, e tivo que saír co rabo entre as pernas, avergonzado por un Barça que deu outro recital de xogo memorable. O Real Madrid, mentres, recibía ao Almería, e co seu fútbol práctico e coa súa extrema pegada, acadou un contundente 3-0 que o mantén a unha distancia aceptable do Barça na táboa, vistas as circunstancias e que os culés inda teñen que pasar polo Bernabeu. Chama a atención a capacidade goleadora dos dianteiros de Guardiola: 59 goles entre Eto´o (25), Messi (19) e Henry (15). Por outro lado, o promedio goleador do Madrid é notable: case tres goles por partido dende a chegada de Juande. Huntelaar, que chegou a Madrid pola porta pequena, suma xa oito en dez partidos, números de goleador insaciable. A día de hoxe Barça e Madrid están moi por riba do resto. A igualdade que fixo grande a Liga española xa non é tal. E é que nos tempos de crise, canto máis pobre máis puteado. (A foto de Henry é de Shay)LOUCURA EN MANRESA
O Manresa e o Barcelona protagonizaron este domingo un partido que xa está na Historia da Liga ACB, pois houbo de decidirse após catro prórrogas; isto é, sesenta minutos de xogo, e un resultado propio da NBA (122-117) a favor dos manresáns que bateron a súa marca histórica de anotación. En toda esta loucura volveuse erixir grandiosa a figura de Fran Vázquez, que fixo un partido espectacular con 28 puntos, 16 rebotes e 3 tapóns en 50 minutos, cunha valoración de 45 que o converten por segunda semana consecutiva no MVP da xornada. Partidos coma este teñen un sabor especial por canto entrando no terreo do posible son realmente inverosímiles. A súa lembranza permanece como as batallitas dos avós. Eu lembro unha vez... Pescudando un pouco máis sabemos que o o partido durou nada menos que 3 horas e seis minutos, que o Manresa anotou nada menos que 55 tiros libres de 68 intentos e que foi o terceiro da historia con máis puntos, despois dun Barcelona-Cajabilbao (147-10) de 1987 ou dun Caixa Ourense- CAI Zaragoza (109-131) do 1990. Inda por riba, o pequeno gañoulle ao grande, ao plantel confeccionado, casualidades da vida, por Chichi Creus, mito de Manresa. Unha loucura que eclipsou a humillación do Joventut de Sito Alonso na cancha do TAU Baskonia (99-65) o día anterior. (Foto collida na web da ACB)
Marcadores:
ACB,
Baloncesto,
Barcelona,
Fran Vázquez,
Manresa
O CANSAZO DO PAULO BENTO
Esta fin de semana non houbo liga en Portugal, pois disputábase a final da Taça da Liga, un torneo que cumpre a súa segunda edición. Torneo polo xeral secundario para os grandes de Portugal, tiña na final desta edición un interese grande por canto enfrontaba a dous equipos sumidos nunha chea de dúbidas: Benfica e Sporting. Alén do orgullo de gañarlle ao eterno rival, facerse co título sería un pequeno consolo para dous equipos que poderían ficar sen nada ao remate da temporada. Había, xa que logo, moito que perder. E o gran perdedor foi o Paulo Bento, adestrador dos leoes ao que lle costa cada vez máis xustificarse ante os seus esixentes adeptos, zangados despois do ridículo europeo contra o Bayern de Munich (12-1 de resultdo global nos oitavos da Champions). O Paulo Bento chegou a ese estado no que un sente que todo o mundo está contra el e, por moito que se esforce, non hai que facerlle. E talvez razóns non lle falten para pensar que o mundo está contra el despois da inxustiza arbitral que determinou a final do sábado no ateigado Estádio do Algarve. Adiantárase o Sporting no primeiro tempo con gol de Pereirinha, e o Benfica de Quique estaba a ofrecer unha imaxe ben pobre, acorde coa súa irregularidade ao longo do ano, cando apareceu a figura do árbitro Lucílio Baptista para sinalar, no 75, un inexistente penalti por man de Pedro Silva, quen ademais foi expulsado inda que, segundo os xogadores do Sporting, o asistente teimou en dicirlle ao árbitro pincipal que estaba errado. O caso é que Reyes marcou o penalti e o partido foi ao tempo de prolongamento. No debe dos benfiquistas hai que apuntar a incapacidade para resolver un partido en maioría numérica e ante un rival perplexo polo que consideraba un roubo. Nos penaltis o protagonista foi Quim, porteiro condenado ao ostracismo na Liga, que porén detivo tres penaltis e lle deu o título ao seu equipo. Ao día seguinte, Paulo Bento deixou ver o seu desexo de liscar de Alvalade para o fin da temporada pois “séntese canso”. O árbitro, pola súa banda, recoñeceu na televisión que se cadra tomara unha decisión errada ao apitar o penalti. Demasiada axitación en Lisboa. Demasiado acougo no Porto. (As fotos de Paulo Bennto e Lucílio Baptista da web do Sporting)
Marcadores:
Benfica,
Fútbol,
Paulo Bento,
Sporting de Lisboa,
Taça da Liga
22/03/2009
O LIVERPOOL Á PROCURA DA GLORIA
O Liverpool está nun estado de euforia tal que non teme ningún reto que se lle poña por diante. Despois de machacar o Real Madrid e o Manchester United en apenas tres días, hoxe tiña un novo reto importantísimo: aproveitar os pinchazos de Manchester e Chelsea para se poñer a un só punto do líder (o United cun partido máis). Era no seu estadio pero ante un rival moi complicado: o Aston Villa, que aínda non perdera ningún partido fóra da súa casa. E vaites se o conseguiron os de Benítez! Foron unha apisonadora que recuperaba seguido calquera balón e logo armaba o ataque, hoxe a partir da mobilidade nas bandas de Riera e Kuyt. O Aston Villa, outras veces equipo especialmente ordenado e disciplinado no traballo defensivo, víase superado unha e outra vez. Ao Liverpool só lle faltaba marcar e conseguiuno axiña por medio de Kuyt (min.8). Mais os de Anfield non lle deron marxe ao Villa de recuperarse. Seguiron machaconamente asediando a área contraria ata que no 33 chegaba o segundo, unha volea de Riera despois dun saque longo de Pepe Reina. O gran capitán, Steven Gerrard marcaba o terceiro, de penalti, pouco antes do descanso. No segundo tempo os de O´Neill apelaron ao seu orgullo para procurar algún gol que salvagardara a honra, mais o Liverpool tamén anda á procura de grandes obxectivos: a gloria deportiva, asi que continuou sen tregua ata atopar dous goles máis: os dous tamén de Gerrard a balón parado, un de falta e outro de penalti. A Premier, que ata fai pouco parecía sentenciada, recobra a emoción, sobre todo porque o Liverpool transformouse nunha máquina imparable, mentres que o outrora desbordante United dá síntomas de fraqueza. O Chelsea, entrementres, axexa dende a regularidade que lle concede Hiddink. Noutra lea diferente, a crise do Aston Villa vólvelle conceder a condición de favorito ao Arsenal na loita pola cuarta praza. (A foto de Gerrard de Mr. Phillip Chambers)
O DEPORTIVO PECA DE DEPORTIVO
O empate desta tarde (1-1) deixounos unha sensación máis agre que doce. Sobre todo, porque demostra que o equipo adoece dunha certa irregularidade no xogo que á hora de aspirar a entrar en postos europeos non é moi aconsellable. Desaproveitouse unha moi boa oportunidade de sumar tres puntos antes de ir á casa do pechacancelas ante un equipo, o Betis, que malia contar con xogadores de moito caché presenta moitos desaxustes no aspecto colectivo. Defensivamente, o Betis é pouco rigoroso nas marcas e vai con timidez aos balóns cruzados, os homes de arriba non colaboran demasiado na presión e facilitan deste xeito, que o contrario xogue con certa fluidez. En ataque, os de Chaparro, con homes de moita calidade como Sergio García, Oliveira ou Mark González daban a impresión de ter moito perigo pero teimaban as máis das veces en querer entrar polo centro, o que facilitaba o traballo dos nosos centrais. Pero o verdadeiro problema-erro do Dépor, foi hoxe o mesmo co do Betis, o de permitir as saídas á contra do rival e non ter capacidade de parar o xogo a tempo. A figura de Emana erixiuse en líder dos seus, colocándose sempre intelixentemente para facer a transición ofensiva. O partido de hoxe foi ao revés da maioría. O partido comezou absolutamente roto e aberto e foise pechando e normalizando a medida que pasaban os minutos. No intercambio de golpes o Betis tivo unha clara ocasión de adiantarse nun disparo dende fóra da área de Oliveira, que tocou o xusto Aranzubia para desviar ao traveseiro. Ao minuto respondeu o Dépor. Riki colleu un balón preto da frontal e a base de recortes de calidade, mais tamén ante a pasividade dos defensores andaluces, meteulle o balón a Verdú que apareceu só no segundo pao para marcar. O partido púñase moi de cara para o Dépor, que si xa dispuxera de moitos espazos co partido igualado, máis podería dispór con vantaxe no marcador. Mais o partido seguiu polo mesmo camiño. Puido sentencialo o equipo de Lotina nunha xogada na que houbo un penalti a Riki que o árbitro non pitou. Caeulle o balón a Verdú que chegaba so e coa porta baleira mais mandouna as nubes. Un erro gordo e que logo costou dous puntos. O gol de Betis logo chegou e a partir dunha curiosa circunstancia que os xogadores do Dépor, segundo dixo Lotina, logo protestaron: a rapidez coa que o recollepelotas lle entregou o balón ao porteiro do Betis para sacar de fondo, estando o marcador ao noso favor. O balón chegoulle a Emana, que correu todo o campo sen que ninguén se interpuxera no seu camiño e ao chegar á frontal deulle un pase excelente a Sergio García que marcou con templanza. Lotina, comentando a xogada e o detalle do recollepelotas, dixo retranqueiro que "somos con diferencia o equipo máis deportivo de Europa ou do mundo". Non lle falta razón, pero non só pola inocencia do pobre recollepelotas senón tamén pola dos propios xogadores que en ningún momento souberon parar cunha falta ao xogador camerunés, sen dúbida o mellor do seu equipo. Como comentabamos antes, co empate e a partir do segundo tempo, o partido, tan aberto ao principio, foise pechando e caendo nunha tónica premiosa cando non tediosa. O Dépor levou a iniciativa pero faltoulle un punto de frescura física e mental. Lassad e Valerón non foron desta volta revulsivos e Sergio, no seu papel de director de xogo, tiña hoxe unha empanada gorda. Aínda por riba, o Betis non ameazaba tanto como no primeiro tempo pero chegou dispór de oportunidades a partir dalgún erro dos defensores do Dépor, especialmente Lopo. Ao final, o empate non sei se foi xusto, pero cando menos non é estraño visto o visto no campo. O bo é que o puntiño serve para volver a cazar ao Málaga na clasificación. A semana que vén visitamos ao Espanyol, que dos últimos 20 partidos só gañou un: ao Barça no Camp Nou.
Assinar:
Postagens (Atom)
