08/02/2009

O CELTA É UN ESTADO DE ÁNIMO

Un Celta moi triste perdeu en Balaídos co Castelló (1-2) nun partido no que os levantinos apenas tiveron que manter a disciplina táctica e aproveitar nun par de ocasións a terca inseguridade defensiva do Celta, incapaz de interpretar correctamente o fóra de xogo. Os vigueses, que fai tres semanas víanse coa posibilidade de seren os líderes da Segunda división, a día de hoxe son un equipo depresivo e incapaz que volve mirar máis con preocupación cara abaixo que con ilusión cara arriba. Un problema que, se cadra, só comezará a solucionarse cando o celtismo entenda que sen consistencia defensiva non hai proxecto ilusionante que valla, e moito menos nunha categoría como a segunda división. Entrementres, só haberá euforia nas vitorias e depresión nas derrotas, pero nunca verdadeira confianza no xogo e nas posibilidades do equipo. Entrementres, o Celta non será realmente un equipo, apenas un estado de ánimo

AS SETE SEGUIDAS DO MADRID

O Real Madrid gañoulle onte por 1-0 ao Racing de Santander e acadou deste xeito a súa sétima vitoria consecutiva no campionato ligueiro. É este un dato importante que fala bastante ben do traballo que está a facer Juande Ramos no equipo branco dende a súa chegada. A maioría destas sete vitorias foron pola mínima, e conseguidas con bastantes apuros, na maior parte dos casos cun fútbol que non alcanzou en absoluto a excelencia. Pero estas vitorias manteñen a frote o equipo nun momento de grave crise institucional. Ao meu entender, esta cifra de sete vitorias consecutivas fala do incríbel carácter e fortaleza psíquica dun equipo que leva tres anos seguidos demostrando unha máxima competitividade nas circunstancias máis adversas. Un equipo constantemente comparado cos demais, cando non co seu propio pasado, cuestionado sempre apesar dos resultados. O caso é que este Madrid non vende tanto fogos de artificio como un compromiso recio cimentado no vestiario que fai agromar o espírito gañador nos momentos máis difíciles. E aí é onde eu cheiro o traballo extraordinario de Fabio Capello, home deostado polos principais grupos mediáticos do madridismo, pero que soubo abstraer aos xogadores do abafante ambiente do exterior, e convencelos na intimidade do vestiario da súa calidade e das súas posibilidades como equipo. Así lle gañou o Madrid as dúas últimas ligas ao xenial Barça de Rijkaard, con vitorias agónicas pero vitorias ao fin e ao cabo. O Madrid, a día de hoxe, ten os alicerces para crear un grande equipo de cara o futuro. Porén, o madridismo vive instalado na insatisfacción permanente, así que non tardarán en chegar os mesías que mercan fume a golpe de talonario para satisfacción duns seareiros que viven máis pendentes do que din determinados personaxes na prensa ou na radio, que do que acontece realmente no campo de fútbol.

O DECLIVE DO CHELSEA

O Chelsea empatou (0-0) na casa contra o modesto Hull City nun partido no que dominou lixeiramente pero no que mesmo puido saír derrotado se os tigers aproveitan algunha das ocasións claras das que dispuxeron, a maioría delas por mor dos erros defensivos do brasileiro Álex. Con este empate, o Chelsea perde o tren do campionato. O Manchester United e o Liverpool parecen inalcanzábeis e mesmo o sólido Aston Villa comeza a pór terra de por medio. Os blues deberán xa que logo aferrarse ao cuarto posto que dá acceso a champions, onde só parecen ser unha ameaza o Arsenal, outro equipo en horas baixas, e un emerxente Everton, que vén de reforzarse cun xogador importante para suplir as súas carencias ofensivas: o brasileiro Jo Alves. O caso é que dá a impresión de que o Chelsea é un equipo que comezou a experimentar o seu declive. Xa non é o Chelsea aquel equipo absolutamente temíbel dos tempos de José Mourinho que ofreceu eliminatorias vibrantes na Champions contra o Barça e que gañou dúas premiers seguidas. Aquel equipo era fascinante, dunha forza, empuxe e pegada poucas veces vistas no fútbol mundial, e cun Robben xenial, por certo, que parece que ao holandés algúns acaban de descubrilo aínda agora. Un primeiro momento de crise no xogo do Chelsea deuse coa chegada de Shevchenko e Ballack, dous xogadores especialmente caros e lonxe do seu mellor momento, que obrigaron a modificar o esquema de xogo do equipo. Mourinho conseguiu manter a competitividade do equipo, en detrimento da pegada, que se reducía en boa medida ao talento e loita de Drogba. Porén, Mourinho marchou no que parecía ser un primeiro síntoma de desartellamento dun equipo senlleiro. Avram Grant soubo manter a grandeza do club a partir dunha idea moi sinxela, non desfacer o que Mourinho construíra. Deste xeito o Chelsea loitou a pasada campaña pola Premier e xogou a final de Champions por vez primeira. Pero esta tempada preocupantes fendas comezan a abrirse paso na fortaleza. O equipo antes zoupón é agora máis ben un equipo pesado ao que lle costa máis que antes elaborar o xogo; a baixa de Drogba demostrou que non é bo ter excesiva dependencia dun só xogador, a chegada dun grandísimo xogador coma Deco máis que incrementar as posibilidades do plantel, iniciou unha batalla de egos de pésimas consecuencias. Por outro lado, parece que Abramovich xa non está tan disposto a destrozar o mercado como facía antes. Ten competidores voraces, e el ten xa a experiencia abonda como para saber que os títulos, e os bos equipos, non se conseguen só a golpe de billeteira.

06/02/2009

A LESIÓN DE ELTON BRAND

Elton Brand perderase por lesión o resto de temporada. Xa comentei nalgún artigo o chamado Dilema Elton Brand; isto é, que parece que os Sixers xogaban moito mellor sen el que con el. Agora non queda outra que acabar a temporada sen el. Esperemos que se confirme aquela percepción.

O CURIOSO CASO DE DIKEMBE MUTOMBO

Dikembe Mutombo, o pívot de 2,18 nado en Kinshasha en 1966, elixido catro veces mellor xogador defensivo da NBA, renovou este verán pasado por dúas temporadas máis cos Houston Rockets. Deste xeito, cara o remate do seu contrato será profesional coa idade de 44 anos. O seu caso é moi curioso pero paréceme un acerto. O ano pasado a súa achega foi moi importante para suplir a prolongada baixa de Yao Ming pola súa lesión no pé. Xogou 39 partidos de Liga Regular cun promedio de 15 minutos por partido. Esta temporada, porén, con Yao Ming totalmente recuperado, apenas xogou 11 minutos repartidos en dous partidos. Con todo, Dikembe Mutombo segue sendo unha peza importante para os Rockets se temos en conta a súa presenza constante nos adestramentos e no vestiario. É un perfecto personal trainer para Yao Ming e unha autoridade moral para o conxunto. a súa presenza impide que se erixan outros líderes no vestiario de egos máis díscolos -McGrady ou Artest- polo que o seu liderado terá que limitarse á cancha. Por outra banda, estou convencido que se por determinadas razóns ten que volver a disputar tantos minutos como a temporada pasada, a súa relevancia no xogo non será de balde.

O BARÇA PRACTICAMENTE NA FINAL

O Barça está practicamente clasificado para a final da Copa do Rei, despois de gañarlle con comodidade ao Mallorca no Camp Nou (2-0). O feito de non ter marcado fóra da casa réstalle moitísimas opcións de remontada a un Mallorca correcto per sen ningunha pegada, elemento que o condena a ser o pechacancelas do campionato, e factor que deberá aproveitar o Dépor o vindeiro domingo. O Barça xogou cun equipo que mesturaba titulares habituais con suplentes e abondoulle para dominar claramente o xogo. Iniesta é un xogador simplemente espectacular, que sempre toma as decisións máis acaídas, o cal é letal tendo en conta a súa inmensa calidade e a súa capacidade para conducir o balón pegado ao pé. Hleb apareceu onte con brillantez. É un xogador que polas súas características non me parece capaz de destacar nun equipo con xogadores máis completos que el, pero a súa capacidade para xogar ao primeiro toque, fan del un reserva moi interesante para Guardiola. En canto Messi, dicir que si, que penso que non hai no mundo mellor xogador ca el e que posibelmente estea chamado a ser considerado o mellor futbolista dende Diego Armando Maradona. Francamente, parece imposíbel trabarlle a este Barcelona. Será capaz do triplete?

GIANLUCA BASILE

O Barcelona gañoulle onte cómodamente (85-65) na súa cancha a un pobre Macabbi de Tel Aviv na segunda xornada do Top 16 da Euroliga, nun partido marcado pola saída á cancha de varios espontaneos con bandeiras palestinas. En canto ao xogo, só se pode dicir que o Barcelona foi claramente superior aos israelíes, mantendo o alto nível de xogo da temporada. Pero este post, máis que para analizar o xogo do Barça, é para salientar a figura dun xogador que cada vez esperta máis a miña admiración, o italiano Gianluca Basile, de 34 anos. Excelente tirador, sabe elixir sempre a opción máis acertada e nunca se lle achica a man nos momentos decisivos dos partidos. É un dos mellores e máis espectaculares triplistas en carreira e un dos mellores defensores do campionato, sendo capaz de anular as maiores estrelas dos equipos contrarios, sen que iso vaia en detrimento do seu rendimento ofensivo. Un crack que é mellor a cada ano que pasa, como o bo viño.

05/02/2009

OS 61 PUNTOS DE KOBE

Kobe pasou polo Madison Square Garden e sumou nada menos que 61 puntos. Son números arrepiantes, propios dun xogador único e irrepetíbel, que xa o ano pasado conseguira 82 nun partido contra os Raptors. Fai pouco falaba de que non vía outra posibilidade de MVP que Lebron James, e reafírmome. Pero Kobe, cando falte, botarémolo de menos. Porque poderiamos pensar que estes rexistros de anotación espectaculares de Kobe teñen que ver cunha compulsiva necesidade de tirar todo canto lle chega ás mans. Nada máis lonxe da realidade. Kobe é un xogador maduro que cada vez é máis consciente da necesidade do colectivo e do seu rol no mesmo. Él é o principal anotador e o que se xoga as canastras decisivas, pero ao longo dun partido non dubida en procurar solucións máis intelixentes se cómpren que xogarse el a canasta. Kobe non é un personaxe especialmente querido, talvez por iso non se lle recoñece o lugar que lle corresponde na historia da NBA, pero con campañas como as dúas últimas está a reivindicarse de xeito incontestábel na cancha. Agora só queda que este ano, os Celtics non lle amarguen outravolta a recompensa do anel de campión.

PARTIDAZO DE DUSCHER

O Sevilla gañoulle onte con apuros ao Athletic na ida das semifinais de Copa (2-1), cun gol de Lautaro Acosta no último minuto. O Athletic fora ao descanso con vantaxe no marcador grazas a un gol de Llorente de cabeza após un corner, e logo dun primeiro tempo marcado polo mal estado dun terreo de xogo enchoupado por mor da chuvia. Despois do descanso, e co campo en mellores condicións, apareceu o Sevilla en todo o seu esplendor. É o Sevilla un equipo que cando alcanza a plenitude no seu xogo é sencillamente imparable. Jesús Navas rompeu a Koikili cada vez que intentaba o desborde. Kanouté deu unha vez máis unha lección de xogo de costas á porta contraria, e co Athletic cada vez máis pechado na súa área, os sevillistas chegaban por todos lados. Neste senso hai que salientar o partidazo de Aldo Duscher. O ex do Deportivo, dende que deixou Riazor é un xogador con moitísima máis chegada. Demostrouna con case unha ducia de goles no Racing, e onte, por exemplo, cun soberbio partido no que chegou dende atrás para marcar, despois dun rexeite, o gol do empate do Sevilla, e máis cun par de sorprendentes pases ao oco para Kanouté. O resultado, a priori, tampouco é malo para o Athletic, que vivirá unha xornada de paixón ante a súa torcida en San Mamés, pero mal farían os de Caparrós en confiarse. De feito, non lles viría mal ver os vídeos dos tres partidos do Sevilla contra o Deportivo.

DERBI LISBOETA NA FINAL DA TAÇA

Onte xogáronse as semifinais da Taça de Portugal. O Benfica eliminou o Vitória de Guimaraes, mentres que o Porto caeu estrepitosamente (4-1) en Alvalade ante o Sporting de Lisboa, no que marcaron dous goles o arxentino Romagnoli, e outros dous o ex-branquiazul Derlei, aquel que metera o penalti que eliminara ao Dépor das semifinais da Champions. O Porto de Jesualdo Ferreira xogou coa súa equipo B, que como din no xornal O Jogo, foi máis que nunca B de Banal. Dentro dun mes será a final da Taça entre as dúas equipas de Lisboa, pero esta fin de semana agarda o gran clásico do fútbol portugués: Porto-Benfica no Estadio do Dragao.

O EVERTON SUPERA O LIVERPOOL NA COPA

O Liverpool e o Everton enfrontáronse onte no partido de desempate da cuarta tirada da Copa Inglesa. O Everton impúxose na prórroga cun gol dun rapaz de 19 anos, Ryan Gosling. O Liverpool, pola súa banda, acabou o partido cun home menos por expulsión de Lucas Leiva, e perdeu por lesión ao cuarto de hora o seu home máis importante, Steve Gerrard, o alcance de cuxa lesión aínda se descoñece, polo que podería ser un grave contratempo para o equipo de Benítez de cara ao futuro, no que agarda entre outros moitos partidos a eliminatoria de oitavos da Champions contra o Real Madrid. O Everton demostrou unha vez máis que é un dos equipos máis consistentes da Premier. Ao igual co Aston Villa, do que xa falamos noutra ocasión, é un proxecto moi sólido que da man do técnico David Moyes medra devagar ano tras ano, polo que só lle falta un pequeno salto de calidade para meterse entre os catro grandes da Premier. Este ano, de feito, de non ter perdido os tres primeiros partidos disputados en Goodison Park, estaría na táboa, ao igual co Aston Villa, en postos de Champions. O Everton é un equipo defensivamente inexpugnábel e o seu principal déficit é a dificuldade para meter goles, no que dependen en boa medida do seu punta principal Yakubu, actualmente mancado, do oportunismo do australiano Chaill, da inspiración do guipuscoano Arteta ou da achega goleadora dos seus defensas, sobre todo o gran Joleon Lescott.

04/02/2009

A VOLTA DE GAY A PASARÓN

Non sei que lle pasa ao Pontevedra xa que non tiven ocasión de velo durante esta temporada. De todos os xeitos, coñecer os resultados cada semana comezaba a ser desolador. Agora anuncian o cesamento de Rafa Saez e a volta de José Aurelio Gay ao banco de Pasarón. Con Gay o Pontevedra viviu unha época féliz e só a mala sorte lle impediu permanecer na Segunda División. Esperemos que volvan os bos tempos porque o Pontevedra é, sen dúbida, un histórico do fútbol galego e español e ten unha torcida que merece máis que calquera outra volver ao sitio que lle corresponde. Ogallá que haxa que volver a roelo. Alguén de Pontevedra pode contarnos que diaños pasa alí esta temporada?

QUE ACONTECE POLO SUR?

Que acontece polo Sur? A priori nada novo. O Porto, que adestra o Jesualdo Ferreira, é líder un ano máis por diante do Benfica do ex técnico valencianista Quique Sánchez Flores e do Sporting de Lisboa. Máis ou menos o de todos os anos. Pero se ollamos ao cuarto clasificado aparece unha equipa pouco habitual de escudo peculiar con raqueta, pá de cricquet e balón de baloncesto e ningunha referencia futbolística. Trátase do Leixões, unha equipa moi modesta da vila de Matosinhos, no extrarradio do Porto. Pouco habitual na primeira portuguesa, ascendeu a campaña pasada á máxima categoría coincidindo co centenario da fundación do club. A estas alturas aparece de cuarto na táboa, pero até fai ben pouco chegou mesmo a ocupar o liderato despois de sonadas vitorias en Alvalade (0-1) e no Estadio do Dragão (2-3). Non é, porén, a maior fazaña na historia deste club, pois en 2002, estando na Segunda B, xogaron a final da Taça de Portugal (perdérona co Sporting), converténdose, seica, deste xeito, na primeira equipa europea que disputa a UEFA sen estar na máxima categoría do seu país.

RAJON RONDO

Cada vez son máis fan de Rajon Rondo. Non é xogador que vaia eu descubrir, pero teño a sensación de que cada día que pasa está máis a gusto e con maior confianza, a carón duns compañeiros que dá a impresión que o adoran. Rondo é o cuarto xogador da NBA que máis balóns rouba e o sexto que concede máis asistencias. Frenético no seu xogo, moit0 máis cos pousóns do big three (Allen, Pierce e Garnett) concede cada partido media ducia de accións espectaculares e en moitos deles roza o triple dobre. O seus promedios da temporada, de feito, son excelentes para un base (11,2 ppp, 5,00 rpp, 8,1 app) , mesmo para o base dos Celtics, que non hai que esquecer que é un xogador de terceiro ano e que chegou a Massachusets de casualidade.

03/02/2009

TRES CLÓNICOS

Ás veces a NBA parece que produce xogadores en serie. Por exemplo cincos altos, brancos, traballadores, implicados, cunha boa aportación ofensiva... Cando vexo xogar a David Lee (Knicks), Brook López (Nets), ou Brad Miller (Kings) paréceme que estou vendo un mesmo xogador. Posíbelmente a maior diferencia entre os tres sexa a súa idade: Miller ten 32, Lee 26, e López apenas 21, se ben dase a casualidade de que os tres naceron nun mes de abril. Pero vexamos os seus promedios de puntos e rebotes esta temporada: López (11,8 ppp e 7,90 rpp), Miller (11,9 e 8,0), Lee (15,9 e 11,70). Lee destaca algo máis, pero é que promedia 5 minutos máis cos outros dous, tendo en conta a precariedade de efectivos dos Knicks. É que non vos parecen clónicos?

02/02/2009

ARSHAVIN E QUARESMA

A Premier dispón dende hoxe de dous novos xogadores moi especiais: o ruso Arshavin abandona por fin o Zénit para reforzar un Arsenal pragado de baixas e que precisa algún xogador carismático e de referencia. Un xogador absolutamente xenial pero de carácter inestábel que haberá que ver como se adapta a esta nova competición. Nisto o papel que xogue Wenger será fundamental. Por outra banda ao Chelsea chega o portugués Quaresma, cedido polo Inter de Mourinho onde a súa achega foi un dos grandes fiascos do Calcio. Trátase dun home de banda de gran desborde e mellor disparo. Como no caso de Arshavin, a súa peor ameaza o seu propio carácter. E mentres Arsenal e Chelsea se reforzan, o Manchester, líder, apenas se move e o Liverpool non so non ficha senón que se desfai de Robbie Keane, que volve ao Tottenham despois de decepcionar a técnico e seareiros de Anfield. En fin, que xa están todos preparados para a recta final

CALDERÓN E OS TIROS LIBRES

O pasado venres o base español dos Raptors, José Manuel Calderón, errou un tiro libre despois de ter anotado 87 consecutivos. Estaba a piques de bater o record histórico da competición que ostenta dende 1993 Michael Williams dos Minnesotta. Finalmente quedou a dez desta marca. Realmente este tipo de cousas non teñen demasiada importancia no acontecer dun equipo, pero a verdade é que son alicientes bonitos á hora de seguir unha competición. A ver cal é o próximo.