05/02/2009

PARTIDAZO DE DUSCHER

O Sevilla gañoulle onte con apuros ao Athletic na ida das semifinais de Copa (2-1), cun gol de Lautaro Acosta no último minuto. O Athletic fora ao descanso con vantaxe no marcador grazas a un gol de Llorente de cabeza após un corner, e logo dun primeiro tempo marcado polo mal estado dun terreo de xogo enchoupado por mor da chuvia. Despois do descanso, e co campo en mellores condicións, apareceu o Sevilla en todo o seu esplendor. É o Sevilla un equipo que cando alcanza a plenitude no seu xogo é sencillamente imparable. Jesús Navas rompeu a Koikili cada vez que intentaba o desborde. Kanouté deu unha vez máis unha lección de xogo de costas á porta contraria, e co Athletic cada vez máis pechado na súa área, os sevillistas chegaban por todos lados. Neste senso hai que salientar o partidazo de Aldo Duscher. O ex do Deportivo, dende que deixou Riazor é un xogador con moitísima máis chegada. Demostrouna con case unha ducia de goles no Racing, e onte, por exemplo, cun soberbio partido no que chegou dende atrás para marcar, despois dun rexeite, o gol do empate do Sevilla, e máis cun par de sorprendentes pases ao oco para Kanouté. O resultado, a priori, tampouco é malo para o Athletic, que vivirá unha xornada de paixón ante a súa torcida en San Mamés, pero mal farían os de Caparrós en confiarse. De feito, non lles viría mal ver os vídeos dos tres partidos do Sevilla contra o Deportivo.

DERBI LISBOETA NA FINAL DA TAÇA

Onte xogáronse as semifinais da Taça de Portugal. O Benfica eliminou o Vitória de Guimaraes, mentres que o Porto caeu estrepitosamente (4-1) en Alvalade ante o Sporting de Lisboa, no que marcaron dous goles o arxentino Romagnoli, e outros dous o ex-branquiazul Derlei, aquel que metera o penalti que eliminara ao Dépor das semifinais da Champions. O Porto de Jesualdo Ferreira xogou coa súa equipo B, que como din no xornal O Jogo, foi máis que nunca B de Banal. Dentro dun mes será a final da Taça entre as dúas equipas de Lisboa, pero esta fin de semana agarda o gran clásico do fútbol portugués: Porto-Benfica no Estadio do Dragao.

O EVERTON SUPERA O LIVERPOOL NA COPA

O Liverpool e o Everton enfrontáronse onte no partido de desempate da cuarta tirada da Copa Inglesa. O Everton impúxose na prórroga cun gol dun rapaz de 19 anos, Ryan Gosling. O Liverpool, pola súa banda, acabou o partido cun home menos por expulsión de Lucas Leiva, e perdeu por lesión ao cuarto de hora o seu home máis importante, Steve Gerrard, o alcance de cuxa lesión aínda se descoñece, polo que podería ser un grave contratempo para o equipo de Benítez de cara ao futuro, no que agarda entre outros moitos partidos a eliminatoria de oitavos da Champions contra o Real Madrid. O Everton demostrou unha vez máis que é un dos equipos máis consistentes da Premier. Ao igual co Aston Villa, do que xa falamos noutra ocasión, é un proxecto moi sólido que da man do técnico David Moyes medra devagar ano tras ano, polo que só lle falta un pequeno salto de calidade para meterse entre os catro grandes da Premier. Este ano, de feito, de non ter perdido os tres primeiros partidos disputados en Goodison Park, estaría na táboa, ao igual co Aston Villa, en postos de Champions. O Everton é un equipo defensivamente inexpugnábel e o seu principal déficit é a dificuldade para meter goles, no que dependen en boa medida do seu punta principal Yakubu, actualmente mancado, do oportunismo do australiano Chaill, da inspiración do guipuscoano Arteta ou da achega goleadora dos seus defensas, sobre todo o gran Joleon Lescott.

04/02/2009

A VOLTA DE GAY A PASARÓN

Non sei que lle pasa ao Pontevedra xa que non tiven ocasión de velo durante esta temporada. De todos os xeitos, coñecer os resultados cada semana comezaba a ser desolador. Agora anuncian o cesamento de Rafa Saez e a volta de José Aurelio Gay ao banco de Pasarón. Con Gay o Pontevedra viviu unha época féliz e só a mala sorte lle impediu permanecer na Segunda División. Esperemos que volvan os bos tempos porque o Pontevedra é, sen dúbida, un histórico do fútbol galego e español e ten unha torcida que merece máis que calquera outra volver ao sitio que lle corresponde. Ogallá que haxa que volver a roelo. Alguén de Pontevedra pode contarnos que diaños pasa alí esta temporada?

QUE ACONTECE POLO SUR?

Que acontece polo Sur? A priori nada novo. O Porto, que adestra o Jesualdo Ferreira, é líder un ano máis por diante do Benfica do ex técnico valencianista Quique Sánchez Flores e do Sporting de Lisboa. Máis ou menos o de todos os anos. Pero se ollamos ao cuarto clasificado aparece unha equipa pouco habitual de escudo peculiar con raqueta, pá de cricquet e balón de baloncesto e ningunha referencia futbolística. Trátase do Leixões, unha equipa moi modesta da vila de Matosinhos, no extrarradio do Porto. Pouco habitual na primeira portuguesa, ascendeu a campaña pasada á máxima categoría coincidindo co centenario da fundación do club. A estas alturas aparece de cuarto na táboa, pero até fai ben pouco chegou mesmo a ocupar o liderato despois de sonadas vitorias en Alvalade (0-1) e no Estadio do Dragão (2-3). Non é, porén, a maior fazaña na historia deste club, pois en 2002, estando na Segunda B, xogaron a final da Taça de Portugal (perdérona co Sporting), converténdose, seica, deste xeito, na primeira equipa europea que disputa a UEFA sen estar na máxima categoría do seu país.

RAJON RONDO

Cada vez son máis fan de Rajon Rondo. Non é xogador que vaia eu descubrir, pero teño a sensación de que cada día que pasa está máis a gusto e con maior confianza, a carón duns compañeiros que dá a impresión que o adoran. Rondo é o cuarto xogador da NBA que máis balóns rouba e o sexto que concede máis asistencias. Frenético no seu xogo, moit0 máis cos pousóns do big three (Allen, Pierce e Garnett) concede cada partido media ducia de accións espectaculares e en moitos deles roza o triple dobre. O seus promedios da temporada, de feito, son excelentes para un base (11,2 ppp, 5,00 rpp, 8,1 app) , mesmo para o base dos Celtics, que non hai que esquecer que é un xogador de terceiro ano e que chegou a Massachusets de casualidade.

03/02/2009

TRES CLÓNICOS

Ás veces a NBA parece que produce xogadores en serie. Por exemplo cincos altos, brancos, traballadores, implicados, cunha boa aportación ofensiva... Cando vexo xogar a David Lee (Knicks), Brook López (Nets), ou Brad Miller (Kings) paréceme que estou vendo un mesmo xogador. Posíbelmente a maior diferencia entre os tres sexa a súa idade: Miller ten 32, Lee 26, e López apenas 21, se ben dase a casualidade de que os tres naceron nun mes de abril. Pero vexamos os seus promedios de puntos e rebotes esta temporada: López (11,8 ppp e 7,90 rpp), Miller (11,9 e 8,0), Lee (15,9 e 11,70). Lee destaca algo máis, pero é que promedia 5 minutos máis cos outros dous, tendo en conta a precariedade de efectivos dos Knicks. É que non vos parecen clónicos?

02/02/2009

ARSHAVIN E QUARESMA

A Premier dispón dende hoxe de dous novos xogadores moi especiais: o ruso Arshavin abandona por fin o Zénit para reforzar un Arsenal pragado de baixas e que precisa algún xogador carismático e de referencia. Un xogador absolutamente xenial pero de carácter inestábel que haberá que ver como se adapta a esta nova competición. Nisto o papel que xogue Wenger será fundamental. Por outra banda ao Chelsea chega o portugués Quaresma, cedido polo Inter de Mourinho onde a súa achega foi un dos grandes fiascos do Calcio. Trátase dun home de banda de gran desborde e mellor disparo. Como no caso de Arshavin, a súa peor ameaza o seu propio carácter. E mentres Arsenal e Chelsea se reforzan, o Manchester, líder, apenas se move e o Liverpool non so non ficha senón que se desfai de Robbie Keane, que volve ao Tottenham despois de decepcionar a técnico e seareiros de Anfield. En fin, que xa están todos preparados para a recta final

CALDERÓN E OS TIROS LIBRES

O pasado venres o base español dos Raptors, José Manuel Calderón, errou un tiro libre despois de ter anotado 87 consecutivos. Estaba a piques de bater o record histórico da competición que ostenta dende 1993 Michael Williams dos Minnesotta. Finalmente quedou a dez desta marca. Realmente este tipo de cousas non teñen demasiada importancia no acontecer dun equipo, pero a verdade é que son alicientes bonitos á hora de seguir unha competición. A ver cal é o próximo.

NOVE EQUIPOS PARA OITO POSTOS

A estas alturas da liga regular todo apunta a que na Conferencia Oeste só quedan nove equipos con posibilidades de ocupar os oito postos de play off. Deses nove, parece que o que quede fóra estará entre os Utah Jazz, os Phoenix Suns ou os Dallas Mavericks, tres equipos tradicionalmente habituais da loita polo título de Conferencia e con grandes xogadores para os que sería un fracaso quedaren apeados tan cedo da competición. A miña idea é que os Jazz estarán finalmente , así que habería que apostar entre os Mavs e os Suns. De todos os xeitos un debate interesante para estas alturas de temporada. A miña aposta é que quedarán fóra os Suns. A vosa?

IMPRESCINDÍBEL TORRES

Fernando Torres deulle a vitoria ao Liverpool (2-0) nos últimos minutos dun igualado partido contra un Chelsea que quedou con dez ao pouco de comezar o segundo tempo despois dunha expulsión de Lampard por unha entrada moi dura pero penso que involuntaria sobre Xabi Alonso. O Liverpool mantén a pugna co United. Está a dous puntos inda que cun partido máis. Pero o destacábel é que a aparición de Torres onte demostra que é un xogador cada vez máis desequilibrante, con capacidade para erixirse nun dos dianteiros máis importantes do mundo. O ano pasado deu o gol da vitoria de España na final da Eurocopa e converteuse no dianteiro de referencia do Liverpool na Liga con 24 goles. Con Torres en forma o Liverpool é un equipo capacitado para loitar polo título, se ben o vai ter moi difícil para superar a un United que leva doce partidos sen encaixar un gol. De todos os xeitos, chama a atención que o Liverpool leve 19 anos sen gañar un título ligueiro. Moito tempo para un equipo coa súa historia. Un dato que demostra que unha Liga non a gaña calquera.

01/02/2009

VITORIA GRANDE DO DÉPOR EN RIAZOR

Despois desta semana apenas ninguén lembrará as cinco derrotas consecutivas anteriores. O Dépor fixo un dos mellores partidos da temporada no seu estadio (3-0). O Vila Real demostrou que está lonxe do seu mellor momento e Lotina demostrou tamén que sabe reinventar o Dépor en función das circunstancias. O sistema 4-3-2-1 posto hoxe funcionou dende o principio, coa fortuna dun gol nos primeiros minutos. Hai que destacar nese sentido a Riki que peleou polo balón para servirlle o gol a Lafita que non perdoou. Co resultado a favor e mantendo a presión en campo contrario, o Dépor aproveitou os espazos cun grande Valerón que como prognosticábamos, inchouse a meter balóns de gol, que Riki desafortunado non aproveitou. A medida que Valerón foi perdendo folgos, apareceu o relevo de Verdú, que desta vez ofreceu a súa mellor cara. Con tantos balóns ao espazo chegaron os goles de Lafita e Riki. Destacábel foi tamén o partido de De Guzmán e Antonio Tomás, que melloraron notabelmente respecto ao partido do Bernabeu. Lassad, do que tamén falamos esta semana tivo a súa oportunidade para marcar pero bateu cun Diego López que foi o mellor do seu equipo.

GIANFRANCO ZOLA POSTÚLASE PARA A IRMANDIÑA

O adestrador do West Ham, futbolista mítico de Napoli e Chelsea, postúlase para adestrar a irmandiña, ou iso parece véndolle o anorak que leva aos partidos

A OPORTUNIDADE DE LASSAD

O francés Lassad entra por primeira vez na convocatoria do Dépor en Liga despois de que se confirmase un novo contratempo físico de Mista. Non parece moi probable que teña ocasión de xogar, a non ser que se poña o partido contra o Vila Real moi costa arriba. Por diante están Riki no campo e Omar Bravo no banco. Pero hai ganas de ver co primeiro equipo a este dianteiro alto e longueirón, intelixente no xogo de costas, non exento de técnica e de olfato goleador que é o dianteiro de referencia do Fabril dende a súa chegada haberá aproximadamente un ano.

A IMBATIBILIDADE DE VAN DER SAR

O porteiro  de Manchester United vén de marcar un record na Liga inglesa. Leva 1.121 minutos sen encaixar un gol, co que supera o rexistro anterior do gardameta do Reading Steve Death, de nome arrepiante por certo. O dato é un xusto premio para un porteiro histórico de extensísimo palmarés pero que nunca foi recoñecido á altura doutros contemporaneos seus. O dato tamén é significativo por canto fala da consistencia defensiva dun equipo, o Manchester United, que polo xeral sempre destacou máis ben pola súa brillantez no xogo ofensivo.

LEBRON E O MVP

O de Lebron é simplemente alucinante. Non hai quen o pare. É máis forte que o resto e técnicamente parece que tampouco hai demasiados coma el. É, abofé, o xogador mais determinante de cantos hai na competición. Sen el, dificilmente se entende que Cleveland xogara unhas finais da NBA e outras de conferencia e que, nesta temporada, sexa o equipo con mellor promedio de vitorias. Entendo, de todos os xeitos, que á hora de conceder o MVP haberá que ter moi en conta que acontece ao remate da competición e que equipos se meten nas finais e que os Clevelands non a pifien aos comezos do playoff, etcétera. Pero con toda a miña admiración a xogadores como Chris Paul, Dwight Howard, Kobe Bryant, Tim Duncan, Paul Pierce e compañía, non vexo outro MVP posíbel que Lebron.

A DEFENSA DO CELTA

O Celta volveu perder dous puntos por erros dos seus defensas. Desta volta foi a quenda do boliviano Peña, que a pifiou nos dous goles do Xirona. Xa non é unha novidade. Sempre que vexo o Celta algún dos seus centrais, sexa o xa mencionado Peña; ou Rubén, un fubolista que ao meu entender se non tivese saído dun equipo como o Madrid, inda que escaldado, nunca tería sitio nun equipo como o Celta; ou o propio Noguerol, cometen algún ou máis dun erro defensivo. Con tan pouca consistencia pouco creo nas posibilidades de ascenso do Celta, por moito que Notario, as máis das veces, pareza abondo para emendar as cagadas dos seus centrais.