22/02/2009

OS LEÓNS VENCERON ÁS AGUIAS

Onte disputouse o clásico lisboeta no estadio Alvalade e o Sporting de Paulo Bento impúxose (3-2) ao Benfica que adestra o Quique Sánchez Flores, nun partido que os leões puideron ter sentenciado moito antes do final. Adiantouse axiña o brasileiro Liedson cun espléndido xute dende un lateral da área, ante o que nada puido facer o garda redes benfiquista Moreira. O Benfica pretendeu reaxir, con insistencia inda que pouco fútbol, e acabou atopando un penalti claro sobre o hondureño Suazo que transformou en gol o sempre cuestionado extremo español José Antonio Reyes. Tras o descanso, o partido converteuse nunha demostración de superioridade do Sporting, que comezou a asediar con numerosas ocasións a porta de Moreira, mentres que o Benfica apenas pasaba do mediocampo. Así chegaron outros dous goles. O segundo de Derlei, ante a inmobilidade de tres centrais contrarios, e o terceiro novamente de Liedson, de cabeza, tras unha fermosa xogada por banda do prometedor Pereirinha. O Benfica recortou distancias a dous minutos do final, na única ocasión da que dispuxo no segundo tempo, cun cabezazo do paraguaiao Cardozo, que moitos seareiros benfiquistas consideran que debera dispoñer de máis minutos, pois é un goleador de moitas garantías. Con este resultado os leões igualan a puntos aos seus veciños e permanecen a catro do líder, o Porto, que non errou na súa visita (0-2) ao modesto campo do Paços Ferreira, onde marcaron Hulk e Bruno Alves de penalti.

O TAU CONTRA AÍTO

Agardábase un partidazo entre o Barcelona e o Tau, pero Dusko Ivanovic encargouse de dicirlles aos seus que non quería tonterías e que resolveran as cousas pola vía rápida, así que os baskonistas apenas deixaron marxe a un Barcelona desconcertado ao que se lle arrefriou a quentura das últimas semanas axiña, así que viu que Rakocevic estaba polo labor de poñerse o mono de máximo anotador da  ACB (27 puntos), e que Tiago Splitter estaba disposto a ser protagonista do partido, superando un por un, en defensa e ataque, ao espectacular cuarteto de homes altos do Barcelona: Santiago, Vázquez, Andersen e Ilyasova. Canda eles, Mirza Teletovic, Pete Mickeal, Will Macdonald, Pablo Prigioni e o xenial Sergi Vidal, insuperable en defensa e decisivo en ataque, foron furando pouco a pouco no equipo contrario ata deixar a vantaxe no marcador, xa no descanso, en 9 puntos (43-34). No segundo tempo, o TAU seguíu coa mesma dinámica e o Barça foi incapaz de reaxir. Nin sequera Navarro, brillante contra o Madrid en cuartos, estivo desta volta á altura, salientando os seus erros decisivos na liña de tiros libres naqueles momentos nos que se podía enxergar algún tipo de remontada. A vitoria de onte do TAU (90-77) é un golpe de autoridade enriba da mesa, pois é xa a sexta consecutiva dos vitorianos sobre o Barcelona. O Baskonia é claro favorito para o título, pero para iso terá que derrotar na final ao hipercompetitivo Unicaja de Málaga, cuxa maior estrela está sentada no banco e quererá revalidar cun novo equipo o título conseguido o ano pasado. O Unicaja non venceu coa mesma facilidade o seu partido contra o Estudiantes (71-78) pero nos momentos decisivos foi quen de demostrar a súa superioridade. O partido foi pouco vistoso, marcado por defensas de grande intensidade dos dous equipos e baixas porcentaxes de acerto en ataque. A igualdade mantívose ata os últimos minutos, nos que o Unicaja aproveitou a súa maior calidade e veteranía. Foi no último cuarto cando Marcus Haislip decidíu facer acto de presenza (13 puntos de 15 en todo o partido) e Berni Rodríguez anotou un par de canastras decisiva. A final de hoxe é un novo episodio do TAU contra Aíto, ao igual que na última edición. Desta volta, o técnico madrileño mudou de equipo. Será quen de afastar ao Baskonia dun título que parece cantado? 

UN CELTA GRAVEMENTE ENFERMO

O Celta vive horas moi tristes. A afección desertou en masa de Balaídos e os poucos que aínda resisten aproveitan a mínima ocasión para cuestionar a xogadores e técnicos. O certo é que ten que ser duro aturar unha temporada como a que está a facer o equipo vigués, un enfermo que despois do de onte (1-2) pasou da gravidade ao estado de coma. Incapaz de crear xogo, foi superado dende o inicio por un Eibar en postos de descenso e que non marcara nos seus últimos sete partidos fóra de Ipurúa. En cambio, por momentos parecía o Vila Real de Pellegrini ante un Celta apático e inmóbil. Os de Murcia viven nun estado de ansiedade tal que calquera cousa que pretendan vailles saír irremediabelmente mal. A cousa complícase se inda por riba o ídolo da afección esquece que os pases de gol hai que darllos aos compañeiros e non aos rivais. Complícase de igual xeito se Ghilas desaproveita un penalti ou se un tipo chamado Sutil che mete un golazo de volea por toda a escadra. Murcia parece estar condenado despois do de onte. Un cambio de adestrador podería ser un pequeno shock para recuperar o pulso cardíaco, pero o enfermo vai seguir enfermo igual de aquí ao remate da temporada.

21/02/2009

OUTRO TRISTE EMPATE DO ARSENAL

Prometedora estrea de Andrei Arshavin na Premier League. O ruso debutou hoxe co Arsenal no Emirates Stadium contra o Sunderland (0-0) e xa no primeiro tempo dispuxo de tres claras ocasións, creadas a partir da súa calidade individual e que non foron gol polo acerto do porteiro Fulop. do mesmo xeito, puxo dous magníficos centros que a piques estiveron de acabar en gol, sobre todo o rematado por Kolo Touré. No segundo tempo, o ruso acusou o cansanzo e foi cambiado ao cabo dos quince primeiros minutos polo mexicano Carlos Vela. Pero, á marxe da boa actuación de Arshavin, o partido do Arsenal volveu ser unha mostra da mediocridae na que ten caído este equipo, mermado por baixas importantes -Fábregas, Walcott, Rosicky, Eduardo, etcétera...-  e polo baixo rendemento doutros homes que no ano pasado amosaron moito máis nivel como Adebayor, Van Persie ou Bendtner. Os londinenses afúndense na clasificación por mor da súa incapacidade para gañar partidos ante rivais inferiores. Este ano as circunstancias parecen estar podendo con Wenger, que ve como a distancia entre o Arsenal e os outros grandes da Premier é cada vez máis abismal.
Por outra banda, o gran partido da Premier disputábase onte en Birmingham. O emerxente Aston Villa de O´Neill recibía en Villa Park a un Chelsea en crise que se puxo nas mans do holandés Guus Hiddink.  Parece que o holandés pode ser quen de obrar unha nova miragre na súa carreira, pois hoxe o Chelsea mudou radicalmente a súa imaxe e foi en todo momento superior ao Aston Villa, ao que venceu cun gol aos 19 minutos de Nicolas Anelka, que ve porta na Liga por primeira vez en 2009. Os de O´Neill tropezan por segunda vez na súa casa nun partido importante despois do empate contra o CSKA o mércores na UEFA. 
Por último, con este gol, o paraguaio Roque Santa Cruz  ao bater o gardarredes Kucszack, púxolle unha cifra definitiva ao récord de imbatibilidade do Manchester United. Finalmente o equipo de Ferguson rexistrou 1.334 minutos coa porta a cero. Van der Sar, porén, inda pode seguir batendo marcas. Con todo, o United afiánzase no liderato pois conseguiu a vitoria ante o Blackburn. Rooney adiantou ao seu equipo no min.23, e logo do empate de Santa Cruz, Ronaldo acabaría poñendo o 2-1 definitivo no 60 do segundo tempo, cun espléndido lanzamento de falta directa

CON AÍTO, SEN AÍTO

Calquera equipo de baloncesto que teña no banco como adestrador a Aíto García Reneses ten asegurada a competitividade en calquera torneo no que participe. Na xornada de onte, de cuartos de final da Copa do Rei, puidémolo comprobar. O Unicaja, que agora dirixe o técnico madrileño, impúxose (79-69) ao Kalisse Gran Canaria nun partido igualado, ante un equipo correúdo, no que acabou decididindo un dos homes máis determinantes da ACB, o norteamericano Marcus Haislip que desequilibrou o partido grazas á súa excelente fiabilidade no tiro exterior: 4 de 5 en lanzamentos de tres, os catro acertos no segundo tempo. Haislip marcou a diferencia e Aíto dende o banco conseguiu manter durante os corenta minutos do partido a intensidade no xogo necesaria para que a vantaxe acadada grazas ao acerto persoal de Haislip, non se vira mermada polo equipo contrario, malia a insistencia anotadora de Carl English e Jim Moran. O Unicaja de Málaga, un dos equipos máis fiables do baloncesto europeo nos últimos anos, ten con Aíto un plus de competitividade que o converte nunha das principais ameazas que esta temporada axexan a Barça e Tau, aos que se lles presupón unha superioridade con respecto ao resto dos equipos. Cun Haislip xenial, o equipo complétano outros xogadores que ademais de talento dispoñen dun enorme sentido táctico e compromiso colectivo como Carlos Cabezas, Berni Roríguez, Carlos Jiménez, Jiri Welsch, Robert Archibald ou Boniface Ndong. Un equipo, en fin, que non se pode descartar de ningún xeito. Os malagueños enfrontaranse na semifinal ao Estudiantes, que deu a sorpresa ao vencer nun partido tremendamente igualado (80-75) ao Joventut de Badalona. Os cataláns están acusando notablemente esta temporada a ausencia de Aíto no banco, inda que o seu substituto, Sito Alonso, sexa a súa man dereita dos últimos anos. Ao Joventut cóstalle manter a intensidade ao 100% durante os corenta minutos, e moitas veces confunde intensidade con anarquía. De certo, ademais da baixa de Aíto, lamenta tamén a ausencia de Rudy Fernández, xogador único e gañador. De todos os xeitos, chama a atención ver como os badaloneses perderon onte un partido tal ante un equipo inferior, inda que Ricky Rubio dera unha exhibición de xogo no segundo tempo. O Estudiantes, de traxectoria problemática nas últimas temporadas, apelou á épica que o acompañou sempre ao longo da súa historia, e a partir do acerto de Samo Udrih (23 puntos) e Corey Brewer (16) chántase nas semifinais do torneo. Terá certamente complicado ir máis aló, pero sempre hai que deixar unha marxe de confianza cando se trata dos colexiais. (Foto de Elemaki)

20/02/2009

A ESPIÑA CRAVADA DOS SIXERS

Os Sixers están a facer unha campaña aceptable, mesmo podemos considerala boa tendo en conta a notable melloría dende a chegada do novo técnico Tony DiLeo o pasado 13 de decembro. Antes da súa chegada, con Maurice Cheeks, os de Philadelphia levaban 9 vitorias por 14 derrotas. Dende aquela, o promedio é moi diferente: 18 vitorias e 12 derrotas, cunha mellora sustancial do xogo, na que tamén poden ter que ver as baixas por lesión de Elton Brand. O caso é que, con todo, aínda hai unha espiña cravada na traxectoria dos Sixers. Nos partidos contra equipos grandes xa van tres derrotas por canastra no último segundo. Primeiro foi Tony Parker dos Spurs. Días despois Nowitzki dos Mavericks. O último, fai quince días, o gran Ray Allen con este triplazo para os Celtics. De ter gañado estes tres partidos, os Sixers estarían de quintos de Conferencia por diante dos Heat e a dous partidos dos Hawks. 

19/02/2009

RAFER AOS MAGIC E MILLER AOS BULLS

Interesantes movementos na última xornada habilitada para os traspasos na NBA. Rafer Alston base titular dos Rockets, abandona Texas para suplir ao mancado Jameer Nelson en Orlando ata o remate da temporada. Para sustituír a Rafer, chega a Houston Kyle Lowry procedente de Memphis Grizzlies. Os de Florida precisan un base de garantías de cara aos playoffs para paliar a baixa de Nelson, e iso é o que pode ofrecer precisamente o veterano Alston, garantías e experiencia. Houston, en cambio, fai unha aposta de futuro ao facerse cun base prometedor como Lowry que ten marxe de progresión xunto cos veteranos dos Rockets. Outro xogador importante que cambia de equipo é o pívot Brad Miller, que abandona Sacramento para suplir a carencia dun cinco de garantías nos Bulls. Miller intentará darlle a Chicago a consistencia que non foron capaces de achegar Noah ou Aaron Gray. Con Miller chega tamén un home anotador e irregular  como John Salmons. Os Bulls, en cambio desfanse de Nocioni e de Drew Gooden, que van para a capital de California, e de Larry Hughes, quen vai a New York, a cambio de Jerome James, mancado ata o remate de temporada, e de Tim Thomas, un home alto de bo tiro exterior. Interesante e penso que acertada a aposta dos Bulls de aquí ao remate de temporada

BARÇA-TAU, FINAL ANTICIPADA

A pimeira xornada de cuartos de final da Copa do Rei de baloncesto abríase cun fascinante Real Madrid-Barcelona (75-83). O equipo catalán demostrara ata o de agora máis nivel cos brancos, pero estes viñan de facer unha verdadeira proeza coa súa espectacular remontada ligueira contra o TAU o pasado sábado. Porén, o partido confirmou que o Barça é un equipo hoxe por hoxe máis completo, sobre todo polo poderío do seu xogo interior que onte anulou por  a Felipe Reyes, único home alto do Madrid capaz de contribuír notabelmente na faceta anotadora. No equipo blaugrana, en cambio, Fran Vázquez, Andersen e o propio Santiago son garantía de puntos baixo os aros, por non falar do turco Ersan Ilyasova, un xogador cada vez máis a gusto na competición española, que tanto contribúe ao rebote ofensivo e defensivo e en xeral ao xogo interior do seu equipo, como é capaz de destrozar ao equipo contrario dende a liña de tres puntos. Canto ao particular duelo Navarro-Bullock, os dous xogadores estiveron ao nível que deles se esixe pero un punto por riba o barcelonista que fixo un partido sinxelamente espectacular con 29 puntos e 8 asistencias. O Madrid non atopou desta volta ningún antídoto para anular o seu xogo, máis cómodo que nunca. O Madrid apelou á heroica pero esa é unha vía que non sempre acaba funcionando. Joan Plaza está a pagar esta temporada a escasa amplitude do seu banco e o baixo rendemento de xogadores outrora importantes como Hervelle, Mumbrú, Massey, Hosley , ou o propio Bullock. Canto a outra semifinal, cumpriuse o prognóstico e o TAU venceulle ao Pamesa Valencia, inda que con certos apuros (82-66) pois os vitorianos non abriron fenda no marcador ata o último cuarto. Con todo, os de Ivanovic teñen recursos abondos para solucionar calquera problema. Onte, por exemplo, non destacou demasiado Igor Rakocevic na faceta anotadora, pero Splitter si estivo ao seu máximo nivel e, do mesmo xeito, apareceron Pete Mickeal e o grande e incombustíbel capitán Sergi Vidal, para marcar a xerarquía dun equipo sobre outro. Non puido Spahija vingarse do seu ex-equipo dando un sorpresón polo que o Baskonia pasa as semifinais onde se enfrontará ao Barça, no que constitúe unha final anticipada pois falamos, sen dúbida, dos dous mellores equipos do baloncesto español. 

"GRANDE BANHO DE BOLA" DO BRAGA

O Braga deu unha exhibición contra o Standard de Liège onte no seu estadio. A vitoria pr 3-0 deixa encarreirada a eliminatoria e demostra o potencial ofensivo do equipo que dirige Jorge de Jesus. Adiantáronse os bracarenses cun excelente gol do avanzado Rentería, colombiano de 23 anos cedido polo Porto. O segundo marcouno no 26´Leone de forte disparo dende o centro da área mentres que o terceiro foi unha demostración do brillante xogo que é capaz de realizar o equipo portugués. Luis Aguiar remataba un fermoso contraataque na que participaron varios xogadores ao primeiro toque. O treinador do Standard, o húngaro Laszlo Boloni, recoñeceu que o partido foi un "grande banho de bola" dos portugueses.
Outro partido interesante era o que disputaban no Villa Park de Birmingham dous equipos de enorme potencial: o Aston Villa contra o CSKA de Moscova. Os rusos rabuñaron un gorentoso empate (1-1) de cara ao partido de volta. Adiantou aos rusos no primeiro tempo o brasileiro Vágner Love, despois dunha gran gallopada dende o centro do campo. Empatou no segundo tempo, coa equipa envorcada na área rusa, o noruegués John Carew, que volve ao equipo despois dunha longa lesión.
En Alemaña, o Werder Bremen conseguiu empatar a cinco minutos do final por medio do brasileiro Diego, despois de remar contra maré polo gol no primeiro tempo do eterno Inzaghi.

18/02/2009

MAL PARTIDO, PÉSIMO RESULTADO

O Dépor volveu saír escaldado dun campo escandinavo, como xa é tradición, pero desta volta cun resultado especialmente duro (3-0), que non resultará en absoluto doado de remontar en Riazor. O Aalborg tampouco necesitou facer o partido da súa vida. No primeiro tempo, fóra dun susto no primeiro minuto, pouco máis ameazou a porta de Aranzubia, agás nunha xogada a balón parado que resolveu acertadamente o porteiro rioxano. O Dépor, en cambio, dominaba o balón e achegábase con relativa frecuencia á area contraria, inda que Valerón non atopaba socio dada a incapacidade de Mista para o desmarque e a tendencia de Pablo Álvarez a illarse do mundo e facer a guerra pola súa conta. Posíbelmente o Dépor fose mellor aos puntos na primeira metade inda que non contabilizase ningunha ocasión clara de gol. Na segunda, logo dun arreón inicial do Aalborg, o Dépor parecía que quería continuar a dominar o xogo, pero nunha contra, os dinamarqueses marcaron o primeiro, despois dun erro defensivo do habitualmente fiábel Piscu. O das Pontes non soubo medir un balón cruzado de banda a banda ao que lle perdeu a pista, e permitiu que o dinamarqués Due controlara facilmente a bola, recortara e marcara. Foi despois do gol do Aalborg cando chegaron os mellores minutos do Dépor, salientando unha chilena de Mista ao traveseiro. Pero todo o esforzo durou o que tardou en chegar o segundo gol de Due, despois dun novo erro defensivo ao marcar o fóra de xogo. Con dous en contra, ao Dépor custoulle atopar os restos para ir cara arriba e a guinda acabouna poñendo o ínclito Ivanov, quen xa participara activamente fai uns anos na debacle do Dépor en Marsella na Intertoto, que nunha xogada intrascendente a dous minutos do final quixo pitar un penalti que acabou por converterse no 3-0, unha dura lousa para un equipo que empezaba a soñar cunha actuación fermosa na UEFA este ano, e que para iso, agora terá que apelar enésima noite máxica en Riazor. Alí estaremos

EMPATE DUN VALENCIA CONFORMISTA

Os dezaseisavos da UEFA abrían o pano cun clásico: Dinamo de Kiev-Valencia (1-1) no Lobanovsky Dinamo Stadium da capital de Ucrania, que foi un partido igualado e pouco brillante no que os españois aproveitaron un gol aos nove minutos de partido grazas a unha combinación de calidade con pase de Del Horno ás costas dos defensas, internada de Mata e pase da morte que culminou Silva. Os ucraínos apenas demostraron potencial. No primeiro tempo optaron por presionar moi arriba ao Valencia e roubarlles o balón. Intentaban entrar na área polo centro procurando sobre todo o seu xogador máis perigoso, Milevskyy. E nalgunha ocasión estiveron a piques de sacar froito, por mor de erros defensivos dos centrais valencianistas, sobre todo dun desafortunado Marchena. O Valencia, alén do gol, non volveu achegarse con verdadeiro perigo á area contraria nos primeiros corenta e cinco minutos pero soubo administrar correctamente a vantaxe no marcador. No segundo tempo, o técnico ruso do Dinamo Yuri Semin, decidiu darlle entrada no campo ao romanés Cernat en lugar do seu compatriota Ghioane e o equipo mellorou notablemente na elaboración do xogo de ataque. O gol do empate chegou nunha xogada a balón parado mal defendida polos valencianistas que aproveitou Milevsky. Este xogador, porén, aos dous minutos de meter o gol, cometeu unha estupidez e foi expulsado por segundo cartón amarelo, o segundo por simular malamente unha falta do contrario. Con inferioridade, o Dinamo foi recuando e o Valencia deu un tímido paso cara adiante, dándolle entrada no campo a Villa e Joaquín. Nun par de pases ao primeiro toque de Villa aos seus compañeiros, especialmente un a Morientes, estiveron a piques de adiantarse os de Emery. O técnico basco quedou frío, máis do que xa estaba, cando comprobou que César, ao deter un disparo de Cernat que foi a ocasión máis perigosa dos ucraínos no segundo tempo, escordaba o xeonllo. O porteiro daba mostras claras de dor pero decidiu aguantar no campo os dez minutos que restaban co risco conseguinte. Con todo, non tivo que intervir máis.
O Valencia afronta a volta en Mestalla cun bo resultado, inda que o club non está no momento de maior confianza con graves problemas económicos e un baixón no rendemento deportivo -só dúas vitorias en 2009-. César marchou do campo con caras de preocupación e a súa posíbel baixa para as próximas semanas sería un contratempo para o Valencia, dado o pouco entusiasmo que parecen ter afección, compañeiros e técnico polo novo canteirán Guaita. Esperemos que os seus medos se confirmen o domingo en Riazor.

GLUBS! FALEI EU DOS SUNS?

Despois de falar onte sobre a actualidade máis recente dos Suns, marcada pola destitución de Terry Porter, bato esta mañá coa sorpresa de ver os resultados da última madrugada na NBA. O general manager, Steve Kerr, dicía que o principal motivo do cesamento tiña que ver coa necesidade de recuperar o estilo brillante e vistoso dos Suns de D´Antoni, marcados polo run & gun e as altas anotacións. Para iso poñian o equipo baixo a batuta de Alvin Gentry, man dereita moitos anos do actual técnico dos Knicks. Pois ben, onte os de Phoenix gañáronlle por 100-140 aos Clippers. Tremendo subidón! Ao descanso xa levaban 81 puntos. D´Antoni is back. Ou non. Unha das características típicas de DÁntoni era o chamado Con oito chega; isto é, rotacións de apenas oito xogadores, como os actuais Knicks. Pois ben, onte Gentry utilizou 11 xogadores, dez deles participaron máis de vinte minutos, e o que máis minutos dispuxo, o brasileiro Barbosa, que substituía ao sancionado Jefferson no quinteto titular, apenas estivo 27 minutos en cancha, sendo por certo o máximo anotador do equipo. Se os Suns procuraban revulsivos, polo momento parece que o conseguiron. En todo caso, permanecerei un pouco escéptico a ver que acontece nos próximos días.
Do resto da xornada destacar o triple doble de Gasol e a decepcionante derrota dos meus Sixers en Indiana.

A DESTITUCIÓN DE KRESIC

Definitivamente hai cousas que non entendo. O Numancia destituíu a Sergio Kresic, despois de que o equipo soriano se metera en postos de descenso ao sumar cinco derrotas consecutivas, inda que catro delas fosen no coñecido tourmalet polo que teñen que pasar todos os equipos esta temporada. É certo que é lexítimo que todos os clubes, aínda que sexan tan modestos como o Numancia,aspiren cando menos conservar a categoría. Pero fala moi mal dunha directiva demostrar tan pouca sensibilidade cara o traballo dun empregado como neste caso Kresic, que demostrou sobradamente ao longo da temporada a súa capacidade para administrar do mellor e máis digno xeito posíbel un plantel máis que modesto, mesmo comparado con algúns equipos da Segunda División. O tempo dará e quitará razóns, pero este tipo de decisións, polo xeral, poucas veces foron acertadas.

17/02/2009

DEMASIADAS NUBES SOBRE OS SUNS

Terry Porter vén de ser cesado como adestrador dos Phoenix Suns, o día despois de que a cidade de Arizona fora escenario da fin de semana das estrelas con Shaquille O´Neal de protagonista. Fai quince días falabamos de que na Conferencia Oeste había nove equipos disputando oito prazas de play off e advertiamos de que a nosa aposta sería precisamente que os Suns quedarían fóra. Daquela os de Phoenix aínda ocupaban o oitavo posto, pero a estas alturas xa foron superados por uns Utah Jazz cada vez máis fiables. Segundo o general manager dos Suns, Steve Kerr, o obxectivo da destitución é recuperar o estilo de xogo rápido e alegre dos anos de Mike D´Antoni. Para iso apóstase de xeito interino polo adestrador asistente Alvin Gentry, quen estivo ao carón do actual adestrador dos Knicks na súa xeira cos Suns, e que conta ademais coa simpatía dos xogadores. Só o tempo dirá se a decisión é a axeitada, como ben dixo Amare Stoudemire. Está claro que os Suns teñen un plantel excepcional, se ben cunha media de idade especialmente elevada, e outros problemas como os constantes rumores sobre unha saída inminente do propio Stoudemire para rebaixar carga salarial, ou os problemas extradeportivos da última incorporación, Jason Richardson, quen foi onte pillado por conducir a 145 kms. por hora nun treito limitado a 56, e co seu fillo de tres anos na parte de atrás sen o asento regulamentario. Honestamente, sigo apostando porque serán os Suns os que queden fóra dos playoff.

16/02/2009

O PARTIDO DAS ESTRELAS

O partido das Estrelas apenas deixou marxe para o espectáculo. Parecía que todos estaban con ánimo de tomalo demasiado en serio. Ata que apareceu Shaquille e comezou a festa. Un momento mítico a xogada con Chris Paul na que decidiron intercambiar os seus roles. Miguel Piñeiro ofrece no seu blog unha extraordinaria semblanza do personaxe. Os do Oeste metéronlles unha boa pana  (146-119) aos do Leste e o MVP compartido para Shaq e Kobe, ademais da súa enorme carga de morbo, fai xustiza con dous xogadores xeniais, cada un a súa maneira, que acumulan ademais un palmarés espectacular. A Kobe quédalle unha espiña no seu particular duelo con Shaq: gañar un anel sen el. Talvez sexa esta temporada, a carón de Gasol, cando se desquite. 

O LEIXOES REIVINDÍCASE EN BRAGA

Esta fin de semana o partido máis destacado da xornada en Portugal era o que enfrontaba aos dous equipos revelación do campionato no estádio AXA de Braga: o Sporting de Braga contra o Leixões de Matosinhos. Dous equipos de filosofías contrapostas: vistoso e ofensivo o Sporting dirixido por Jorge Jesus; conservador e pragmático o Leixões de Jose Mota. O partido respondeu ao roteiro previsto. O Braga levou a iniciativa en todo momento pero acabou perdendo, pódese dicir, na única oportunidade da que dispuxo o equipo contrario e grazas ao espectacular remate na súa propia porta do sportinguista Frechaut. Con este resultado o Leixões afiánzase no terceiro posto na táboa empatado a puntos (34)  co Sporting de Lisboa, que gañou a domicilio no campo dos Belenenses (1-2) con goles de Helder Postiga e Vukcevic. Os dous de arriba gañaron con algúns apuros. O Porto (38 puntos) impúxose  por 3-1 no seu campo ao pechacancelas, o Rio Ave de Vila do Conde, con dous goles nos últimos cinco minutos do arxentino Farías. O Benfica (37) tamén xogaba no seu estadio da Luz e gañoulle por 3-2 ao modesto Paços de Ferreira. Despois da derrota do Sporting de Braga, ao quinto posto da taboa accede o Nacional de Madeira (32), que gañou facilmente (3-0) ao Vitória de Guimaraes con dous goles de Nené, que é o pichichi da Liga. Chama a atención a excelente campaña dos dous equipos de Funchal na máxima categoría, pois se o Nacional é quinto, o Marítimo (29) ocupa a sétima posición na táboa. A vindeira fin de semana especial atención ao clásico lisboeta: Sporting- Benfica en Alvalade.

O BARÇA PINCHA, O MADRID NON

O Madrid sumou a súa oitava vitoria consecutiva en Liga nunha xornada na que por fin o Barcelona cedeu puntos despois do seu sufrido empate contra o Betis no Ruíz de Lopera (2-2). O Madrid, malia estar sen Robben, fixo un dos mellores partidos da temporada e gañou con facilidade (4-0) a un fraco Sporting de Xixón. Destacábel o partido de Lassana Diarra, que vai ser un home moi importante no futuro do Real Madrid. É un portento físico e é moi intelixente tacticamente. Ademais, é un home especialmente polivalente que xa probou a xogar, sempre con acerto, nas posicións máis variadas: mediocentro, lateral, interior, etc... nos seus anteriores equipos: Arsenal, Chelsea, Portsmouth. Un xogador deses polos que devece calquera adestrador inda que para o resto dos afeccionados poidan pasar máis desapercibidos. O caso é que é unha peciña máis para sumar nun Real Madrid máis serio cada día e que a base de vitorias fixo esquecer case por completo a crise institucional de fai un mes. A xornada, polo demais, demostrou como o Sevilla é posíbelmente o terceiro mellor equipo da Liga, inda que lle coste moito gañar os partidos, como onte en Montjuic, e que o Valencia e o Vila Real están experimentando un baixón considerábel, sobre todo os castellonencos, cunha crise de xogo e resultado grave nos últimos partidos.  Canto ao Atlético, fiel ao seu espírito, despois da euforia da semana pasada volveu ao gatillazo: empate na casa ante o Xetafe. Pouco a pouco os colchoneiros decataranse de que para solucionar certas cousas a solucion non pasa necesariamente por desfacerse dun técnico como Aguirre.