11/02/2009
HIDDINK
Tócalle a Guus Hiddink tentar salvar ao Chelsea do que algúns consideramos un declive inevitable. É Hiddink un grande adestrador, carismático e capaz de xestionar á perfección grupos complexos como o equipo londinense. Porén, independentemente dos resultados deportivos que acade o holandés de aquí ao final da temporada, o verdadeiro traballo terá que comezar ao remate desta, sendo quen de coller a tixola polo mango, e impoñerse aos egos de xogadores e presidente para compoñer un plantel acorde co seu rico ideario futbolístico. Con todo, Guus Hiddink demostrou ata agora máis man para xestionar seleccións nacionais que clubes que adestran a diario e compiten cada catro días. Se é quen de superar a proba, terá demostrado, abofé, que é un grande.
A RENOVACIÓN DE LOTINA
Lotina renovará co Dépor. É unha nova feliz. O de Meñaka está chamado a marcar unha era no Deportivo equiparábel ás de Arsenio ou Irureta. Fai xa un par de temporadas que o Dépor tocou fondo no económico, institucional e deportivo e aínda que a situación segue sendo complicada, a renovación de Lotina axuda a enxergar a luz ao final do túnel. A Lendoiro se lle poderán imputar moitas cousas, algunhas boas e outras malas, pero hai unha que non se lle pode negar: é, con diferencia, o presidente que máis sabe de fútbol, en todos os sentidos, do fútbol español. E dentro desa sabedoría, hai que salientar a súa intelixencia á hora de saber delegar a xestión deportiva e do vestiario a técnicos serios, traballadores e honestos, mesmo en situacións complicadas como a que vivíu Lotina ao final da primeira volta da pasada temporada, co equipo en postos de descenso. Do mesmo xeito, coido que despois de moitos anos de ver bo fútbol en Riazor, a afección do Deportivo é tamén a día de hoxe, unha das máis sabias do fútbol español, capaz de apreciar o traballo ben feito alén das coxunturas ou dos resultados. O deportivismo é unha masa social numerosa e futboleira, entregada e pouco fanática, esixente mais tamén paciente, por moito que amole a algúns medios de comunicación salvapatrias que fixeron do acoso e derrubamento do presidente Lendoiro a súa razón de ser, aínda que para iso tampouco lles importe levar o Dépor por diante.
09/02/2009
A CLASE DE RAY ALLEN
Posíbelmente nunca baterá a Reggie Miller como o mellor triplista da historia, mesmo hai quen di que tampouco é o tirador máis elegante, que para iso estivo Allan Houston. Pero para min, ver xogar os Celtics é ter a esperanza de que nalgunha ocasión o balón lle chegará ao tipo coa camisola co número 20, e que cunha clase que apenas se ve nas canchas de baloncesto, cravará unha triple perfecta, cando non penetrará levemente deixando unha sutil bandexa. Os xogadores como Ray Allen son únicos, talvez non sexan os mellores, pero teñen tanta clase, ese valor que tampouco é sinxelo de definir, que fai que o tempo pare un intre cando entran en xogo. Allen é un veterano e non lle quedarán demasiados anos en activo, pero é unha sorte que poderemos gozar dos anos que lle resten nun equipo campión.
Marcadores:
Allan Houston,
Baloncesto,
Celtics,
NBA,
Ray Allen,
Reggie Miller
OS DOUS RECORTES DE RYAN GIGGS
O Manchester United sufríu para impoñerse onte (0-1) en Upton Park a un West Ham moi recio e que non concedeu apenas espazos en defensa. Coas liñas moi xuntas e cun sistema de axudas moi traballado para pechar o acceso polas bandas o equipo do "irmandiño" Gianfranco Zola, anulou bastante ben o potencial ofensivo do United, nomeadamente a Cristiano Ronaldo, de presenza testimonial no partido. Os de Londres, porén, non tiveron demasiada presenza na área contraria, confiando toda a súa sorte ao momento e calidade de Carlton Cole, ou a algún rexeite na poboada frontal da área. En fin, foi un partido que parecía condenado ao empate sen goles ata que apareceu un clásico, o galés Ryan Giggs, que inventou un gol xenial. Recolleu o balón na súa banda, recortou cara adentro un primeiro defensa, na aresta da área recortou un segundo, e xa na área, mandou coa súa perna dereita un furolo raso e recto cara o pao contrario que se fixo sitio entre as pernas dunha mesta rede de atacantes e defensores e que non puio atallar o porteiro londinense. Un golazo que afianza ao United no liderato. E Van der Sar, entrementres, vai aumentando o seu record. A anécdota, a saída ao campo doutro clásico de carreira un chisco máis irregular que Ryan Giggs: Diego Tristán.
Marcadores:
Cristiano Ronaldo,
Diego Tristán,
Fútbol,
Manchester United,
Premier,
Ryan Giggs,
Van der Sar,
West Ham,
Zola
O PORTO MANTÉN O LIDERADO
Benfica e Porto disputábanse onte o liderado da Liga portuguesa no Estadio do Dragão. Os de Quique Sánchez Flores adiantáronse con gol do centrocampista francés de orixe alxeriana Yebda á media hora de partido, nunha cabezada após unha xogada a balón parado. O propio Yebda, a falta de vinte minutos do final cometeu un penalti moi discutido sobre o arxentino Lisandro López. O seu compatriota Lucho González, un mito xa para a torcida portuense, transformou o penal deixando as táboas no marcador, que lle permiten aos de Jesualdo Ferreira conservar o liderado cun punto de vantaxe sobre os benfiquistas. Segundo o xornal O Jogo, o home máis destacado do partido foi o propio Yebda: Pode estar mais loiro mais não é burro nenhum. Quen non aproveitou o empate no Dragão foi o Sporting de Lisboa, que perdeu en Alvalade (2-3) contra un brillante Sporting de Braga. O Sporting de Lisboa foi apeado do terceiro posto da táboa polo Leixões de Matosinhos, que venceu con comodidade no seu campo (2-0) ao Trofense. No quinto e no sexto posto sitúanse, igualados a puntos, o Sporting Braga e o Marítimo de Funchal, que venceu por 0-4 ao Naval en Figueira da Foz.
Marcadores:
Benfica,
Fútbol,
Jesualdo Ferreira,
Liga Portuguesa,
Porto,
Quique Sánchez Flores
08/02/2009
UN EMPATE QUE SABE A POUCO
O Dépor empatou (1-1) un partido no que lle faltou a ambición suficiente para levar os tres puntos ante un equipo inferior. O Dépor comezou ben o partido, ben disposto no campo, recuperando moitos balóns, especialmente Antonio Tomás, e acadando unha transición rápida cara a porta contraria. A mágoa foi que o último elo da cadea, Riki, estivera hoxe especialmente desacertado e egoísta. Valerón estivo menos fino que en partidos anteriores, pero inda así con tres toques de balón xerou tres ocasións para o equipo. O Mallorca, entrementres, apenas chegou nun par de ocasións illadas que resolveu un seguro Aranzubia. No segundo tempo, en cambio, mudou o panorama. O Mallorca meteulle unha velocidade máis e o Dépor descompúxose, deixando que o equipo contrario chegara con moita máis facilidade. O traballo de recuperación de De Guzmán e Antonio Tomás desapareceu e xa non houbo xeito durante case 20 minutos de cruzar a medular. Así chegou finalmente o gol de Aduriz, a partir dun centro dende a esquerda de Corrales e ante a pasividade da defensa deportivista. A situación non mellorou tras o gol, pero si tras os cambios. Juan Rodríguez entrou por De Guzmán e Lassad por un fundido Valerón. O equipo apostou daquela por un fútbol máis directo, con dous puntas, e precisamente nun balon a Lassad chegou o penalti a favor. Verdú anotou, o partido igualábase e aos dous minutos púñase de cara coa expulsión de Corrales. Con todo, nos dez últimos minutos de partido, con superioridade numérica, ao equipo faltoulle o empuxe necesario para acadar a vitoria e os tres puntos.
O CELTA É UN ESTADO DE ÁNIMO
Un Celta moi triste perdeu en Balaídos co Castelló (1-2) nun partido no que os levantinos apenas tiveron que manter a disciplina táctica e aproveitar nun par de ocasións a terca inseguridade defensiva do Celta, incapaz de interpretar correctamente o fóra de xogo. Os vigueses, que fai tres semanas víanse coa posibilidade de seren os líderes da Segunda división, a día de hoxe son un equipo depresivo e incapaz que volve mirar máis con preocupación cara abaixo que con ilusión cara arriba. Un problema que, se cadra, só comezará a solucionarse cando o celtismo entenda que sen consistencia defensiva non hai proxecto ilusionante que valla, e moito menos nunha categoría como a segunda división. Entrementres, só haberá euforia nas vitorias e depresión nas derrotas, pero nunca verdadeira confianza no xogo e nas posibilidades do equipo. Entrementres, o Celta non será realmente un equipo, apenas un estado de ánimo
AS SETE SEGUIDAS DO MADRID
O Real Madrid gañoulle onte por 1-0 ao Racing de Santander e acadou deste xeito a súa sétima vitoria consecutiva no campionato ligueiro. É este un dato importante que fala bastante ben do traballo que está a facer Juande Ramos no equipo branco dende a súa chegada. A maioría destas sete vitorias foron pola mínima, e conseguidas con bastantes apuros, na maior parte dos casos cun fútbol que non alcanzou en absoluto a excelencia. Pero estas vitorias manteñen a frote o equipo nun momento de grave crise institucional. Ao meu entender, esta cifra de sete vitorias consecutivas fala do incríbel carácter e fortaleza psíquica dun equipo que leva tres anos seguidos demostrando unha máxima competitividade nas circunstancias máis adversas. Un equipo constantemente comparado cos demais, cando non co seu propio pasado, cuestionado sempre apesar dos resultados. O caso é que este Madrid non vende tanto fogos de artificio como un compromiso recio cimentado no vestiario que fai agromar o espírito gañador nos momentos máis difíciles. E aí é onde eu cheiro o traballo extraordinario de Fabio Capello, home deostado polos principais grupos mediáticos do madridismo, pero que soubo abstraer aos xogadores do abafante ambiente do exterior, e convencelos na intimidade do vestiario da súa calidade e das súas posibilidades como equipo. Así lle gañou o Madrid as dúas últimas ligas ao xenial Barça de Rijkaard, con vitorias agónicas pero vitorias ao fin e ao cabo. O Madrid, a día de hoxe, ten os alicerces para crear un grande equipo de cara o futuro. Porén, o madridismo vive instalado na insatisfacción permanente, así que non tardarán en chegar os mesías que mercan fume a golpe de talonario para satisfacción duns seareiros que viven máis pendentes do que din determinados personaxes na prensa ou na radio, que do que acontece realmente no campo de fútbol.
Marcadores:
Barcelona,
Fabio Capello,
Frank Rijkaard,
Fútbol,
Juande Ramos,
Racing de Santander,
Real Madrid
O DECLIVE DO CHELSEA
O Chelsea empatou (0-0) na casa contra o modesto Hull City nun partido no que dominou lixeiramente pero no que mesmo puido saír derrotado se os tigers aproveitan algunha das ocasións claras das que dispuxeron, a maioría delas por mor dos erros defensivos do brasileiro Álex. Con este empate, o Chelsea perde o tren do campionato. O Manchester United e o Liverpool parecen inalcanzábeis e mesmo o sólido Aston Villa comeza a pór terra de por medio. Os blues deberán xa que logo aferrarse ao cuarto posto que dá acceso a champions, onde só parecen ser unha ameaza o Arsenal, outro equipo en horas baixas, e un emerxente Everton, que vén de reforzarse cun xogador importante para suplir as súas carencias ofensivas: o brasileiro Jo Alves. O caso é que dá a impresión de que o Chelsea é un equipo que comezou a experimentar o seu declive. Xa non é o Chelsea aquel equipo absolutamente temíbel dos tempos de José Mourinho que ofreceu eliminatorias vibrantes na Champions contra o Barça e que gañou dúas premiers seguidas. Aquel equipo era fascinante, dunha forza, empuxe e pegada poucas veces vistas no fútbol mundial, e cun Robben xenial, por certo, que parece que ao holandés algúns acaban de descubrilo aínda agora. Un primeiro momento de crise no xogo do Chelsea deuse coa chegada de Shevchenko e Ballack, dous xogadores especialmente caros e lonxe do seu mellor momento, que obrigaron a modificar o esquema de xogo do equipo. Mourinho conseguiu manter a competitividade do equipo, en detrimento da pegada, que se reducía en boa medida ao talento e loita de Drogba. Porén, Mourinho marchou no que parecía ser un primeiro síntoma de desartellamento dun equipo senlleiro. Avram Grant soubo manter a grandeza do club a partir dunha idea moi sinxela, non desfacer o que Mourinho construíra. Deste xeito o Chelsea loitou a pasada campaña pola Premier e xogou a final de Champions por vez primeira. Pero esta tempada preocupantes fendas comezan a abrirse paso na fortaleza. O equipo antes zoupón é agora máis ben un equipo pesado ao que lle costa máis que antes elaborar o xogo; a baixa de Drogba demostrou que non é bo ter excesiva dependencia dun só xogador, a chegada dun grandísimo xogador coma Deco máis que incrementar as posibilidades do plantel, iniciou unha batalla de egos de pésimas consecuencias. Por outro lado, parece que Abramovich xa non está tan disposto a destrozar o mercado como facía antes. Ten competidores voraces, e el ten xa a experiencia abonda como para saber que os títulos, e os bos equipos, non se conseguen só a golpe de billeteira.
Marcadores:
Álex,
Arsenal,
Aston Villa,
Avram Grant,
Ballack,
Chelsea,
Deco,
Drogba,
Everton,
Fútbol,
Hull City,
Jô Alves,
José Mourinho,
Liverpool,
Manchester United,
Premier,
Shevchenko
06/02/2009
A LESIÓN DE ELTON BRAND
Elton Brand perderase por lesión o resto de temporada. Xa comentei nalgún artigo o chamado Dilema Elton Brand; isto é, que parece que os Sixers xogaban moito mellor sen el que con el. Agora non queda outra que acabar a temporada sen el. Esperemos que se confirme aquela percepción.
O CURIOSO CASO DE DIKEMBE MUTOMBO
Dikembe Mutombo, o pívot de 2,18 nado en Kinshasha en 1966, elixido catro veces mellor xogador defensivo da NBA, renovou este verán pasado por dúas temporadas máis cos Houston Rockets. Deste xeito, cara o remate do seu contrato será profesional coa idade de 44 anos. O seu caso é moi curioso pero paréceme un acerto. O ano pasado a súa achega foi moi importante para suplir a prolongada baixa de Yao Ming pola súa lesión no pé. Xogou 39 partidos de Liga Regular cun promedio de 15 minutos por partido. Esta temporada, porén, con Yao Ming totalmente recuperado, apenas xogou 11 minutos repartidos en dous partidos. Con todo, Dikembe Mutombo segue sendo unha peza importante para os Rockets se temos en conta a súa presenza constante nos adestramentos e no vestiario. É un perfecto personal trainer para Yao Ming e unha autoridade moral para o conxunto. a súa presenza impide que se erixan outros líderes no vestiario de egos máis díscolos -McGrady ou Artest- polo que o seu liderado terá que limitarse á cancha. Por outra banda, estou convencido que se por determinadas razóns ten que volver a disputar tantos minutos como a temporada pasada, a súa relevancia no xogo non será de balde.
Marcadores:
Baloncesto,
Dikembe Mutombo,
NBA,
Rockets,
Ron Artest,
Tracy McGrady,
Yao Ming
O BARÇA PRACTICAMENTE NA FINAL
O Barça está practicamente clasificado para a final da Copa do Rei, despois de gañarlle con comodidade ao Mallorca no Camp Nou (2-0). O feito de non ter marcado fóra da casa réstalle moitísimas opcións de remontada a un Mallorca correcto per sen ningunha pegada, elemento que o condena a ser o pechacancelas do campionato, e factor que deberá aproveitar o Dépor o vindeiro domingo. O Barça xogou cun equipo que mesturaba titulares habituais con suplentes e abondoulle para dominar claramente o xogo. Iniesta é un xogador simplemente espectacular, que sempre toma as decisións máis acaídas, o cal é letal tendo en conta a súa inmensa calidade e a súa capacidade para conducir o balón pegado ao pé. Hleb apareceu onte con brillantez. É un xogador que polas súas características non me parece capaz de destacar nun equipo con xogadores máis completos que el, pero a súa capacidade para xogar ao primeiro toque, fan del un reserva moi interesante para Guardiola. En canto Messi, dicir que si, que penso que non hai no mundo mellor xogador ca el e que posibelmente estea chamado a ser considerado o mellor futbolista dende Diego Armando Maradona. Francamente, parece imposíbel trabarlle a este Barcelona. Será capaz do triplete?
Assinar:
Postagens (Atom)
