
Tres prórrogas máis e os Bulls forzan o sétimo. Bulls e Celtics continúan aboados á loucura. O sexto partido decidiuse a prol dos de Chicago (127-128) despois de tres prórrogas de máxima intensidade. Dúas xogadas foron fundamentais para a vitoria dos de Del Negro. Joachim Noah, que está a facer unha serie excepcional, roubou un balón e correu toda a cancha para machacar ante a perplexidade e ledicia do United Center. Na última bola, Derrick Rose taponou un lanzamento de Rondo e deulle a vitoria ao seu equipo. Cómpre salientar o grandísimo partido de Ray Allen, que anotou nada menos que 51 puntos, con 9 triples. Nos Bulls, partidazo de Brad Miller, Derick Rose e John Salmons, máximo anotador con 35 puntos. O sétimo partido, no Garden, antóllase espectacular. (Xogador do partido: John Salmons)
Un extraordinario Dwyane Wade abondou para que os Heat superasen (72-98)comodamente aos Hawks e forzasen o sétimo partido desta igualada serie. Wade botou o equipo ás súas costas e fixo 41 puntos. Xunto cun gran partido do rookie Michael Beasley (22 puntos e 15 rebotes), foi suficiente para lle gañar a uns pobres Hawks nos que só Mike Bibby estivo á altura. (Xogador do partido: Dwyane Wade)
Os Rockets a semifinais: Os Blazers dixéronlle adeus á temporada. Despois dunha esperanzadora Liga Regular, esta serie de playoffs demostrou a inexperiencia dos de Oregon. No sexto partido (76-92) deron unha imaxe moi pobre, dependendo en exceso de Brandon Roy e Lamarcus Aldridge. Aos Rockets abondoulles cun bo partido de Yao Ming (17 puntos e 10 rebotes) e de Ron Artest (27 puntos). Os de Adelman chegan a semifinais por primeira vez dende 1997. Honestamente, consideron que serán un óso duro de roer para os Lakers. (Xogador do partido: Yao Ming)
(Foto da web da NBA)
Nenhum comentário:
Postar um comentário